Tempo Exterior nº 3 segunda época - xullo/decembro 2001Volver ó sumario
Resume - Resumen - Abstract
 
A Comunidade de Traballo como instrumento dinamizador da integración


Mª Teresa Ponte Iglesias
 

I. Consideracións xerais

Malia que o noso ordenamento xurídico, a diferencia doutros ordenamentos xurídicos europeos, ignora o carácter fronteirizo da maior parte das Comunidades Autónomas españolas(1), a cooperación transfronteiriza convértese nunha compoñente importante da acción exterior das Comunidades Autónomas. Esta realidade non é allea á Comunidade Autónoma galega, onde as relacións de cooperación transfronteiriza adquiren, como advirte Pueyo Losa, un valor especial no xogo da súa acción exterior(2).

En efecto, Galicia, como é ben coñecido, potenciou de maneira particular as relacións coa Rexión Norte de Portugal en dous contextos converxentes e complementarios: o das relacións hispano-portuguesas e o máis amplo da integración europea.

Esta cooperación transfronteiriza institucionalizouse a través da creación da Comunidade de Traballo Galicia-Rexión Norte de Portugal, que se configura como un instrumento dinamizador para o desenvolvemento da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, espacio que abrangue unha superficie de 51.000 km2 , e unha poboación de 6.300.000 habitantes(3).


II. As relacións hispano-portugesas e a cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal

As relacións de cooperación transfronteiriza no sector hispano-portugués véñense exercendo tradicionalmente a nivel estrictamente interestatal, de forma fragmentaria e dende unha perspectiva moi clásica das relacións de veciñanza. Foron en boa medida unhas relacións tributarias da historia de ámbolos dous países que, en diversos momentos, viviron de costas, buscando cada un polo seu lado unha proxección exterior e unhas alianzas distintas.

Estas circunstancias históricas, xunto coa existencia dun modelo económico caracterizado pola falta de integración, con reducidos e localizados fluxos de intercambio comercial entrámbolos dous países, así como as diferencias político- administrativas entre España e Portugal, a penas teñen coadxuvado a facilitar as relacións entre os dous Estados, e particularmente a cooperación transfronteiriza e un desenvolvemento común entre as rexións portuguesas e as Comunidades Autónomas españolas.

A sinatura do Tratado de amizade e cooperación hispano-portugués, do 22 de novembro de 1977, tras un proceso de cambio político en ámbolos dous países peninsulares coa volta da democracia, marcou un cambio na situación descrita e encetou unha fase dirixida a potenciar e a relanzar a actividade no desenvolvemento das relacións de cooperación transfronteiriza.

O Tratado crea, no eido bilateral, un novo marco flexible para a cooperación directa a través da que as partes contratantes se comprometen, dentro do espírito de boa veciñanza, a promover a protección e o aproveitamento racional dos recursos naturais de uso común, a coordinar os seus esforzos para acadar un maior e máis harmónico desenvolvemento económico e social nas zonas fronteirizas e a adoptar medidas para facilitar o tránsito transfronteirizo, mellorar as vías de comunicación e establecer o auxilio mutuo en caso de sinistro nas rexións fronteirizas(4).

Así, animados por este renovado espírito de cooperación, os dous Gobernos comezaron a celebrar distintos cumios e reunións para abordar e potenciar, cunha visión máis dinámica, outros ámbitos de actuación que suscitan as relacións de cooperación transfronteiriza, excedendo a visión estrictamente clásica das relacións de veciñanza(5).

Pero será o ingreso dos dous Estados na Comunidade Europea o que acelere o achegamento entre España e Portugal, xerando novas perspectivas de cooperación transfronteiriza.


III. A cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal no contexto europeo

A dinámica da integración europea favorecerá a inserción de Galicia e o Norte de Portugal na realidade rexional europea, caracterizada polo protagonismo crecente das rexións en dúas esferas de actuación: a nivel comunitario, e a través de distintos organismos europeos de cooperación interrexional.

A nivel comunitario, o Tratado da Unión Europea achega, en palabras de Pérez González, “un plus no avance rexional cara á consecución dun espacio político e xurídico de participación na tarefa de construcción europea”(6). Proba disto son as diversas disposicións introducidas en Maastricht que dan carta de natureza institucional ó feito rexional(7).

Paralelamente, dende a perspectiva do Mercado Común e da Unión Económica e Monetaria, a Unión Europea activou o seu interese polo fomento da cooperación transfronteiriza a través do desenvolvemento de diversas políticas nos ámbitos da administración do territorio, dos transportes e, fundamentalmente, da política rexional mediante o establecemento de programas de cooperación transfronteiriza, como o INTERREG, e de cooperación interrexional, como o RECITE(8).

Ó abeiro da iniciativa INTERREG(9), España e Portugal comezan a presentar Programas operativos para o desenvolvemento transfronteirizo nos que os obxectivos xerais apuntan, en particular, a promover o desenvolvemento económico e social equilibrado das dúas beiras da fronteira hispano-portuguesa, a ordenar o territorio transfronteirizo e, en especial, a incentivar os mecanismos de cooperación transfronteiriza, tendentes ó reforzo da cooperación institucional.

Sobre a base destes programas operativos, Galicia e a Rexión Norte de Portugal incrementarán os seus contactos, preparando unha serie de proxectos conxuntos en orde á converxencia dos seus esforzos para a xestión de intereses comúns, dos que o resultado final se concretaría nunha serie de realizacións prácticas en zonas raianas, tales como a construcción de vías de comunicación, a conservación de recursos hídricos e saneamento, a proxección e conservación da natureza e as accións de apoio á actividade económica e empresarial.

Por outra banda, destacar tamén como, neste marco europeo, Galicia e a Rexión Norte de Portugal actúan conxuntamente en distintas asociacións europeas de cooperación interrexional para facer valer o seu peso específico. Referímonos, concretamente, á Asemblea de Rexións de Europa, á Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas e á Conferencia de Rexións do Sur da Europa Atlántica.

A través destes Foros, ditas rexións buscan crear unha dinámica de colaboración, de concertación transfronteiriza, que favoreza o desenvolvemento rexional e que permita consolidar un entorno económico, social e político competitivo para evitar os efectos negativos do Mercado Único.


IV. A procura dun marco político para a cooperación transfronteiriza entre a Comunidade Autónoma de Galicia e a Rexión Norte de Portugal

O incremento das relacións bilaterais entre España e Portugal e a posta en marcha de accións dentro do marco comunitario determinarán que os contactos transfronteirizos entre os diversos axentes rexionais sexan cada vez máis intensos. A propia dinámica dos acontecementos porá de manifesto que a continuidade e a intensificación da cooperación transfronteiriza entre Galicia e a Rexión Norte de Portugal esixe artellar unha estructura de carácter permanente orientada a favorecer e dinamizar os encontros regulares entrámbalas dúas rexións.

Así, a Administración galega e a Comisión de Coordinación da Rexión Norte de Portugal, co gallo da celebración en Santiago de Compostela, os días 20 e 21 de outubro de 1988, das Primeiras Xornadas Técnicas “Galicia e a Rexión Norte de Portugal ante 1992”, comezan a estudiar o modelo máis idóneo para a institucionalización das relacións de cooperación interrexional, en particular baixo a forma dunha Comunidade de traballo do tipo das xa existentes en Europa, acollendo así a proposta formulada polos profesores Pérez González, Pueyo Losa e Martínez Puñal nun relatorio presentado no II Congreso de Dereito Galego celebrado en xuño de 1985(10).

En decembro de 1990, terán lugar as Segundas Xornadas Técnicas “Galicia e a Rexión Norte de Portugal ante 1992”, nas que se adopta un proxecto de acordo para constituír a Comunidade de Traballo Galicia-Rexión Norte de Portugal.

Dez meses despois, concretamente, o 31 de outubro de 1991, os Presidentes da Xunta de Galicia e da Comisión de Coordinación da Rexión Norte de Portugal asinaban o Acordo Constitutivo da Comunidade de Traballo Galicia-Rexión Norte de Portugal. Acordo que sería revisado o 19 de maio de 1999 para modificar o art. 3, relativo ó Consello da Comunidade.

Agora ben, chegar a este resultado positivo non foi unha tarefa doada. A xestación da Comunidade de Traballo estivo rodeada de numerosos problemas(11). Quizais o máis complicado e desfavorable fose a falta de apoio por parte do Goberno español, quen, dende un principio, manifestou as súas reticencias á existencia dunha Comunidade de Traballo na que só se atopase representada Galicia, e non todo o conxunto das Comunidades Autónomas fronteirizas con Portugal. Posición tamén compartida polo Goberno portugués.

Nestas circunstancias, a ratificación por España e Portugal do Convenio-Marco Europeo sobre a cooperación transfronteiriza entre comunidades ou autoridades territoriais, do 21 de maio de 1980(12), significou un apoio decisivo á creación de dita Comunidade, toda vez que o citado Convenio non só tenta solucionar os diversos obstáculos que se opoñen ó desenvolvemento da cooperación transfronteiriza entre colectividades territoriais, senón que ademais ofrece interesantes perspectivas para a creación, dentro dun marco xurídico apropiado, de entidades fronteirizas. Os exemplos da Comunidade de Traballo do Jura ou o Consello de Lemán, constituídos apoiándose neste Convenio-Marco Europeo, son ilustrativos a este respecto.

É interesante subliñar aquí que España, ó ratificar tal Convenio, o 24 de agosto de 1990, concluíu –ó igual que Francia e a diferencia de Portugal– unha Declaración, en virtude da que se subordinaba a efectiva aplicación do Convenio “á celebración de acordos interestatais cos estados veciños de Francia e Portugal. En defecto destes acordos interestatais, os convenios de colaboración que subscriban as entidades territoriais fronteirizas necesitan, para seren eficaces, a conformidade expresa dos Gobernos das partes implicadas”.

Pese a isto, esta declaración formulada por España non impediu o nacemento da Comunidade de Traballo Galicia-Rexión Norte de Portugal a través dun compromiso mutuo de carácter non normativo. Desta maneira asegurábase o recoñecemento político da Comunidade e o seu funcionamento de facto, que, se agardase pola fórmula de desenvolvemento bilateral para a aplicación efectiva do Convenio-Marco prevista por España, que lle outorgaría á Comunidade de Traballo a cobertura xurídica necesaria, quedaría atrasada.

Por conseguinte, a nosa Comunidade de Traballo, o mesmo que outros organismos que apoiaban a cooperación transfronteiriza existentes en Europa, vai ser desenvolvida fóra do marco xurídico brindado polo referido Convenio-Marco Europeo de 1980.


V. A Comunidade de Traballo Galicia-Rexión Norte de Portugal

Pese á súa natureza política e ás limitacións que lle impón o seu carácter informal e a falta de personalidade xurídica, a Comunidade de Traballo Galicia-Rexión Norte de Portugal nace coa triple finalidade de contribuír ó desenvolvemento das dúas rexións nun marco de crecente interdependencia e solidariedade interrexional, á construcción europea e á mellora da situación das poboacións fronteirizas.

O seu obxectivo esencial é dinamizar e reforzar as relacións de cooperación transfronteiriza entre os diversos axentes interesados, a través dunha dinámica de encontros regulares que contribúa a centrar os problemas comúns e tentar a súa solución, mediante acordos ou recomendacións e propostas ás autoridades competentes.

No tocante á súa estructura orgánica, conta coa Presidencia, exercida alternativamente durante dous anos polos Presidentes das respectivas rexións membros, que ostenta a representación do organismo, convoca e preside o Consello e ratifica as súas decisións. Un Consello, órgano deliberante de carácter plenario, que se reúne dúas veces ó ano, ó que lle corresponde asegurar a continuidade das actividades de cooperación transfronteiriza, fixar o programa de acción da Comunidade, adoptar os acordos, recomendacións e propostas e fixar as normas de funcionamento.

Inicialmente, o Consello estaba integrado polas delegacións oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia e da Comisión de Coordinación da Rexión Norte de Portugal, nas que deberían participar, na medida do posible, representantes das colectividades subrexionais transfronteirizas, así como os Coordinadores das Comisións Sectoriais.

Posteriormente, despois da revisión do Acordo constitutivo da Comunidade de Traballo en maio de 1999, pasaron a se integrar tamén no Consello os representantes dos organismos que, para estreitar a cooperación transfronteiriza en asuntos da súa competencia, agrupen a entidades locais públicas do ámbito territorial da Comunicade de Traballo. Isto supuxo un paso adiante, ao posibilitar a participación dos municipios das áreas de fronteiras que asumían así un papel máis activo na resolución dos problemas comúns que lles afectan.

Así mesmo, coa invitación do Presidente da Comunidade, poderán participar nas sesións do Consello, con estatuto de observadores ou invitados oficiais, personalidades nacionais ou europeas e representantes dos organismos hispano-portugueses de cooperación transfronteiriza. Tamén poderán participar nas sesións axentes socioeconómicos, institucións e Universidades e Centros de Investigación.

Un Comité de Coordinación, coas funcións de velar pola coordinación e coherencia das Comisións sectoriais, o funcionamento da Secretaría, o seguimento das accións programadas, a fixación das prioridades da Comunidade de Traballo e a preparación dos elementos necesarios para elaborar os Programas de Traballo.

O funcionamento administrativo da Comunidade asegúrao a Secretaría, á fronte da que se sitúa un secretario xeral.

Este organigrama da Comunidade de Traballo complétase con dez Comisións Sectoriais paritarias que se ocupan dos asuntos de interese común para as partes: administracións rexionais e locais; agricultura, medio ambiente, recursos naturais e ordenación; cultura, patrimonio e turismo; desenvolvemento local; dinamización económica; ensino, formación e emprego; investigación científica e universidades; pesca; sanidade e asuntos sociais, e transportes.

As Comisións reúnense sen unha periodicidade determinada. Realizan o seu traballo en ocasións coa colaboración de expertos e transmiten as súas conclusións ó Consello da Comunidade.

Conta tamén con tres Comisións Territoriais: Comunidade Territorial de Cooperación de Lima-Limia, Comunidade Territorial de Cooperación do Miño e Comunidade Territorial de Cooperación de Támega(13).

Estas Comunidades Territoriais, das que forman parte integrante as cámaras municipais portuguesas e as deputacións e concellos das provincias de Ourense e Pontevedra, prestarán especial atención ó desenvolvemento económico e rural; á agricultura e gandería; ás infraestructuras, transportes e comunicacións; ó turismo; ó medio ambiente e ordenación do territorio; á cultura, educación e deporte.

Para cumprir as súas funcións poderán crear comisións sectoriais e comisións ad hoc con carácter temporal e excepcional.

Esta estructura institucional foi ampliada coa incorporación da Comisión do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, o 28 de xuño de 2000.

É unha asociación de carácter local, constituída o 1 de abril de 1992, por iniciativa dos alcaldes das 18 principais cidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal(14). O seu cometido esencial dentro da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal consiste en se ocupar da análise e diagnóstico das cuestións que lle afectan ó desenvolvemento do sector urbano da Eurorrexión, e dispón de capacidade de proposta e execución das accións que acorde.

Por último, indicar que a presencia dun Grupo de Análise e Reflexión Estratéxica e un Grupo Observatorio Interrexional pecha este organigrama.

No tocante á organización económica e financeira, a Comunidade conta cun orzamento que se nutre das contribucións equivalentes das rexións membros, e cada delegación sufraga os gastos derivados da súa participación nas reunións e actividades da Comunidade de Traballo.

A adopción de decisións ten lugar no seo do Consello, e a ratificación correspóndelle á presidencia. As decisións así adoptadas transmítense como recomendacións á consideración das autoridades competentes das colectividades membros, que son absolutamente libres de actuar no sentido das directrices marcadas pola recomendación. Non obstante, esta carencia de poder normativo da Comunidade de Traballo non é óbice para que as súas propostas se poidan converter nun instrumento de presión a favor da resolucións dos problemas comúns.


VI. Balance e perspectivas das actividades da Comunidade de Traballo

Tras case dez anos de funcionamento, a Comunidade de Traballo deu un resultado satisfactorio, pois cumpriu en termos xerais ese obxectivo esencial –enunciado no art. 2 do seu Protocolo constitutivo– de dinamizar e reforzar as relacións de cooperación transfronteiriza entre os diversos axentes interesados, a través dunha dinámica de encontros regulares que contribúan a centrar os problemas comúns e tentar solucionalos mediante acordos ou recomendacións e propostas ás autoridades competentes.

As prioridades da Comunidade de Traballo neste espacio de tempo centráronse fundamentalmente na selección e seguimento de proxectos operativos no marco de programas de cooperación transfronteiriza, como o INTERREG, e destaca a aprobación dunha ampla gama de proxectos (como o último previsto para o período 2000-2006), dos que os resultados prácticos empezan a apreciarse no impacto socioeconómico xerado para estas rexións, pola vía, basicamente, da dotación de infraestructuras e de apoio ó tecido productivo. O que propiciou, nos últimos anos, un rápido crecemento das relacións de Galicia co Norte de Portugal.

Durante este período tamén se intensificaron os contactos a nivel político entre o Goberno portugués e a Xunta de Galicia.

Dende o punto de vista organizativo, creáronse catro novas Comisións Sectoriais: a Comisión de Dinamización Económica, a de Ensino, Formación e Emprego, a de Sanidade e Asuntos Sociais e a de Transportes.

Neste marco organizativo e de funcionamento resulta altamente positiva a incorporación do chanzo local, que como subliña BERNAD e ÁLVAREZ de EULATE “atópase na base mesma da noción de cooperación transfronteiriza”(15). En efecto, a revisión do Protocolo constitutivo en maio de 1999 deu satisfacción ás aspiracións das autoridades locais de participar na resolución das cuestións e toma de decisións que afectan ás comunidades locais fronteirizas. Así, ó abeiro do novo art. 3 permítese, como xa vimos, que participen no Consello os representantes dos organismos que agrupen a entidades locais públicas do ámbito territorial da Comunidade de Traballo.

Isto permitiu o ingreso na Comunidade de Traballo de tres Comisións Territoriais: a Comunidade Territorial de Cooperación do Lima-Limia; a Comunidade Territorial de Cooperación do Miño; e a Comunidade Territorial de Cooperación do Támega.

Así mesmo, esta estructura institucional viuse ampliada coa incorporación da Comisión do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular o 28 de xuño de 2000.

Destacar tamén como a Comunidade de Traballo constitúe un marco de apoio para desenvolver e reforzar a cooperación transfronteiriza dos axentes socio- económicos. Un exemplo, sen dúbida, constitúeo o Protocolo de cooperación entre a Asociación Industrial Portuense e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Ten unha especial significación, dentro deste balance de actuacións, o feito de que a institucionalización das relacións de cooperación transfronteiriza entre Galicia e a Rexión Norte de Portugal servise como incentivo para lles dar pulo a outras iniciativas de cooperación transfronteiriza entre gobernos autonómicos e comisións de coordinación portuguesas. Cómpre referirse, neste sentido, aos Protocolos de cooperación subscritos pola Xunta de Extremadura coa Comisión de Coordinación da Rexión do Alentexo, o 17 de xaneiro de 1992, e coa Rexión Centro de Portugal, o 27 de maio de 1994; ao Protocolo concluído pola Comunidade Autónoma Andaluza coa Comisión de Coordinación da Rexión do Algarve, do 27 de xullo de 1995(16), e aos Protocolos de cooperación entre a Xunta de Castela e León coa Comisión de Coordinación da Rexión Norte de Portugal, do 21 de xaneiro de 1995, e coa Comisión de Coordinación Rexión Centro de Portugal, do 3 de marzo de 1995(17).

Todos estes Protocolos, aínda carecendo de efecto normativo e constituíndo, por conseguinte, meras declaracións de intencións, crean diferentes mecanismos de colaboración –Comunidades e grupos de traballo fundamentalmente– que, a través de procedementos de información e consulta, están a desenvolver unha moi importante función de toma de contacto e de establecemento dunha rede de conexións transfronteirizas que, polo de agora, está a canalizar a axuda que achega a Unión Europea(18).

Pasada esta etapa inicial, convén agora analizar cáles son as perspectivas de futuro que se abren para a nosa Comunidade de Traballo. Sen dúbida, a súa consolidación esixe, dende o noso punto de vista, superar unha serie de obstáculos.

Un deles é, como xa vimos, a falta de recoñecemento xurídico. O feito de ostentar personalidade xurídica daríalle aos seus actos valor e eficacia xurídica, e permitiríalles o exercicio de todas as responsabilidades inherentes á posesión desta personalidade no marco das competencias das colectividades afectadas, tal como esas competencias se definen no Dereito interno.

Con este propósito estase a ultimar un Tratado hispano-luso sobre cooperación transfronteiriza entre entidades territoriais de similares características ó existente con Francia(19), para deseñar un marco xurídico apropiado que permita a aplicación dos principios contidos no Convenio Marco Europeo de 1980. Por conseguinte, o outorgamento de personalidade xurídica á nosa Comunidade de Traballo podería vir dado por esta vía, integrándoa dentro do ámbito que para os organismos de cooperación transfronteiriza se estableza.

Á espera de que se efectúe este recoñecemento xurídico da Comunidade de Traballo, e polo que se refire á actividade desenvolvida pola mesma, é preciso subliñar como, ata o presente, xirou case exclusivamente en torno ó Programa Comunitario INTERREG.

En principio, hai que dicir que a experiencia na execución das sucesivas fases da iniciativa INTERREG é positiva, pois dinamizou social e economicamente estas rexións. Agora ben, esta valoración positiva non está exenta de críticas. Dende o noso punto de vista, é preocupante que a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal converta a iniciativa INTERREG no instrumento de planificación global da súa cooperación transfronteiriza.

É certo que o marco de axudas que ofrecen as institucións comunitarias ós programas de cooperación transfronteiriza dinamizou esta cooperación. Pero non é menos certo tamén que profundar e consolidar as relacións na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal esixe buscar bases novas e non contentarse exclusivamente cos fondos de financiamento europeo, porque chegará o momento no que xa non existan estas fontes de financiamento, ou que, aínda que existan, resulten insuficientes.

A incorporación á Unión Europea de Estados con menor nivel de renda, incluso máis baixo do que teñen na actualidade as rexións menos desenvolvidas da Comunidade, pode facer que estas últimas deixen de percibir os recursos necesarios para un desenvolvemento rexional axeitado.

Por iso, sen desaproveitar as potencialidades provenientes da Europa Comunitaria, Galicia e a Rexión Norte de Portugal deben desenvolver as súas potencialidades propias, de maneira que na cooperación transfronteiriza se impliquen todos os axentes sociais que, a través dunha convivencia milenaria, foron configurando un ámbito xeográfico, cultural e humano de carácter enormemente singular. Como se subliña no Programa de actuación conxunta Galicia-Rexión Norte de Portugal. Estratexia para o período 2000-2006, aprobado en Porto, en maio de 1999, un dos obxectivos que hai que acadar nesta nova década é a conveniencia de profundar na óptica transfronteiriza e, ao mesmo tempo, adoptar unha perspectiva máis ampla, de carácter peninsular e interrexional con miras á “consolidación dun espacio funcional máis amplo que o estrictamente transfronteirizo” no que converxan as estratexias formuladas a un e outro lado da fronteira, orientadas á intensificación das relacións e á cooperación, como base para a valorización da fachada atlántica, de maneira que se camiñe cara a un espacio perceptible e atractivo no ámbito peninsular.

Unha vía en pro da consolidación deste espacio funcional máis amplo podería ser a potenciación desa dimensión atlántica presente nas dúas rexións, co obxectivo de concertar os intereses comúns para promover a actuación na América Latina a través da posta en marcha de accións operativas neste mercado emerxente representado polo MERCOSUR.

Neste sentido, a Comunidade Autónoma de Galicia xa deu os primeiros pasos. Dende maio de 1997, e con maior intensidade a partir de marzo de 1998, a nosa Comunidade Autónoma subscribiu distintos acordos complementarios de cooperación, cartas de intencións e protocolos de irmandades con algúns estados brasileiros, provincias arxentinas e a República do Paraguai.

Nalgúns deles sublíñase como “a experiencia de cooperación interrexional que se vén dando entre o Norte de Portugal e a Comunidade Autónoma de Galicia son dúas referencias de dilatada execución, das que a institucionalización pode servir como marco analítico que provea de instrumentos operativos para a súa posterior adaptación á realidade da área Mercosur”. “A Comunidade Autónoma de Galicia mantén especiais nexos históricos, lingüísticos, económicos e sociais coa lusofonía, e o seu modelo de cooperación co Norte de Portugal é recoñecido expresamente polos gobernos da República de Portugal e o Reino de España, así como polas institucións comunitarias, e participa ademais en múltiples foros rexionais(20).

Tomando como base estas declaracións, observamos que a Comunidade de Traballo Galicia-Rexión Norte de Portugal ponse simplemente como “modelo de cooperación”, pero non se utiliza como instrumento para concertar os seus intereses comúns en América Latina mediante a posta en marcha de accións operativas. Na nosa opinión, podería resultar interesante establecer unha cooperación institucional entre a nosa Comunidade de Traballo e as diversas estructuras de cooperación interrexional existentes no MERCOSUR(21), para intercambiar informacións sobre as actividades de interese común, e promover e coordinar proxectos en áreas de interese.

Isto presentaríalle á propia UE un conxunto de lazos económicos e culturais de preferencia co Cono Sur que lle permitiría á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal consolidarse como un “espacio funcional de maior dimensión económica, máis competitivo e con maior proxección exterior, de cara a potenciar o desenvolvemento socioeconómico das dúas rexións”(22).

Nesta mesma liña de procurar a potenciación das súas actividades, a nosa Comunidade de Traballo debería buscar unha maior proxección exterior, tanto perante as Administracións nacionais das rexións que a integran como a nivel da UE e das asociacións interrexionais e outros organismos de animación da cooperación transfronteiriza que funciona en Europa. Neste sentido, a experiencia da Comunidade de Traballo dos Pirineos pódelle resultar ilustrativa(23).

Pero, sobre todo, a consolidación das relacións transfronteirizas con Portugal fai necesaria unha cooperación institucional entre a nosa Comunidade de Traballo e as novas estructuras de animación da cooperación transfronteiriza creadas respectivamente entre as Comunidades Autónomas de Castela-León, Estremadura e Andalucía coas Comisións de Coordinación das Rexións Norte, Centro e Alentexo, co obxecto de intercambiar e canalizar informacións sobre as actividades de interese común, de promover e coordinar proxectos no marco do desenvolvemento destas actividades, etc.

Estimamos, por outra banda, que a Comunidade de Traballo Galicia-Rexión Norte de Portugal non pode descoñecer os distintos niveis de actuación da cooperación transfronteiriza, particularmente a cooperación entre os gobernos. É importante que exista unha coordinación co nivel intergobernamental, toda vez que os dous niveis son perfectamente compatibles e complementarios(24). E a práctica amosa con demasiada frecuencia esforzos en dispersión. O propio Ministerio para as Administracións Públicas –cando tivo coñecemento do proxecto de Acordo para a creación da Comunidade de Traballo– subliñou a conveniencia de invitar regularmente ás reunións a un representante da Administración do Estado, para acadar unha eficaz articulación das actividades da Comunidade de Traballo cos intereses estatais.

Agora ben, a consolidación efectiva e o desenvolvemento futuro da nosa Comunidade de Traballo esixe, sobre todo, como xa advertimos, fomentar as súas potencialidades propias, particularmente que a potenciación das súas relacións transfronteirizas non sexa unha mera actividade das administracións concernidas, senón que impregne a toda a sociedade.

Para isto é necesario promover actividades de diversa índole con miras á difusión das manifestacións artísticas, os valores e as formas de vida dos pobos de ámbalas dúas rexións, poñendo de relevo o patrimonio cultural común e promovendo o desenvolvemento da cultura e da lingua. Estes obxectivos poderanse acadar a través da elaboración de programas dirixidos á difusión das expresións culturais e do coñecemento da historia da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, á creación de espacios culturais e educativos, ó apoio da creación artística, á conservación e protección do patrimonio cultural, ó ensino do galego e do portugués, a facilitar o contacto entre institucións culturais e educativas, etc(25).

Por conseguinte, en sintonía con Pérez González e Martínez Puñal, compartimos a opinión de que “a cooperación cultural constitúe un importante valor por si mesma e polo que de estímulo supón un tan amplo concepto para a cooperación noutras áreas”(26).

Mª Teresa Ponte Iglesias é profesora titular de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais. Titular do Curso Permanente Jean Monnet “Instituciones y Derecho de la Unión Europea”. Universidade de Santiago de Compostela.

 
 

Notas

(1) Só o Estatuto de Aragón (art 40.1) e, de maneira máis tímida, o de Extremadura (art 6.2) contemplan esta situación.

(2) PUEYO LOSA, J.: “Algunas reflexiones sobre la actividad exterior de Galicia y las relaciones internacionales del Estado”, Dereito. Revista Xurídica da Universidade de Santiago de Compostela, Vol. III, Nº. 2, 1994, p. 18.

(3) A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal é concibida por SILVA PENEDA como “un espacio de forte relación social, económica e cultural, cheo de oportunidades e cun gran potencial de desenvolvemento de futuro”, que urxe transformar “en plataforma territorial competitiva dentro dun contexto de crecente globalización e internacionalización da economía” (SILVA PENEDA, J.: “La experiencia en la Comunidad de Trabajo de Galicia-Norte de Portugal: El punto de vista de la Región Norte de Portugal”, Seminario Internacional sobre la cooperación transfronteriza en Europa, Galicia-Región Norte de Portugal y en América Latina, Escola Galega de Administración Pública, Santiago de Compostela, 2-3 de novembro de 1998, p. 14 (multicopiado).

(4) Art. 7 do Tratado. O texto pode consultarse en BOE nº 128 de 30 de maio de 1978. Asi mesmo, o texto do Tratado pode verse tamén en PUEYO LOSA, J./PONTE IGLESIAS, Mª. T.: Derecho Internacional Público. Organización Internacional. Unión Europea. Recopilación de Instrumentos Jurídicos Fundamentales, Santiago de Compostela, 2ª ed., 1999, pp. 359-361.

(5) A potenciación destes novos ámbitos de actuación concretouse na firma de varios tratados internacionais, que teñen como obxectivo promover un desenvolvemento harmónico no económico e social da zona fronteiriza, destacando a este respecto, entroutros, o Convenio sobre asistencia mutua administrativa entre España e Portugal con fin de previr e reprimir as infraccións aduaneiras, do 7 de maio de 1981 (BOE, do 29 de febreiro de 1984); o Acordo e Protocolo adicional sobre cooperación no sector do turismo, do 15 de xuño de 1982 (BOE, do 23 de novembro de 1984); o Acordo sobre cooperación sanitaria, do 12 de novembro de 1983 (BOE, do 1 de febreiro de 1986; o Protocolo sobre cooperación técnica e asistencia mutua en materia de protección civil, do 9 de marzo de 1992 (BOE, do 23 de xullo de 1993); etc.

(6) PÉREZ GONZÁLEZ, M.: “La acción exterior y comunitaria de los Länder, regiones, cantones y Comunidades Autónomas: Un ensayo de recapitulación”, La acción exterior y comunitaria de los Länder, Regiones, Cantones y Comunidades Autónomas, Instituto Vasco de Administración Pública, Vol. I, Bilbao, 1994, p.340.

(7) Actuais arts. 203 e 263 do Tratado constitutivo da Comunidade Europea.

(8) Atopámonos, pois, cun novo marco comunitario que, en opinión de PETIT, deu nacemento a unha verdadeira política de cooperación transfronteiriza da Comunidade (PETIT, Y.: “Financements communautaires en faveur de la coopération transfrontalière et mise en cause des frontières entre Etats”, Les régions de l’Europe Communautaire, Nancy, 1992, p. 201.

(9) INTERREG I, foi aprobada pola Comisión Europea en xullo de 1990 (Comunicación C (90) 1562/3, DOCE Nº C 215 de 30. 08. 1990). O éxito de INTERREG I determinou a súa continuación a través de INTERREG II para o período 1994-1999 (Comunicación C (94) 180/13, DOCE nº, C 180 de 1.08. 1994) e INTERREG III para o actual período 2000-2006.

(10) Sobre este particular ver PÉREZ GONZÁLEZ, M./ PUEYO LOSA, J./ MARTÍNEZ PUÑAL, A.: “Cooperación transfronteriza y relaciones luso-galaicas, con especial referencia a la política cultural: bases jurídico-internacionales para su institucionalización”, Boletín da Facultade de Direito da Universidade de Coimbra, Vol. LXI, 1985, p. 51, conclusión nº. 9. Artigo publicado tamén en Foro Gallego. Revista Jurídica General, Nº. 193, 1987, pp. 3-52.

(11) A este respecto ver PONTE IGLESIAS, Mª T.: “La cooperación transfonteriza entre Galicia-Región Norte de Portugal: Una pieza clave de la proyección exterior de la Comunidad Autónoma de Galicia”, La actividad exterior y comunitaria de Galicia. La experiencia de otras Comunidades Autónomas (J. Pueyo Losa/Mª. T. Ponte Iglesias, eds.), Colección Derecho Nº 9/1997, Fundación Alfredo Brañas, Santiago de Compostela, 1997, pp. 273-275.

(12) Texto en BOE nº 248, de 16 de outubro de 1990. Tamén se pode consultar en PUEYO LOSA / PONTE INGLESIAS: Derecho Internacional..., cit., pp. 368-382.

(13) Constituídas respectivamente o 18 de maio de 1999, o 12 de abril de 2000 e o 14 de novembro de 2000.

(14) Está conformada polas seguintes cidades: A Coruña, Lugo, Ferrol, Ourense, Santiago, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Monforte, Porto, Braga, Chaves, Viana do Castelo, Vila Real, Guimarães, Peso da Régua, Valença do Minho e Vila Nova de Gaia.

(15) BERNAD E ÁLVAREZ DE EULATE, M.: La coopération transfrontelière dans les régions pyrénéennes et la Convention-cadre européenne sur la coopération transfrontalière des collectivités ou autorités territoriales, Conférence des Régions Pyrénéennes (Jaca-Oloron, 8-18 juin 1982), Conseil de l’Europe. Doc. AS/CPL/Pyr, 8, p. 4.

(16) Con relación a estes Protocolos ver DIAZ BARRADO, C.: “La actividad exterior de Extremadura” A actividade exterior e comunitaria..., cit. Pp. 191-196. MUÑOZ BLANCO, R. E.:“Comentario al Protocolo de Colaboración entre la Región del Alentejo y la Comunidad Autónoma de Extremadura”, Revista de Estudios de la Administración Local Autonómica, Nº. 257, 1993, pp 141-149. PAVON PÉREZ, J. A.: “Protocolos de cooperación transfronteriza entre la Comunidad Autónoma de Extremadura y las regiones portuguesas limítrofes”, Revista Española de Derecho Internacional, Vol. XLVIII, Nº 1, 1996, pp. 404-413.

(17) Para unha análise de tales Protocolos ver HERRERO DE LA FUENTE, A : “La actividad exterior de Castilla y León”, “A actividade exterior e comunitaria..., cti. pp 131-140. Tamén do mesmo autor, “La actividad exterior de las Comunidades Autónomas: La cooperación transfronteriza”, Derecho Público de Castilla y León, Instituto Nacional de Administración Pública - Universidade de Valladolid, 1999, pp 383 e ss.

(18) HERRERO DE LA FUENTE: “La cooperación transfronteriza hispano-portuguesa. Nuevos instrumentos internacionales”, I Encontro Internacional Relações Portugal-Espanha. Revista População e Sociedade, Centro de estudos da População, Economía e Sociedade, 6, 2000, p.277.

(19) “Tratado entre el Reino de España y la República Francesa sobre Cooperación Transfronteriza entre Entidades Territoriais, firmado en Bayona el 10 de marzo de 1995”. Entrada en vigor: 24 de febreiro de 1997. BOE nº 59 de 10 de marzo de 1997. Así mesmo, o texto do tratado pódese consultar en PUEYO LOSA / PONTE IGLESIAS: Derecho Internacional..., cit, pp. 393-395.

(20) Carta de Anhatorimim, do 14 de marzo de 1998 (considerando cuarto); Convenio de cooperación entre o Goberno do Estado de Bahía e a Xunta de Galicia sobre aspectos de interese mutuo no ámbito das relacións MERCOSUR-UE, do 14 de marzo de 1998 (Manifestación quinta); Convenio de Cooperación entre o Goberno da Provincia de Formosa e a Xunta de Galicia, do 15 de outubro de 2000 (Manifestación quinta e sexta); Acordo Complementario de Cooperación entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Integración da República do Paraguay sobre aspectos de interese mutuo no ámbito das relacións UE-MERCOSUR, do 11 de marzo de 1998 (Manifestacións cuarta e quinta). O texto destes instrumentos pódese consultar en SOBRINO HEREDIA, J.M. .: La acción Exterior de las Comunidades Autónomas. Especial Referencia a Galicia. Textos y documentos básicos, Normativa Comunitaria. Colección, Fundación Galicia Europa, Santiago de Compostela, 4, 2001, pp. 737-742 e 724-727 respectivamente.

(21) Entre elas, cabe salientar o Grupo de Traballo CRECENEA-CODESUSL, o Foro Permanente de Gobernadores de CRECENEA-CODESUL, o Grupo Empresario Interrexional do Centro-Oeste Sudamericano (GEICOS) e a Rede de Mercocidades. Para unha análise das mesmas ver PONTE IGLESIAS: “MERCOSUR: Unha nova dimensión para a cooperación transfronteiriza”, MERCOSUR: nuevos ámbitos y perspectivas en el desarrollo del proceso de integración (J. Pueyo Losa / E, Rey Cano, Coords.), Buenos Aires, 2000, pp. 303-311.

(22) Programa de actuación conxunta Galicia-Rexión Norte de Portugal. Estratexia para o período 2000-2006, Santiago-Porto, maio 1999, apartado IV, p. 13.

(23) Con relación á proxección exterior da Comunidade de Traballo dos Pirineos ver FERNÁNDEZ SOLA, N. / PERALTA LOSILLA, E.: “El papel de la Comunidad de Trabajo de los Pirineos y su evolución en el contexto europeo de la cooperación transfronteriza territorial”, Revista de Instituciones Europeas, Vol.21, nº 2, 1994, pp. 512-515.

(24) Coordinación e complementariedade entre os distintos niveis de actuación da cooperación transfronteiriza considerada como absolutamente indispensable por BERNARD E ÁLVAREZ DE EULATE: “ La coopération transfrontalière régionale et locale” Recueil des Cours, t. 243, 1993-VI, pp.365-369.

(25) Algúns dos obxectivos estratéxicos e liñas de acción do xa citado Programa de actuación conxunta Galicia-Rexión Norte de Portugal. Estratexia para o período 2000-2006, apuntan nesta dirección (Obxectivo Operativo I, Liñas de Acción 1.4 e 1.5, pp. 20-21).

(26) PÉREZ GONZÁLEZ, M. / MARTÍNEZ PUÑAL, A.: “El Estatuto de Autonomía de Galicia como elemento de institucionalización de las relaciones culturales galaico-portuguesas”, Las relaciones de vecindad, IX Xornadas da Asociación Española de Profesores de Dereito Internacional e Relacións Internacionais, San Sebastián, 3 a 5 de xuño de 1985 (C. Del Arenal, coord.), Universidade do País Vasco, Bilbao, 1987, p. 275.
 
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/12/2001