Resume - Resumen - Abstract |
| Despois do 11 de setembro: ¿A fin do unilateralismo estadounidense? |
|
Roberto Montoya |
|
¿Debilidade ou fortalecemento de EUA? Transcorridos dous días dende os atentados terroristas do 11 de setembro contra as Torres Xemelgas e o Pentágono, o presidente dos Estados Unidos de Norteamérica, criticado inicialmente pola súa ausencia da escena pública durante as 48 horas posteriores aos ataques(1) (fora trasladado por seguridade a un búnker nunha base militar, mentres os cidadáns norteamericanos estaban presos do terror), deu un discurso no que non só recuperou a súa imaxe, senón que fixo que comezase a subir vertixinosamente o seu nivel de popularidade. “A través das bágoas da tristura, vexo unha oportunidade, unha oportunidade para lles facer un favor ás xeracións vindeiras uníndonos contra o terrorismo”, dixo Bush desde o Despacho Oval. “Estamos asistindo á primeira guerra do século XXI”, engadiu, “...e os EUA atoparon un apoio universal. Agora que nos declararon a guerra, levarei o mundo ata a victoria”. Se a agresión terrorista, sen precedentes, sufrida fixese espertar axiña un forte sentimento patriótico e de unidade entre a poboación norteamericana, Bush, coas súas reiteradas declaracións públicas, reforzouno aínda máis, e logrou que a súa popularidade se disparase ata o 90%, un dos niveis máis altos atinxidos nunca por un presidente estadounidense. Nas últimas décadas, só John F.Kennedy atinxiu un nivel de popularidade superior ao 80% –exactamente o 83%– e foi, curiosamente, en 1961, tras fracasar estrepitosamente coa invasión da “Baía Cochinos”, en Cuba. Diante da Cámara de Representantes e do Senado, reunidos no Capitolio nunha excepcional sesión conxunta, George W. Bush dixo o xoves, 20 de setembro, exactamente as palabras que a maioría dos cidadáns e dos parlamentarios querían oír: “Dirixirei todos os medios da diplomacia, todas as ferramentas da intelixencia, todos os instrumentos legais, todas as influencias financeiras e todas as armas de guerra necesarias para desmantelar e destruír a rede global do terror(2)”. Nese mesmo discurso, durante o que Bush foi interrompido máis de 30 veces polos aplausos de todos os parlamentarios postos en pé, dixo a que xa pasou a ser unha frase histórica e un anticipo do seu proxecto para reforzar aínda máis a hexemonía estadounidense a nivel mundial. Dirixíndose aos líderes de todo o mundo, dixo: “Ou estades con nós, ou cos terroristas”. Bush beneficiouse tamén do feito de que ese sentimento de nación agredida obrigase á oposición demócrata a deixar de lado temporalmente as súas batallas cotiás contra o Goberno, e mesmo que ata a loita pola alcaldía de Nova York ficase relegada. Os demócratas aceptaron tamén reforzar –nun aceno de alto contido simbólico, fundamentalmente– os poderes do presidente na súa condición de comandante en xefe das Forzas Armadas, e ata votaron, en aras da loita antiterrorista, un amplo paquete de medidas legais, que poden afectar seriamente ás liberdades democráticas dos cidadáns. Segundo as enquisas, unha maioría de cidadáns estadounidenses aproba que Bush emprenda accións militares antiterroristas noutros países, aínda a risco de importantes perdas humanas nas súas propias filas(3). Moitos columnistas, de medios de comunicación de todo o mundo, entenderon que os atentados demostraran a vulnerabilidade dos Estados Unidos, o país máis poderoso, económica e militarmente, do planeta. Se ben esa afirmación é algo que se puido constatar, aterroriza por primeira vez ao cidadán de a pé estadounidense e consegue enfurecer aos seus dirixentes políticos e mandos militares; estes, unha vez repostos da sorpresa do insólito ataque, decidiron pasar á contraofensiva. Todo o prestixio de ser a primeira potencia mundial de Estados Unidos está en xogo. Durante a súa primeira xeira europea, realizada pouco antes dos atentados, Bush tivo que afrontar importantes críticas dos seus aliados europeos, e tamén de Rusia e China, polo seu multimillonario proxecto do “escudo antimísiles”, un sistema de radares, satélites e mísiles dun custo aproximado de 60.000 millóns de dólares, que pode detectar e destruír en voo os proxectís que teoricamente puidesen lanzar os inimigos de Estados Unidos. A súa argumentación principal, para poder defender o seu grande impulso á “guerra das galaxias”, foi que a pesar de que a Guerra Fría acabara dez anos atrás, a “ameaza terrorista” persistía. No ambicioso traballo feito polo Consello Nacional de Intelixencia (NIC, centro de estudios estratéxicos que depende directamente do director da CIA), en consulta con expertos independentes, sobre a situación internacional prevista ata o ano 2015(4), non se presentaba, nin entre os perigos terroristas nin entre os conflictos armados que se albiscaban, nada similar ao acontecido o martes 11 nin á “primeira guerra do século XXI”, tal como cualificou desde o primeiro momento o propio Bush a nova situación creada tras ese día. Como se lembraba no Tempo Exterior(5), poucos meses atrás, nese informe fálase de riscos de guerra, pero “non dirixida contra o poder hexemónico”, senón que se citan como especialmente explosivas as situacións entre China e Taiwán, en Oriente Próximo, e entre India e Paquistán. Nas conclusións do estudio mencionado, que ocupa case 100 páxinas, fálase de “ameazas asimétricas” que “evitan o enfrontamento directo cos Estados Unidos” e céntranse os maiores perigos na ameaza nuclear, dado o acceso a ditas armas por parte de países como China, Rusia, Corea do Norte, “probablemente” Irán, dise, e tamén de organizacións terroristas. O feito de que os atentados do 11 de setembro, que poden provocar unha drástica viraxe na xeoestratexia mundial, abrindo frontes de guerra en varios países simultaneamente para a coalición internacional, supuxesen un gasto de preparación de só unhas ducias de millóns de pesetas, e que fosen levados a cabo por pilotos formados en escolas de EUA, que utilizaron coitelos de plástico para secuestrar voos comerciais e esnaquizalos contra dous dos símbolos máximos do poder, tirou por terra a imaxe do todopoderoso xendarme mundial. Nin o concienciudo informe da Intelixencia estadounidense para os próximos 15 anos, que levou un traballo de elaboración de 15 meses, nin o traballo das preto de corenta axencias e departamentos de espionaxe e contraespionaxe interior e exterior que comprende a Intelixencia de EUA, a máis poderosa do mundo, puideron prever un escenario como o actual. Curiosamente, son moitos as analistas que veñen falando desde hai anos sobre o perigo latente que teñen os Estados Unidos de Norteamérica de sufrir ataques no seu propio territorio, con armas non convencionais. Richard K. Betts vaticinouno tres anos atrás: “O perigo principal non é que os inimigos (dos EUA) utilicen armas nucleares ou químicas nos Estados Unidos, contra buques de guerra ou contra batallóns. Poderían tentar castigar aos Estados Unidos con catástrofes en cidades americanas. As represalias requiren coñecer previamente quén lanzou o ataque. Hoxe en día, algúns grupos poden desexar castigar aos Estados Unidos sen reivindicar as súas accións(6)”. En 1993, tras o primeiro atentado cometido contra o World Trade Center de Nova York, –segundo todos os indicios, tamén por homes de Osama Ben Laden– tres analistas estadounidenses, Ashton Carter, John Deutch e Philip Zelikw, publicaron un traballo no que sostiñan que este acto “demostra que un grupo terrorista pode incluír a cidadáns estadounidenses e estranxeiros, operar e trasladar materiais dentro e fóra do territorio estadounidense durante longos períodos de tempo”. Estes peritos sostiñan que Estados Unidos debía dotarse dun sistema no que se solapase, en vez de permanecer en áreas illadas, o traballo das forzas encargadas da seguridade interior e exterior, tanto civil como militar(7). Un destes analistas, Ashton B. Carter, sostivo tamén noutro traballo de febreiro de 2001, que actualmente as máis críticas e delicadas misións de seguridade, contraterrorismo, defensa nacional e prevención de conflictos, son acometidas por unha serie de “departamentos e axencias designados medio século atrás para un mundo diferente(8)”. Na web do Foreign Affairs existe, baixo o título “The Terrorist Attack on America: Background”, unha ilustrativa relación de artigos e libros de peritos que advertían dos perigos para os Estados Unidos de sufrir graves atentados no seu propio territorio. Así, Stephen E. Flynn chamaba a atención a finais do ano pasado(9) sobre a misteriosa detención en decembro de 2000 en Port Angeles, Washington, do cidadán alxerino Ahmed Ressan, proveniente de Vancouver, e a quen se lle atopou no seu automóbil unha grande cantidade de material para preparar bombas. Parece que, nin deste feito, nin do atentado contra o World Trade Center, se desprendese ningún tipo de conclusións, di Flynn. O Pentágono e todos os servicios de seguridade dos Estados Unidos fallaron, e agora o Goberno quere recuperar a súa imaxe, a súa credibilidade, reverter a situación cunha grande contraofensiva.
A histórica mensaxe de Bush do 20 de setembro non tiña só como destinatario o seu pobo, os terroristas que planificaron os atentados e o/os países que hipoteticamente apoiaron e/ou albergaron a estes. Bush estaba anunciando en realidade a máis ambiciosa das moitas cruzadas e intervencións militares lanzadas por Estados Unidos ao longo de máis dun século. O presidente norteamericano comezaba xa a perfilar o que, co paso dos días e as semanas, comezaría a consolidarse como unha ampla operación, que non se circunscribiría as represalias militares contra o grupo acusado dos atentados, a organización Al Qaeda, de Osama Ben Landen, e contra o réxime dos talibáns por albergalo e darlle facilidades para instalar as súas bases e campos de adestramento. George W. Bush pretendía, e pretende, ir moito máis lonxe. A conmoción internacional creada polos atentados e a lóxica solidariedade recibida polos Estados Unidos de parte de todos os países democráticos, e mesmo de moitos que non o son, outorgáballe de feito uns “dereitos” para decidir unilateralmente o tipo de represalia que se ía adoptar. O propio secretario xeral da OTAN, George Robertson, díxoo literalmente(10). Outros representantes europeos ante a OTAN expresárono en termos similares(11). Bush saberá utilizar ese cheque en branco. Os Estados Unidos tiñan, e teñen, por primeira vez en décadas, a oportunidade, ou polo menos a tentación, de esnaquizar a moitos dos inimigos que acumularon durante anos, especialmente no Oriente Próximo. Agora, poderían facelo contando coa colaboración non só dos seus aliados da OTAN, senón de moitos outros países que non son membros da Alianza Atlántica. A campaña preséntase cunha amplitude no tempo e no espacio xeográfico moitísimo maior que as que tiveron lugar, non moito tempo atrás, contra as forzas serbias en Kosovo, ou contra as de Sadam Husein en Iraq. “Falcóns” e “pombas” da Administración Bush comezaron, inmediatamente despois do martes 11, unha dura polémica interna sobre os alcances que debera ter esa campaña internacional antiterrorista, inicialmente chamada “Xustiza Infinita” e mudada logo na denominación “Liberdade Duradeira” para non ferir, coa súa posible connotación relixiosa, a sensibilidade dos países árabes moderados que eventualmente se sumen a ela. ¿Incluiranse entre os obxectivos terroristas a países como Iraq, onde o presidente Bush “junior” podería acabar a tarefa inconclusa do seu pai coa operación “Tormenta do Deserto de 1991? Varias declaracións de representantes estadounidenses semellan indicar que a tentación existe. Tras a aparición do ántrax, Richard Buttler, o polémico e parcial xefe estadounidense da Comisión de Supervisión sobre o Armamento Iraquí, a Unscom, declarou –a pesar de que lle fixeron máis de 700 inspeccións a Iraq– que era posible que Bagdad estivese detrás dos atentados. ¿Acabarán incluíndose tamén nas operacións antiterroristas os santuarios de organizacións islámicas integristas como Hizbulá, apoiadas por Irán, coas consecuencias que isto comportaría, organizacións que están asentadas en zonas controladas polo exército sirio? ¿A mesma Siria tamén podería ser un obxectivo, tal como dixo abertamente un portavoz estadounidense, o que provocou unha petición de explicacións do Goberno de Damasco ao embaixador de EUA? ¿Abranguerán tamén os ataques á djihad Islámica, grupo asentado no Val do Bekaa, no Líbano, e autora, polo que parece, dos atentados contra a embaixada estadounidense e o cuartel dos infantes de Mariña en Beirut en 1983 e 1984? Os EUA acusan a Irán e Siria de apoiar á djihad islámica. ¿Atacarase tamén a Hamas, o grupo integrista asentado en pleno territorio palestino? ¿Afectará a campaña ás bases do grupo islámico integrista Gama’a al-Islamiya (GI), en Exipto, relacionado, segundo parece, con Ben Laden e que insta dende hai anos a cometer atentados contra intereses estadounidenses? O grupo Abu Sayyaf, o máis radical dos grupos separatistas que operan en Filipinas, coñecido tamén como Al Harakat Islamiya, que hai pouco decapitou a un dos seus reféns estadounidenses, ¿será obxecto dos ataques da coalición antiterrorista internacional? ¿E o grupo Harakat ul-Muyajedin, asentado en Paquistán, que realiza atentados fundamentalmente en Cachemira? ¿Quizais os Tigres da Liberación do Tamil Elam, o máis poderoso de Sri Lanka, que segundo a CIA conta con 10.000 membros? No último Informe de Organizacións Terroristas Estranxeiras confeccionado pola Secretaría de Estado estadounidense o 8 de outubro de 1999, aparecen, ademais de todas estas organizacións xa mencionadas, outras moitas, repartidas polos cinco continentes. En total, fican rexistradas nesa lista 27 organizacións, que inclúen numerosos grupos palestinos, algún grupo extremista xudeu, como o Kahane Chai (que pretende restaurar o estado bíblico de Israel); organizacións latinoamericanas como Sendero Luminoso e o MRTA en Perú, ou o ELN e as FARC colombianas (non así as AUC, as poderosas forzas paramilitares dese país); grupos xaponeses como o Exército Vermello Xaponés, dirixido, segundo EUA, desde o Val do Bekaa por Fusako Shigenobu; o GIA alxerino; os kurdos do PKK; os gregos da Organización Revolucionaria 17 de Novembro, e ETA. ¿Acabarán todos incluídos entre os obxectivos da campaña para “limpar o mundo de terrorismo”, que xa nos advirten que durará anos –se cadra dez– segundo os Estados Unidos, e que afectará a varios países? ¿Onde se poñen os límites para acabar co “terrorismo internacional”? ¿Europa e o resto de países que participan ou participarán nesa cruzada, e a propia ONU, avalan sen máis a relación de organizacións terroristas designadas polo Departamento de Estado e están dispostos a actuar contra elas? É probable que Putin queira incluír entre os “terroristas” aos separatistas chechenos e que outros moitos países aliados nesta campaña internacional queiran engadir, á vez, grupos, que os fustrigan, ou, quizais, queiran sacar da lista algún ao que apoian ou co que simpatizan. A Lei de Antiterrorismo e Pena de Morte Efectiva, de 1996, esixe que o secretario de Estado estadounidense dea a coñecer cada dous anos unha lista actualizada desas organizacións. A última versión é a que mencionamos, de 1999, e nela aclárase que se deu de baixa a tres organizacións que figuraban na lista anterior, que se manteñen nela 27 que xa estaban rexistradas anteriormente e indícase que se engadiu unha “nova”: tratase nada máis e nada menos que de Al Qaeda, a organización á que EUA acusa de ser a responsable dos atentados contra o seu país. No Informe de 1999 explícase así textualmente o porqué da incorporación de Al Qaeda á lista: “Al Qaeda, dirixida por Osama Ben Laden, foi agregada porque é a responsable de varios ataques terroristas importantes, mesmo do ataque con bombas realizado en agosto de 1998 contra as embaixadas de Estados Unidos en Nairobi, Kenya e Dar Es Salaam, Tanzania”(12). Foi nese ano, 1998, cando Bill Clinton tentou sen éxito eliminar a Ben Laden en Afganistán utilizando comandos especiais estadounidenses e bombardeando algunhas das súas bases, onde morreron vinte persoas. Nos detalles máis exhaustivos de Al Qaeda que aparecen no mencionado informe, adxudícanselle numerosos actos terroristas, algúns non tan coñecidos pola opinión pública e que, en xeral, non foron lembrados curiosamente polos propios Estados Unidos tras os atentados do martes 11. Nel dise textualmente: “Sostén que derrubou helicópteros e matou militares estadounidenses en Somalia en 1993, e que efectuou tres atentados con bombas dirixidos contra a presencia de tropas estadounidenses en Adén, Xemen, en decembro de 1992. Vincúlase cos planos de intentos de operacións terroristas, entre elas o do asasinato do Papa durante a súa visita a Manila a finais de 1994; os atentados dinamiteiros simultáneos ás embaixadas estadounidenses e israelís en Manila e outras capitais asiáticas a finais de 1994; os atentados dinamiteiros en 1995 contra unha ducia de avións estadounidenses que cruzaban o Pacífico, e un plan para matar ao presidente Clinton durante unha visita ás Filipinas a comezos de 1995. Segue adestrando, financiando e dando apoio loxístico a grupos terroristas que amparan estes obxectivos(13)”. A pesar de que non se mencionaba no Informe do Departamento de Estado, horas despois dos atentados do 11 de setembro, portavoces do Goberno estadounidense, ao acusar a Osama Ben Laden dos ataques (Bush faríao formalmente só días despois), lembraban tamén que era o autor do atentado contra as Torres Xemelgas de Nova York de 1993, que provocou 4 mortos e máis de 100 feridos. O que non deu explicado, ata o momento, Estados Unidos, e evidentemente non o vai facer nunca, é por qué, a pesar de que as súas acusacións convertían a Ben Laden nun dos terroristas máis perigosos do mundo e sabendo que operaba desde bases moi concretas de Afganistán, tivo que acontecer unha traxedia coma a do martes 11 para que se decidise a promover unha cruzada internacional na súa procura e captura, vivo ou morto. ¿Lanzaríase unha operación semellante se o atentado se realizase noutra parte do mundo, e non contra intereses estadounidenses? Esta é outra das preguntas que ficará sen resposta.
Tampouco se aclara por qué os Estados Unidos de Norteamérica decidiron o día 24 de setembro intervir nas contas bancarias de 27 persoas, empresas ou institucións sospeitosas de financiar a organizacións terroristas ou de embranquecer o seu diñeiro. O día 12 de outubro ampliou o número de contas a 66. No propio Informe de Organizacións Terroristas Estranxeiras do Departamento de Estado citado anteriormente, aclarábase no último parágrafo do apartado dedicado a Al Qaeda: “Dise que Ben Laden, fillo dunha familia saudita multimillonaria, herdou arredor de 300 millóns de dólares, que utiliza para financiar o grupo. Así mesmo, Al Qaeda mantén empresas que xeran diñeiro, recolle doazóns de partidarios que comparten as súas ideas e transfire ilicitamente fondos de doazóns feitas por organizacións caritativas musulmanas(14)”. A pesar deste coñecemento, os Estados Unidos non adoptaron ningunha medida para bloquear no seu propio territorio, e menos aínda no estranxeiro, as voluminosas contas bancarias e empresas relacionadas co “complexo” de Al Qaeda, que inclúe organizacións en varios países como o Exército Islámico, a Fronte Islámica Mundial para a djihad contra Xudeus e Cruzados, o Exército Islámico para a Liberación dos Santos Lugares; a Rede Osama Ben Laden, a Organización Osama Ben Laden, a Fundación de Salvación Islámica e o Grupo para a Preservación dos Santos Lugares. Os países europeos e o propio club dos países máis ricos do mundo, o G-7, parece que repentinamente descubriron tamén contas dos terroristas, e non só relacionadas con Ben Laden, nos seus respectivos países e deberán imitar a fins de setembro a medida estadounidense, bloqueando contas e investimentos de persoas e empresas que funcionaban sen obstáculos dende hai anos. Na Lei de Antiterrorismo e Pena de Morte Efectiva de 1996 que mencionabamos antes, xa estaba contemplada a represión dese tipo de delictos nestes termos: “1. É ilegal que unha persoa que se atopa nos Estados Unidos ou estea suxeita á xurisdicción dos Estados Unidos, forneza fondos ou outro tipo de apoio material a unha organización terrorista estranxeira (FTO, Foreign Terrorist Organization) designada (no Informe). 2. Pódeselles negar a visa, ou expulsalos de Estados Unidos, a representantes e certos membros dunha organización terrorista estranxeira, se son estranxeiros. 3. As institucións financeiras norteamericanas deben bloquear os fondos das organizacións terroristas estranxeiras designadas, e dos seus axentes, e informar sobre o seu bloqueo á Secretaría de Control de Bens Estranxeiros do Departamento de Facenda dos Estados Unidos(15)”. Se Estados Unidos contaba desde 1996 con esas ferramentas legais para atacar a rede financeira de organizacións terroristas, e Al Qaeda figura no seu Informe como tal desde outubro de 1998, ¿por que se agardou a catorce días despois dos atentados para bloquear as súas contas? ¿por que os servicios de Intelixencia estadounidenses, os máis prestixiosos do mundo, comezaron a investigar esa rede financeira só despois do martes 11? Tampouco é doado para Washington explicar cómo, contando con todos estes antecedentes sobre o “hóspede” que albergaba o réxime talibán, e que cada vez influía máis económica e politicamente no goberno de Cabul, compañías americanas como a Unocal (Unión Oil Company of California, unha das productoras de petróleo e gas maiores do mundo), negociaba cos seguidores do “mulá” Omar. Unocal, que participou desde 1997 e ata 1998 no consorcio Centgas (Central Asia Gas Pipeline) como socio maioritario –co 46% do capital–, xunto a accionistas sauditas, paquistanís e outros, proxectaba construír un xigantesco gasoducto de 1.200 quilómetros que debía atravesar Turkmenistán, Afganistán, Paquistán, o Mar de Arabia e o Océano Índico(16).
No seu propósito de comprometer a maior cantidade de países na súa cruzada antiterrorista, Estados Unidos recibiu un forte revés coa negativa de Arabia Saudita a emprestarlle o apoio loxístico que lle demandaba para atacar o réxime talibán e as bases de Ben Laden en Afganistán. En 1991, as facilidades loxísticas brindadas pola monarquía saudita, tanto aos Estados Unidos como á máis grande coalición internacional militar coñecida desde a II Guerra Mundial, foron claves para centralizar as operacións contra Iraq, tanto por aire e mar como por terra. Daquela tratábase, sen embargo, dun Goberno laico como o de Sadam Husein e o seu Partido Baas (xurdido do mesmo tronco que o partido gobernamental sirio en 1947 e que tivo como principal ideólogo a un cristián, Michel Afluq). Curiosamente, foi a CIA a que axudou, en febreiro de 1963, a uparse no poder ao Partido Baas –ata entón cunha forza insignificante– a través dun golpe contra o coronel Abdul-Karim Qasim, o home que cinco anos antes liderara á vez o golpe de estado que acabou co mandato británico. O 17 de xullo de 1968, é Sadam Husein, xunto con Ahmad Al-Bakr, quen lidera unha nova asonada en Iraq, desprazando aos seus aliados e pasando a exercer todo o poder. Arabia Saudita non podía deixar de ver con preocupación a un réxime de semellantes características, que, por outro lado, era un grande competidor na producción e exportación de petróleo a Occidente. As relacións entre Arabia Saudita e Occidente tensáronse cando EUA, outros países occidentais e mesmo a URSS, decidiron armar ata os dentes ao réxime de Sadam Husein para que librase unha terrible e longa guerra –calcúlase que morreu un millón de persoas– contra o “demo” que acababa de aparecer en Irán. O “aiatolá” Khomeini, á cabeza dunha revolución islámica, acababa de derrocar ao prooccidental goberno do “sha” Reza Pavlevi, quen durante anos desempeñou un papel clave para Occidente en toda a rexión. Arabia Saudita vía cómo o poderío militar iraquí aumentaba de ano en ano. En 1985, Iraq convertérase xa no principal importador de armas do mundo, cun orzamento militar mensual de 1.000 millóns de dólares. No período 1981-1985, o Goberno de Bagdad importou 24.000 millóns en equipamento militar, e parte do mesmo eran elementos para fabricar armas químicas. Sadam Husein comprendeu tarde que a invasión de Kuwait non podería ser tolerada polos Estados Unidos e que non contaría cun apoio decidido, un apoio militar, do mundo árabe á súa aventura. Buscando un elemento aglutinador e mobilizador, Sadam tratou de lle facer esquecer ao mundo o carácter laico do seu réxime e o 10 de agosto de 1991, por primeira vez, fixo un chamamento á djihad. Sabía que era a súa última oportunidade, pero sabía tamén que non podía contar coa solidariedade de gobernos de peso, polo que apostou por facer un chamamento á inexistente “nación árabe” e aos musulmáns de todo o mundo. “Os vosos amos, os emires do petróleo, traizoáronvos ao entregarlles as vosas terras aos estranxeiros. Demostrádelles a estes traidores que xa non hai sitio para eles na nosa comunidade musulmana”, dixo daquela(17). Sadam non logrou o efecto buscado. Malia que en moitos países árabes houbo importantes manifestacións de apoio a Bagdad, o réxime iraquí tivo que librar en solitario a súa “nai de todas as batallas” contra a xigantesca maquinaria de guerra internacional montada na súa contra. Naquel momento, Sadam Husein tivo en fronte mesmo a Siria, un país gobernado, como Iraq, polo Partido Baas, formación nacida nos anos 40 “para liderar á nación árabe”, pero que posúe faccións que viven confrontadas desde hai anos. Sen embargo, naquel intre, o Goberno de Hafez el-Asad, tradicional inimigo acérrimo dos Estados Unidos, decidiu ser máis pragmático e pensar máis no apoio económico e financeiro que precisaba de Occidente que na solidariedade da “nación árabe”. Nun aceno inesperado, insólito, El Asad decidiu achegar tropas para a operación Treboada do Deserto, e tivo que reprimir violentamente aos crecentes movementos integristas islámicos e mesmo aos críticos das súas propias Forzas Armadas. Siria ten agora un papel moi distinto do que tivo daquela. Hoxe en día, é un dos países que está focalizado pola lupa do Departamento de Estado e da Casa Branca como un branco non descartable da operación “Liberdade Duradeira”. No caso de Arabia Saudita, durante a Guerra do Golfo era precisamente un dos países aos que denunciaba Sadam Husein, no seu mal calculado tento por lograr unha rebelión xeneralizada dos musulmáns. Pero a situación de entón era a todas luces moi distinta da actual. Enganáronse os Estados Unidos, e Occidente en xeral, se creron que o aliado saudita de hai dez anos adoptaría a mesma actitude de colaboración que demostrou contra Sadam Husein, cando se tratase de atacar ao réxime integrista talibán e ás bases de Ben Laden. Durante a Guerra do Golfo, tanto os intereses económicos como xeoestratéxicos e relixiosos de Arabia Saudita situábanse claramente en contra de Bagdad, polo que non tiñan dúbidas na súa disposición a apoiar á coalición internacional dos “infieis” liderada por Estados Unidos, se con iso lograba frear os ímpetos do seu molesto veciño, asegurándose deste xeito a posibilidade de aumentar a súa cota de exportación de petróleo. As sancións aplicadas a Iraq polos vencedores da guerra hai dez anos impedíronlle, impídenlle, seguir exportando petróleo, agás unha pequena cota cuns ingresos de 2.000 millóns de dólares por semestre, que segundo a resolución 986 do Consello de Seguridade da ONU de 1995 –que entrou en vigor un ano máis tarde–, só pode utilizar para mercar alimentos e medicamentos. Na práctica é a propia ONU a que non cumpre co acordo de “petróleo a cambio de alimentos e medicinas”. Como denunciaba xa catro anos atrás Paúl-Marie da Gorce(18), o Consello entrega en realidade a Iraq unha escasa cantidade de alimentos e medicinas en troques do petróleo, dado que asigna o groso do obtido pola venda do combustible a pagar o propio funcionamento da Unscom (United Nacions Special comission), a indemnizar aos países considerados víctimas da Guerra do Golfo, mentres que outra parte se destina ás rexións kurdas iraquís. Anos despois da Guerra do Golfo, os intereses de Arabia Saudita volveron a cadrar conxunturalmente cos dos Estados Unidos diante doutro grande conflicto bélico, o de Afganistán. A monarquía feudal saudita desempeñou un importante papel no apoio á guerrilla “muiaidin” –aqueles aos que EUA chamou no seu momento os “loitadores da liberdade”, (ao igual que fixo cos “contra” en Nicaragua)– que enfrontou durante anos en Afganistán ás tropas rusas, logrando finalmente que estas se retirasen do país, en 1996. Os “loitadores da liberdade” afgáns haberían de influír notablemente, unha vez rematada a guerra, no xurdimento de movementos extremistas islámicos en varios países. “Os milleiros de voluntarios musulmáns que se uniron aos “loitadores da liberdade”, tal como os bautizou EUA, convertéronse nos apóstolos da “boa nova”, cando, derrotados os soviéticos, volveron aos seus países de orixe. Esa é a principal razón pola que un modelo tan extremista e minoritario como o talibán está a atopar apoios dentro do mundo musulmán, un universo moitísimo máis complexo e plural que o que esta empobrecedora interpretación do Islam nos quere transmitir(19)”. A DEA (axencia antidroga norteamericana) ollou para outro lado durante a guerra dos talibáns contra as tropas rusas, cando recorreron tamén como fonte de financiamento á producción e exportación de opio. Desde 1994, Afganistán pasou a ser o principal productor mundial de opio –2.800 toneladas anuais– , e bateu todas as marcas en 1999 –4.600 toneladas–, segundo o Observatorio Francés de Drogas e Toxicomanías (OFDT)(20). Afganistán logrou desprazar do primeiro posto a outro grande productor, Birmania. “Os servicios especiais paquistanís (ISI) tiñan o monopolio das entregas de armas aos muiaidins afgáns, cos financiamentos asegurados por Arabia Saudita e os Estados Unidos”, lembra o director do OFDT, Alain Labrouse. “Os camións de armas paquistanís volvían de Afganistán cargados de opio”. Os cartos do tráfico servían tamén para financiar a grupos disidentes en India, aos islamitas activos en Cachemira, e, nos anos 80, aos sikhs do Pendjadb(21)”. A monarquía saudita financiou non soamente unha boa parte do armamento e adestramento da oposición afgana, senón que tivo tamén un papel clave na convocatoria e traslado ás montañas de Afganistán de milleiros de combatentes islámicos provenientes de diversos países de Oriente Próximo. Tamén, nese momento, era para eles unha djihad, unha guerra santa contra o ocupante “infiel”, nada menos que o país berce do comunismo. Mentres os EUA se ven enfrontados agora aos talibáns e a Osama Ben Laden, aos propios monstros que axudaron a crear e a uparse no poder hai poucos anos nun país situado en tan explosiva rexión, Arabia Saudita foi sempre coherente co seu apoio de entón. Foi un dos tres únicos países no mundo (xunto a Paquistán e os Emiratos Árabes Unidos) que recoñeceu formalmente ao réxime talibán, e só tras as grandes presións de EUA acabou aceptando, aínda que refungando, cortar as súas relacións diplomáticas con Cabul, o pasado 25 de setembro, días antes de que comezasen os ataques estadounidenses contra Afganistán, e só despois de que o fixesen os Emiratos Árabes Unidos. A actitude de Riad non é en realidade ningunha sorpresa. Atópase entre dous lumes. Por un lado están os sólidos lazos económicos e financeiros con EUA, a voluminosa exportación de petróleo a Occidente da que provén a súa grande riqueza, pero por outro está o seu grande peso dentro do mundo musulmán, onde son moitas as voces que se erguen para defender ao réxime talibán, e a Ben Laden, da cruzada dos “infieis”. En definitiva, ¿non é Arabia Saudita o berce do integrismo islámico máis intransixente? Mentres Sadam Husein estaba no punto de mira dos EUA como novo “demo número 1” e pasaba a desprazar en protagonismo aos seus predecesores nese status: o “aiatolá” Khomeini; o coronel Muamar El-Gadaffi; o xeneral panameño Manuel Antonio Noriega; o réxime sandinista de Nicaragua(22) e o mesmiño comandante Fidel Castro, a monarquía saudita exportaba o seu integrismo a todo o mundo. Ao centrarse no setembro pasado a atención no réxime talibán, os especialistas lembraron que este se encadraba dentro da facción islámica wahhabita. Sen embargo, ao aparecer na escena política mundial os talibáns, despois de anos, primeiro coa destrucción dos monumentais Budas de Bamiián, e logo coa detención de cooperantes estranxeiros, acusados de “propagar o cristianismo”, e por último, tras o 11 de setembro, ao coñecerse que albergaban os santuarios de Osama Ben Laden, pouco se lembrou sobre a orixe do wahhabismo e sobre o país que é o seu principal propagandista. “Muhammad ibn Abd al-Wahhab, ás súas doutrinas débeselle a existencia da actual Arabia Saudita, foi un dos integristas máis extremosos da historia do Islam. A djihad foi o medio utilizado polos wahhabitas para se expandiren ata o XIX. A súa intransixencia levounos a loitar non só contra os non musulmáns, senón tamén contra todos aqueles musulmáns opostos ás moi particulares doutrinas de Al-Wahhab. A súa intolerancia levouno a tentar reconstruír exactamente a vida do Profeta, Mahoma, rexeitando moitos preceptos islámicos implantados a partir do século VII, entre eles a prohibición de entrar en guerra contra outro país musulmán(23)”. Al Wahhab, en alianza con Mohamed ibn Saoud (que morreu en 1765) conquista as cidades da Meca e Medina, e os otománs envían a Mehmet Alí para frear as exterminacións cometidas no nome do wahhabismo. A pesar de que Al Wahhab morre en 1792, os seus seguidores e os seus aliados, os Ibn Saoud, seguirán o seu camiño e converterán á cidade de Riad na capital, onde haberían de construír un poderoso Estado (1820-1891). “Despois dalgúns anos, Abdel Aziz Ibn Saoud reconquista diferentes rexións da península arábiga e funda en 1932 o Reino de Arabia Saudita(24)”. ¿Que significa en esencia o integrismo ou fundamentalismo islámico? Non quere dicir máis que “o retorno ao Islam”, a un Islam enxebre, puro, ortodoxo. Á construcción dun Estado rexido pola “lei divina”, con multitude de variantes internas, pero todas elas enfrontadas á liberalización da relixión e os costumes, impulsada polo nacionalismo árabe que representou o propio Partido Baas sirio e iraquí, esencialmente laicos. Os billóns de dólares obtidos cada ano por Arabia Saudita coa exportación de máis do 80 por cento do petróleo que se consume no mundo, permiten algo máis que alimentar aos preto de 4.000 membros da súa familia real e aos outros poucos privilexiados que viven no seu territorio. O rei Fahd, cos seus poderosos “petrodólares”, converteu o seu reino no verdadeiro banqueiro do Islam no mundo. Desde moito antes da Guerra do Golfo, unha das grandes preocupacións desta monarquía de corte medieval foi asegurar a difusión dun islamismo de corte retrógrado e intolerante. O diñeiro de Riad non dubidou en financiar a campaña das municipais do islámico FIS alxerino –e posteriormente apoiar ao GIA nese país–, aos tunecinos do MTI, e a innumerables organizacións, tanto no mundo musulmán como en Occidente. “Dous son os organismos financeiros que se encargan de centralizar as finanzas sauditas destinadas a difundir o Islam no mundo: o Banco Islámico de Desenvolvemento (BID) e a sociedade de inversores Dar Al-Maal Al-Islami (DMI). O BID (sen relación ningunha co Banco Interamericano de Desenvolvemento, que ten as mesmas siglas), foi creado en 1975 por 44 países musulmáns, conta (en 1990) cun capital de 2.500 millóns de dólares, do que Arabia Saudita posúe o 26%. Moitas veces denunciouse a chantaxe á que Riad somete aqueles países aos que axuda economicamente. Moitos dos proxectos están condicionados a que se autorice a construír mesquitas e espallar o fundamentalismo wahhabita(25)”. Os petrodólares do rei Fahd serviron dende hai moitos anos para controlar maioritariamente a case totalidade das organizacións islámicas internacionais importantes: o Congreso do Mundo Musulmán, a Liga Árabe, a Liga Islámica Mundial, a Federación Mundial de Misións Islámicas, a Organización Islámica para a Educación, Ciencias e a Cultura (Isesco), a Organización da Conferencia Islámica, ou o Consello Supremo das Mesquitas. Invístense millóns de dólares na construcción de mesquitas, en centros de estudio do Corán e na publicación de libros relixiosos en todo o mundo. Arabia Saudita tamén estivo presente desde o primeiro momento no Comité de Acción anti-Rushdie, organismo que xa en outubro de 1988 pediu publicamente na Grande Bretaña que se prohibise o polémico libro “Versos satánicos”, tres meses antes de que Khomeini condenase a morte ao seu autor, Salman Rusdhie. Tras a Guerra do Golfo, a posición de Arabia Saudita ao lado da cruzada multinacional antiiraquí valeulle duras críticas de moitos dos grupos radicais islámicos aos que financiaba. A corrupción do seu réxime foi tamén considerada por moitos sectores como oposta aos principios do Islam. A pesar de que oficialmente se produciu un certo distanciamento entre a monarquía saudita e varias desas organizacións, importantes homes de negocios sauditas, coa compracencia do réxime, seguiron financiando moitas das súas actividades. “A Guerra do Golfo tivo graves consecuencias internas nas chamadas terras do Islam. Os sentimentos comezaron a ser cada vez máis de musulmáns contra Occidente. O Islam pasou a ocupar a base ideolóxica dos movementos políticos substituíndo o sentimento nacionalista ou panarabista que dominou a primeira metade do século XX(26)”. Arabia Saudita, un país no que traballan ducias de milleiros de cidadáns norteamericanos e europeos, fundamentalmente no sistema bancario, financeiro e tecnolóxico, que mantén fortes relacións militares con Occidente, especialmente cos Estados Unidos, país que ten 5.000 soldados no seu territorio e que ten avanzado material bélico –por valor de 16,5 billóns de dólares entre 1995 e 1998(27)– é, curiosamente, o berce do integrismo islámico máis intransixente e extremista. Este aliado clave de EUA e Occidente na zona do Golfo segue carecendo de Parlamento, non conta con outra Constitución ou lei que non sexa a sharia; discrimina brutalmente á muller; castiga calquera actividade política da oposición; impide toda actividade relixiosa que non sexa a islámica e, dentro desta, discrimina á comunidade chiita (a maioritaria no Irán); castiga coa morte o aborto e o adulterio; aplica sistematicamente a tortura aos detidos; trata como cidadáns de segunda clase aos inmigrantes estranxeiros; negouse a asinar a Convención internacional para os refuxiados, de 1951, e o seu Protocolo de 1967. Arabia Saudita, sen embargo, non figura na lista de países denunciados polo Departamento de Estado polas súas violacións dos dereitos humanos e as liberdades democráticas. “Arabia Saudita non aparece mencionada na presentación ao Congreso (de EUA) do orzamento do Departamento de Estado, con relación a programas para promover os valores democráticos, a sociedade civil e os dereitos humanos(28)”. Para Washington, o reino saudita é unha peza clave na rexión; ten un valor estratéxico fundamental, tanto polos recursos enerxéticos como polo enclave xeográfico e importancia militar. Estados Unidos desempeñou un papel fundamental na formación das Forzas Armadas sauditas, en 1940, e desde 1948 o Pentágono ocúpase de adestrar as súas tropas. Por todo iso, para Estados Unidos é fundamental nestes momentos tentar comprometer á monarquía saudita contra o goberno talibán e contra as hostes de Osama Ben Laden. Estados Unidos confía en lograr que rachen estes vínculos, o que suporía, á vez, a definitiva ruptura de Arabia Saudita con grupos extremistas islámicos en todo o mundo. Pero Washington é consciente de que debe actuar con moito tacto. O réxime saudita é hoxe moito máis vulnerable que hai dez anos. A loita aberta pola sucesión do rei Fahd –en estado semicomatoso dende 1995– que se abriu no seo da familia real, engadido a un descontento social provocado polo aumento do desemprego e o descenso no nivel de vida dos sauditas, creou unha situación de inestabilidade política que ben podería ser aproveitada por Ben Laden. O mesiánico líder de Al Qaeda –de orixe saudita, por certo– preme desde hai anos para que a monarquía de Riad se “reforme”, aplicando estrictamente a sharia, a lei islámica. As críticas constantes de Ben Laden á monarquía de Fahd fixeron que este acabase xa hai anos por retirarlle a nacionalidade. A pesar de que o réxime saudita quere evitar friccións internas no integrismo islámico, que debilitarían a nivel mundial a fronte contra os “infieis”, necesita evitar que Ben Laden pase a ser un novo “faro”, un mito popular, que acabe tomando cada vez máis forza dentro do mundo fundamentalista. A tendencia islámica personalizada en Osama Ben Laden e o réxime talibán “está vinculada coas teorías salafistas de Muhamad Abduh, grande muftí de Exipto morto en 1905, quen, á vez, actualizou o pensamento de Ibn Taymiya (1263-1328)(29)”. “É a tese do renacemento dun movemento panislamita”, engade Martorell, “que barra da face da Terra a todos os réximes corruptos e heréticos, incluídas as actuais monarquías, emiratos, califatos e réximes nacionalistas, producto, en definitiva, desa decadencia”. As monarquías do Golfo, e non só a saudita, préstanlle atención a este tipo de mensaxes, temen que as proclamas de Ben Laden enchoupen as súas poboacións, e por iso mantiveron, ao igual que Riad, unha actitude distinta á que adoptaron durante a Guerra do golfo. O Consello de Cooperación do Golfo Pérsico (CCG, constituído por Bahrein, Omán, Qatar e Emiratos Árabes Unidos, ademais de Arabia Saudita), reunido en Ieda días despois do martes 11, pronunciouse a favor da “loita antiterrorista”, pero preocupáronse moi especialmente de denunciar tamén “os actos do terrorismo de Israel contra os palestinos”, e negáronse a emprestar as súas bases a EUA para atacar a Afganistán. Semanas despois, o 10 de outubro, eran os 57 países da Conferencia Islámica, reunidos en Qatar, os que esixían a EUA que limitase aos autores dos atentados do 11 de setembro os seus ataques contra Afganistán, e advertían de que ningunha nación árabe islámica fose atacada “co pretexto da loita contra o terrorismo”. Sen dúbida, os novos e valiosos aliados que conseguiu EUA para a súa cruzada foron Rusia, que emprestou o seu espacio aéreo; Uzbequistán –un país acusado ata entón por Washington pola súa violación sistemática dos dereitos humanos– e Paquistán. Bush apostou fortemente no plano económico e político para premer sobre o goberno de Islamabad para que rompese a estreita relación que mantivo cos talibáns desde os anos 80 e se sumase á coalición antiterrorista internacional, aínda que ese apoio pode provocar unha explosión social interna en Paquistán de imprevisibles consecuencias. “Sería irónico que Estados Unidos conseguise a Ben Laden e no mesmo proceso perdese a Paquistán a favor dos fundamentalistas partidarios da liña dura”, reflexionaba Graham E. Fuller, ex vicepresidente do Consello Nacional de Intelixencia da CIA(30). Se conseguise que Riad non só cortase con Cabul, senón que tamén renunciase a seguir sendo o faro do integrismo islámico no mundo, Estados Unidos mataría varios paxaros dun tiro, lograría sacarlle a este, sen dúbida, unha das súas fontes de financiamento e apoio institucional máis importantes.
Non son poucos os analistas que, tras os sucesos do martes 11, deron por seguro que a necesidade que tiñan os Estados Unidos de buscar a solidariedade de decenas de países para a súa cruzada antiterrorista internacional, levaríaos irremediablemente a acabar co unilateralismo que caracterizara historicamente a política exterior norteamericana, e que se agudizou especialmente desde a chegada de George W. Bush ao poder. Sen embargo, non semellan existir sólidos argumentos para dar por certa tal tese. Doce días despois do martes 11, Bush anunciaba o levantamento das sancións económicas e militares impostas a Paquistán e a India en 1998 como represalia polas súas probas nucleares, en troques do seu apoio na guerra contra Cabul. Sen embargo, se prescindimos de tácticas de conveniencia deste tipo, non parece que nada substancial vaia mudar en canto á visión unilateralista americana. A operación “Treboada do Deserto” de 1991, deseñada por Estados Unidos para castigar a Iraq pola invasión de Kuwait do 2 de agosto de 1990, foi tamén unha macro cruzada na que logrou comprometer a un gran número de países de todo o planeta. Foi o entón presidente George Bush “sénior” quen deu por iniciada a “nova orde mundial” tras a fin da Guerra do Golfo. Sen embargo, esta suposta “nova orde”, na medida que reforzou aínda máis a hexemonía mundial estadounidense, xa evidente tras a caída do bloque comunista, non supuxo nin moito menos unha ruptura da política unilateralista de Estados Unidos de Norteamérica. En todo caso, os poucos pasos dados nesta dirección posteriormente polo presidente demócrata Bill Clinton, serían revertidos drasticamente co retorno ao poder dos republicanos, con Bush “júnior” á cabeza. Un rápido repaso polas súas decisións unilateralistas, que o levaron a enfrontarse en varios terreos non só cos seus aliados europeos, senón a boa parte da comunidade internacional, mostran claramente cómo o presidente estadounidense afondou abertamente nesa orientación. Aínda que con variantes entre algunhas administracións demócratas e republicanas, e con polémicas internas respectivamente no seo delas, inclusive na actual, o unilateralismo caracteriza en xeral a política exterior estadounidense desde a Doutrina Monroe. Nin sequera o pago de máis da metade da xigantesca débeda que tiña contraída coas Nacións Unidas desde hai anos pode considerarse como unha ruptura coa tendencia unilateralista. A pesar do gran peso que ten na ONU e do seu dereito de veto no Consello de Seguridade, que paralizou a aplicación de tantas resolucións votadas na Asemblea Xeral, como a 242 e 332 contra Israel, Estados Unidos mantivo unha relación conflictiva coas Nacións Unidas, e especialmente desde a chegada de Bush ao poder. O 29 de setembro de 2001, o Congreso estadounidense autorizou o pagamento á ONU de 582 millóns de dólares (655 millóns de euros. 109.000 millóns de pesetas) dos case 1.000 millóns (1.126 millóns de euros, máis de 180.000 millóns de pesetas) que debía Washington. Estados Unidos só decidiu pagar a débeda, que pola súa importancia influíra decisivamente na grave crise financeira da ONU, despois de que o Consello de Seguridade votase ese mesmo día unha histórica resolución que obriga aos seus 189 países membros a combater no plano económico, policial e xudicial a unha serie de organizacións terroristas indicadas por EUA. A resolución non é outra cousa que un apoio legal mundial para as accións bélicas que Estados Unidos queira emprender de agora en diante, en aras da loita contra do terrorismo. “Ás veces irrítame ter que explicar que Estados Unidos non é unilateralista”, declaraba á revista “Times” Colin Powell unha semana antes do martes, 11. “Non se pode ser unilateralista”, engadía o secretario de Estado. Powell, precisamente, é o máximo representante da liña “antiillacionista” dentro da Administración Bush, enfrontado a todas luces co sector dominante, representado por Dick Cheney, Donald Rumsfeld, Condoleezza Rice, e, por suposto, co propio presidente. A pesar da molestia que reflectía Powell en “Times”, a celeridade con que Bush imprimiu os trocos na política exterior, visible na seguinte relación cronolóxica, non deixaron lugar a dúbidas sobre o rumbo unilateralista da súa Administración: • Tribunal Penal Internacional (TPI) O 2 de xaneiro de 2001, o portavoz do electo presidente Bush “júnior” xa adiantou que a nova Administración reclamaría cambios no Tratado elaborado en Roma en 1998 por 120 países para constituír o primeiro Tribunal Penal Internacional, antes de que fose enviado ao Senado para ser ratificado. O presidente saínte, Bill Clinton, asinara o Tratado só días antes de marchar da Casa Branca, polo que no seu momento recibiu eloxios en Europa, pero, a realidade é que fixera unha recomendación expresa para que a nova Administración que o sucedese aclarase unha serie de aspectos antes de ratificalo. Inicialmente, EUA foi un dos sete países –xunto a Israel, China e Turquía entre outros– que votaron en contra, mentres 21 países se abstiveron. Meses despois, en agosto de 2001, o Goberno Bush enviaba ao Congreso un proxecto de lei, a Lei de Protección dos Membros do Servicio Americano, na que se prohibe expresamente que o TPI da Haia poida xulgar a cidadáns estadounidenses, mesmo contemplando o uso da forza contra o tribunal no caso de que pretendese facelo. • Protocolo de Kioto O 28 de marzo de 2001 George W. Bush anuncia que o seu país non ratificaría o Protocolo de Kioto de 1997, que EUA asinou en novembro de 1997, comprometéndose xunto a outros 180 países a reducir as emisións de gas ata o ano 2012. Para que o protocolo entrase en vigor cumpría que ao menos o ratificasen 55 nacións, representando ao menos o 55% das emisións de gas. Co boicot de Estados Unidos –responsable do 36% desas emisións–, que sostivo na súa argumentación que reducir as emisións de gas entre un 5% e un 7% afectaba “aos costumes de uso de enerxía dos estadounidenses”, o futuro do Protocolo dependía esencialmente de Xapón, Canadá e Rusia. Finalmente, o 23 de xullo pasado e tras tres anos e medio de negociacións, 180 países participantes da Conferencia de Nacións Unidas sobre o Clima reunidos en Bonn deron o seu respaldo ao Protocolo de Kioto, superando con moito o número de países mínimo que se requiría para a ser ratificado. Isto suporía un importante distanciamento do Goberno Bush do resto da comunidade internacional. • Tratado de Mísiles Antibalísticos O 1 de maio de 2001, Bush adianta a decisión de abandonar o Tratado de Mísiles Antibalísticos (ABM), un compromiso estratéxico de grande importancia asinado en 1972 coa entón Unión Soviética, e polo cal as dúas superpotencias chegaron a un acordo sobre o número de cabezas nucleares móbiles de ICBM (mísiles balísticos intercontinentais) co que cada un podía contar para a súa defensa estratéxica. Estados Unidos considérao hoxe en día contradictorio co seu xigantesco proxecto de defensa espacial, o escudo antimísiles, e desoe as advertencias de Rusia, China e Corea do Norte sobre os perigos para a paz mundial que supón romper un acordo de semellante importancia. • Acordo para limitar a producción e venda de armas lixeiras O 21 de xullo de 2001, Estados Unidos torpedea en Nova York a Conferencia Internacional sobre o control de armas lixeiras, convocada pola ONU, enfrontándose abertamente coa Unión Europea e Canadá, e coincidindo parcialmente con China e Rusia. A Conferencia tiña como obxectivo primordial controlar o tráfico ilícito de armas lixeiras que, segundo Nacións Unidas, eran as que nese momento predominaban en 46 dos 49 grandes conflictos armados existentes no mundo, e que provocan entre 500.000 e 700.000 mortos por ano, a maioría deles civís. Respondendo aos importantes intereses económicos do “lobby” armamentístico estadounidense e aos importantes apoios do Partido Republicano, como a National Rifle Association, grupo de máis dun millón de membros dirixido polo actor Charlton Heston, Estados Unidos xustificou o seu rexeitamento a calquera tipo de acordo en que se tentaba privar aos seus cidadáns do seu histórico dereito a portar armas. • Convención sobre Armas Biolóxicas O 25 de xullo de 2001, Bush tira por terra sete anos de negociacións para tentar chegar a un acordo internacional sobre un mecanismo de verificación dos compromisos da Convención internacional sobre Armas Biolóxicas de 1972. O negociador de Estados Unidos na reunión de xullo pasado, Donald A. Mahley, denunciou nese momento que o acordo que se persegue “podería por en risco a seguridade nacional e a información confidencial empresarial”. Mahley negou a denuncia dalgúns países da Unión Europea, de que a resistencia de EUA se debese á presión do ”lobby” dos laboratorios farmacéuticos norteamericanos. Curiosamente, Estados Unidos, o país que debeu improvisadamente cualificar o ántrax como un perigo para a súa seguridade nacional, a partir de outubro de 2001, só meses antes rexeitaba o protocolo sobre as armas de destrucción masiva a base de xermes, virus ou bacterias. A Convención de 1972 foi xa ratificada por 143 países, e o mecanismo de verificación conta xa co apoio de máis de 50 países –entre eles 28 países europeos–, pero a oposición de EUA a seguir negociando sequera –algo si aceptado por outros países como China, Rusia, Paquistán, Irán e Cuba, que son remisos ao protocolo– constituíu outro revés de primeira orde. • Conferencia Internacional contra o Racismo Os Estados Unidos, xunto con Israel, retiráronse o 3 de setembro de 2001 da histórica Conferencia contra o Racismo realizada en Durbam (Sudáfrica) por iniciativa das Nacións Unidas, alegando que na súa declaración final, na que se condenou o racismo, o tráfico de persoas e a escravitude á que someteron as potencias coloniais no pasado a millóns de persoas, se podía comprobar “unha linguaxe chea de odio contra Israel”. EUA xa boicoteara os dous encontros anteriores, os de 1978 e 1983 en Xenebra. A amplitude e variedade de terreos nos que a Administración Bush mostrou a súa marcada orientación unilateralista, visíbeis nesta lista incompleta, non permite prever que vaia ser revertida pola necesidade de gañar aliados na súa actual cruzada antiterrorista internacional. Pola contra, os compromisos que EUA está a esixir no plano político, legal, financeiro e militar, a gran número de países para tentar acabar con todos os inimigos que ten soltos polo mundo e o recoñecemento explícito dos seus aliados da OTAN e da Unión Europea de que ten o “dereito” de liderar esa longa e ampla campaña, fan prever que a hexemonía mundial estadounidense sairá altamente reforzada coa operación “Liberdade Duradeira”. Roberto Montoya é xefe da sección Internacional do xornal El Mundo. |
|
|
| Notas (1) The New York Times, como a maioría dos grandes medios, criticou o baleiro de poder existente tras os ataques terroristas da mañá do 11 de setembro. “Mentres a nación contemplaba as imaxes do World Trade Center esboroándose, a única figura visible en Washington foi a conselleira presidencial Karen Haughes, que declinou contestar ás preguntas”, 14 de setembro de 2001. (2) The New York Times, do venres 21 de setembro, http://www.nytimes.com. (3) Enquisa da cadea de TV norteamericana ABC e The Washington Post, do 21/09/2001. O 63% dos enquisados mostrouse partidario de levar a cabo “unha ampla guerra contra os terroristas e os países que lles dean acubillo”. Noutra enquisa paralela da revista Time e da CNN, o 55% dos estadounidenses mostráronse a favor dunha “invasión terrestre” sobre Afganistán, e o 81% aceptaba “o asasinato dos líderes responsables das masacres de Nova York e do Pentágono”. (4) Global Trends 2015: A Dialogue about the future with non government Experts, pódese consultar na web da CIA: http://www.odci.gov/cia/publications/pubs.html. (5) Tempo Exterior nº 2, segunda etapa, vol.II, xaneiro/xuño 2001, artigo de Fernández Pérez-Barreiro Nolla. (6) The New Threat ou Mass Destruction, by Richard K.Betts (january/february 1998), pódese consultar na web da revista Foreign Affairs: http://www.foreignaffairs.org/home/terrorism.asp. (7) Catastrophic Terrorism:Tacling the Neww Danger, by Ashton Carter, John Deutch, and Philip Zelikow (november/december 1998) na citada web de Foreign Affairs. (8) Keepinng America’s Military Edge, by Ashton B.Carter (january/february 2001), na web de Foreign Affairs. (9) Beyond Border Controlo, by Stephen E.Flynn (november/december 2000), na web de Foreign Affairs. (10) “A decisión de axudar a Estados Unidos e aceptar as súas peticións foi adoptada de xeito unánime e rapidamente”, dixo Robertson en conferencia de prensa en Bruxelas o 04/10/2001. “Será EUA quen exercerá o liderado da operación”. (11) “Os aliados están comprometidos a apoiar o liderado de EUA na súa loita contra o terrorismo”, dixo, pola súa parte, o primeiro ministro británico, Tony Blair, o 05/10/2001. (12) Ver web do Departamento de Estado: http://usinfo.state.gov/. (13) Web do Departamento de Estado citado. (14) Informe do Departamento de Estado citado. (15) Ver na web do Departamento de Estado o Informe sobre organizacións terroristas estranxeiras, Designacións da secretaría de Estado, outubro 1999 en: http://usinfo.state.gov/. (16) “Jusqu’en 1998, les Etats-Unis on été les maîteres d’oeuvre des projets gaziers des talibans”, artigo de Hervé Kempf, en Le Monde, do 21-22 de outubro de 2001. (17) Citado no artigo “La guerra santa, clamor de millones de musulmanes”, de Roberto Montoya, en Grandes Temas do Domingo, do diario El Independiente, 27/01/1991. (18) “Les déconvenus de la croisade américaine contre Bagdad”, art.de Paul-Marie de la Gorce, en Le Monde Diplomatique, decembro 1997, páx 8 e 9, en http://www.monde-diplomatique.fr/. (19) “La olvidada diversidad política del Islam”, artigo de Manuel Martorell, En El Mundo, do 21/10/2001. (20) Citado por Le Monde, 20-21 de outubro de 2001. (21) Ídem. (22) No seu discurso do 8 de xullo de 1985, Ronald Reagan acusou a cinco estados de “organizar e/ou apoiar ao terrorismo”: Irán, Libia, Corea do Norte, Cuba e Nicaragua. (23) “Arabia Saudita, la cuna del integrismo islámico”, art.de Roberto Montoya, en Grandes Temas do Domingo, xornal El Independiente, Madrid, 28/01/1990. (24) Mondes Rebelis, L’Encyclopedie des Conflicts, Editions Michalon, París, 1999. (25) Ídem. (26) “La injusticia infinita”, artigo de Abdel Hamid Beyuki, en El Mundo, do 02/10/2001. (27) A venda de armas de Estados Unidos a Arabia Saudita aumentou de 10,5 billóns de dólares no período 1991-94, a 16,4 billóns de 1995 a 1998.Ver o apartado de Arabia Saudita en World Report 2000, de Human Rights Watch; web: http://www.hrv.org. (28) Ídem. (29) Manuel Martorell, art. citado. (30) “Afganistán y el terrorismo”, columna de Graham E.Fuller, ex agregado político na embaixada de EUA en Cabul de 1975 a 1978, publicado en El País do 01/10/2001. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/12/2001
|