Tempo Exterior nº 3 segunda época - xullo/decembro 2001Volver ó sumario
Resume - Resumen - Abstract
 
A normalización das relacións entre Galiza e Portugal


Xosé Manuel Beiras Torrado
 

Un estudio recente sobre a economía galega, publicado nunha das revistas máis prestixiosas das que se editan no Estado español sobre temática económica, conclúe que unha das fortalezas que presenta a economía galega para o futuro é, precisamente, “a proximidade con Portugal” que, prosegue o estudio, “deberá render no futuro moitos máis dividendos dos que ten rendido ata agora”.

Cómpre subliñar que esta conclusión, que xa resulta ser maioritariamente asumida entre os estudiosos da economía galega estivo presente, desde sempre, no pensamento político do nacionalismo galego. Resulta obvio que a relativa desvantaxe a respecto dos mercados españois e centroeuropeos, debida á nosa localización periférica, tórnase en vantaxe, precisamente pola localización, pero non só por eso (a afinidade lingüística e cultural é unha das variábeis que se toman en consideración á hora de afrontar a presencia en mercados exteriores, e aparece citada por empresarios portugueses como un dos elementos que xustificaron a elección de Galiza como destino dos seus investimentos internacionais en enquisas realizadas a este respecto), se tomamos como referencia o conxunto do mercado galego-portugués, que abrangue a preto de 13 millóns de habitantes.

A aspiración a manter relacións nacionais con Portugal constitúe un dos signos diferenciais da cuestión nacional galega. Nos séculos XIX e XX, a procura dun reencontro con Portugal constituíu un signo distintivo do Galeguismo. Desde Murguía ao Manifesto das Irmandades da Fala na Asemblea de Lugo de 1918 e ao Partido Galeguista, a historia do nacionalismo galego está inzada de manifestacións a favor dun determinado reencontro cultural e político con Portugal. Nos tempos da Segunda República e da posguerra, Castelao, como principal dirixente do nacionalismo galego, nega a existencia dunha “nación hespañola, única e indivisíbel” da que falaban mesmo os republicanos que tamén se enfrontaban ao franquismo, e loita polo recoñecemento de catro nacións, para el: Catalunya, Euskadi, Galiza e Castela, que poderían, así, formar unha Confederación con Portugal.

Sen dúbida, a fronteira política entre o Estado español e o portugués foi unha das causas determinantes da marxinación política, lingüística, económica e mesmo xeográfica de Galiza. É precisamente no plano económico onde o proceso de normalización das relacións con Portugal, logo da integración común na Unión Europea, e da desaparición formal das fronteiras a partir de 1993, está a producir os resultados máis visíbeis.

Se en 1983 o comercio de Galiza con Portugal representaba a penas o 3,4 % das nosas exportacións e o 1,5 % do total das importacións galegas, relegando a Portugal a un lugar pouco destacado entre os principais parceiros comerciais de Galiza que, desde logo, non se correspondía coa dimensión esperábel dos fluxos comerciais entre países veciños, na actualidade esta situación mudou radicalmente, situándose Portugal, en todas as estatísticas, no segundo lugar en importancia como orixe e destino do comercio exterior galego.

Entre 1983 e o ano 2000, as exportacións galegas a Portugal en pesetas correntes multiplicáronse por máis de 50 e, as importacións galegas procedentes do país veciño, aínda que non medraron ao mesmo ritmo, multiplicáronse aproximadamente por 40 ou, o que é o mesmo, os fluxos comerciais entre ambos os dous países medraron entre un 4.000 % e un 5.000 % en menos de vinte anos –o conxunto das exportacións medrou nese período algo máis do 542 %, mentres que as importacións fixérono preto do 388 %. Nin sequera os intercambios comerciais con Francia –que mantén unha especial relación comercial co noso país, como consecuencia da instalación en Vigo dunha das principais factorías da firma Citroën, que lle proporciona a Francia, de xeito reiterado, o primeiro posto na lista dos máis importantes clientes e provedores da economía galega evolucionaron ao mesmo ritmo que o fixeron os intercambios con Portugal. De feito, as taxas medias de crecemento acumulativo das exportacións e das importacións galegas con orixe/destino en Portugal durante os últimos quince anos, son considerabelmente superiores ás “rátios” correspondentes ao crecemento dos intercambios comerciais con Francia.

Táboa 1. Evolución recente dos intercambios comerciais entre Galiza e Portugal

Fonte: Elaboración propia a partir de datos publicados polo ICEX e polo IGE.


Cómpre dicir, ademais, que estas cifras agochan unha característica estructural do comercio exterior galego, consistente na súa forte dependencia dos fluxos intra-firma do sector do automóbil, máis concretamente, da magnitude das importacións e exportacións que se realizan directamente entre a factoría de Citroën situada na Zona Franca de Vigo e a súa matriz francesa, de xeito que se detraemos os intercambios comerciais que teñen a súa orixe e o seu destino dentro dos dominios da propia Citroën, Portugal revélase nidiamente como o principal socio comercial de Galiza –tanto do punto de vista das importacións como das exportacións– e como o principal protagonista da forte expansión recente do noso sector exterior.

A composición sectorial dos fluxos comerciais é un reflexo da especialización productiva de cada un dos territorios, e permite aflorar tamén algunhas das complementariedades existentes entre as dúas economías. Desde Galiza exportamos a Portugal nomeadamente productos da pesca, materiais de transporte, carnes e pezas de vestir e, os portugueses véndennos, sobre todo, produtos da pesca, téxtiles e madeira. No perfil das exportacións galegas adivíñase a presencia das empresas galegas de maior envergadura: Pescanova, Coren e as empresas do conglomerado do automóbil, foron as primeiras en descubrir e aproveitar o gran potencial que nos ofrece o mercado portugués.

Sen abandonar a análise dos mercados de bens e servicios, e aínda que neste terreo a dispoñibilidade de fontes estatísticas fiábeis é moito máis reducida, constátase tamén un certo crecemento do número de turistas galegos e portugueses que visitan os países respectivos dos seus veciños. Este é claramente un dos eidos onde a cooperación institucional debería proporcionar mellores resultados se as administracións de Galiza e Portugal o abordasen conxuntamente e de forma decidida.

Outra perspectiva diferente do degrao de integración de dúas ou máis economías é a que nos proporciona a análise das interrelacións nos seus mercados de factores. Así, desde a óptica dos mercados de capitais, tanto os investimentos que as empresas portuguesas realizan na Galiza como os que as firmas galegas levan a cabo en Portugal contribúen a reforzar o proceso de integración das dúas economías, ofrecéndonos unha outra dimensión dese proceso.

Táboa 2. Orixe do investimento estranxeiro na Galiza, 1991-1995

Fonte: Comercio Intracomunitario 1995-1997. IGE-INE (Portugal).
* Investimento estranxeiro que se materializa a través das filiais españolas de empresas transnacionais.


A pesar de que os fluxos de investimento estranxeiro na Galiza se caracterizan polo seu carácter errático e pola súa cativa dimensión, os datos máis recentes do investimento directo con autorización administrativa previa, debuxan un panorama no que Portugal aparece nidiamente como o principal investidor estranxeiro na Galiza. De todos xeitos, o carácter errático xa comentado destes fluxos de investimento, vinculado á existencia de proxectos puntuais moi concretos, e á súa escasa importancia cuantitativa, recomendan tomar estes datos coa necesaria cautela, ademais de lembrarlles aos lectores que nos estamos a referir a variábeis fluxo, é dicir, ao montante anual das transferencias de capital que teñen como destino Galiza por motivo de investimento, e non ao valor do stock de capital estranxeiro instalado no país.

Táboa 3. Investimento que requiriu autorización administrativa previa

Fonte: Ministerio de Economía e Facenda.


Por último, aínda que moi moderados na súa dimensión, os fluxos de forza de traballo –é dicir, os movementos migratorios– entres os dous países presentan tamén unha tendencia crecente, acadando niveis de certa relevancia cuantitativa, pero sobre todo, cualitativa na dirección de Galiza a Portugal. Semella que Portugal, aínda ofrecendo niveis salariais medios considerabelmente máis baixos que os galegos, é capaz de atraer determinados continxentes de traballadoras e traballadores galegos, se ben é certo que estes continxentes se concentran nas franxas de poboación máis nova e con estudios de nivel superior. Fenómeno que, por outra parte, xa empeza a ser unha constante na economía galega.

Os estudiosos das relacións económicas entre Galiza e Portugal destacan certas diferencias nas especializacións sectoriais e subliñan as grandes potencialidades que presenta o aproveitamento das complementariedades existentes entre a economía galega e a portuguesa, sinalando que aínda nos atopamos nos primeiros estadios do proceso de integración nun mesmo espacio económico, que está chamado a producir resultados moi positivos para os dous países, pero principalmente para Galiza.

Como xa vimos, a superación das barreiras político-administrativas está a producir un achegamento –principalmente económico– entre Galiza e Portugal tan rápido como acorde coa proximidade humana e histórica entre os dous países. Pero unha relación máis fonda, que afecte de xeito substancial ás relacións políticas e culturais está aínda eivada pola permanencia das estruturas, dos hábitos e das ideoloxías xustificativas dos dous Estados peninsulares, cunha fronteira que dividiu á Gallaecia histórica independente.

En todo caso, con independencia da especificidade das relacións humanas e económicas que se producen entre Galiza e o Norte de Portugal, o Goberno galego erra ao non situar as relacións galego-portuguesas considerando ao conxunto de Portugal. Neste marco, a acción da Administración galega debería ter distintos obxectivos, entre os que destacamos:

a) O desenvolvemento do espacio económico galego-portugués.

O desenvolvemento do espacio económico galego-portugués que, abranguendo toda a fachada atlántica da Península, reúne trece millóns de habitantes, reequilibrando o espacio económico peninsular e constituíndo unha referencia singular na economía europea.

Na consecución deste obxectivo xoga un papel determinante a planificación coordinada das infraestruturas viarias e ferroviarias principalmente, pero tamén das portuarias e aeroportuarias, así como das redes que dan soporte ao tráfico das telecomunicacións.

b) A normalización das relacións lingüísticas.

A respecto da normalización das relacións lingüísticas, o marco político da relación entre o galego e o portugués é hoxe distinto do propio dos tempos anteriores da Restauración, da República e, moi especialmente da dictadura franquista, cando o galego, que resistira durante séculos como lingua do pobo, estaba absolutamente marxinado e negado como lingua da vida política, da administración, do ensino, de toda actividade empresarial. Aínda que non conta máis que cun carácter discriminado como lingua cooficial, o galego ten agora unha superior capacidade de relación co portugués, constituíndo a comunidade de idioma unha base óptima para acompañar á cada vez mais fluída e intensa comunicación humana, económica e cultural que se produce a través do Miño e a Raia Seca, historicamente territorio común e non fronteira.

Os novos tempos esixen o recoñecemento dun novo paradigma político para as relacións lingüísticas entre Galiza e Portugal. Establecida unha determinada autonomía política en Galiza e esvaída a fronteira económica galego-portuguesa, o marco político da norma ortográfica galega ten pouco que ver con aquel dos anos setenta no que se estruturou a norma hoxe vixente. Daquela, os criterios políticos que dominaron na formulación da norma correspondían a unha Galiza encerrada no Estado español, sen ensino nin medios de comunicación públicos en galego, cunha fronteira portuguesa económica e culturalmente fechada. Mais hoxe as circunstancias son distintas. Éntrase nunha fase na que comezan a darse as condicións contrarias á separación política e económica estatal que foi a causa da relativa separación e dunha evolución diverxente dunha lingua na súa orixe galega inequivocamente común, facéndose máis necesaria o establecemento dunha relación harmónica que contribúa á normalización do uso da lingua galega. Nese contexto, resulta lamentábel a recentísima negativa da Real Academia Galega a asumir a proposta de reforma da normativa do galego elaborada por consenso, e constitúe unha elocuente aberración que esa negativa se fundamente precisamente nunha actitude diferencialista “a fortiori” do galego a respecto do portugués, que vai a contrafío da dinámica de relacións entre os dous países e culturas hoxe en curso, ademais de operar como se no canto de existir un tronco lingüístico galego-portugués houbese que incorporar o noso idioma a un inexistente tronco lingüístico galego-español.

c) O establecemento de relacións institucionais.

O establecemento de relacións institucionais entre a nación galega e o Estado portugués no seu conxunto, de acordo coa personalidade respectiva e a capacidade de goberno conseguida por Galiza. Neste sentido as iniciativas institucionais nas que participa o Goberno Galego resultan manifestamente insuficientes e padecen dun sesgo rexionalista que impide o establecemento de relacións ao máis alto nivel, entre os executivos dos dous países.

Os galegos e as galegas temos que ser conscientes de que hoxe resulta imposíbel exercer as competencias atribuídas en exclusiva á Xunta de Galiza sen contar cunha política exterior propia. O fenómeno da mundialización e a necesidade de promover iniciativas que favorezan a presencia internacional dos nosos sectores produtivos, esixen un renovado esforzo para asegurármonos unha posición destacada nos mercados, nas institucións internacionais, nas redes de cooperación científica, cultural, etc.

Correspóndelle a Galiza dar o primeiro paso, porque somos os que máis temos que gañar da normalización das relacións económicas, políticas, sociais e culturais con Portugal.

Xosé Manuel Beiras Torrado é portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego e do grupo nacionalista no Parlamento de Galicia.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/12/2001