Resume - Resumen - Abstract |
| Mundialización: ¿Outro mundo é posible? |
|
Alain Lipietz |
|
A mundialización: unha vella historia A mundialización é consubstancial á propia existencia e á historia da humanidade. O Homo sapiens eliminou aos Néanderthaliens; os Brancos, os europeos, invadiron América e impúxose o comercio triangular con África: todos eses movementos foron acompañados dun cortexo da violencia moito máis arrepiante da que se practica na actualidade. A onda da mundialización ultraliberal do século XX foi precedida pola primeira división internacional do traballo, na que o Sur producía as materias primas e o Norte os productos manufacturados e a enxeñería intelectual. Esta división internacional do traballo foi cuestionada na fin do século, a partir do momento no que se fixo factible producir, case en calquera lugar do mundo calquera producto manufacturado. A diferencia substancial está en que os traballadores do Norte acadaron con éxito, dende o século XIX, a consolidación dos dereitos sociais, e mentres, o Sur ofrécese na actualidade aos emporios transnacionais como unha reserva de traballo con baixos salarios e instituíndo un sistema de producción que ignora por completo as normas ambientais. Vén a ser a condición da súa inserción na mundialización, a súa “avantaxe comparativa”. Evidentemente, esta situación non se produce en todos os campos. No eido das biotecnoloxías, se a “fábrica de xenes” queda no Norte, a biodiversidade está no Sur: Quedamos pois na “primeira división internacional do traballo”. Pola contra, no terreo da industria electrónica, moitos países que figuraban entre os máis pobres do Mundo hai cincuenta anos poden pasar a ser exportadores temibles, e mesmo remontar a escala das cualificacións e dos salarios (caso de Singapur ou de Finlandia). Obsérvase pois que a mundialización non é a uniformización nin no plano da creación de riquezas, nin no plano do dereito, en particular do dereito dos traballadores e do respecto ao medio ambiente. Cómpre, pois, superar o engano dunha prometida mundialización que sería distribuidora de riquezas e de tecnoloxías de maneira equitativa a escala planetaria. De feito, a mundialización encádrase no interior dun proceso de recomposición da acumulación do capital. Paradoxalmente, é no corazón do mecanismo de mundialización onde reside o proceso de centralización financeira e de concentración industrial do capital, pilotado polas multinacionais da industria e dos servicios, a banca transnacional, os grandes fondos de pensións privados e as sociedades de investimento. Internacionalizándose, o proceso conduciu a unha interpenetración aumentada entre o capital dos países máis ricos, e a constitución dun oligopolio mundial de industrias e de actividades de servicios. En resumo, non son os intercambios os que se mundializan (que son cada vez máis intra-continentais), senón o capital, tanto na forma de capital productivo como de capital financeiro. Este proceso vese favorecido por tres vectores: o comercio mundial, orquestrado inicialmente polo GATT (General Agreement on Tarifs and Trade), transformado na Organización Mundial do Comercio (OMC) en 1994, en Marrakech; os investimentos das grandes firmas transnacionais; e a especulación financeira, exponencial despois do afundimento do sistema de Bretton Woods en 1973, cando os Estados Unidos abandonaron as taxas de cambio fixas.
Dende esta situación, debúxase coma unha utopía querer regularizar a mundialización? Un dos lemas do Foro Social Mundial de Porto Alegre celebrado no mes de xaneiro pasado foi: “Outro mundo é posible”, frase que me leva a lembrar o verso de Paul Eluard: “Un autre monde est possible, mais il est dans celui-ci” (outro mundo é posible, mais está neste); non hai que esquecer estas verbas! Fronte a mundialización neoliberal, dúas estratexias se opoñen: unha estratexia “soberanista”, que soña dalgún xeito con saír deste mundo, que fai do marco estatal unha fortificación das normas sociais. E hai outra estratexia, aquela das “ONGs” que foi vista dende Seattle ata a Haia, do tipo da rede Acción Cambio Climático, ATTAC e outras, movementos que traballan para subordinar a mundialización económica e financeira a normas e leis internacionais, como as da Organización Internacional do Traballo, ou as obrigas medio ambientais definidas en Río no ano 1992, por exemplo. Este tipo de movementos resume o combate secular dos traballadores, é dicir, que as lexislacións das normas sociais e ambientais prevalezan no mesmo espacio xeográfico que a lexislación do capital. Recapitulando, se a economía pasou a ser mundial, é imprescindible que a lexislación social e ambiental pase tamén a ser mundial, sen que os traballadores e as rexións de producción queden enfrontados os uns aos outros. Debemos chegar a un momento no que estas regulamentacións sexan impostas ao mundo enteiro (aínda que evidentemente hai que ser conscientes da realidade de que un combate destas características non se vai facer nun día). Esta aspiración a unha mundialización “controlada” vai ter que apoiarse nunha conxuntura favorable: a fin da submisión do resto do mundo á hexemonía americana, asinada en Seattle hai un ano e na Haia hai tres meses, ligada á emerxencia do multilateralismo. A Unión Europea tivo certa sensatez nos dous casos, obrigada pola presión da sociedade civil. Moitos puntos comúns emerxeron entre as dúas negociacións:
A loita contra o hexemonismo dos Estados Unidos e a forma de mundialización que estes impulsaron, conduciu a certos militantes a rexeitar a regulamentación internacional (multilateral) e a aliarse aos “soberanistas”. Mais rexeitar o multilateralismo non é a solución, e menos preconizar o proteccionismo. Dous exemplos, para a circulación marítima, por exemplo, é evidente a necesidade de regras europeas ou para loitar contra o efecto invernadoiro, son necesarias normas planetarias. Mais as sociedades transnacionais non poden ser suxeito de dereito nin fabricantes de normas: o interese xeral debe primar sobre o interese comercial, os beneficios deben salpicar ao conxunto das sociedades, o crecemento económico mundial debe ter en conta a sustentabilidade ambiental. Cómpre, polo tanto, activar as regras do dereito internacional e facer que primen sobre as regras da OMC, en materia de dereitos económicos e sociais e de medio ambiente.
A opinión pública dos distintos países e, en parte, os gobernos, comprenderon que de agora en adiante todo o proceso da mundialización ía estar ligado, non se pode negociar simplemente a liberalización sen ter en conta as reivindicacións da sociedade que están cuestionadas por estas desregulamentacións comerciais. E claramente o caso de Europa, cunha axenda de liberalización bastante clásica (comercial, centrada no investimento), mais que pouco a pouco considera que fai falla ter máis en conta as cuestións sociais, ambientais, a necesidade de recoñecer o principio de precaución, etc. A axenda europea leva aparellada, no sucesivo, aspectos comerciais clásicos –negociados dende hai medio século– e unha novidade: a consideración do que o comercio comporta en termos de consecuencias sobre a elección da sociedade. Claramente, hoxe, os temas das negociacións non poden ser tratados indistintamente os uns dos outros. Discutir “agricultura”, é discutir ao mesmo tempo “organismos xeneticamente modificados” (OXM), biodiversidade, dereitos de propiedade intelectual. Discutir “servicios”, é discutir modelo de sociedade en materia de servicios públicos, en materia de educación. Todas estas cuestións están intimamente ligadas. Segunda consideración: a emerxencia dunha competencia forte entre as instancias de regulación internacional. O risco da negociación de Seattle, era que, se Seattle resultaba un éxito, a OMC pasaría a ser a instancia suprema das negociacións internacionais afectando ao conxunto da cidadanía mundial. Non hai que agochar a cuestión do fracaso producido en Seattle, que permitiu, dunha certa maneira, a un certo número de organizacións de Nacións Unidas levantar un pouco a cabeza –queda por saber se este tema vai ser transitorio ou permanente– mais, en calquera caso, estes acontecementos permitiron estar en situación de facer do dereito internacional, un dereito alternativo ao da OMC. Así, o Protocolo de Bioseguridade que fai referencia ao comercio das OXM, naceu en xaneiro do 2000 e define as regras en materia de intercambios de productos OXM. Non é perfecto, mais estamos diante dun sistema concorrente ao sistema da OMC, porque este protocolo –chamado “Protocolo de Cartagena”– recoñece o principio de precaución e a capacidade dos Estados de poder utilizar este principio para bloquear as importacións de OXM. Algúns meses despois de Seattle, en Nairobi, en maio de 2000, celebrouse unha conferencia –a Conferencia Ministerial da Convención da Biodiversidade (CBD)– que creou un grupo de negociación sobre a propiedade intelectual ligada aos recursos xenéticos. Tendo en conta os principios da CBD e dos seus negociadores (ligados ao medio ambiente e á agricultura mais que ao comercio, cunha visión deste feito sensiblemente diferente), o dereito sobre a propiedade intelectual vai ser concorrente ao do acordo da OMC, chamado Acordo sobre os dereitos de propiedade intelectual ligado ao Comercio (ADPIC). Na actualidade, existe unha incoherencia mundial en materia de construcción do dereito internacional. Se houbera un conflicto na OMC sobre os OXM, non ne sabe como se podería arranxar. Existe, por unha banda, un consenso internacional que se estableceu no seo do Protocolo Bioseguridade, que impón o recoñecemento do principio de precaución, o que implica a capacidade dos Estados de prohibir as importacións de OXM; e, por outra, as regras no marco da OMC, que non recoñecen nesta anterior formulación o principio de precaución. Atopámonos de feito nunha situación na que existe unha posibilidade de opción alternativa no seo do propio dereito internacional, e é interesante aproveitar esta competencia ou dualidade, tentando que a cuestión da coherencia entre o dereito internacional da ONU e o da OMC sexa establecida, pois no momento actual é mais doado defender o desenvolvemento sostible nas institucións da Unión Europea ou nas Nacións Unidas que no marco da OMC. Para acadar esta coherencia deberiamos traballar a dous niveis: 1. Ao nivel da OMC: a aposta sería poder subordinala ás normas e ás regras definidas xuridicamente no contexto internacional, en especial en materia de desenvolvemento sostible (social e ambiental). 2. Ao nivel da arquitectura xurídica internacional: unha das apostas é a de crear dispositivos xurídicos coercitivos, a carón dos da OMC, notoriamenente nas instancias que definen estas regras en materia de desenvolvemento sostible. Nesta perspectiva, a Unión Europea ten que xogar un dobre rol. Un rol de laboratorio institucional, xa que Europa, é necesario lembralo, é a primeira zona de transnacionalización económica que se ve pouco a pouco dotada dunha superestructura política (aínda con grandes deficiencias democráticas). E un papel de laboratorio normativo, debido a que Europa é herdeira das tradicións de control social e ambiental da economía, propias ás nacións que a compoñen, e que veñen a ser as máis avanzadas do mundo. Queda por saber se os poderes dominantes van tratar de utilizar maquiavelicamente a situación de atraso da Europa política, se van a tentar de impoñer a mundialización como coartada da desregulamentación liberal, ou se van someterse á primacía política de edificación de normas protectoras dos dereitos sociais e ambientais. A presión popular, como a manifestada de Seattle a Porto Alegre, vai ser o estimulante necesario para calquera avance. Este grande movemento de resposta civil está en camiño de converterse tamén nun movemento de proposta, fronte ao que as institucións actoras clásicas da mundialización, FMI, Banca mundial, OMC, deberán render contas. En Porto Alegre, manifestamos con firmeza esta cuestión e farémolo de novo en Gênes como alternativa ao G8, en Washington diante do Banco Mundial, en Qatar fronte á OMC (neste caso vai ser mais difícil dende o punto de vista loxístico), porque o noso movemento probou a súa capacidade para saltar todas as aramadas de espiño da terra: ¡os seres humanos e a súa vida non son mercadorías!
Alain Lipietz é economista e deputado europeo (Grupo Verdes/Alianza Libre Europea). |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 15/04/2001
|