Tempo Exterior nº 3 segunda época - xullo/decembro 2001Volver ó sumario
Resume - Resumen - Abstract
 
Dez anos de independencia en Ucraína


Alexis B. Romanov
 

O 24 de agosto do 2001 Ucraína celebrou o décimo aniversario da súa independencia. Pola súa poboación (preto de 50 millóns) e territorio (case 604 mil km2) sitúase entre os maiores estados no continente europeo. Nembargantes, a súa importancia e rol na rexión non chega a ser comparable ós seus veciños, por exemplo, Polonia e Rusia. Por riba, non consolidou a súa identidade propia como Estado nacional e as súas actividades, tanto no interior como no exterior, seguen estando marcadas polo pasado soviético.

Antes de analiza-los aspectos, ó meu parecer, máis importantes do seu desenvolvemento nacional convén facer unha pequena reseña do decenio pasado.

En 1991, trala proclamación da independencia polo Sóviet (Consello, en ucraíno: Rada) Supremo da República Soviética Socialista de Ucraína, unha vez que o frustrado golpe de estado de agosto de 1991 en Moscova demostrara a incapacidade do centro para controla-los procesos sociais nas periferias nacionais da agonizante URSS, celebrouse en decembro un referendo confirmando, por maioría absoluta, a Acta da Independencia e elixindo ó dirixente da Rada Suprema, Leonid Kravchuk, como o primeiro presidente ucraíno. Poucos días máis tarde os acordos de Minsk disolvían a Unión Soviética e se constituía unha Comunidade de Estados Independentes.

Aínda que, entón, no parlamento existía unha maioría non favorable ó proxecto de creación dun estado nacional ucraíno, as forzas nacionalistas agrupadas no Movemento (en ucraíno: Ruj) Popular pola Perestroika e a numerosa diáspora ucraína no Occidente impulsan activamente a posibilidade dun desenvolvemento nacional, e en agosto de 1992 a República Ucraína no exilio encomenda os seus poderes no Presidente de Ucraína.

Malia a sobresaínte habilidade política do Presidente Kravchuk –que xa fora dirixente do sector ideolóxico do antigo Partido Comunista e soubo incorporarse ó novo ambiente nacional – non alcanzou a formular unha política clara, oscilando entre os nacionalistas e aqueles que non compartían as teses soberanistas. Acosada por sucesivos desacertos económicos, a poboación votou nas eleccións presidenciais de 1994, maioritariamente (52,2%), por Leonid Kuchma, antigo dirixente do partido na fábrica secreta de foguetes “Yuzhmash”, o que escasamente era quen de pronunciar discursos en ucraíno e prometía, entre outras cousas, conceder ó ruso un status como segunda lingua oficial do estado (despois non cumpriu esta promesa).

En 1996, Ucraína recupera tódolos atributos dun Estado: en xuño apróbase a Constitución e en outono, despois de tantos anos de galopante inflación de karbóvanets, un medio de pago provisional, comeza a circula-la moeda nacional, a hryvnia, cunha paridade ó dólar norteamericano de 1:1.

En 1997, consolídase a situación de Ucraína no medio internacional: asínanse acordos de amizade cos seus principais veciños, Rusia, Polonia e Romanía. Nunha reunión da OTAN en Madrid, Ucraína é aceptada como membro adxunto a esta alianza.

Despois de ser reelixido en 1999, o Presidente Kuchma convoca no ano 2000, un referendo que lle vai outorgar máis poderes, e gáñao cun respaldo de máis do 80%. Por causa da desaparición dun xornalista, implicado na difusión dun presunto fraude electoral, desencadéase unha grave crise política. A oposición acusa ó Presidente de estar mesturado no asasinato do informador e organiza protestas que rematan en confrontacións coas forzas da orde pública, pero a indiferencia política da maioría da poboación impediu a destitución. Ó dimitir o Goberno do reformista de orientación occidental, Yúschenko, o seu sucesor Kínaj, fiel a Kuchma, forma un novo Goberno no que, sen embargo, os postos clave ocúpanos os mesmos ministros do anterior gabinete.

Transcorrida unha década, xa se pode falar en termos máis ou menos claros do qué representa o novo estado ucraíno. Alguén dixo que o século XX era o século dos nacionalismos e o seu final brindounos unha proba espectacular desta evidencia: igual que despois da Primeira Guerra Mundial, no Este europeo desintegráronse estados multinacionais e xurdiron novos estados nacionais. No referente a Ucraína, podería ser ata certo punto errado, afirmar que se trata dun Estado-nación. Ante todo, porque non é un producto dun movemento nacional. O país sufrira unha represión tan severa de toda manifestación nacionalista que o nacionalismo non era quen de artellar unha forza política e acada-lo poder. O único movemento de tendencia nacionalista, o Ruj, tiña por obxectivo recuperar algúns aspectos máis ben humanitarios da vida nacional (o uso oficial da lingua ucraína en tódolos ámbitos e unha plena autonomía fronte a Moscova na toma de decisións relativas ó desenvolvemento cultural e político da nación) dentro do marco da perestroika establecido pola cúpula do Krémlin. A proclamación da independencia foi unha decisión da cúpula dirixente da República Soviética co principal obxectivo de manterse no poder. O movemento de oposición ucraíno a finais dos 80 non chegou a ser un movemento de toda a nación, sinalan nun artigo os deputados do Ruj, V. Filenko, T. Stetskó e T. Chernovil, e este feito permitiu que a nomenclatura comunista se mantivese, aínda cambiando de cor, coma un engadido ó Estado independente(1). Un forte movemento nacionalista só se deixaba sentir nas rexións occidentais. A outra variante da oposición democrática estaba representada polo movemento reivindicativo de mineiros nas rexións orientais, namentres no centro do país coexistían múltiples correntes sociais de carácter democrático xeral. Despois da independencia, o Ruj perdeu o seu carácter de movemento popular, transformouse nun partido político que sufriu unha escisión en tres grupos e ocupou un lugar secundario na edificación da novo Estado. Outro dos partidos nacionalistas, o Partido Republicano, tampouco soubo gañar peso na vida política. As demais organizacións activistas da loita política na etapa precedente á independencia, como a Plataforma Democrática de Ucraína no PCUS, o Consello Popular da Rada Suprema, o movemento estudiantil organizado, pronto deixaron de existir nas novas condicións do Estado ucraíno.

Cabe sinalar que un dos erros dos chamados demócratas, tanto dos que se apoiaban en ideas do nacionalismo como dos que crían nun socialismo democrático, consistiu en que dedicaron todo o seu entusiasmo á causa da edificación do Estado independente, inda que probablemente lles correspondera máis a tarefa de estructurar unha sociedade civil. Seducidas pola lixeireza da transición á independencia –que de feito era soamente formal– a corrente nacionalista e as forzas democráticas ponderaban un desenvolvemento social libre de conflictividade destructora pasando por alto que tódolos elementos do poder seguían sen cambios e continuaban funcionando os vellos lazos entre o funcionariado e a cúpula da nomenclatura.

Consciente do fracaso definitivo do sistema económico soviético e da necesidade de pasar á economía de mercado, a parte da cúpula do antigo Partido Comunista que se mantivo no poder esforzouse por restrinxi-lo desenvolvemento económico e social cunha marxe de concesións mínimas á economía de mercado que deixarían sobrevivi-las estructuras do poder político ás que se asimilaran. Desta forma, a creación de novas formas da vida económica progresaba torpemente baixo un ríxido control político. En primeiro termo, obtiña permiso para establecer cooperativas, sociedades limitadas e outras compañías quen mantiña boas relacións co poder executivo. Dadas estas circunstancias, non sorprende que entre os novos ricos de Ucraína figuran antigos funcionarios do Partido Comunista e da Xuventude Comunista así como os seus familiares. Recibindo licencias privilexiadas dedicáronse ó negocio das exportacións que lles reportaban beneficios astronómicos.

Outro sector de novos empresarios ucraínos formouse a partir dos chamados “directores vermellos”, é dicir, os dirixentes de empresas industriais designados na época soviética, que por conseguinte tamén formaban parte da nomenclatura. Unha lei sobre o arrendamento con dereito de compra lles permitía, cun custo mínimo, apoderarse das accións dos membros das súas colectividades laborais e facerse propietarios das empresas que dirixían.

As boas relacións co poder executivo tamén proporcionaban acceso a créditos, incluso da banca internacional, coa garantía do Estado ucraíno, que non se restituían ou se convertían en divisa estranxeira –tamén gracias a estas relacións co poder– e se devolvían moito máis baratos, posto que a taxa de inflación ascendeu nun 10.000% en 1993.

Ese ambiente favoreceu o desenvolvemento de actividades económicas especulativas, semilegais e abertamente criminais, creándose así un vasto sector de economía somerxida, que en opinión de diferentes analistas, comprende dun 50% ó 80% por cento das actividades económicas no país. Esta situación é perigosa non só porque priva ó Estado dunha importante parte dos seus ingresos, senón porque rodea de opacidade as condicións económicas no país e converte en imprevisible todo o desenvolvemento ulterior. A loita contra este fenómeno está paralizada xa que os axentes da economía somerxida gozan de cobertura nos órganos do poder executivo, de orde público e fiscais. Aínda máis, diríase que se converteron na clase gobernante tendo como voceiro privilexiado ó propio Presidente Kuchma. Durante o seu goberno, a privatización, tras unha primeira etapa en forma de reparto espontáneo dos bens do Estado en base a certificados de propiedade outorgados a toda a poboación, desenvolveuse unicamente de forma discriminatoria e privilexiada, e sempre coa aprobación da Administración do Presidente.

Dada esta situación, os xa citados líderes de Ruj sinalan que “unha considerable parte da poboación, reducida á miseria e perdendo a esperanza do futuro, á vez perdeu o respecto ó Estado, ás súas principais institucións e anhela emigrar ó estranxeiro. Respectivamente, como unha reacción en cadea, dilúese o fundamento do respecto cara á nosa lingua, cultura, tradicións, etc. O pobo está a caer nun estado de apatía, de indiferencia para co seu país, deixando de confiar nel(2)”.

As malformacións da esfera política reflíctense no espectro dos partidos. Nun proceso retardado de configuración de partidos políticos, esta tendencia deu lugar á orixe de agrupacións como o Partido Nacional Demócrata, chamado o partido do poder, xa que non ten outra ideoloxía que a de soster no ámbito partidista a política da dirección do Estado, e o Partido Socialdemócrata (unificado), de carácter oligárquico, representando os intereses dos dirixentes de formación soviética que, agudos, souberon enriquecerse no proceso de transformacións escasamente controladas e se transformaron nun grupo de influencia moi influínte na política estatal. Un carácter oligárquico tamén o ostentan os partidos “Ucraína Laboral”, “Rexións de Ucraína”, o “Agrario” (recentemente estas tres formacións uníronse co Partido Nacional-Demócrata un bloque electoral), “Yábluko” (“Mazá”, non ten nada que ver co partido de G. Yavlinski en Rusia).

Outra parte da dirección partidista do PCUS tentou aproximar o ideario comunista a conceptos novos, como o nacionalismo moderado e a economía de mercado. Trátase do Partido Socialista que se pode considerar en termos ideolóxicos como unha interpretación ucraína da socialdemocracia europea.

O resto da nomenclatura do antigo Partido Comunista, na súa maioría dirixentes a nivel provincial e comarcal, mobilizou o descontento da poboación aterrorizada polos desaxustes económicos e nostálxica da época soviética, cando o Estado a provía gratuitamente con todo o fundamental (traballo, vivenda, ensino, etc), o que lamentablemente resultou desposuído de garantías económicas [non imos entrar aquí na materia económica, soamente sinalaremos que o réxime soviético se baseaba no reparto político de bens materiais dispoñibles o que se producía pola economía inevitablemente tiña pouco valor de mercado e para manter o poder económico o Partido-Estado recorría a cruentas represalias políticas mobilizando traballo forzoso dende os anos 20 ata os 50 e malgastando recursos naturais –petróleo, gas natural– nos últimos decenios de estancamento]. O actual Partido Comunista ten pouco que ver coa ideoloxía marxista, aparte de delineamentos xerais de defensa dos dereitos dos traballadores, avoga pola protección da numerosa minoría rusa (10 millóns de cidadáns) e un maior estreitamento de lazos con Rusia, primeiro paso para o restablecemento dun Estado unificado. Máis ideoloxizado está o Partido Socialista do Progreso, máis radical, e debedor de conceptos de carácter stalinista.

A pesar de que os partidos predominantes no espectro político de Ucraína, por excelencia se amosan case que indiferentes a temas nacionais, neste último ámbito pódense rexistrar avances importantes. Universalizouse o uso oficial da lingua: na segunda metade dos anos noventa, na tribuna do parlamento xa non aparecen deputados negándose a pronuncia-los seus discursos en ucraíno, tódolos funcionarios falan o idioma nacional nos seus despachos (anque, ó saír ó corredor, poden pasar ó ruso), aparte dalgunhas escolas secundarias (coa aprendizaxe obrigatoria do ucraíno) todo o ensino se imparte en ucraíno, na esfera comercial ata os productos importados só son admitidos coas etiquetas en ucraíno. Neste proceso de recuperación lingüística foi importante o papel dos medios de comunicación, ante todo a televisión e a radio, que facilitaron a perceptibilidade da poboación, novamente acostumada (en particular, gracias á dobraxe de telenovelas importadas) ó oí-lo ucraíno en calquera ámbito da vida cotiá.

Non obstante este proceso non chegou a significar un renacemento da cultura nacional. A expansión do uso do ucraíno non chegou máis alá do requirido pola afirmación do atributo (que ademais non é decisivo nin imprescindible) dun estado soberano. Tampouco se debe esquecer que, como se trata dunha utilización da lingua en boa medida imposta, sufriu certa degradación. No uso práctico predominan formas que non son propias da lingua senón que representan meros substitutos de equivalentes rusos. Ó igual que na vida política, tamén neste ámbito os nacionalistas quedaron relegados ó segundo plano. O recente intento de restablece-las normas lingüísticas fundamentais cientificamente que existiran antes de que o réxime soviético comezara a escalada rusificadora, normativa que segue viva entre a multitudinaria diáspora occidental (só en Canadá viven dous millóns de ucraínos) sufriu un fracaso contundente.

Falando de maneira simplificada, pódese describi-lo estado actual da lingua como segue: foi imposto no ámbito oficial e escrito, e na vida cotiá fálase a metades en ruso ou en ucraíno escasamente normalizado. Os xornais máis lidos edítanse en ruso, as canles FM son maiormente rusofalantes, no mercado de libros a producción en ucraíno escasamente chega a un dez por cento (Ucraína edita 0,8 libros por habitante anualmente, incluídos os manuais e folletos de propaganda e só 0,01 libros de belas artes, mentres que cada vixésimo libro no mundo é ruso(3)), as revistas literarias, subvencionadas polo Estado soviético para ser unha mostra do idilio multicultural, de feito deixaron de aparecer. Rusia inflúe activamente na política interior de Ucraína a través dos medios de comunicación, que son vistos e lidos asiduamente neste país. Unha aceptación elevada ten a chamada cultura pop en ucraíno, incluso hai grupos de cantantes que se introduciron no mercado ruso, os teatros e os espectáculos funcionan satisfactoriamente só gracias ó patrocinio de compañías interesadas soamente na propaganda dos seus productos. Os escritores teñen unha presencia na vida social moito máis precaria que na época soviética.

Neste contexto non é de estrañar que a independencia non consolidara a nación. Apréciase claramente unha división en rexións que se diferencian tanto que case se senten inimigas. As provincias do Leste (Járkiv, Luhansk, Donetsk), marcadas polo predominio na estructura económico-social do sector da tulla, unha crise irreparable. Como toda a rexión industrializada ten moita poboación inmigrada que, nas condicións soviéticas, cando o ruso se promovía como vehículo de comunicación interétnica independentemente da súa orixe, ó asentárense no novo sitio, convertíase en poboación rusofalante.

Dende alí e polo sur do país esténdese unha zona industrializada onde igualmente predomina o ruso como vehículo de comunicación. Aínda que os rusofalantes nestas rexións confórmanse coa independencia de Ucraína, fan fronte ó uso do ucraíno. Crimea ocupa un lugar especial. Anque Ucraína foi proclamada Estado unitario conserva o seu status de república autónoma. Tivérao na época soviética, debido á poboación aborixe tártara que foi desterrada durante a II Guerra Mundial. Logo foi restituído despois da perestroika, pero é aproveitado polos inmigrados rusofalantes que poboaron as terras tártaras para mante-la súa diferencia fronte ó resto de Ucraína. Mentres, os repatriados tártaros atopan enormes dificultades para volver ós fogares dos seus antepasados e restablece-lo seu estilo de vida nacional.

Máis marcadas aínda son as diferencias entre as rexións no tocante ás confesións das que a importancia ten medrado debido a que as igrexas ocuparon unha parte considerable do baleiro ideolóxico que xurdiu na conciencia social tralo esborrallamento do sistema soviético. Mentres que as rexións occidentais exhiben esa uniformidade representada pola igrexa unida católica do rito oriental (esta variante da ortodoxia cristiá, ó recoñece-la supremacía do Papa, conservou o rito bizantino; ó formar parte da igrexa católica, que ten carácter universal e non está ligada a un estado nacional como é o caso das igrexas ortodoxas, a igrexa unida obxectivamente xogou un papel primordial na preservación da cultura e lingua ucraínas nos territorios dominados antigamente por Polonia e converteuse no fenómeno ucraíno por excelencia; o seu carácter nacional acentuouse debido ás cruentas represalias por parte do Estado soviético), no centro e Leste do país produciuse unha diferenciación da igrexa ortodoxa. Historicamente compenetrada co Estado ruso e tolerada polo réxime soviético máis que calquera outra relixión (atopábase baixo o control austero do Estado e tiña nas súas filas moitos axentes do servicio segredo) viu desprenderse unha parte do clero que tamén proclamou a súa independencia do Patriarca de Moscova e estableceuse en Kiev. A loita entre estas igrexas (por algo tan prosaico como son os bens materiais) afonda nos procesos secesionistas na sociedade e nutre a forza do sector tradicional que depende de Moscova e, ó igual que outro vestixio da URSS, o Partido Comunista, apoia as tendencias prorrusas entre a poboación.

En contra da consolidación nacional está obrando un trazo de carácter ucraíno que se formou durante os séculos da inexistencia dun Estado propio. O parentesco étnico dos que dominaban Ucraína facilitaban a asimilación de ucraínos ós gobernos foráneos, especialmente as capas altas da sociedade tendían a identificarse coa metrópole. En consecuencia, a presión estranxeira sobre a nación non se entendía como unha opresión polo conxunto da sociedade ucraína e dificultábase a formación dunha vontade “de facerse o amo da súa propia casa”. Máis ben buscábanse maneiras de organiza-la súa existencia no ambiente inmediato conformándose co feito de que “os de arriba” sexan foráneos. A fertilidade do chan permitía ó campesiñado, que formaba o groso da nación, centrarse nos aspectos privados da súa existencia despreocupándose de moitos temas importantes se excedían o marco da comunidade en que se vivía. O célebre historiador ucraíno Volodymyr Antonovych dixo nunha ocasión, que “ o desenlace tráxico da historia de Ucraína débese ó feito de que o pobo ucraíno nunca soubo elaborar nin unha civilización sólida nin unha forte disciplina sólida; porque os que se puñan á cabeza e se dedicaban a ocuparse dos destinos do pobo levaban en aí unha reserva insuficiente de cultura(4)...”. Por estes motivos non houbo un movemento independentista a nivel de toda a nación, os adversarios e os escépticos da independencia compuñan entre todos unha maioría da poboación.

A independencia foi aceptada pola maioría como unha alternativa ó réxime soviético que esgotara a súa capacidade de vida e o desenvolvemento ulterior de Ucraína dábase nun ambiente de apatía da maior parte da sociedade. Os setenta anos de socialismo autoritario imprimiron pegadas na conciencia social que se borran cunha dificultade moito maior que nos países veciños postcomunistas de Europa, e a evolución de Ucraína, pese ó seu maior potencial, é moito máis lenta. O PIB por habitante en Ucraína acada só os 840 dólares, mentres que o termo medio dos seis países de Europa Oriental que aspiran a se integrar na UE superan os 4.400 dólares.

A desintegración da URSS paralizou unha economía ucraína que non contaba cun grao mínimo de autosuficiencia senón que representaba unha parte do complexo económico único da Unión. Coa independencia rompéronse antigos lazos de producción, e quedou desprovista de moitas fontes de materias primas, portadores de enerxía e compoñentes de productos que tradicionalmente se fabricaban en empresas de Ucraína. Só no ano 2000, por primeira vez despois da independencia, se rexistrou un crecemento do PIB dun 6 por cento e os volumes de producción industrial superaron os indicadores de 1999 case nun 15%. Unha parte deste crecemento débese a unha conxuntura favorable para a industria pesada. En 2000 Ucraína produciu 22 millóns de toneladas de laminado de aceiro e exportou 21 millóns. Pese a isto o crecemento non se pode seguir baseando o crecemento neste sector xa que moitos países adoptaron medidas anti-dumping con respecto ó aceiro ucraíno que se vende a prezos por debaixo do nivel de mercado internacional. Outro elemento importante de exportación ucraína capaz de competir no mercado internacional, o armamento (por exemplo, carros blindados) tamén está sometido a sancións porque nalgunhas ocasións foi vendido a países afectados por algún tipo de embargo. Polo tanto, os sectores que representan ata o 60 por cento das nosas exportacións parecen abocados a unha situación de crise, mentres que a capacidade de mercado interior non ofrece aínda perspectivas de crecemento.

Durante a independencia producíronse transformacións importantes no tocante á incorporación do mercado: actualmente case un 80% da producción se fabrica en empresas que non son de propiedade pública, sobre bases privadas desenvólvense o sistema bancario, o comercio e a construcción. En suma, o sector privado abarca o 95% de terras utilizables pola agricultura e un 99% da producción agrícola. A economía fíxose máis aberta, liberalizáronse os lazos económicos, o mecanismo de prezos, o mercado de mercadorías e capitais. Nembargantes, tódolos progresos rexistrados refírense soamente á parte da economía recollida nas estatísticas. O estado real da economía é difícil de avaliar de maneira verídica debido a que a maior parte das actividades económicas se desenvolven no sector somerxido (a existencia dunha economía somerxida tan importante tamén se sostén na tradición ucraína de sobrevivir desafiando o oficial). Ninguén podería mante-lo seu actual nivel de vida cun único salario oficial.

Segundo sinala o profesor A. Halchynsky, o país aínda non chegou a unha economía de mercado, senón a un tipo de economía postsoviética de mercado. O desenvolvemento actual representa un novo proceso de reindustrialización e non a formación dos fundamentos dunha sociedade post-industrial. Aínda máis: o sentido en que se move o país afasta do postindustrialismo e o modelo reformista adoptado é pernicioso para a formación dunha hipotética clase media. A diferenciación dos ingresos da poboación hai moito que excedeu o límite admisible. É un capitalismo onde se benefician “o capital oligárquico que controla as posicións clave na economía e a nova nomenclatura burocrática orixinada nos anos das reformas(5)”.

A liberalización da economía mediante certificados de privatización distribuídos entre a poboación e despois apropiados por axentes da economía somerxida non provocou unha reestructuración das relacións de propiedade senón unha enorme brecha de diferenciación social: as capas máis altas teñen ingresos 50 veces maiores que os ingresos das capas baixas ás que pertence a maior parte da poboación. Esta circunstancia pon en perigo todo o proceso de edificación do estado ucraíno, porque, ademais das múltiples tensións latentes na sociedade que en calquera momento poden emerxer, imposibilítase a formación da clase media que historicamente fora o corazón da nación ucraína e, que en opinión da maioría de politicólogos modernos, é a columna vertebral dunha sociedade democrática. Na Ucraína de hoxe non existe unha forza política que represente os intereses da clase media.

Semellante situación favorece a ese grupo de oligarcas que posúe a capacidade de influír en tódalas esferas da vida da sociedade ucraína. Teñen baixo o seu control os principais medios de comunicación e manipulan a conciencia social. O parlamento aparenta un instrumento en mans de grupos de presión: adóptanse con facilidade leis sobre privilexios (p. ex. a contradictoria lei sobre preferencias para a empresa mixta de automóbiles con participación do grupo coreano Daewoo) e despois de varias lecturas non chegan a ser aprobadas leis importantes como o Código Civil. O actual Presidente Kuchma, que foi secretario do Partido Comunista designado por Moscova nunha importante empresa da industria militar en Dnipropetrovsk e que en pouco se identificaba co independentismo ucraíno) foi elixido en 1994 gracias ó apoio do corpo de directores de grandes empresas industriais (asociados na Unión Ucraína de Industriais e Empresarios) e as rexións industrializadas do Leste e do Sur (Dnipropetrovsk e Járkiv, ante todo) cun claro predominio da poboación rusofalante, como unha alternativa ó primeiro Presidente Kravchuk que se identificaba coa idea de formar un Estado-nación.

A oposición e o poder acúsanse mutuamente de favorecer ós oligarcas, o que se traduce na inevitable tendencia do parlamento a reduci-lo rol do presidente a funcións representativas, e do poder executivo a limita-las competencias do parlamento. A Administración do Presidente dispón dun aparato inmenso que suma o dobre do Goberno en tódalas esferas e bríndalle unha marxe de manobra enorme para saír das situacións máis apuradas. Así se revelou no caso Gongadze, cando a oposición acusou ó Presidente de estar implicado no asasinato deste periodista. Deuse entón unha crise política moi profunda, con enfrontamentos de manifestantes e as forzas da orde pública, desenmascaramentos de flagrantes casos de corrupción de altos funcionarios do Estado, o encarceramento da líder da oposición Y. Timoshenko e outros feitos sensacionais. Pero o resultado foi contrario ás intencións da oposición: o Presidente mantívose no poder e solidificou as súas posicións substituíndo ó reformista V. Yúschenko como Primeiro Ministro polo obediente A.Kínaj nun momento crucial obtivo o apoio do Presidente ruso V. Putin e forzosamente se deu un incremento da influencia de Rusia en Ucraína.

Ó igual que na esfera económica, Ucraína segue a ser dependente da antiga metrópole na política exterior. Anque a Constitución prohibe o estacionamento de forzas militares estranxeiras, en Crimea atópase o Estado Maior da Flota do Mar Negro. A pesar dunha evidente ineficacia da Comunidade de Estados Independentes, o Presidente Kuchma varias veces se ten pronunciado favorablemente a propósito das perspectivas económicas e políticas de tal agrupación que foi creada trala disolución da URSS e se converteu nun instrumento utilizado por Rusia para mante-la súa influencia no resto das antigas repúblicas soviéticas.

Actuando no espacio postsoviético, Ucraína tentou fortalece-lo seu rol de actor independente nas relacións exteriores, iniciando en 1997 a creación de GUUAM, unha asociación á que actualmente tamén pertencen Georgia, Uzbequistán, Armenia e Moldava. O obxectivo principal deste grupo de países é a resolución de problemas comúns, evitando esa influencia de Rusia que segue a dominar na Comunidade de Estados Independentes. Pese a isto, operando no espacio postsoviético, a diplomacia ucraína non conseguiu sentar unhas bases de cooperación sólidas, máis aló dos aspectos determinados polo herdado da Unión Soviética, amosándose incapaz de crear esa mínima área de comercio libre entre os seus membros.

Fóra do espacio postsoviético, para Ucraína teñen carácter prioritario as relacións cos seus veciños máis próximos entre os que destaca Polonia con quen se realizan intercambios en moitos sectores. Indubidablemente reviste unha importancia estratéxica o complexo das súas relacións coa Unión Europea. En 1997 foi firmado un Acordo de Asociación e Cooperación que é a base legal do seu achegamento á Unión. Pero este proceso progresa lentamente, xa que, malia importancia de Ucraína para a estabilidade europea, a Unión non está interesada na súa rápida adhesión e máis ben procura que non se dean máis procesos imprevisibles ou tensións neste país. Unha situación similar se foi configurando nas relacións con outro membro parte que non pode deixar de ser estratéxico para Ucraína. EEUU, como a UE, non perde de vista ó desenvolvemento en Ucraína pero non o estimula demasiado velando porque non saia dos límites da visión occidental da democracia. Se antes para EEUU Ucraína era un tipo de parachoques entre o chamado mundo civilizado e Rusia, agora máis importancia reviste o rol de Rusia como un parachoques entre o mundo civilizado e o desafío islamita.

Os primeiros dez anos da independencia amosaron que a existencia do Estado ucraíno é irreversible anque o resultado de tal proceso non corresponde ó que agardaban os que promoveron no seu día a autodeterminación nacional e os que lle puñan trabas. A actual Ucraína é un producto da conxuntura postsoviética que non pode deixar de se desenvolver. Formouse un Estado que non é dos ucraínos senón multiétnico e esa independencia é aceptada en gran medida por tódolos pobos que habitan este país. En virtude de múltiples factores, Ucraína non se constituíu nun Estado-nación e a súa evolución non debería ir en tal sentido senón cara a un concepto moderno de Estado como un organismo de prestación de servicios ó cidadán que lle permita incorporarse nunha Europa dos pobos onde as respectivas sociedades poidan gozar dos seus lexítimos dereitos.


Alexis B. Romanov é analista político.

 
 

Notas

(1) Dzérkalo Tyzhnia (Espello da Semana), 23/08/2001.

(2) Dzérkalo Tyzhnia, 23/08/2001.

(3) CN-Stolíchuye Nóvosti, 36, 02-08/10/2001.

(4) Dzérkalo Tyzhnia, 22/09/2001.

(5) Dzérkalo Tyzhnia, 06/09/2001.
 
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/12/2001