Tempo Exterior nº 3 segunda época - xullo/decembro 2001Volver ó sumario
 
Carta aos lectores


Te
 

O presente número centrámolo na reflexión sobre a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e as perspectivas da Eurorrexión. Dez anos despois da súa constitución, coidamos que o momento non pode ser máis oportuno para facer balance e mergullarnos nas hipóteses sobre ese futuro post-2006 que obriga a tomar importantes decisións agora mesmo. A aposta pola proxección exterior singulariza a nosa análise cunha dobre premisa: a alianza entre Galicia e o Norte de Portugal debe orientarse estratexicamente cara ao mundo atlántico e lusófono e basearse no reforzamento da identidade común.

Como é tradicional, pretendemos unha aproximación plural, tanto dende o punto de vista político (Fraga, Beiras, Touriño), como académico e investigador (Casqueira, Ponte, Gómez), mesmo cunha incursión histórica (García Mañá) que coidamos a xeito para o caso. Igualmente, introducímonos na dimensión comparada incorporando as visións doutras nacionalidades históricas (Euskadi e Cataluña) para coñecer outros modelos e experiencias, complementados coa visión xenérica do presidente da Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa (Joan Vallvé).

En canto aos temas de actualidade, incluímos unha análise dos dez anos de independencia na Ucraína (Romanov), a paradiplomacia do Goberno bávaro (Dirscherl) e, non podía faltar, unha achega sobre o rumbo da política exterior estadounidense despois dos atentados do 11 de Setembro (Montoya). Certamente, o ataque terrorista contra o corazón financeiro e militar dos Estados Unidos xerou unha inmensa conmoción social e política que está a abanear os cimentos da política mundial dos anos da post-guerra fría. A entidade do terrorismo asoma como a principal fonte de inestabilidade e o maior perigo para a paz e a convivencia mundiais, e obriga a establecer unha nova liña divisoria, un novo paradigma das relacións internacionais. Ningún país poderá permanecer indiferente e todos deberán revisar non soamente os aliñamentos das políticas de seguridade interna, senón tamén das súas políticas exteriores.

Por último, lembrar que o Igadi está de aniversario, acontecemento que celebramos con ese Premio da Fundación “Lois Peña Novo” pola creación e difusión en lingua galega da información internacional, que compartimos con todos os nosos amigos e lectores. Son dez anos para coller pulo, para consolidar un proxecto inspirado para comprender o mundo desde aquí e proxectar a Galicia no contexto internacional. A día de hoxe, somos unha realidade asentada, un instrumento vivo e dinámico, que ofrece a oportunidade de implicarse no seguimento da realidade internacional e na vertebración dos intereses estratéxicos de Galicia no exterior.

Dende o IGADI queremos expresar o noso agradecemento a todas as institucións que apoiaron o desenvolvemento das nosas actividades, e aos numerosos colaboradores que nos acompañan. Sen uns e outros, non sería posible a consolidación do IGADI como unha institución de prestixio, independente, plural, e útil para a nosa sociedade.

O director.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/12/2001