Tempo Exterior nº 3 segunda época - xullo/decembro 2001Volver ó sumario
Resume - Resumen - Abstract
 
A cooperación transfronteiriza: Unha base da construcción europea


Joan Vallvé i Ribera
 

Un dos políticos máis salientables da construcción europea, Robert Shuman afirmou que as fronteiras constitúen as cicatrices da historia de Europa. Edifica-la unidade europea significa borrar todo concepto que dificulte a libre comunicación e intercambio entre os seus pobos e neste sentido, a fronteira constitúe un elemento de división, de separación, de ameaza, de illamento e incomunicación.

Un pode preguntarse se historicamente existiron sempre as fronteiras tal e como as entendiamos hai moi moucos anos: unha liña que a veces seguía accidentes xeográficos e outras veces non, unha liña artificial que determinaba o límite político dun territorio. Nos chamados mapas políticos das clases de xeografía, as liñas fronteirizas separaban estados distintos e os territorios tiñan cores distintas. Nas vías de comunicación que cruzaban a liña fronteiriza establecíanse os postos de control e as alfándegas correspondentes, a imaxe da barreira levadiza ía ligada ó posto fronteirizo.

Nos séculos XVII e XVIII, coa creación dos estados nacións, as fronteiras adquiren o seu significado ó determina-los límites do territorio dun estado. Entre elas establécese case sempre un conxunto de elementos de defensa para repeler calquera agresión externa. Os intercambios comerciais e a protección dos mercados internos determinaron tamén a función da fronteira e concretamente das alfándegas para o control das importacións e exportacións de productos. Este feito permitiu a non poucos habitantes das zonas fronteirizas exercer unha actividade ilícita e ás veces moi lucrativa: o contrabando.

Non sempre os límites fronteirizos establecidos polos estados correspondían exactamente cos territorios de pobos pertencentes a unha mesma nación nos ámbitos cultural, histórico e lingüístico. A historia de gran parte de Europa durante os últimos séculos estivo marcada por desprazamentos das liñas fronteirizas, que seguiron ó asinamento dos tratados de paz e que nalgúns casos tentaron adapta-lo territorio dun estado ó da nación e noutros amplia-lo dominio dun estado, total ou parcialmente, sobre as nacións veciñas. Neste sentido, cabe recordar que a actual fronteira entre o Estado español e Francia, establecida en 1659 pola Paz dos Pirineos separou unha parte de Cataluña, a situada ó norte da serra da Albera, que pasou a formar parte do Estado francés. Tamén unha parte de Navarra, as Merindades de Ultrapuertos, pasaran anos antes a Francia. A chamada Guerra das Laranxas, en 1801, determinou o actual trazado dunha parte da fronteira hispano portuguesa, o territorio de Olivenza, de fala portuguesa quedou dentro do territorio español. Tradicionalmente a fronteira controlaba a entrada de persoas e impedía o paso ós non desexados. Posiblemente foi o medo á unha invasión militar externa, concretamente francesa; a mediados do século XIX o recordo de Napoleón era moi recente, o que levou ó goberno español da época a establecer un ancho de vía ferroviaria de “seis pés de Castela” ó 1,676 metros, fronte ós 1,435 metros (6 pés e 8,5 polgadas) do resto de países europeos. Aínda hoxe son evidentes as dificultades que desencadeou aquela decisión. Por sorte o estado portugués decidiu adopta-lo ancho de vía español e non creou un problema adicional.

As zonas próximas á liña fronteiriza foron xeralmente zonas pouco desenvolvidas polo risco que, en principio, entrañaba a situación. Poucas actividades económicas se establecían nelas e da mesma maneira os servicios en materia de sanidade e educación eran tamén escasos. Dábase a circunstancia de que tales servicios unicamente podían ser empregados polos habitantes dunha beira da liña fronteiriza. É o que se definiu como a cultura do semicírculo, en contraposición ó uso xeral dos servicios por tódalas persoas que se atopan a unha distancia determinada dos mesmos. Tamén as comunicacións estaban moi limitadas nas zonas fronteirizas e o seu establecemento obedecía a intereses relacionados coa defensa máis que ás necesidades de desenvolvemento da poboación. Esta última, en boa parte exercía a súa actividade en materias relacionadas coa defensa e o control da fronteira.

O establecemento do Mercado Común, co asinamento do Tratado de Roma en marzo de 1957, e a progresiva eliminación de obstáculos para unha libre circulación de mercadorías e o libre comercio entre os Estados membros cambiou radicalmente a función que ata entón desempeñaran as fronteiras entre os estados signatarios. A construcción da unidade europea pasaba pola superación do papel das fronteiras e entendo que non fora unha casualidade que tres políticos que exerceron un papel fundamental fosen orixinarios de territorios fronteirizos: refírome a Robert Shuman, Alcide De Gasperi e Konrad Adenauer.

Pasaron case cincuenta anos dende o tratado de Roma, hoxe na Unión Europea, coa entrada en vigor do Tratado de Amsterdam e a incorporación do Acordo de Schengen, podemos afirmar que é un feito a libre circulación de persoas, mercadorías, servicios e capitais. No mesmo texto aprobado en Amsterdam en xuño de 1997, introduciuse na letra do Tratado o concepto de “cooperación transfronteiriza” como un elemento básico para avanzar na construcción europea. De todas maneiras, o feito de que as fronteiras deixaran de exerce-la súa función tradicional non implica que os problemas subxacentes en moitos casos á súa falta de desenvolvemento, en comparación co resto do territorio dos seus estados respectivos, atoparan o camiño de solución.

Por outra banda, o tratado vixente da UE non outorga ás autoridades comunitarias competencias en materia de ordenación do territorio que continúan en poder dos Estados membros. Neste sentido, faise difícil mellora-las redes de transporte así como os sistemas de telecomunicación ó través das zonas fronteirizas sen unha autoridade supra-estatal.

A principios dos anos 70 constituíuse en Anholt (Alemaña), na fronteira xermano-holandesa, a Asociación Europea de Rexións Fronteirizas (ARFE). A súa finalidade foi inicialmente a de dar a coñece-los problemas específicos de tales territorios ó través da constitución dun “lobby” que exercese unha presencia primeiro ante as autoridades dos estados respectivos, máis adiante ante o Consello de Europa e posteriormente ante a Unión Europea. Pasaron trinta anos dende a Asociación Europea de Rexións Fronteirizas (ARFE). Hoxe en día comprende máis de sesenta membros, entre eles a totalidade de comunidades autónomas do Estado español que son fronteirizas, rexións de países membros, entre eles a totalidade de comunidades autónomas do Estado español que son fronteirizas, rexións de países membros da UE, rexións de países candidatos e de outros estados do leste de Europa. Galicia foi a primeira comunidade autónoma que se afiliou á ARFE en 1986. O Consello de Europa foi a primeira institución europea sensible ós problemas transfronteirizos, especialmente na súa dimensión cultural e social. Cada tres anos organiza, en colaboración coa ARFE, unha Conferencia Europa de Cooperación Transfronteiriza, á última delas, a 7ª, tivo lugar en Timisoara (Romanía) en outubro do ano 1999 e nela analizáronse especificamente os problemas transfronteirizos dos estados do leste de Europa.

A ARFE actúa tamén como consultor da Dirección Xeral de Política Rexional, antiga DX XVI, da Comisión Europea. Concretamente colaborou no establecemento das Oficinas LACE (lazo), nas que as siglas corresponden a “Linkage Assistance and Co-operation for the European Border Regions”. Tamén colabora coa DX I nos programas de cooperación transfronteiriza nas actuais fronteiras externas da Unión: programas PHARE-CBC, TACIS-CBC e MEDIA. Os PHARE-CBC corresponden ás fronteiras dos estados do leste de Europa, entre eles os candidatos á UE. Os TACIS ós estados da antiga Unión Soviética e os MEDA á conca mediterránea.

Actualmente como xa se dixo, no seo da UE é un feito a libre circulación de persoas, mercadorías, capitais e servicios; as zonas fronteirizas, nembargantes, adoecen dun atraso en relación co resto de territorios. Segundo os estudios elaborados pola ARFE, unha estimación do que se poden considerar zonas fronteirizas comprenden un 36% da actual superficie da UE e nela habita un 27% da poboación.

A Unión Europea estableceu dentro das Iniciativas Comunitarias a iniciativa Interreg I entre os anos 1989-94, Interreg II xunto a outras 12 iniciativas no período 1994-99 e finalmente Interreg III para os anos 2000-06. Cabe salientar que o número de Iniciativas Comunitarias para este período reduciuse de 13 a 4 e que a Interreg se lle atribúen 4.875 millóns de euros do total de 10.440 outorgado ás catro iniciativas (Interreg, Equal, Leader e Urban).

Na distribución da cantidade referida de 4.875 millóns de euros entre os Estados membros corresponderon a España un total de 900, dos que 700 se destinan a Cooperación transfronteiriza propiamente dita. A cantidade restante destínase por unha banda á “Cooperación transnacional”, fomentar un maior grao de integración territorial das grandes agrupacións de rexións europeas, por exemplo o “Espacio Atlántico” ou o “Mediterráneo occidental”. Outra parte á “Cooperación interrexional”, rexións non veciñas que desexen mellora-los instrumentos de desenvolvemento mediante a conexión en redes. A fronteira máis beneficiaria da axuda de Interreg é a hispano portuguesa con 491 millóns de euros. As subvencións da UE deben ser cofinanciadas polas rexións e municipios que presenten programas concretos; a parte financiada pola UE pode chegar ata o 75% nas rexións Obxectivo 1 e ata o 50% nas restantes. A aplicación da Iniciativa Comunitaria Interreg III concretouse na “Comunicación da Comisión ós Estados Membros” de 28 de abril de 2000, publicado no Diario Oficial das comunidades Europeas (DOCE) o 23 de maio. Dende mediados dos anos setenta, a entón Comunidade Económica Europea decidiu aplicar unha política de desenvolvemento rexional no ámbito comunitario. Moitos anos antes, durante a preparación da firma do Tratado de Roma (1957), algúns políticos advertiran que o feito de implantar un mercado único non traería como consecuencia directa un desenvolvemento equiparable de tódolos territorios, rexións económicas, da Comunidade. As cantidades destinadas á política rexional acadan case un 40% do orzamento da UE. Esta política rexional complementouse dende 1993, despois do Consello de Edimburgo, coa aplicación dos Fondos de Cohesión co fin de reforza-las actuacións en comunicacións e protección do medio ambiente nos estados con menos renda per cápita: Grecia, Portugal, España e Irlanda.

No que se refire á aplicación de Interreg III, a mesma Comisión Europea estableceu unha lista indicativa dos que se consideran temas prioritarios para ser subvencionados. En primeiro lugar, fomenta-lo desenvolvemento urbano, rural e costeiro das áreas fronteirizas mediante a aplicación de programas comúns que melloren a calidade de vida tendo especial consideración en cuestións medioambientais.

Un segundo aspecto fai referencia ás actividades económicas, pequenas e medianas empresas, turismo e tamén facer posible iniciativas de creación de emprego. Este último aspecto require unha integración laboral a ámbalas dúas beiras da fronteira, unha cooperación en materia de formación profesional cun recoñecemento de títulos.

A cooperación entre centros de ensino e a aprendizaxe da lingua do país veciño constitúe tamén un elemento de achegamento cultural que xera un clima de confianza e facilita as posibilidades laborais. A cooperación debe promoverse tamén no ámbito sanitario, co fin de optimiza-lo uso dos recursos e posibilita-la creación de emprego.

En tódolos programas da UE faise especial fincapé na protección do medio ambiente e neste caso pode comprender dende a prevención de riscos naturais ata proxectos de reciclaxe e eliminación de residuos.

As infraestructuras poden ser tamén obxecto de subvención. De tódalas maneiras, as cantidades consignadas nos orzamentos xa indican que non se trata de financiar grandes elementos de comunicación (túneles, pontes, etc.), senón que se trata máis ben das melloras que poIdan ser introducidas nun ámbito local incluíndo as redes e os servicios de información e telecomunicación.

Un elemento importante é impulsa-la solución dos problemas que subsisten hoxe ós cidadáns das zonas fronteirizas: os relacionados coa asistencia sanitaria, dereitos do consumidor, contratación pública, seguridade social, tributación. Moitos destes problemas requiren unha harmonización das lexislacións dos distintos estados da Unión. A iniciativa Interreg pode subvencionar estudios sobre tales problemas e propoñer solucións, así como establecer experiencias piloto.

A iniciativa Interreg constitúe un elemento importante para atenua-los efectos das fronteiras e avanzar cara Á constitución dun espacio europeo. Na súa aplicación é fundamental a actuación das autoridades máis próximas ós problemas; os Municipios e as Comunidades Autónomas. O principio de subsidiariedade é neste caso fundamental.

A situación actual da Unión Europea que se enfronta co reto da próxima ampliación ós estados do cento e do leste de Europa esixe unha reconsideración de moitas das súas políticas actuais. As novas políticas deberán considerar un incremento necesario dos orzamentos dispoñibles e prioriza-las actuacións que comporten un fortalecemento da cohesión económica e social de tódolos cidadáns. Os estados deben exerce-la súa función e ademais coordina-las súas actuacións no ámbito da Unión Europea. Esta pola súa banda non debe deixar de actuar naqueles eidos que teñen un obxectivo que excede o marco estatal, entre eles os comprendidos nas iniciativas comunitarias.

O primeiro día de xaneiro do ano 2002, once países da UE terán a mesma moeda, o euro. Non cabe dúbida de que se terá dado un paso importante na construcción europea, a diversidade monetaria pasará a ser un recordo, a mesma moeda achegará ós cidadáns. Este feito será máis perceptible nas zonas fronteirizas que noutros lugares.


Joan Vallvé é presidente da ARFE (Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa).

 
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/12/2001