| Tempo Exterior nº 3 segunda época - xullo/decembro 2001 Resume - Resumen - Abstract |
| A paradiplomacia de Bavaria |
|
Klaus Dirscherl |
|
Se ollamos a política exterior da República Federal de Alemaña, veremos como destaca sen dúbida a figura do Ministro de Asuntos Exteriores do Goberno federal, Joschka Fischer. Un dos homes fortes do Partido dos Verdes –que goberna en coalición co Socialdemócrata–, por iso mesmo e polo seu pasado de líder algo anarquista da oposición extraparlamentaria da década de 1960, é case un “inimigo natural” da oposición conservadora de hoxe. Para Edmund Stoiber, Primeiro Ministro do Estado Libre de Bavaria, que é o político conservador con máis aprecio positivo do electorado nas enquisas da opinión pública, esa colorida personalidade á fronte dos asuntos exteriores da Federación é un motivo máis para procurar un perfil cada día mellor debuxado cunha política exterior propia, unha política exterior bávara “sui géneris”, con raíces no seu país, pero que, claramente caracteriza a Stoiber na política federal como experto respectado nos asuntos exteriores. Esa é a conxuntura do xogo político do momento. Pero o rol especial que xoga Edmund Stoiber como “contra-Ministro” de Asuntos Exteriores ten una longa tradición. Sen ir máis lonxe, xa o superconservador Franz Joseph Strauss tivo unha posición moi influínte e independente na política exterior alemana, e exerceuna como Primeiro Ministro de Bavaria. Foi decisivo e sorprendente, por exemplo, o que fixo para favorecer a apertura da República Federal nos tempos de Bonn cara á República Democrática Alemana. E poderiamos seguir remontándonos no tempo ata chegar á política exterior do vello Reino de Bavaria, antes e despois da unificación bismarckiana, pero interésanos máis agora o seu peso e o seu dinamismo no moderno marco federal. Herda e desenvolve Stoiber, xa nese marco máis moderno, unha posición bávara na configuración da nova Europa. Foi o Estado Libre o primeiro que sinalou a necesidade de incorporar o principio da subsidiaridade na base da construcción da Europa comunitaria. Por iniciativa bávara adoptouse ese principio na chamada Declaración de Munique da Conferencia Ministerial de outubro de 1987. E son coñecidas as listas de esferas nas que a Bavaria propón que se limite, por mor dese principio, a competencia das institucións centrais da Comunidade. Iniciou tamén Bavaria a Conferencia sobre “a Europa das Rexións” de 1989, que abriu camiño para a creación do Comité das Rexións no Tratado de Maastricht. Incidiu na necesaria presencia das rexións nos órganos de decisión cando se trata de asuntos de interese para elas. Non é unha reacción defensiva, senón que en certa maneira, abre camiños para o futuro, como cando recoñece que chegou o momento de consagrar a distribución de competencias nunha Constitución Europea, por ter ficado esgotado o “sistema Monnet” de creación lenta de realidades económicas. E recentemente insiste moito Stoiber, invocando a necesidade de reforzar a competencia económica, en que, para competir con eficacia, é necesario afortalar, coa posibilidade de decidir a nivel autonómico, a competencia entre rexións. O desenvolvemento das novas tecnoloxías en Bavaria –di Stoiber– proba o que pode conseguir o federalismo, ao deixar que o poder político máis próximo ás realidades rexionais, tome decisións con rapidez e coñecemento da situación. Pódese ter a impresión de que todos os ministros do goberno bávaro compiten hogano en ter a máxima actividade posible no eido exterior. O Ministro de Ciencia e Cultura, Hans Zehetmaier, esixe das Universidades do Estado Libre que aumenten o número de estudiantes estranxeiros acollidos nas aulas bávaras. O Ministro da Presidencia, Erwin Huber, man dereita e delfín tal vez do Stoiber, felicitouse con moito estrondo nos medios de comunicación, por ter conseguido co seu labor de negociación que a Telefónica española establecera en Munique a súa sede europea conxunta coa Sonera de Finlandia. Citou como razóns evidentes para ese feito “a excelente infraestructura e a boa formación do persoal que ofrece a capital bávara”. O ministro máis activo na política exterior bávara, aparte do propio Stoiber, é o da Economía, Otto Wiesheu, iniciador dunha impresionante campaña para atraer investimentos do estranxeiro a Bavaria que se desenvolve na Internet co enderezo http://www.invest-in-bavaria.de. Probabelmente as actividades de Wiesheu son as máis visíbeeis para o cidadán no día a día dos medios e da opinión, e tamén as que inciden máis directamente na súa vida ordinaria. E, para rematar, o que parece que debía vir no primeiro lugar polo seu cargo: o Ministro de Asuntos Federais e Europeos do Goberno da Bavaria, Reinhold Bocklet. “Last but not least”, cadraría dicir. Bocklet ocúpase da defensa dos intereses bávaros en Bruxelas, como dirixente da representación oficial do Estado Libre, e tamén nos corredores e en toda oportunidade de concertación e influencia. Non se quer dicir con isto que non haxa outros Länder que se fan notar na representación dos seus intereses en Bruxelas. O Baden-Würtemberg, por exemplo, ou a Renania do Norde-Palatinado. Hai, nembargantes, unha diferencia importante, pola fortaleza económica actual bávara (Bavaria só tiña un 5% de desemprego, fronte ao 9,2 % do conxunto federal en agosto de 2001), e fai valer esa posición en Europa ao mesmo tempo que asume a liderado implícito da oposición conservadora na Alemaña. As recentes visitas e actuacións do Stoiber fóra de Alemaña revelan o seu interese por estar presente no primeiro plano do mundo internacional. Foi un dos primeiros en visitar ao novo Presidente dos Estados Unidos, e aproveitou esa visita para entrevistarse tamén en Nova York co Secretario Xeral das Nacións Unidas, Kofi Annan . Nesa visita aos Estados Unidos, conseguiu Stoiber convencer a Alan Greenspan de que a sona de Bavaria no mundo non e só pola súa historia, espallada nos aspectos máis anecdóticos da vida de Lois II e a arquitectura de Neuschwanstein, senón tamén por ser Munique un centro de alta tecnoloxía electrónica. Nas conversas con Kofi Annan non se falou moito do pasado bávaro, senón que, nunha intervención da máxima actualidade internacional, interesouse Stoiber polo conflicto árabe-israelí. Adiantouse nisto á intervención espectacular de “mediación sen mediación” da súa contrafigura, Joschka Fischer, nese conflicto. É como se a chamada de atención da oposición tivese sido recollida e desenvolvida coas vantaxes do poder polo Ministro do Goberno Federal. Outras estacións do itinerario diplomático do Primeiro Ministro bávaro nos pasados meses foron Moscova, Beijing, o Brasil e o Quebec. No Brasil tivo unha estadía demorada e concertou unha serie de contratos de cooperación entre empresas, centros de investigación e institucións dos Estados daquela Federación. En Montreal, a capital do Quebec, desenvolveu unhas relacións xa ben establecidas, pois o Goberno do Quebec mantén desde hai moitos anos unha representación permanente na capital bávara, que emprega para apoiar diversos proxectos de cooperación sostíbel. Como resultado inmediato da visita de Stoiber a Montreal creouse un Grupo Binacional Bávaro-Quebequés para organizar visitas de políticos e de estudiantes de ciencias políticas aos parlamentos de Munique a Montreal e informarse sobre as respectivas institucións, os seus procedementos e os seus potenciais de actuación. Bavaria é moi consciente do seu rol de vangarda, no contexto alemán, como fonte de investimentos no estranxeiro. Cómpre salientar que Bavaria, que tiña unha economía de tradición agropecuaria secular, foi quen de transformarse nunhas décadas nun dos Länder pioneiros da alta tecnoloxía. Fálase xa da Bavaria como un “Silicon Valley” europeo. Xa mencionamos que ten o menor desemprego de toda Alemaña, e tamén é revelador que, despois de Berlín, sexa en Munique, e no Land en xeral, onde son máis altos os prezos no mercado inmobiliario e os índices de custo da vida. Neste contexto, a política exterior do Ministro de Economía bávaro, Otto Wiesheu, incide moi claramente na situación do país, creando unha dinámica de interrelación exterior-interior moi interesante. O éxito da atracción de investimentos, na que Wiesheu desprega un lique de promocións do que é bo exemplo o xa citado sitio en Internet, baséase na realidade interna dunha infraestructura moi desenvolvida, sobre todo para a circulación de persoas e mercadorías, e dunha boa formación técnica dos recursos humanos, coidadosamente atendida polo sistema educativo bávaro. O aeroporto internacional de Munique converteuse nos últimos dez anos no segundo de Alemaña, cun enorme incremento dos voos directos continentais e intercontinentais. Un punto forte da política económica exterior do Goberno bávaro son as relacións cos países do Leste da Europa. As máis visíbeis son as que Wiesheu cultiva con Rusia e con Ucraína. O alcalde de Moscova, Luschkov, que é, como sabemos, un dos homes fortes da política rusa e foi nalgún momento candidato á presidencia, recibe aos muniqueses con frecuencia case continua. Son moitas as empresas bávaras, desde as de cervexería ata as de producción de antenas para satélites, que venden boa parte dos seus productos en Rusia. A simpatía ruso-bávara chega ata o punto de que hoxe en día celébrase tamén en Moscova a tradicional Oktoberfest muniquesa e o propio Luschkov abilla o primeiro pipote de cervexa nesa ocasión. Tamén no eido da educación mantén Bavaria unha cooperación moi estreita coas universidades do Leste da Europa. A Universidade de Passau ofrece aos estudiantes deses países un curso completo de ciencias empresariais, que se imparte en lingua alemana, e que remata nunha titulación alemana. Existe cooperación análoga coa Universidade Económica de Budapest. Un dos instrumentos máis visíbeis de propagación da ideoloxía europeísta conservadora da Unión Socialcristiana (CSU), o partido gobernante en Munique, é a Academia Europea da Bavaria (Europäische Akademie Bayern), institución pública de ensino que organiza coloquios e seminarios sobre asuntos internacionais, ofrece formación continua para executivos en temas europeos e internacionais e patrocina estudios de diversas zonas do mundo. Non debemos esquecer que estas ambicións de Bavaria na política exterior aséntanse nunha mesta rede de apoio institucional. Por unha banda, igual que o partido irmán da CSU, o CDU, ten a Fundación Konrad Adenauer –e o Socialdemócrata a Fundación Friedrich Ebert– o partido de Stoiber ten a Fundación Hanns Seidel, de vocación científica, que concentra o seu labor de formación e análises de elites nos países de especial interese para o Goberno bávaro, ou sexa na América Latina, na China, na África e nos países do Leste de Europa. Ten representantes, por unha banda, en Santiago de Chile, Caracas e Lima, e, pola outra, en Praga, Moscova e Budapest. Esa mesma orientación xeográfica séguena tamén, co apoio do Goberno, algunhas universidades bávaras. A de Ratisbona, por exemplo, ten un programa, co ambicioso título de “Europeum”, de formación en materia de coñecemento lingüístico, cultural e económico dos países do Leste. Compite nese terreo, sen dúbida, coa Universidade de Passau que, ademais das xa mentadas conexións coas de Moscova e Budapest, inclúe nos seus cursos un programa de estudios de Europa Central e Oriental. Esta Universidade, unha das máis activas nos intercambios internacionais de docentes e estudiantes, recibe un 9,1 por cento de estudiantes estranxeiros. Analizando esa cifra, resulta que os máis numerosos son os austríacos, como era de esperar por estar Passau na zona fronteiriza con Austria, seguidos dos chineses e dos procedentes de países da antiga Unión Soviética. Entre os que chegan do Oeste de Europa encóntranse os galegos, polo convenio entre a Universidade de Passau e a de Santiago de Compostela. Moi activa tamén na América Latina, onde ten intercambios con Arxentina, Chile, Ecuador e o Brasil, compite nesa esfera con outra universidade bávara, a Católica de Eichstaett.
|
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/12/2001
|