| Tempo Exterior nº 3 segunda época - xullo/decembro 2001 Resume - Resumen - Abstract |
| Eurorrexión Galicia-Norte de portugal, unha oportunidade e un reto |
|
Emilio Pérez Touriño |
|
O tradicional clima de confianza que caracteriza as relacións entre Galicia e o Norte de Portugal, favorecidas pola proximidade xeográfica e polas grandes afinidades culturais e lingüísticas, permitiu que se consolidasen mecanismos de cooperación transfronteiriza que xeraron unha dinámica de encontros regulares e obtiveron unha gran proxección nos ámbitos social e económico. Os pobos dun e do outro lado do Miño compartímo-la concepción de que Europa non só se constrúe dende os Estados, senón tamén dende as rexións, as culturas e as identidades. Galicia e o Norte de Portugal teñen ante si a oportunidade de influír máis en Europa e de ter unha posición competitiva nun mundo globalizado. A Eurorrexión ten identidade, recursos, posición e capacidade para aproveita-lo futuro. Cremos que cómpre poñer en común todo o que sirva para mellora-la posición da Eurorrexión a nivel interno e fortalecer o seu papel en Europa. A nova economía representa unha oportunidade única para que tanto Galicia como o Norte de Portugal se incorporen definitivamente ó tren do progreso e da riqueza sostida. O desenvolvemento imparable da tecnoloxía da información vai introducir modificacións moi importantes no mercado do traballo e nas relacións sociais. A situación periférica da Eurorrexión, tanto respecto ás capitais dun e doutro país como con relación ós eixes económicos europeos, non impediu que aflorase unha realidade socioeconómica dunha dimensión considerable e xeradora de grandes expectativas. É necesario asumi-lo contexto espacial da Eurorrexión cun marco único para as políticas de planificación territorial, para racionaliza-lo territorio. Todo o territorio do Noroeste peninsular ten que ser competitivo polos seus recursos litorais, polo seu patrimonio ambiental e cultural e polas súas aptitudes productivas; e, ademais, debe beneficiarse da súa situación privilexiada como representante da plataforma europea e das súas vantaxes competitivas no mercado iberoamericano, tanto de fala española como portuguesa. Para entende-la realidade socioeconómica da Eurorrexión é preciso determina-la dualidade existente entrámbolos dous lados do Miño e resaltar, así mesmo, a complementariedade da súa estructura económica e de poboación, variables que influirán decisivamente no futuro deste territorio no camiño cara á converxencia en benestar cos países punteiros da Unión Europea. Galicia e o Norte de Portugal ocupan 51.000 quilómetros cadrados, unha superficie maior cá de países como Bélxica, Holanda, Luxemburgo, Suíza ou Dinamarca. Teñen conxuntamente unha poboación de máis de seis millóns de habitantes, cantidade sensiblemente superior á de Dinamarca, Noruega ou Luxemburgo. A dualidade da Eurorrexión é unha constante á vista da análise dos datos básicos. Así, mentres a Comunidade galega ocupa o sesenta por cento de todo o territorio da Eurorrexión, cincuenta e sete de cada cen persoas viven na Rexión Norte de Portugal. Galicia ten unha das poboacións máis avellentadas de Europa, pero a porcentaxe de mozos no norte portugués está entre os máis altos da Unión Europea. A estructura de poboación da Eurorrexión é case simétrica. A área metropolitana de Porto ten 1,2 millóns de habitantes, cifra idéntica ó eixe litoral galego Vigo-A Coruña-Ferrol. Ademais, hai seis cidades [Guimarães, Braga, Viana do Castelo, Lugo, Ourense e Santiago] entre 80.000 e 160.000 habitantes. Galicia e o Norte de Portugal están unidos por autoestrada, contan con catro aeroportos de bo nivel; un bo servicio de transporte marítimo e unha apreciable oferta de solo industrial. As dúbidas sobre a implantación da alta velocidade ferroviaria entre Porto e Vigo, as deficiencias do trazado actual e a pouca calidade do material usado, constitúen o punto fraco da Eurorrexión en materia de comunicacións. As maiores diferencias neste territorio teñen que ver co mercado de traballo, onde a taxa de actividade é do 63% na Rexión Norte de Portugal fronte ó 49% de Galicia, debido, fundamentalmente, a unha maior integración da poboación feminina portuguesa e ó alto grao de avellentamento da poboación galega. A maior participación laboral da muller ten que ser unha das prioridades das políticas de emprego da Eurorrexión, ata logra-la media da Unión Europea. A taxa media de desemprego en Galicia é do 16,2 por cento e do 4,4 por cento no norte portugués. A Comunidade galega só adianta ó Norte de Portugal no nivel de educación e na cualificación e formación profesional dos traballadores. No que se refire á estructura productiva, ámbalas dúas rexións teñen unha dimensión económica semellante e, en gran medida, complementaria. No norte portugués destaca o peso da industria e en Galicia a actividade agrícola e pesqueira; na industria transformadora volve a haber complementariedade, xa que o sector téxtil, de confección e de calzado representa o 47 por cento do emprego industrial no norte portugués, fronte ó 16 por cento en Galicia; por contra, a alimentación e o transporte representan o 38 por cento do emprego industrial en Galicia fronte ó 10 por cento na Rexión Norte. Galicia ten, no conxunto da Eurorrexión, unha taxa de ocupación moi elevada no sector agro-pesqueiro, xa que representa o 20 por cento da totalidade do emprego galego. Esta cifra contrasta co modesto 8 por cento do Norte de Portugal. Así mesmo, hai que sinalar que a dimensión das explotacións en Galicia e no Norte de Portugal é moi distinta: a media galega é de unha hectárea, fronte ás cinco da Rexión Norte. A agricultura galega ten un carácter eminentemente atlántico, cun forte compoñente de producción láctea, cárnica e madeireira, perfectamente integrada na actividade manufactureira. Este peso da actividade agropecuaria galega constitúe un valor que a Eurorrexión haberá de defender e potenciar perante os gobernos centrais e perante a Unión Europea. A especialización pesqueira e marisqueira de Galicia ten unha grande importancia no contexto europeo. A nosa Comunidade posúe unha gran tradición mariñeira, que se reflicte tanto no emprego como na capacidade empresarial. O setenta e sete por cento do emprego industrial da Eurorrexión concéntrase no norte portugués, especialmente nos sectores téxtil, calzado e industria metálica. Pola contra, Galicia concentra o cincuenta e catro por cento do seu emprego industrial en tres ramas de actividade: alimentación, fabricación de automóbiles e construcción de buques, e, en menor medida, na industria da confección. A industria automobilística é fundamental en Galicia. A multinacional francesa Citroën resulta decisiva na balanza comercial galega e é un estímulo permanente para crear grupos industriais vinculados ó mundo do automóbil. A Eurorrexión ten, en conxunto, tal e como revela un informe do Centro de Investigación Económica e Financeira da Fundación Caixa Galicia, unha balanza de pagos practicamente equilibrada, se ben as dúas rexións presentan estructuras moi diversas no que respecta á súa implicación no comercio internacional. A Rexión Norte de Portugal produce o 65 por cento das exportacións e absorbe un 60 por cento das importacións da Eurorrexión xa que, a pesar de que a dimensión da súa economía é semellante á galega, posúe unha maior apertura ó exterior, debido, en gran medida, a súa gran presencia no mercado brasileiro e nos países de lingua oficial portuguesa, superior á que ten Galicia nos países americanos de lingua española. As exportacións de Galicia ó Norte de Portugal están vinculadas, fundamentalmente, ós productos agrícolas, gandeiros, pesqueiros e productos alimentarios e, nunha ínfima parte (4 por cento), ó material de transportes. Os productos téxtiles, a confección e o calzado representan o 42 por cento das exportacións do Norte de Portugal a Galicia. A especificidade do comercio e o escaso volume interrexional dentro do conxunto do comercio exterior da Eurorrexión abren grandes expectativas e esixen unha acción decidida dos gobernos para favorece-lo seu crecemento. A cooperación transfronteiriza será un elemento clave para penetrar no mercado exterior e, de forma especial, no non comunitario. Pero as administracións, tanto de Galicia como de Portugal, haberán de simplificar e difundi-los respectivos apoios públicos, favorece-la cooperación e concentración empresarial dun e do outro lado do Miño. Segundo as enquisas que manexa a Fundación, as empresas do Norte de Portugal consideran que Galicia é un mercado particularmente atractivo, e no mesmo senso se pronuncian os empresarios galegos respecto ó norte portugués. Esta apreciación valora a proximidade xeográfica e o nivel conseguido polas infraestructuras loxísticas e de transportes entre as dúas zonas, á hora de planifica-lo futuro das empresas do lado de España e do de Portugal. Neste panorama, e para relanza-lo proceso de integración rexional, cremos que cómpre poñer en marcha políticas que permitan reforza-la cohesión, mediante a reorientación da política rexional e do investimento dos fondos europeos. A cohesión, entendida como unha identidade de identidades, é o elemento de maior claridade e forza para identificarnos como europeos; polo tanto, enriquece-lo concepto de cidadanía resulta esencial e decisivo para a cohesión sociocultural e o proceso de integración europeo. Esta ensamblaxe sociocultural obríganos a buscar políticas que permitan estructurar adecuadamente a Eurorrexión, para reforza-los actuais vínculos económicos e sociais e prepararnos para afronta-los novos retos que se derivan da globalización e da ampliación da Unión Europea ó Leste. Neste escenario, a cooperación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal amósase como un elemento decisivo para logra-la converxencia, xa que a Eurorrexión constitúe, no seu conxunto, un espacio socioeconómico de gran proxección. Nos últimos dez anos, os indicadores económicos e sociais da Eurorrexión melloraron substancialmente, pero aínda teñen un longo camiño por diante para alcanza-los niveis medios de benestar dos nosos socios comunitarios. Non obstante, a velocidade de aproximación en termos de benestar á media da UE foi máis lenta en Galicia ca no Norte de Portugal, malia partir dunha situación máis favorable. Os fondos europeos permitíronlle a España reducir en case dez puntos o diferencial de renda per cápita coa media comunitaria nesta última década, pero as disparidades rexionais víronse incrementadas no interior do país. É o caso de Galicia. Segundo o Informe de Cohesión da Comisión Europea deste ano, en 1988 a distancia entre a Comunidade galega, unha das tres rexións españolas máis atrasadas, e as rexións máis ricas era de 35 puntos porcentuais; dez años máis tarde esa distancia ampliouse en dez puntos. Nos últimos cinco anos Galicia creceu menos ca España. Dende o ano 1995, o PIB galego creceu un 17,45 por cento, fronte ó 20,23 por cento que avanzou en España. Desta forma, a Comunidade galega non logrou recortar distancias co resto de España, e o seu PIB per cápita permaneceu estancado nun nivel equivalente ó 80 por cento da media española, segundo datos recentes do Instituto Nacional de Estatística. Segundo datos da Contabilidade Rexional, xa adaptados á nova metodoloxía da UE, a economía galega creceu no ano 2000 un 4,04 por cento fronte ó 4,07 da española. Esta cantidade non é en absoluto insignificante, se se ten en conta que o PIB galego, medido en termos constantes, creceu menos cá media española en cada un dos exercicios entre 1995 e o ano 2000. O proceso de aproximación do Norte de Portugal á media comunitaria resultou máis rápido. No ano 1983 o PIB per cápita desa parte da Eurorrexión era do 49% da media comunitaria. Dez anos despois incrementouse ata o 62 por cento. A distancia entre o Norte de Portugal e a media comunitaria recortouse máis de oito puntos dende o ano 1993. Pero, ¿como lle afectará a globalización e a ampliación da UE ó Leste ó ritmo de converxencia da Eurorrexión coa media comunitaria? O diferencial da Eurorrexión fronte á media comunitaria en campos estratéxicos para a competitividade, como a innovación tecnolóxica e a Sociedade do Coñecemento, viuse incrementado notablemente nos últimos anos, o que nos obriga a abrir un profundo debate sobre as prioridades estratéxicas da Eurorrexión e, tamén, a reclama-la reorientación da política rexional e dos plans de inversión dos fondos comunitarios. O proceso de fortalecemento da Eurorrexión, que se encontra nun momento crucial debido ó recorte das axudas comunitarias, esixe a elaboración dunha estratexia conxunta de Galicia e o Norte de Portugal que non só permita aproveitar ben as actuais oportunidades, senón tamén prepara-lo espacio socioeconómico conxunto para responder ós retos vinculados á globalización. A reivindicación da cohesión como principio horizontal debe ser, ó noso xuízo, o piar sobre o que se debe asenta-la política rexional, que terá que apostar polo desenvolvemento sostible creando ambientes productivos vinculados á Sociedade do Coñecemento. É de capital importancia que o mesmo esforzo que se realiza para completa-lo mapa de infraestructuras se destine, a partir de agora, a logra-la implantación masiva das novas tecnoloxías. O contexto espacial da Eurorrexión debe se-lo marco de políticas de planificación que aposten polo eixo do corredor atlántico, incluíndo o desdobramento do eixo viario litoral Ferrol-Vigo-Porto nun eixo interior Ferrol-Lugo-Ourense-Chaves-Porto, como elemento de vertebración e como futuro motor de desenvolvemento. Que lle dean unha importancia estratéxica ás redes de cidades, tanto de carácter transnacional como interno, porque ningunha delas está en condicións de se-la única metrópole dunha Eurorrexión con 6,5 millóns de habitantes. Para dota-la Eurorrexión dun maior peso en Europa é preciso impulsar unha maior cooperación pública e privada entre Galicia e o Norte de Portugal; fomenta-la complementariedade das infraestructuras terrestres, sobre todo dos portos e aeroportos, para facer máis atractivas as inversións e a localización de empresas; e, ademais, promover medidas que faciliten a internacionalización da economía desta euro-zona e a expansión exterior das empresas. As áreas urbanas concentran as mellores oportunidades de progreso e de benestar para os cidadáns, de aí que a rede de cidades teña un papel decisivo como elemento dinamizador e potenciador de toda a Eurorrexión. Esta rede de cidades debe constituírse na gran metrópole do Noroeste peninsular, nun espacio demográfico que conte con infraestructuras de comunicación, dotación de todo tipo de servicios, especialmente dunha rede de telecomunicacións que conecte de forma eficiente as dúas marxes do Miño e que se consolide como motor da Eurorrexión. No cumio que celebramos os socialistas galegos e portugueses o pasado mes de xuño propoñiamos unha serie de medidas con relación á política rexional, ós fondos estructurais e á ampliación da Unión Europea ó Leste, que se sintetizaban en cinco grandes cuestións: 1º. Manter e aumenta-la dotación dos fondos estructurais para a Eurorrexión alén do 2006. 2º. Maximiza-lo impacto dos recursos existentes ata o 2006, empregándoos en sectores directamente relacionados coa competitividade do tecido económico e da súa capacidade de xerar emprego. 3º. Apostar por unha política rexional europea que axude a facer fronte ós principais retos de futuro con relación a temáticas sectoriais como a innovación tecnolóxica, o desenvolvemento sostible e a sociedade da información, a creación de ambientes productivos e a renovación do tecido productivo. 4º. Establecer que as rexións que, polo seu nivel de renda ou de emprego, ou por ter cubertas as súas necesidades de infraestructuras, quedasen desvinculadas dos Fondos Estructurais, puidesen seguir beneficiándose dun apoio significativo e estratéxico que prime os intanxibles (tecnoloxías), sobre as infraestructuras. 5º. Corrixi-lo criterio de elixibilidade das rexións Obxectivo 1, que actualmente é do 75 por cento da renda da media da UE, a través de tres alternativas: negociar á alza a porcentaxe ata o 90 por cento unha vez incorporados os PIB dos novos países; permitir que determinadas rexións, que non chegan ó 75 por cento da renda media europea, sigan percibindo fondos estructurais máis alá do 2010; e incorporar nos criterios a taxa de paro. Ademais, é preciso apostar pola innovación tecnolóxica, o desenvolvemento sostible, a Sociedade do Coñecemento, a creación de ambientes productivos e a renovación do tecido productivo da Eurorrexión como elementos decisivos para a cohesión e o desenvolvemento. Debemos defender tamén a implantación das infraestructuras definidas pola Comisión de Traballo Galicia-Norte de Portugal, entre elas a construcción dunha moderna rede ferroviaria entre Ferrol e Lisboa, a modernización das plataformas loxísticas do sistema aeroportuario do Noroeste, a valoración e coordinación do hinterland aeroportuario, e a dotación de infraestructuras de telecomunicacións [teleportos e redes de banda larga]. Cremos que a permeabilidade da fronteira debe ser aproveitada para reforzar tanto as relacións económicas como as sociais e culturais, porque só así os nosos mozos poderán configura-la Eurorrexión como un espacio de convivencia e de planificación onde desenvolver plenamente a potencialidade dos pobos que, pese ós avatares da historia, nunca viviron de costas e sempre se deron a man. Durante os últimos dez anos produciuse un forte achegamento entre as dúas administracións públicas, o que axudou a consolida-la Eurorrexión. Os cidadáns de Galicia e do Norte de Portugal xa comezaron a percibi-la necesidade de profundar na cooperación social e económica como elemento de progreso e desenvolvemento de ámbalas dúas rexións. Non obstante, o reto é lograr unha maior capilaridade en tódolos ámbitos: político, administrativo, cultural, social e económico. Cómpre pois, darlle un novo pulo político ó Eixo Atlántico para defende-la estratexia compartida no Comité de Rexións, no Consello de Municipios e Rexións de Europa e na Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas, e potencia-la Conferencia de Cidades do Arco Atlántico. Emilio Pérez Touriño é secretario xeral do Partido Socialista de Galicia-PSOE e portavoz do grupo socialista no Parlamento galego. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 09/12/2001
|