| Tempo Exterior nº 3 segunda época - xullo/decembro 2001 Libros |
| Luís Nieto Pereira (coord.), “Otra perspectiva
de la Cooperación al De-sarrollo del Estado español” Paz con Dignidad, Madrid 2001, 132 páx. |
|
David Reinero González |
|
A cooperación para o desenvolvemento, máis alá de crises humanitarias puntuais, é un deses temas xeralmente ausentes que, por algún estraño motivo, pode pasar a ocupar as portadas dos medios de comunicación durante un certo tempo. Logo, volta a desaparecer –lémbrese a “campaña polo 0’7”-. Nesta obra ofrécese unha posible explicación: a falta de información fiable e a maraña de cifras incoherentes que manexan as distintas administracións. Para intentar achegar un mínimo de orde neste eido da cooperación, que afecta a tantos e tan variados actores, tanto públicos como privados, aparece este libro. A obra estructúrase arredor de cinco capítulos, cada un deles elaborado por un autor distinto. Os dous primeiros ensaios, de Miguel Romero e Carlos Gómez Gil, céntranse na crítica á xestión do Goberno en materia de Axuda Oficial ó Desenvolvemento (AOD); no primeiro caso, a partir dun repaso cronolóxico e no segundo, sobre unha serie de indicadores e cifras. Nos restantes tres bloques, J.L. Vieites analiza a cooperación descentralizada; Carlos Vaquero estudia os conflictos xurdidos pola débeda externa e G. Buster céntrase na política de cooperación da Unión Europea. O libro comeza cunha declaración manifesta da súa combatividade e actitude crítica. Polo que respecta á análise das cifras, os autores destacan a ambigüidade e falta de contextualización das mesmas nos informes oficiais. Así, desde que España entrou a formar parte do club de países donantes, en 1991, a AOD creceu un 5,5 por cento de media cada ano, pero non se indica tan claramente por parte do Goberno que o PNB o fixo nun 6 por cento. Ademais, a porcentaxe máxima de axuda nestes anos foi do 0,28 por cento do PNB en 1999, moi lonxe aínda do 0,7 recomendado pola OCDE. Cualitativamente, España é o país doante con maior nivel de axuda condicionada á adquisición de bens españois, cunha cifra que acada o 73 por cento do total da axuda. En canto á débeda externa, os autores destacan que non existe ningunha política específica por parte do Goberno ó respecto. Carlos Vaquero sinala que a xestión da mesma é esencialmente financeira, realizada polo Ministerio de Economía e sen tratamento bilateral; isto é, seguindo exclusivamente as directrices dos acordos multilaterais. Os autores sitúan a débeda a finais de novembro de 2000 en preto dos dous billóns de pesetas, un 35 por cento máis que en 1995, e o 80 por cento desta subida deberíase ó incremento no uso dos créditos de axuda ligada ou condicionada. Sobre a condonación da débeda, a postura do Goberno é de oposición, argumentando o “risco moral”, termo que analizan e critican profundamente os autores. Segundo este concepto, importado dos seguros automobilísticos, de cancelarse a débeda sen ningún tipo de contrapeso, eses países volverían a desenvolver políticas inadecuadas creando un precedente para futuros endebedamentos. Os autores indican que este argumento é insostible para os países altamente endebedados e afectados por catástrofes. Entre os numerosos exemplos presentados da incoherencia na cooperación española atópase o da axuda polo furacán Mitch. España impulsou unha moratoria de tres anos no pago da débeda –que non unha condonación total- para a continuación volver a outorgar créditos de axuda ligada que xeraron nova débeda e se orientaron ós sectores que máis lles interesan ás empresas exportadoras españolas. En canto á axuda descentralizada, quizais o capítulo de menor densidade conceptual, J.L. Vieites destaca no seu ensaio un importante crecemento ata situarse en 1999 no 14,3 por cento do total da cooperación para o desenvolvemento. Esta axuda, procedente das distintas entidades públicas locais, provinciais e rexionais, conta tamén con características e implicacións políticas propias. En determinados casos, o poder local inflúe ou contrarresta a liña de actuación oficial do Goberno, como poden ser os exemplos das axudas destinadas a Cuba ou ó Sáhara Occidental. País Vasco, Cataluña e Andalucía preséntanse como as comunidades nas que máis se consolidou a cooperación descentralizada. Polo que respecta a Galicia, as cifras manexadas polos autores do libro, obtidas da Federación Española de Municipios e Provincias, situaríana en último lugar, con pouco máis do 10 por cento dos municipios con máis de 5000 habitantes achegando fondos para a cooperación. A Unión Europea tampouco escapa ás críticas vertidas nesta obra. Para G. Buster, a realidade é moi distinta da imaxe que se ofrece, e a UE seguiría representando os intereses coloniais dos estados membros substituíndo o paternalismo neocolonial polo neoliberalismo, o tratamento de preferencia pola apertura de mercados. Desta forma, o Parlamento ofrece a imaxe positiva coas súas declaracións, pero só manexa o 16 por cento da axuda, a que se reflicte nos presupostos. O resto é controlado pola Comisión, “unha das burocracias máis ineficientes que existen”. O libro alterna bloques dunha maior densidade conceptual –con referencias a acordos económicos internacionais e bombardeos de cifras- con apartados máis “políticos”. Sen embargo, e a pesar de que o título centra xa o enfoque da análise no Estado, bótase en falta algún tipo de comentario sobre a labor e a responsabilidade das ONG na xestión da cooperación. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 16/12/2001
|