Tempo Exterior nº 3 segunda época - xullo/decembro 2001Volver ó sumario
Libros
 
Luís Manuel García Mañá, “Couto Mixto. Unha República Esquecida”
Universidade de Vigo, Vigo 2000, páx. 193.


Beatriz Urgal Puentes
 

Co decorrer da historia, acostumamos esquecer moitas inxustizas acaecidas que finalmente acabamos por aceptar. Pode ser consecuencia do entendemento “a grosso modo” que temos da historia, e do convencemento de que os erros pasados, pasados están, así que optamos por seguir adiante, esquecendo todo aquilo que un día foi e que non será máis, e adaptándonos ás novas formas e situacións impostas. Algo así aconteceu coas parroquias de Santiago, Rubiás (pertencentes ó Concello de Randín) e Meaus (do Concello de Baltar), que formaban o Couto Mixto.

O título deste libro non pode ser máis esclarecedor. A perda da memoria, tanto literaria (xa que non se coñecen máis de tres obras de narrativa que falen deste enclave), como histórica (porque se perderon moitas fontes arquivísticas e documentais), foi unha realidade. E falamos en pasado porque hai que devolver a identidade histórica a estes lugares que foron causa de disputas e amizades entre o Reino de Portugal e o Reino de España, xa dende o século XVI. Este interesante libro é o traballo máis actualizado que podemos atopar sobre este tema, que utilizou fontes inéditas ata agora; e tamén coa Asociación de Amigos do Couto Mixto, outra creación de Luís García Mañá.

O Couto Mixto sitúase na fronteira máis antiga de todo o vello continente. Segundo un informe do 12 de maio de 1842, esta “República esquecida” estaba formada por Santiago, Rubiás e Meaus, que pertencían a Ourense, e tamén polo lugar de Pena, que foi destruído. A súa orixe é incerta, pero é sabido que os habitantes do Couto (nunca máis de mil, e nos seus mellores tempos), posuían privilexios persoais, políticos, fiscais, administrativos e económico-comerciais. Estes lugares mixtos formaban o Couto como unha única xurisdicción xeográfica singular, pero seguían a depender das casas do Duque de Bragança e do Conde de Monterrei.

O carácter independente do Couto Mixto fortalecíase co privilexio máis importante de todos: a exención de pagar impostos ós estados, regalo da Casa de Austria, xunto coa exención dos alistamentos e contribucións de guerra. Existen, ademais, diferentes características que lle proporcionan singularidade política ó Couto e lle imprimen un carácter soberano. “O xuíz civil e gobernativo do Couto Mixto” era a máxima autoridade: xefe político, gobernativo, administrativo e xudicial, que velaba pola defensa dos dereitos dos veciños, axudado por colaboradores ou “homes de acordo”. A elección do xuíz por sufraxio “absoluto” era unha demostración de democracia e independencia. Un dos argumentos para a súa extinción eran os inxustos cualificativos lanzados contra estes veciños, o que amosa o descoñecemento que se tiña do dereito histórico do Couto; cualificativos tales como “inmorais”, xa que se daba o caso xeneralizado de endogamia como medida para non perderen os seus privilexios, o que levaba á marxinación.

En 1855, España e Portugal decidiron extinguir o Couto Mixto delimitando a fronteira hispanolusa, o que responde á visión “ríxida ou pechada” que estes países tiñan da súa fronteira, sen ambigüidades. O Tratado de Lisboa de 1864 puxo fin a moitas situacións de constante conflicto que se perderon na memoria histórica, instituíndo o cambio do Couto por outros lugares a Portugal (Soutelinho da Raia, Cambedo e Lama de Arcos). Cómpre reivindicar e dignificar o Couto Mixto.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/12/2001