Tempo Exterior nº 2 segunda época - xaneiro/xuño 2001Volver ó sumario
Resume - Resumen - Abstract
 
O cambio en Taiwán


Minkang Zhou
 

Introducción

O 18 de marzo de 2000, os vintedous millóns de cidadáns taiwaneses tiveron a oportunidade de participar nas eleccións presidenciais máis transcendentais de toda a historia da China e Taiwán. Os votos dos taiwaneses foron decisivos para que operase o traspaso pacífico do poder entre os dous partidos máis importantes na illa. O partido nacionalista Guomindang, que gobernou durante cincuenta e cinco anos en Taiwán, perdeu o apoio da maioría dos cidadáns e converteuse no partido da oposición. Mentres, o partido de progreso democrático, o Minjindang, un partido cen por cen local e nativo de Taiwán, gañou o poder de maneira pacífica e transparente. É un feito dunha importancia transcendental e histórica, porque nunca, ao longo de toda a historia chinesa, acontecera un traspaso pacífico de poder como este.

Antigamente, na China, os poderes imperiais foron sempre derrubados e conquistados polos rebeldes máis humildes mediante un levantamento campesiño armado, ou unha guerra civil, como se deu no último caso, hai máis de cincuenta anos, entre o partido comunista de Mao Zedong e o partido nacionalista, con Jiang Jieshi como líder. O resultado da votación demostrou que os cidadáns taiwaneses tomaron, unha vez máis, as rendas do seu destino e votaron a Chen Shuibian, líder da oposición Minjindang, para o cargo de novo presidente do Estado. A maioría dos cidadáns considerou que Chen era o candidato máis adecuado para dirixir o país nos próximos catro anos. Fracasaron as ameazas, bélicas e verbais, lanzadas polo goberno chinés de Beijing contra Taiwán e contra o actual proceso democrático, ante a firme vontade dos cidadáns taiwaneses que amosaron a firme confianza no seu sistema político. Por segunda vez, en cinco mil anos de historia chinesa, e catrocentos na historia de Taiwán, os chineses puideron votar directamente para elixir a un presidente do Estado, intervindo pacificamente no traspaso de poder.


Os seis meses de mandato de Chen Shuibian

Dende o primeiro momento en que Chen foi elixido polos cidadáns taiwaneses como presidente do Estado, agardáballe unha axenda de problemas moi difíciles de resolver: en primeiro lugar, o novo goberno debía enfrontar o cambio total na estructura política e manter o equilibrio das forzas existentes na illa; precisaba gañar o apoio e a colaboración do parlamento e da cámara do senado, onde está en minoría, e tiña que eliminar as forzas da corrupción que o Guomindang propiciou durante máis de cincuenta anos en todas as ramas e departamentos gobernamentais. A aplicación desas liñas de traballo significaría unha reforma radical nos ámbitos político e social.

Ese tipo de reforma provocaría, sen dúbida ningunha, a crítica e o impedimento por parte da oposición, xa que esa reforma prexudicaría os intereses do Guomindang.

Pasaron máis de seis meses dende o 20 de maio de 2000, día en que o presidente Chen Shuibian tomou posesión do cargo. No seu discurso de investidura fixo un chamamento a todos os cidadáns taiwaneses para unirse a fin de construír unha nova sociedade. Sen embargo, durante estes seis meses, o goberno de Chen debeu superar unhas probas moi duras e sen precedentes. O propio presidente dixo, hai pouco, que a situación na que se atopa o novo goberno é dificilísima.


¿A que problemas se enfronta o novo goberno do presidente Chen Shuibian?

1. A inexperiencia na administración

Despois de seis meses de goberno do presidente Chen Shuibian, os cidadáns taiwaneses decatáronse de que non ten nin a menor idea de cómo dirixir esta sociedade. É lóxico que un goberno novo non teña experiencia na administración. Sen embargo, como os cidadáns xa estaban psicoloxicamente acostumados á administración do Guomindang exercida ininterrompidamente durante os últimos cincuenta e cinco anos, cústalles aceptar os insoportables desordes na administración e no desempeño de funcións por parte dos departamentos gobernamentais. Este caos provocou unha gran preocupación social.

Como exemplo da desorganización que existe na función político-administrativa do novo goberno, podemos explicar, de maneira moi resumida, o caso da cuarta central nuclear. En Taiwán, unha illa con trinta e seis mil quilómetros cadrados, xa se construíron tres centrais nucleares. Na época de Li Denghui, ex presidente de Taiwán, aprobouse o proxecto para construír unha cuarta central. Este proxecto foi sometido á aprobación do parlamento de Taiwán e tamén foi aprobado polo Congreso lexislativo. É dicir, o proxecto foi tramitado legalmente e con todas as garantías. Durante todo o proceso de aprobación, Minjindang, como oposición naquel entón, sempre se opuxo ao proxecto, e incluso Chen Shuibian fixo a promesa na súa campaña electoral de que se gañaba as eleccións, aboliría esa iniciativa, alegando que unha illa tan pequena como Taiwán non necesitaba tantas centrais nucleares que supoñían unha gran ameaza para a seguridade e o benestar ecolóxico do país. Chen Shuibian gañou as eleccións e agora tiña que cumprir a súa promesa.

Sen embargo, Chen nomeou a Tang Fei como primeiro ministro para formar goberno, sen ter en conta que Tang Fei está de acordo co proxecto da cuarta central nuclear. A promesa electoral do presidente non se puido materializar e ademais, saíron á luz pública as discrepancias internas do Minjindang ante o proxecto da central nuclear. Tang Fei dimitiu aos tres meses e o presidente Chen nomeou a Zhang Junxiong como o seu sucesor. Zhang, oposto ao proxecto nuclear, puxo en marcha o proceso de abolición do proxecto. Sen embargo, como o proxecto fora aprobado polo parlamento e tamén polo congreso lexislativo, xorden as dúbidas sobre a legalidade da abolición. Finalmente, Zhang, o primeiro ministro, conseguiu realizar todos os procesos necesarios obtendo o visto e prace do parlamento e do congreso lexislativo para a abolición do proxecto.

Ao largo de toda esa pelexa, a oposición Guomindang, sempre intentou que o proceso fora suspendido, provocando desconcerto e unha crecente sensación de caos entre a opinión pública de Taiwán. O caso está agora en mans do Tribunal Supremo que terá que decidir se o proceso de abolición do proxecto impulsado polo novo goberno, é considerado legal ou ilegal. Se decidira que é legal, proporcionaríase un exemplo de enorme e discutible valor para os futuros gobernos pois poderían cambiar e abolir os acordos e proxectos adoptados polos gobernos anteriores. Se, pola contra, decidira que é ilegal, o goberno e o presidente terían violado a Constitución e as leis de Taiwán e deberían presentar a súa dimisión. Este asunto condicionou a axenda política do novo presidente nos seus primeiros seis meses de mandato e provocou a desconfianza, a preocupación e a incerteza entre moitos cidadáns taiwaneses.

2. Eliminar a corrupción

A corrupción na sociedade taiwanesa é un fenómeno político e social que deixou o Guomindang como legado dos seus cincuenta e cinco anos de mandato. Os políticos reúnense cos empresarios e banqueiros para defender e legalizar as súas conductas corruptas en beneficio dun grupo moi reducido. A corrupción precipitou a caída do Guomindang. Pero a democracia educa e os taiwaneses comprenderon que é posible loitar co dereito de sufraxio contra unha corrupción que se converteu nun auténtico “cancro” social.

Precisamente o Minjindang soubo aproveitar ben ese odio popular á corrupción e o seu desexo de eliminala para gañar as eleccións. Agora ben, o novo goberno debe impulsar unha gran limpeza para conseguir a súa eliminación e cumprir ese desexo da maioría dos cidadáns. A erradicación das prácticas corruptas permitiralle consolidar o novo poder e a nova estructura de administración creando unha nova imaxe do goberno e do Estado.

O presidente Chen expresou claramente que desexa eliminar a corrupción na administración e no proceso de eleccións municipais e provinciais. Esa declaración foi recibida como unha ameaza por parte daqueles funcionarios e políticos procedentes do Guomindang involucrados nestas prácticas, iniciando a resistencia. Como o novo goberno non ten moita experiencia neste aspecto, os departamentos gobernamentais encargados de levar a cabo a limpeza da corrupción non funcionan como a maioría esperaba e iso provoca unha gran decepción entre os cidadáns.

3. A política económica

O novo goberno desexa continuar a política económica do Guomingdang, asumindo que na época de Li Denghui se lograron moitos éxitos e progresos económicos. Gracias a eses progresos, Taiwán pasou dunha economía tradicional a unha economía con nova e alta tecnoloxía. Sen embargo, as incoherencias e vaivéns do novo goberno de Chen Shuibian provocan inseguridade e incerteza nos medios económicos e financeiros. A crise de confianza iniciada pola deficiente conducción da paralización do proxecto da cuarta central nuclear levou á caída continuada do índice financeiro no mercado bolsista. Durante os últimos seis meses, o valor bolsista caeu case nun 50 por cento. Este descenso provocou aínda máis inseguridade fronte á política económica do goberno. Os empresarios taiwaneses non albiscan unha dirección clara para levar adiante as súas empresas e os seus negocios.

A exportación diminuíu e o investimento interno e externo debilitouse nos últimos seis meses. Os empresarios non saben en qué rama industrial ou tecnolóxica deben investir a fin de propiciar un novo desenvolvemento económico e empresarial. Esta situación amosa o ambiente de inestabilidade e mesmo de pesimismo, con claras repercusións no mercado bolsista. Todo o mundo en Taiwán é consciente de que esta situación é o resultado de moitos problemas acumulados ao longo do mandato do Guomingdang, pero tócalle resolvelos a un goberno sen experiencia. Non é unha tarefa fácil para o presidente Chen e por iso demanda máis tempo antes de sacar conclusións acerca de se o seu goberno ten ou non a capacidade e o talento para resolver todos eses problemas.

4. As relacións coa China popular

Na derradeira etapa do mandato de Li Denghui, ex presidente de Taiwán, as relacións entre ambos lados do Estreito de Taiwán pasaron polo peor momento desde 1988, ano en que se deron os primeiros contactos oficiais e as visitas mutuas dos cidadáns de Taiwán e China. Esa situación de tensión foi debida á declaración de Li Denghui de que China e Taiwán eran dous Estados, en xullo de 1998. Esa declaración provocou unha reacción moi negativa por parte do goberno chinés, quen cría que Taiwán xa iniciara o camiño cara á independencia. China sempre avogou pola fórmula de un país con dous sistemas, modelo de Hongkong e Macao. A declaración de Li Denghui, totalmente contraria ás teses de China, provocou inevitablemente o incremento da tensión nas relacións entre ambas partes. Agora, o novo presidente desexa reconducir a tensión desa relación e nestes seis meses levou adiante máis pasos significativos do que o Guomingdang nos seus cincuenta e cinco anos de mandato.

En primeiro lugar, no discurso da toma de posesión, o novo presidente expresou a súa vontade de mellorar as relacións entre China e Taiwán e incluso realizou as seguintes promesas a fin de concretar esa boa vontade: durante o período do seu mandato, Taiwán non declarará a independencia; non vai a mudar o nome do país, que sigue sendo a República de China en vez da República de Taiwán, nome a favor do que sempre se manifestou o Minjindang cando estaba na oposición; non vai a propor a modificación da Constitución da República de China introducindo a teoría e o concepto de dous Estados (China e Taiwán), fórmula ideada polo ex presidente Li Denghui na derradeira etapa do seu mandato presidencial; e non vai a propor ningún referendo sobre a independencia e a unificación.

Este compromiso dos “catro non” logrou suavizar a relación entre Beijing e Taipei aínda que Beijing quere mirar con lupa cómo vai cumprir ese compromiso o novo presidente. Mentres, en Taipei, a oposición eleva as súas criticas ao novo goberno por non contar cunha liña de acción concreta e permanente para establecer e mellorar a relación coa China, empeorada a causa da proposta de Li Denghui. Seis meses despois, o novo goberno concretou a súa política coa China e deu un gran paso para expresar a súa boa vontade de querer mellorar as relacións con Beijing: a partir do 1 de xaneiro de 2001, Taiwán xa permite a comunicación marítima entre os dous lados do estreito de Taiwán. O día 2 de xaneiro de 2001, o primeiro barco de Jingmen, co alcalde de Jingmen como delegado e uns 150 taiwaneses a bordo, partiu desde o peirao de Jingmen cara Xiamen, na China continental. Esta viaxe logrou recomezar unha comunicación marítima entre Jingmen e Xiamen, que levaba cincuenta anos interrompida. Dúas horas despois, o barco chegou ao porto de Xiamen e ese mesmo día, o alcalde de Xiamen ofreceu un gran banquete para dar a benvida aos compatriotas taiwaneses. Despois de atracar en China continental, a primeira delegación taiwanesa vía marítima, visitou Beijing e Shanghai. O alcalde de Shanghai expresoulles o desexo de acelerar o paso para poder iniciar a comunicación e o transporte aéreo entre Shanghai e Taipei, traxecto que soamente tardará unha hora. Actualmente os pasaxeiros taiwaneses precisan case un día enteiro para desprazarse en avión dun lugar a outro, vía Hongkong. Hai soamente un ano, ninguén podía imaxinar este gran paso que deron o presidente Chen e o seu novo goberno.

As enquisas revelan que este feito permitiulle recuperar boa parte da desconfianza dos cidadáns taiwaneses. O propio presidente Chen declarou recentemente que o inicio desta comunicación e transporte marítimo entre Taiwán e China é un primeiro paso para poder iniciar, a curto prazo, a comunicación e o transporte aéreo entre Taiwán e China, incluíndo os servicios de correos e de telecomunicacións. Con isto, o presidente Chen quere recomezar as negociacións coa China sobre os investimentos, o intercambio comercial e financeiro e a negociación económica que se suspenderon hai máis de dous anos. Aínda que a negociación política entre ambas partes está bastante lonxe, se hai disposición e boa vontade, as relacións entre China e Taiwán poden recuperar o espírito de 1992, circunstancia que podería resultar moi beneficiosa para a consolidación da imaxe, a capacidade e o talento persoal do novo presidente.

Ao longo dos seis meses de mandato do presidente Chen, o maior éxito logrado é esa mellora das relacións coa China. Por outra banda, o maior fracaso foi a súa política económica, cualificable de ambigua e inestable. Cómprelle adoptar unha nova política, máis precisa e sólida, a fin de que os 23 millóns de taiwaneses poidan disipar a actual confusión.

(O autor expresa o seu agradecemento a Sabina Huang pola súa colaboración na elaboración deste artículo).

Minkang Zhou, profesor da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB).

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/04/2001