Tempo Exterior nº 2 segunda época - xaneiro/xuño 2001Volver ó sumario
Resume - Resumen - Abstract
 
Sobre o prognóstico para 2015 da Intelligence dos Estados Unidos


Fernando Pérez-Barreiro Nolla
 
National Intelligence Council é un centro de estudios estratéxicos que forma parte do complexo de servicios que depende do Director da CIA. Apaña, dixire e elabora en termos estratéxicos os datos que lle proporciona a CIA, confróntaos e debáteos con outras institucións, a maior parte delas universitarias e estadounidenses, pero algunhas doutros países, como o Instituto Internacional de Estudios Estratéxicos de Londres, e pon a disposición do público diversos relatorios sobre asuntos internacionais. É, na súa propia expresión, a voz autorizada do conxunto da comunidade de intelligence dos Estados Unidos en cuestións substantivas. O Consello dedicou quince meses de traballo en estreita colaboración con especialistas do Goberno dos EEUU e unha serie de expertos non gobernamentais, a tentar determinar os elementos motrices e as tendencias do mundo do 2015.

O que o NIC nos dá neste estudio e noutros non é todo o que a CIA sabe, e dánolo da maneira que máis lle convén. Ninguén vai pensar que un relatorio deste xénero sexa, nin moito menos, unha das moitas análises que o persoal da Axencia fai de cotío. Pero é unha fonte importante pola súa orixe e porque, se a estudiamos ben, indícanos o efecto que se lle quixo dar á información. Ese é o famoso “spin” do que tanto se fala na política actual,con metáfora que vén do billar, para indicar xustamente ese “efecto” que o xogador habelencioso lle sabe dar á bola. Partir de aí serve para alertarnos, en vez de confundirnos como moito estudio que se presenta como “obxectivo”; e navegar por esas suposicións pódenos levar a atopar algún illó de verdade e comprensión que, despois de todo, é o que procuramos. A independencia do xuízo precisa dos alicerces das afirmacións intereseiras. Se pode remontarse por riba delas, mellor para o entendemento e, tal vez, mellor no remate para a acción. Onde estean ancorados os nosos valores é outra cousa, pero non hai que deixar que se convertan en preconceptos que nos estorben a percepción da realidade que queremos entender ou na que tal vez queiramos influír. Vai chegando a hora, por exemplo, dunha crítica dos “estudios da paz” ou dos “estudios do conflicto” nos que non entra, ou poucas veces entra, a natureza humana. Os intereses dos protagonistas das relacións internacionais non son deturpacións da realidade, senón a realidade mesma que temos que estudiar, e da que temos que arrancar para chegar, se chegamos, a una conceptualización máis exacta e máis útil.

Hai moitos motivos para atender ao que veña da intelligence. As percepcións dos protagonistas son esenciais no desenvolvemento de todos os procesos de interacción, desde os xogos ata as guerras. A fundadora do estudio académico desta esfera, Adda Bozeman(1), asentouno na necesidade de situar o conflicto de ideas en lugar destacado para o entendemento das relacións internacionais, e citaba a Carta da UNESCO, na que se recoñece que “as guerras comezan na mente humana”. Cumpriría engadir que non é só a guerra o que aí comeza, nin se trata só de grandes ideoloxías senón tamén do que os uns sabemos dos outros, para ben ou para mal, e do que queremos ou non queremos que os demais saiban de nós. A proliferación de estudios universitarios debe ser vista con certa desconfianza, porque non cabe dúbida de que existe unha crise académica, na que os estudios doutras culturas e outras perspectivas perden a obxectividade que deberían ter, e a política cultural exterior dos estados –ou das empresas, ás veces– consiste en fomentar e financiar departamentos universitarios no exterior, comprometendo moitas veces a súa obxectividade.

Tal vez non sobre salientar que nas datas do estudio, que foron máis ou menos as das discutidas eleccións nos Estados Unidos e as da transición á Presidencia de Bush, unha das primeiras medidas do novo Presidente foi a confirmación de George Tenet no posto de Director da CIA por tempo indefinido. Xustifícase, pois, avaliar o estudio pensando na política exterior da nova administración, que marcará os catro primeiros anos, polo menos, deses tres lustros que abarcan os prognósticos.

Convén ter en conta no estudio de que imos falar, que non é un programa de actuación mundial dos Estados Unidos, senón o que o NIC prevé que van ser as forzas e as tendencias do mundo nos próximos 15 anos. As deduccións canto ás políticas concretas dese país están implícitas, e a nós cabe tiralas. Ás veces pola escolla mesma do que se quixo publicar. Aquí vai unha breve noticia e algúns apuntamentos críticos, para incitación dos lectores que queiran ir alén. O documento é doado de consultar. Pódese baixar de Internet no enderezo http://www.odci.gov/cia/publications/pubs.html.


O que se ve mellor en 2000 que en 1997

O NIC xa tiña publicado en 1997 un estudio semellante, referido ao 2010, que provocou debates e comentarios. O propio NIC sinala as diferencias entre aquel estudio e este de agora. Ao mesmo tempo que pensa que a mundialización resultou ser un factor máis decisivo do que pensaba en 1997, en parte polo impulso da Organización Mundial do Comercio, que na data do anterior estudio levaba tres anos escasos de vida, recoñece tamén que é máis importante do que pensaba o papel dos estados e da política. Non di que a actuación dos estados sexa precisa para corrixir os efectos inxustos ou deformadores da mundialización, senón para ocuparse dos novos protagonistas non estatais, bos ou malos. Resulta claro que os que máis lle preocupan son os malos, xa que cita expresamente o crecemento das redes internacionais de criminais e terroristas. Noutras palabras, que o Estado volve ter a función prima de manter a orde pública internacional. Igual que no Estado clásico dos tempos dourados do capitalismo nacional, o dos tempos do capitalismo internacional é o garante da orde necesaria para o desenvolvemento do capital, verdadeiro motor da historia. Desapareceu o gran medo a que o aparello do Estado fose ocupado polas forzas desconformes que poderían utilizalo para redistribuír a riqueza ou para introducir no devir histórico unha lóxica que non fose a do interese privado, pero non se lle encontrou aínda substituto para manter a orde, que agora xa non está limitada polas fronteiras senón que é mundial. De non haber unha autoridade mundial, que esperta receos pola posibilidade de que se vaia iniciar de novo un proceso aquí e democratización que leve a ese nivel outros intereses, a maneira de fortalecer a función policial do poder público é a cooperación entre Estados e a formación de entidades supraestatais de ámbito “rexional”. O desinterese polas Nacións Unidas e o interese polas comunidades inicialmente económicas que se converten en políticas é mostra dese proceso.

A hexemonía –ou “poder preponderante”, na linguaxe do estudio– dos Estados Unidos recebe máis atención agora que en 1997. Acéptase que seguirá sendo certa en 2015. Os Estados Unidos serán aínda daquela os principais promotores da mundialización e tamén –palabras do estudio– os principais beneficiarios desta. Seguirán na vangarda da tecnoloxía en todos os terreos, desde a informática á biotecnoloxía. O poder militar estadounidense terá que entrar nos cálculos da seguridade nacional e das aspiracións dos demais países, tanto aliados como adversarios.

Non escapa aos autores de Global Trends 2015 que as hexemonías crean descontentos. Din que algúns estados, sexan aliados ou adversarios, tentarán oporlle resistencia a esta de vez en cando. Non cren, con todo, que cheguen a formarse coalicións contra os Estados Unidos en termos duradeiros e estratéxicos. Haberá, eso si, converxencias tácticas para se opor a determinadas políticas, e tamén reivindicacións de maior protagonismo nas institucións políticas e económicas internacionais. Prevese, de todos os xeitos, unha diplomacia máis complicada. A influencia do sector privado na política exterior será maior, e a súa presión irá cara á rendibilidade financeira sobre todo. Isto é consecuencia da desaparición dunha grande ameaza á seguridade nacional como era –sempre segundo a CIA, aínda que non a cita por nome– a Unión Soviética. O que se vén dicir é que, nos tempos da guerra fría, o Goberno podía, en certos casos, impor consideracións de pura política exterior aos intereses económicos, e que a partir de agora, e nos próximos 15 anos, non vai ser así. Non deixa de ser revelador, por certo, que a nova Administración de Bush teña reforzado o Consello de Seguridade Nacional con economistas do Consello de Economía Nacional, para que se teñan debidamente en conta na política exterior os intereses do sector privado. A carón da asesora de seguridade nacional, Condoleezza Rice, sentarase o asesor de asuntos económicos, Larry Lindsay. Non vai interromperse, pois, como algúns pensaban, o proceso activo de diplomacia comercial que é un dos principais méritos que reclama o ex-Presidente Clinton para os seus anos de poder. O feito de que Bush mantivera o rango de gabinete do posto de Representante Especial do Presidente para asuntos comerciais e que teña nomeado para desempeñalo a alguén tan prominente como é Robert Zoellick vai na mesma dirección. Ocórresenos, desde fóra, que tal vez sexan cociñeiros demais para o caldo.

Nesa diplomacia máis complicada que prevé a CIA haberá, segundo ela, cada vez máis protagonistas que poden cuestionar ou reforzar o liderado dos Estados Unidos. Cita o estudio a China, Rusia, a India, México e o Brasil, a organizacións “rexionais” como a Unión Europea, e ao que chama “una longa serie de empresas multinacionais e organizacións sen finalidade de lucro cada vez máis poderosas, cos seus intereses que defender no mundo”.

É unha visión relativamente benévola da hexemonía. Poderíase facer unha análise menos optimista có vello pero aínda fecundo concepto do “status quo”. As leccións da historia seguen sendo pertinentes. O discurso do informe a este respecto ten un fondo de crenza nun proceso irreversíbel de progreso, identificado coa misión e os intereses do poder hexemónico, moi característico da corrente central da opinión e da política estadounidenses polas orixes e o desenvolvemento tan únicos e peculiares dese país, pero que non é tan diferente, despois de todo, do das potencias imperiais do pasado. Ou incluso das ordes establecidas despois dun gran conflicto bélico, como foron as decorrentes da Paz de Westfalia ao fin da Guerra dos Trinta Anos, ou do Tratado de Versalles despois da guerra de 1914-18, en que a hexemonía foi a dun sistema ou dun concerto máis que a dun estado imperial. En todos os casos dese xénero pénsase, cun optimismo fomentado polos detentadores do poder, nun “fin da historia”, presentado nas cores atraentes dun fin da guerra ou, máis aínda, dun fin dos conflictos. Pero todo “status quo” ten os seus descontentos, e deles, e non do adianto dos satisfeitos, vén a dinámica do futuro. O recente acordo entre China e Rusia, ao que os medios de comunicación social occidentais restan importancia sinalando a falta de coincidencias a longo prazo entre os dous países e o feito de que non ten outro obxecto que contrapesar a hexemonía dos Estados Unidos, e especialmente o proxecto de telón defensivo antimisíles e a pesada presencia militar no Pacífico, é, precisamente por eso, unha manifestación das primeiras posibilidades dos descontentos, que seguramente irán ter una evolución nestes próximos quince anos máis preocupante e avultada do que o estudio do NIC supón.


A economía mundializada

En 1997 ninguén prevía, e tampouco o estudio do NIC dese ano, a crise financeira mundial de 1997-98. En 2000 téntase deliñar algúns obstáculos do desenvolvemento económico. A preocupación é lóxica. O centro da economía mundial ten que se preocupar polo futuro desa economía, tanto ou máis que os que entraron nela pero non son o motordo seu medre. O economismo implícito na filosofía da historia vixente non pode desatender ese aspecto da realidade.

O estudio non dubida que a mundialización da economía vai continuar e que se van acadar niveis de crecemento satisfactorios. Dise, nembargantes, que eso depende de que non actúen certos freos que poden trabar o desenvolvemento que se espera. O primeiro é a posibilidade dunha marcha arré da economía estadounidense –non se lle chama recesión– que afectaría a todo o sistema mundial. A vulnerabilidade desa economía vén da magnitude do déficit comercial e do baixo aforro no país, que poderían urxir un derrube da confianza internacional. Séguelle a posibilidade de que Europa ou o Xapón non poidan superar os problemas demográficos aos que se enfrontan xa que, para o ano de referencia final do estudio precisarían de máis de 110 millóns de novos traballadores para manter a actual proporción entre poboación activa e clases pasivas. Poderían decorrer diso conflictos sobre os servicios sociais e a política de inmigración que freasen o crecemento económico. Se a China non levase a bo fin a reforma da economía que encetou inspirada polo Occidente, ou se a India non adiantase polo camiño de reformas relativamente semellantes, o sistema da economía mundial sufriría nos seus propios termos, ademais das consecuencia políticas. O problema da reforma preocupa tamén nas novas economías, as dos “tigres” ou “ex-tigres”, por un dicir, nas que a maior dificultade é a de modificar as institucións financeiras, xa que se seguen como están, poderían parar as correntes de investimento externo que son fundamentais para os países de que se trata. E, por último, un trastorno dos abastecementos de enerxía, que o estudio non prevé que vaia ocorrer por acordo entre os productores, senón por desacordos entre eles, ou por inestabilidade interna nun dos principais, ou por terrorismo. Poderiamos pensar que na hipótese de inestabilidade interna inclúese a situación de Venezuela, aínda que non se dan nomes.

Prevense desigualdades de crecemento económico e da distribución dos beneficios da mundialización. Cun razoamento moi frecuente nestes días, faise unha desas profecías que levan consigo un programa para que saian certas, ao dicir que os países onde é mais probable que non se avance tanto como nos demais serán aqueles que sufran de conflictos endémicos internos ou rexionais ou que non diversifiquen as súas economías. A conversión do sistema predominante en absoluto fainos pensar que estamos ante unha nova encarnación do materialismo histórico, só que sen dialéctica. En concreto dise que seguirán sufrindo as economías da África Subsahariana, as do Oriente Próximo e algunhas das de América Latina. Será soturno o futuro dunha grande fatía do continente euroasiático, desde Asia Central ata partes da Europa do sueste, pasando polo Cáucaso. Aumentarán tamén as diferencias de nivel de vida dentro de cada país. E, “incluso nos países de rápido crecemento”, quedarán atrás amplas rexións.

A China e a India, que producen xa unha sexta parte, pouco máis ou menos, do PIB mundial, serán os países que máis medren. Tamén neles terán que darse as condicións impostas polo sistema. No caso da China, moito dependerá de se fai ou non as reformas que decorrerían do seu ingreso na Organización Mundial do Comercio. De todos os xeitos, o desenvolvemento vaise concentrar na faixa costeira, e as rexións agrícolas do norte e do oeste non acompañarán ese progreso, co que xurdirán tensións sociais que vandar moito que facer ás autoridades de Beijing. Na India, parécelle aos autores do estudio que vai ser difícil espallar os beneficios das reformas para que cheguen a centos de millóns de persoas pobres e moitas delas analfabetas.

A Europa occidental iría reducindo a diferencia entre os resultados da súa economía e os que atinxe a dos Estados Unidos. Os países do leste e do sueste da Europa non están aínda “reformados” abondo. Os do leste reformaranse máis axiña para entrar na Unión Europea. Aos do sueste vailles ser máis difícil, se non mellora a situación de seguridade da zona en que se encontran. Irá baixando a importancia relativa do Xapón na economía mundial, aínda que se prevé que terá mellores resultados económicos nestes próximos quince anos que nos dez anteriores. A Rusia non se lle ven probabilidades de mellora. Os países latinoamericanos en conxunto avanzarán con bastante rapidez, pero con moitas diferencias entre eles; os que teñen “democracias orientadas ao mercado”, como México e os do Cono Sur, irán máis de présa, pero os beneficios que obteñan distorsionarán aínda máis a distribución da riqueza, que xa é a máis desigual do mundo. Moitas diferencias haberá tamén no Oriente Próximo e na África do Norte, dependendo de que os países fagan máis ou menos as sabidas reformas e se integren máis ou menos coa Unión Europea.

Non ten moito de novo esa análise da economía mundializada que acabamos de resumir. Tampouco son evidentes as consecuencias en canto á política internacional dos Estados Unidos. Algunhas cálanse, seguramente, sobre todo no problema da enerxía; e na única en que estaría na man das autoridades de Washington facer algo, a de evitar a recesión, prefírese non adiantarse aos acontecementos, especialmente pola importancia de manter a confianza e pola chegada dunha nova Administración.


Os conflictos armados

Volvendo ao tema da hexemonía e a posiblidade de conflictos bélicos, en vez da dinámica dos descontentos có “status quo” que, ao meu ver, non recibe a atención que merece, tal vez por non acordar pesimismo sobre o destino do sistema a longo prazo, prefírese falar de ameazas máis concretas, que xustifican os esforzos de defensa pero non poñen en perigo o porvir do sistema nin ofrecen nada a terceiros. Fálase de ameazas “asimétricas”, nas que os adversarios, estatais ou non, evitan enfrontamentos directos cos Estados Unidos, pero adoptan estratexias e tácticas, e fanse con armas para reducir a forza destes e explorar os puntos débiles que perciben na súa estructura, ou ameazan con armas de destrucción masiva, xa que se prevé que aumentará a capacidade de lanzamento de enxeños nucleares por algúns Estados (Rusia, China, con moita probabilidade Corea do Norte, probablemente o Irán e posiblemente o Iraq) e por organizacións terroristas.

Os riscos de guerra non dirixida contra o poder hexemónico, pero que ameazan á “comunidade internacional”, son varios. Vese con clareza que os Estados Unidos non queren definirse como parte ou actuar como policía internacional nestoutros conflictos. Aínda que o estudio foi feito nos últimos tempos da presidencia de Clinton, esto bate xusto coa política anunciada por Bush. E xa lembramos ao comezo deste artigo que unha das primeiras medidas deste foi confirmar que George Tenet seguirá dirixindo a CIA.

Entres eses conflictos sinálanse os enfrontamentos entre a India e o Pakistán, China e Taiwán e os do Oriente Próximo. Noutra categoría están os conflictos internos orixinados por motivos relixiosos, étnicos, económicos ou políticos. Haberá nestes próximos anos tantos ou máis que agora, é o prognóstico. Tamén nestes cre o NIC que terán que intervir as Nacións Unidas ou as organizacións rexionais, porque as potencias máis fortes quererán reducir ao mínimo a súa intervención, por problemas internos, políticos ou económicos. Recoñécese que haberá moitos chamamentos aos Estados Unidos para que lidere iniciativas militares multilaterais como foi a da guerra do Golfo, pero tamén a dificultade de volver formar coalicións como a integrada naquela ocasión.

O estudio ve cada vez menos doadas as tentativas de controlar a difusión de armas e a transferencia de tecnoloxía militar, coas conseguintes ameazas tanto para os conflictos armados en xeral como para ataques ás forzas, ás instalacións e ós intereses dos Estados Unidos no exterior.

Xustifícase, pois, unha alerta defensiva, ao mesmo tempo que se afirma unha cautela á hora de intervir que coincide coas manifestacións tan repetidas do xeneral Powell, agora secretario de Estado. Estamos lonxe do isolacionismo, que é un luxo que non se pode permitir o poder hexemónico, pero parece como se se entrase nunha nova fase, á que seguramente non lle faltan precedentes na historia, de certo retraemento dese poder, que pode verse como consolidación e desexo de gozar da forza e a prosperidade acadada sen ter que loitar por ela ou pola en xogo cada día, ou como un sinal de cansazo, unha primeira badalada anunciadora do retroceso.


A ecoloxía

En vista da preocupación pola falta de interese que veñen mostrando os Estados Unidos pola cooperación para a defensa do medio ambiente, non é moi animador o que o NIC prognostica para os próximos quince anos. Empobrecemento das terras de labradío, perda de forestas tropicais, aumento das emisións de gases de invernadoiro (“dadas as prometedoras perspectivas económicas mundiais”), desaparición de especies biolóxicas, etc. Os acordos internacionais existentes, aínda que fose posible aplicalos a fondo, non poderían dar resolto eses problemas para 2015. O Protocolo de Montreal poderá tal vez restablecer a camada estratosférica de ozono de aquí en cincuenta anos, pero o furado do ozono na Antártida vai facerse maior nos dous decenios vindeiros, por mor do tempo que pasa entre a reducción das emisións e os correspondentes efectos na atmosfera. Maior risco de cancros de pel, pois, na Arxentina, Chile e Australia. O Convenio sobre a Biodiversidade non lle parece ao NIC que sexa abondo para acadar o que se propón. No aspecto decisivo nestes momentos, desde o punto de vista da política inmediata, que é o da ratificación do Protocolo de Kyoto sobre o Cambio Climático, limítase a dicir que non é probable que vaia entrar en vigor a non ser que mude moito. Hai motivos abondo para pensar que esa vai ser a posición negociadora estadounidense manifestada xa sen requilorios na recente conferencia da Haia, e confirmada polo que levamos visto das características dos nomeados polo presidente Bush para os ministerios máis relacionados con estas cuestións. Con esa actitude negativa canto a intervención pública na defensa do ambiente, o único factor prometedor nestas proxeccións do futuro vén do sector privadoque, sen renunciar a proveitos, poderá aproveitar tecnoloxías menos agresivas. A utilización de motores híbridos, a enerxía solar e a eólica veñen á tona, e pouco máis. En canto as emisión de gases, por exemplo, fala o estudio de que a India e a China procurarán estratexias de desenvolvemento que non empreguen tanto carbón, aínda que se resistan a que lles impoñan límites ás emisións de dióxido de carbono. Espera tamén que varias multinacionais irán por ese camiño. Cabe pensar, xa que logo, que os Estados Unidos farán o mesmo, pero iso non se prevé explicitamente. É certo que cando chega o momento de pasar revista aos asuntos dos que se ocupará a cooperación internacional, aparecen “algunhas” cuestións ambientais, pero de xeito bastante confuso, xa que hai dúas listas, unha coas que teñen mellores perspectivas de éxito e outra coas de dubidoso resultado. Déixase sempre nesta última a incógnita de ónde poderá vir o fracaso e non se di se os Estados Unidos poderían facer máis do que fan. Pero o curioso é que aparecen problemas ambientais nas dúas. A reducción das substancias que esgotan a capa de ozono está na primeira, pero a referencia concreta ás emisións e ao Protocolo de Kyoto aparece na segunda. A contradicción é obvia, e ben reveladora da incomodidade dos Estados Unidos co asunto.


A cooperación internacional

Nesa lista de temas de cooperación de resultado incerto da que falamos figura tamén a protección dos dereitos da propiedade intelectual, a reforma e fortalecemento das institucións financeiras internacionais (as de Bretton Woods, sobre todo), a ampliación do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, a adhesión de máis Estados a un Tribunal Penal Internacional, a aceptación de organismos transxénicos “para mellorar a nutrición e a saúde nas rexións pobres”, as forzas de mantemento da paz dependentes das Nacións Unidas ou de organizacións rexionais “coa posible excepción da UE”, o emprego de forzas militares con autorización das Nacións Unidas para combater a infracción dos dereitos humanos, a proposta de novos dereitos a elementos de uso común universal, como, por exemplo as “fronteiras abertas” en proveito dos países con rendas máis baixas.

Vese máis doada, en troques, a cooperación noutros asuntos, como a vixilancia das correntes financeiras internacionais, a loita contra a corrupción, contra o tráfico de drogas e contra a explotación de mulleres e nenos; o seguimento de datos meteorolóxicos e prognóstico de desastres naturais; o descubrimento de remedios e vacinas contra as enfermidades infecciosas máis graves; a asistencia humanitaria aos refuxiados e ás víctimas da fame, de desastres naturais ou de conflictos internos; o combate do terrorismo; e as iniciativas das organizacións nacionais e internacionais para resolver conflictos internos e interestatais, sobre e todo en África.

Non deixa de ser notable que a maior parte destas actividades que se ven máis doadas sexan da competencia de organizacións internacionais ben establecidas, todas ou case todas do sistema das Nacións Unidas. A referencia a África é enigmática abondo. Poderíase pensar que nesa parte do mundo xulga a CIA que pode ter máis campo a intervención, pola escasa consolidación das entidades con soberanía. Se diso se trata, é unha perspectiva que crea inquedanza e que merece atención. A debilidade dos estados e o predominio de identidades sociais menores que non tomaron formas xurídicas case estatais ou de morfoloxía política de orixe europea, parece crear unha situación de desfase histórico na que os axentes máis concordes cos tempos gañan lexitimade para intervir se for preciso. O propio estudio sinala que algunhas desas identidades responden a vínculos relixiosos ou étnicos con diásporas ou con comunidades máis amplas que lles poden prestar apoio. É o caso das de relixión islámica, por exemplo.

A un par de meses do estudio sabemos xa que os primeiros problemas sobre os que pediu información e análises Colin Powell ao chegar ao Departamento de Estado foron os relativos ao continente africano. Poderíase pensar que non son os máis urxentes nin van esixir resposta nas primeiras semanas da nova Administración, pero non é mal sinal que lle preocupen a Powell porque a longo prazo e nunhas dimensións verdadeiramente mundiais son unha santabárbara baixo o edificio da prosperidade que tantas inxustizas pretende xustificar.

Predicir non é fácil, pero é necesario, sen dúbida. O estudio do National Intelligence Council recorre de máis, parécenos, á extrapolación das tendencias do momento. Ese é o método máis tradicional nestes casos, e tal vez o único que se pode esperar da natureza dunha publicación destinada ao público en xeral. Podemos estar seguros de que nos relatorios e as avaliacións cotiás da CIA manéxanse outras evolucións e outros indicadores do futuro máis escondidos pero máis importantes que os que aquí aparecen. A medida do valor que ten o novo e o verdadeiramente imprevisto na historia vaina dar o tempo que pase antes do próximo prognóstico. Pasaron tres anos desde o anterior a este, e ampliouse en cinco o seu alcance. Podemos estar certos de que antes de que pasen outros tantos haberá moitas novidades. Está máis que xustificado utilizar a imaxinación dos analistas, de nós todos, porque hai moito imprevisíbel no río da historia.
 
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/04/2001