Tempo Exterior nº 3 segunda época - xullo/decembro 2001Volver ó sumario
Resume - Resumen - Abstract
 
Couto Mixto, unha república esquecida


Luís Manuel García Mañá
 

A perspectiva que temos da institución histórica do denominado Couto Mixto, ou non existe, ou é de sorpresa ós ollos do Século XXI. No primeiro caso, porque para a maioría da xente trátase de algo que non lle soa, do que endexamais oíu falar. No segundo pola dificultade de admitir que, ata ben adiantado o Século XIX, existira un territorio situado na mesma liña fronteiriza, independente, na práctica, de España e Portugal dende a brumosa Idade Media.

De feito non resulta doado imaxinar unha especie de microestado, ou de microrepública, pervivindo durante séculos nos confíns fronteirizos dos reinos de Súas Maxestades Católica e Fidelísima (títulos dos monarcas españois e portugueses respectivamente), sen sometemento ás leis dos dous reinos peninsulares, territorio privilexiado, emprazado entre as terras do val do río Salas, en Galicia, e as de Barroso en Tras-Os-Montes, ámbalas dúas montañosas e afastadas das metrópoles rectoras dos estados dominantes.

O certo é que, o 29 de setembro de 1864, asinábase en Lisboa o Tratado de Lindes hispano-luso, aínda hoxe vixente. De acordo co contido do articulado deste instrumento xurídico bilateral, Portugal renunciaba a favor de España, ós dereitos que posuía respecto ó Couto Mixto, recibindo en troques a parte española de tres aldeas denominadas Pobos Promiscuos, situadas algúns quilómetros máis ó leste da mesma raia fronteiriza. A executividade deste acordo materializábase no mes de xuño de 1868, data en que as autoridades deron por rematadas as peculiaridades histórico-xurídicas, que ata entón presidiran a vida dos habitantes do lugar.

Mentres España e Portugal decidían a extinción do Couto Mixto, os veciños deste territorio fitaban mudos, ó non dispor dunha voz ou valedor que os representasen nas cámaras parlamentarias, ou ante as máis sobranceiras maxistraturas dos respectivos reinos. No canto de perderen para sempre os seus privilexios inmemoriais, os que eran da natureza portuguesa só recibiron a oferta de manter esta nacionalidade, opción que haberían de exercitar no prazo dun ano. Evidentemente viña de producirse unha enorme inxustiza histórica, incomprensible ós ollos democráticos da nosa sociedade actual. Ninguén admitiría hoxe que a pertenza de Andorra, ou doutro territorio lindeiro, fose negociado entre España e Francia, de xeito que os seus habitantes perdesen o seu status secular. Pois foi precisamente isto o que ocorreu naquelas xeiras decimonónicas respecto ó Couto, e de xeito inverso respecto ós habitantes españois dos pobos promiscuos.

Mais o lector non informado podería preguntar. ¿Que é iso do Couto Mixto? A estas alturas do texto xa todos saben que se trata dun territorio enclavado entre España e Portugal, formado por tres aldeas, Santiago, Rubiás e Meaus. Hoxe as dúas primeiras pertencen ó concello ourensán de Calvos de Randín, mentres a terceira intégrase no concello de Baltar, tamén da provincia de Ourense. A superficie das aldeas, cos seus predios, acadaba cara 1860 as 2.695 hectáreas, habitadas por unhas mil persoas distribuídas nos devanditos núcleos de poboación.

Aínda que historicamente non existen, polo de agora, documentos que acrediten a orixe da institución, sábese que o Couto naceu ligado ó Castelo da Piconha, vinculado co tempo á Casa de Bragança. Mais tamén, desde finais do Século XV, existiu relación coa casa de Monterrei, e ámbalas dúas casas nobiliarias interviñeron en preitos e concordias entre os habitantes das aldeas mixtas e seus veciños galegos e portugueses. A orixinalidade deste enclave foi a de mante-la súa propia organización, desvinculada das coroas portuguesa e española.

O xefe do Couto, co título de “xuíz gobernativo e político”, era escollido en asemblea de cabezas de familia cada tres anos, auxiliado durante o tempo do seu mandato por “homes de acordo”, dous por cada aldea, e un “vigario de mes”. As súas funcións gobernativas ampliábanse en primeira instancia, en materia xudicial, aínda que nos preitos importantes, os litigantes podíanse acoller ás xustizas galega e portuguesa, de Xinzo e Montalegre, respectivamente. En materia penal, o xuíz sempre coñecía por xurisdicción propia, aínda que tratándose de homicidios, o reo era posto a disposición do xulgado español ou portugués, dependendo da súa natureza.

As concordias e privilexios inmemoriais do Couto, conservábanse nunha arca pechada con tres chaves, que se gardaba na sancristía da igrexa parroquial de Santiago, aldea que viña a constituí-la capitalidade política do territorio.

Entre os dereitos e privilexios máis sobranceiros, sinálanse o de asilo (para os fuxidos da xustiza hispana e lusa), o de non dar soldados, a exención de impostos, a liberdade de comercio, (como o sal, producto estanco ata 1868), liberdade de cultivos como o tabaco, e outros máis. Para exercitar ditos privilexios, no tocante ó comercial, dispuñan dun camiño inmune a acción dos gardas da fronteira. Este camiño comunicaba o Couto coa vila portuguesa de Tourén, atravesando terras galegas de Randín nun percorrido duns seis quilómetros. Eclesiasticamente pertencían á diocese de Ourense, sendo excelentes clientes desta Curia, xa que, de cotío, os veciños solicitaban dispensas por parentesco, co fin de contraer matrimonio entre eles e non perde-las súas vantaxes.

Aínda que podían escoller, o día da súa voda, a nacionalidade portuguesa ou española, e mesmo gravar o “P” ou o “E” nas dependencias da súa morada para acollerse a Portugal ou a España, esta práctica desestimouse nalgún momento, co fin de evitar ser obxecto de abusos e accións dos representantes do país ó que se adscribían.

Mais estes e outros dereitos esvaecéronse a partir do ano de 1864, aínda que a entrega real do Couto Mixto, materializouse anos despois. O gran artífice da negociación da adxudicación a España, foi o diplomático Fidencio Bourman, que conseguiu esnaquiza-las estratexias portuguesas.


A entrega do Couto Mixto a España, e da parte española dos pobos promiscuos a Portugal

O día 23 de xuño de 1868, no lugar de Santiago, aldea do antigo Couto Mixto, xuntábase unha morea de xente no adro da igrexa parroquial, mesmo xunto á bancada que abeira o valado de pedra, fronte á fachada da construcción relixiosa.

Moitos veciños de Santiago, Rubiás e Meaus, os tres pobos que constituíron aquel territorio histórico, observaban o acontecer sen pór atrancos á inxustiza que desde o mes de setembro de 1864 (data do Tratado de Lisboa), estaba a piques de rematar naquel día de principios de verán. As autoridades españolas velaban a orde pública da cerimonia, encargándose desta misión don Mariano Calbo, Oficial do Corpo de Carabineiros do Reino de España, destacado na achegada vila de Calvos de Randín.

O uniformado oficial de Carabineiros, xunto ós seus subordinados, garantían a seguridade dun acto cheo de formalidades, oficiado por parte dos comisionados dos reinos de España e de Portugal, representando ás Súas Maxestades, para extinguir definitivamente os privilexios e peculiaridades histórico-xurídicas que ata entón gozaran os veciños do Couto Mixto.

Para tan sobranceiro evento, o Goberno de Lisboa escollera como representante un “Bacharel” formado en Medicina e Cirurxía na Universidade de Coímbra, veciño de Tourén, chamado Bernardo Antonio Díaz Pereira Magro; mentres o Goberno de Madrid confiara os seus poderes ó avogado dos Tribunais do Reino, Rafael Teijeiro. Ámbolos dous auxiliábanse de fedatarios, sendo tamén acompañados de autoridades locais, como o alcalde de Calvos de Randín, Juan Manuel Tejada, e o administrador do Concello de Montalegre, Sebastiâo de Miranda Atahide Melo e Castro. Así mesmo, outros persoeiros das bisbarras barrosá e ourensá, xunto ao devandito oficial de carabineiros, certificaban como testemuñas do acto de entrega do Couto a España.

Os comisionados principiaron a cerimonia trocando os documentos que acreditaban os seus poderes e representación, cumprindo o requisito da praxe diplomática internacional, fórmula que daba a conformidade para avantar os contidos e formalidades vindeiras. E como non podía ser doutro xeito, acharon conformes as acreditacións para executa-lo disposto no artigo 7º do Tratado de Límites de 29 de setembro de 1864, adxudicando as aldeas de Santiago, Rubiás e Meaus a España.

A entrega constituía o cerne da liturxia que se estaba a desenvolver naquelas alturas da montaña da Raia Seca. Por iso mesmo seguiuse o ritual, confirmando a entrega, ó Delegado da S.M. Católica por parte do representante da S.M. Fidelísima, dos tres pobos coas súas terras, de xeito que solemnemente aceptou o primeiro a posesión “real, corporal, civil –sen cuasi–”, afirmándose que, desde ese intre, as citadas aldeas e seus anexos pasaban a pertencer “integramente ó dominio e soberanía de España”.

Levantada a oportuna acta polos secretarios, nos idiomas castelán e portugués, asinouse e rubricouse por tódolos presentes ó modo do Século XIX. E ben certo que remataron o conto brindando polos monarcas e mollando un abondoso xantar, mentres os veciños de Santiago, Rubiás e Meaus, comezaban un receso na fartura das súas despensas, desde agora inspeccionadas pola Rea Facenda. Morría así unha realidade de séculos.

Catro días despois da cesión de tódolos dereitos do Reino de Portugal en beneficio de España, en relación co Couto Mixto, desenvolvíase unha cerimonia semellante na aldea de Soutelinho, só que esta vez facíase a favor de Portugal, por parte dos representantes españois.

En realidade non se trataba da entrega do conxunto dun territorio, senón da parte considerada española, posto que nas aldeas do Soutelinho, Cambedo e Lamadarcos, (os pobos promiscuos), a liña fronteiriza estaba ben definida, pasando polo medio dos pobos, inclusive atravesando casas. Endexamais se discutira se esta ou aquela construcción estaba dun ou doutro lado da raia lindeira, xa que a divisoria era evidente e coñecida. Así pois, o acto tiña como obxectivo entrega-la parte de pobo correspondente a Galicia, engadindo unha faixa de terreo para afasta-las casas da nova liña fronteiriza, quedando todo o lugar mergullado en terra trasmontana.

As formalidades da cesión delongáronse por espacio de dous días. O 27 de agosto do ano 1868, asinouse en Soutelinho a Acta de entrega do sector galego desta aldea, mentres ó día seguinte, o 28, a atención e asinamento do documento correspondeu ós sectores galegos das aldeas de Cambedo e Lamadarcos.

Os comisarios rexios para a execución formal do mandato do artigo décimo do Tratado de Lisboa, tornaban a se-los mesmos que xa oficiaran, catro días antes, na aldea de Santiago dos Mixtos. Por tal motivo, xuntáronse en Soutelinho o avogado dos Tribunais do Reino de España, Rafael Teijeiro, e o médico Bernardo Antonio Díaz Pereira Magro, representante do monarca lusitano. O secretario por parte española foi José Modesto Blanco, tamén avogado; certificando pola banda portuguesa José Dias da Costa, escribán do Concello de Montalegre, ámbolos dous secretarios xa actuaran coa mesma calidade no Couto Mixto.

Despois dos saúdos e do intercambio de poderes, consta na acta manuscrita respecto a Soutelinho e o territorio deslindado a tal fin, que o delegado da súa Maxestade Católica procede a face-la entrega e conferi-la mencionada posesión da parte que a España corresponde no referido pobo, aceptando o representante portugués “real, corporal y civil”, de xeito que desde ese intre a “aldea quedaba baixo o dominio e soberanía de Portugal, con absoluta independencia de España”. Engádese que a parte que confina con Galicia, faino coa poboación de Videferre.

O administrador do concello de Chaves, doutor Antonio Emilio de Fonseca, presenciaba aquel crecemento do territorio da súa xurisdicción, por mor dun negocio diplomático acordado en Lisboa, sen intervención dos veciños e naturais do lugar.

A mesma liturxia e ritual, cos mesmos representantes e fedatarios, repetiuse o día 28 de xuño de 1868 nas outras dúas aldeas de Cambedo e Lamadarcos, sen máis que con outras testemuñas, por seren estas os veciños das aldeas afectadas. Deste xeito cumprimentábase o mandato do artigo undécimo do Tratado de Lisboa de 1864.

As xentes de Cambedo quedaban así afastadas das outras aldeas galegas de Bouses, A Granxa, Casar dos Montes, Oimbra e San Ciprián, nas que endexamais, precisaran de permisos para transitar por camiños e terras. O mesmo lles ocorría ós habitantes de Lamadarcos cos seus veciños de Feces de Abaixo, Feces de Cima, Mandin, Vilarello da Cota e Mairos.

Algúns problemas perduraron no tempo. O día 9 de abril de 1869, o Gobernador de Ourense impartía ordes para que desaparecesen de Soutelinho, Cambedo e Lamadarcos, as “autoridades españolas” que alí permanecesen. Unha queixa do Goberno de Lisboa, transmitida ó de Madrid, fora o desencadeante desta disposición gobernativa.

A resistencia e rexeitamento dos veciños magoados das aldeas de Soutelinho. Cambedo e Lamadarcos, así como das de Santiago, Rubiás e Meaus, a penas precisou da forza e intervención das espingardas. As fouces e gadañas non podían segar aqueles trochos de pedra que inzaron entre as bisbarras galegas e trasmontanas, amosando as letras “E” de España, e “P” de Portugal, polas súas facianas opostas.

Deste xeito, desde xuño de 1868, ano no que se consumou o troco das aldeas mixtas, como se se tratase de mercadoría de feira, afastáronse corpos e moradas para alén e aquén da raia que chamaron fronteira. Mais esa fronteira posta para ter de costas a xentes irmás, resultou ser unha fronteira do encontro, transformándose nunha fita esvaída a forza das moitas choivas que a mergullaron, ata rematar na Europa Comunitaria, desprezando o exército de marcos de pedra que teima, aínda hoxe, en lembrar que existiu unha fronteira.

Convén facer unha reflexión. Que fráxil é feble é a memoria institucional. A realidade histórica dos lugares mixtos non ten sitio nas crónicas e relatorios oficiais. Soamente, a través da tradición oral dos raiotos, permanece viva a lembranza desas aldeas comunitarias, seculares, que nestes últimos anos aboia do fondo do mar do esquecemento, gracias ás actividades da Asociación dos amigos do Couto Mixto.


Luís Manuel García Mañá é vicepresidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto.

 
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/12/2001