Resume - Resumen - Abstract |
| Montenegro e a fin de Iugoslavia: ¿Cara á última partición? |
|
Alessandro Gori |
|
En Serbia circula un chiste: cando os montenegrinos chegan ao mundo choran dicindo “BeGe BeGeeee [BG é a matrícula de Belgrado]”, porque o seu desexo máis grande sería ir vivir na capital serbia. Os cidadáns de orixe montenegrina que moran naquela cidade son quizais máis que todos os habitantes da pequena república. Serbios e montenegrinos durante longos períodos da súa historia viviron mesturados. Agora, sen embargo, moitos en Montenegro pensan de xeito diferente. “Os serbios ocupáronos todo aquí: Estado, Igrexa, lingua, territorio. Mais pouco a pouco imos espertando(1)”, revela Duško, un montenegrino duns 50 anos, interpretando un sentimento común entre a súa xente.
A República Federal Iugoslava (SRJ) está integrada actualmente por Serbia e Montenegro, dúas das entidades que formaban a antiga República Socialista Federativa de Iugoslavia (SFRJ) ata 1991 (o ano que comezaron as máis recentes guerras balcánicas). Montenegro pódese definir como o “irmán menor”: ao redor de 700.000 habitantes, contra dos preto de 10 millóns de habitantes de Serbia, viven nun territorio de case 14.000 km2, seis veces menor do de Serbia cos seus 80.000 km2. En 1992 as outras repúblicas ex Iugoslavas (Eslovenia, Croacia, Bosnia - Herzegovina e Macedonia) acadaron o recoñecemento internacional. As elites políticas de Serbia e Montenegro, ambas as dúas controladas por Slobodan Miloševic, decidiron en troques formar unha nova versión de mini-Iugoslavia. Esta situación debeuse por unha banda aos lazos históricos entre os dous pobos que falan a mesma lingua, teñen o mesmo alfabeto (cirílico), comparten a mesma relixión (ortodoxa) e teñen unha parte de historia en común. Evidentemente, a importancia estratéxica que Montenegro ten para Serbia é enorme, pois mantén o único acceso da Federación ao mar (o Adriático), e non se concibía que Miloševic puidese renunciar a iso.
Ata 1998 Montenegro ficara baixo control dos homes de Miloševic, organizados ao redor do Partido Socialista Popular (SNP) de Momir Bulatovic. En maio daquel ano o novo Milo Djukanovic, co seu Partido Democrático dos Socialistas (DPS) cabeza da coalición “Da živimo bolje” (Para vivir mellor), conseguiu gañar cunha marxe mínima as eleccións presidenciais ao seu acérrimo rival Momir Bulatovic. A pugna electoral entregou a Djukanovic un país dividido. Montenegro é aínda unha sociedade baseada en clans, así, a metade da poboación apoia aos verdes de Milo (o presidente Djukanovic), máis orientado cara á independencia, e a outra metade aos brancos de Momo (Momir Bulatovic), máis partidario dunha unión con Serbia. Dende entón, os enfrontamentos entre os dous Presidentes, Djukanovic de Montenegro, e Miloševic de Iugoslavia, foron continuos e frontais. Comezou unha guerra non declarada dentro da mesma Federación: os dereitos constitucionais de Montenegro foron ignorados, ata o punto de que os seus representantes nin sequera podían ir a Belgrado para os actos oficiais. Era tamén a época na que Occidente mudaba a súa política cara Miloševic. O home forte de Belgrado xa non aparecía co seu perfil aceptado en Dayton de “home da paz”, senón que se transformaba no Ogro dos Balcáns, cada vez máis comparado con Hitler. A partir de 1998, polo menos, a estratexia que seguiu a Comunidade Internacional podería ser resumida no lema “todo inimigo do meu inimigo é o meu amigo”. Apostouse entón por utilizar todo elemento que puidese desestabilizar a Miloševic, especialmente a través das rexións máis achegadas a Belgrado, aínda pertencentes á República Federal Iugoslava: Kosovo e Montenegro. En virtude da existencia do inimigo común, o pequeno Montenegro tamén orientou a súa política cara á Comunidade Internacional, quen viu no mozo presidente un posíbel aliado na loita contra Miloševic. Esta foi unha das razóns que en 1999 libraron a Montenegro dos bombardeos “humanitarios” da OTAN durante os setenta e oito días da súa campaña aérea contra Iugoslavia por mor da cuestión do Kosovo. Fronte ao total illamento de Serbia, Montenegro recibía en troques consistentes axudas económicas de Occidente, especialmente dos Estados Unidos, para manter a súa posición. Ademais do apoio a un goberno que non se podería definir estrictamente como democrático, Occidente pechaba de momento os ollos sobre o xeito no que o país e os seus mandatarios se mantiñan economicamente: a grande cantidade de material de contrabando (sobre todo cigarros e droga branda) que dende os seus portos aínda chega ás mans da mafia italiana asentada en Puglia, que o redistribúe a toda Europa. Fronte a isto, moitos medios informativos occidentais pintaban a Djukanovic como demócrata.
No verán de 2000 dábase xa, de facto, a situación de dúas repúblicas separadas dentro do mesmo estado, a Federación Iugoslava, que só existía formalmente. Moitos eran os conflictos que enfrontaban perigosamente as dúas entidades. Se para entrar en Serbia aínda precisaban os occidentais un visado cunha carta de convite, en Montenegro só facía falta o pasaporte. Ao mesmo tempo, debido aos controis efectuados pola policía serbia, a fronteira interna da Federación entre Serbia e Montenegro era máis impermeabel, que a dos confíns externos de Montenegro, que, pola contra podían ser atravesados con relativa facilidade. Como vimos, Montenegro mantén o único acceso ao mar da federación, pero non se trata só dun problema estratéxico ou económico, senón tamén de aspectos máis prácticos. Budva, coa súa muralla veneciana, é unha preciosa localidade balnearia no Mediterráneo. Fronte á imposibilidade de viaxar ao estranxeiro, Budva e a costa montenegrina constitúen o destino estival de milleiros de turistas serbios, que polo visto aínda son benvidos alí. En agosto, por mor da ponte aérea entre Tivat (o aeroporto máis próximo á cidade) e Belgrado, ata catorce avións por día levaban, a cambio duns 30 marcos por traxecto, aos cidadáns serbios ás desexadas vacacións. Todo acontecía nun clima apracíbel, sen practicamente ningún turista estranxeiro e con prezos populares que permitían o lecer da poboación, polo menos daqueles que podían facelo. Nesta localidade, como en todo Montenegro, os prezos xa estaban oficialmente en marcos alemáns, mais non se trataba de axudar aos turistas teutónicos, xa que non os había. No último decenio, o marco alemán foi moeda non oficial en todas as repúblicas ex Iugoslavas, a única divisa na que se seguen a facer todas as contratacións. Hai case dous anos, o goberno de Montenegro só decidiu legalizar unha situación que, de feito, xa existía. Pero tratouse, outra vez, dunha medida política, para que o país puidese resultar máis impermeábel ás presións de Serbia.
Conta unha lenda que cando Deus creou a Terra sobráranlle unha morea de pedras. Non sabendo que facer con elas, decidiu poñelas todas xuntas no mesmo lugar. Así, contan, naceu Montenegro. O país é maioritariamente montañoso e pobre. O salario medio mensual sitúase ao redor dos 50-80 marcos, e a súa reducida poboación sobrevive en medio das dificultades cos máis variados recursos, agardando tempos mellores. A república ofrece unhas paisaxes fantásticas e abruptas, sobre todo na parte occidental do país, con 2.522 metros no macizo de Durmitor. Só fai falla deixar o calmo litoral nun vello autobús que sobe trenqueleando as estradas curva tras curva para atopar outro tipo de ambiente. A uns 30 quilómetros, que semellan unha vida, chégase á cidade de Cetinje. A viaxe é curta, pero permite mergullarse nunha atmosfera totalmente distinta, case unha volta atrás na historia. Xa que logo, aquí a historia aínda segue viva e pode tocarse coa man, ao igual que en varios lugares da antiga Iugoslavia. Cetinje, que ten hoxe en día só uns quince mil habitantes, foi capital de Montenegro dende a Idade Media ata a Primeira Guerra Mundial. A cidade converteuse no centro cultural do novo independentismo montenegrino. Case todos os automóbiles levan a bandeira Iugoslava da matrícula cuberta cun dos símbolos históricos da república, aínda que non saiban decidirse entre a aguia bicéfala ou a cruz, e entre as siglas MG ou CG (Crna Gora quere dicir Montenegro, en serbio). “Montenegro será axiña independente, moi axiña(2)”, afirman convencidos uns traballadores da biblioteca da cidade, edificio que albergou a Embaixada italiana logo do Congreso de Berlín (1879-1916). Noutras rúas de Cetinje atópanse os palacetes en estilo Liberty, que hospedaron representacións diplomáticas dos imperios da época, o ruso, o turco e o austrohúngaro, así como as de Estados Unidos, Francia e Inglaterra. Empurrados polo partido do seu presidente, os montenegrinos acaban de descubrir que xa non son o mesmo cós serbios, rebobinando dalgún xeito a súa historia e a súa identidade. O mosteiro serbio-ortodoxo, fundado no 1484, é parte importante da memoria da cidade e da república. Esta foi a residencia dos príncipes –bispos que entón gobernaban. Aquí repousan tamén os restos mortais dos últimos reis de Montenegro, da familia Petrovic-Njegoš. No mosteiro vive o Metropolita Anfilohije, responsábel da diócese de Montenegro, ademais dalgúns monxes e duns cen seminaristas de toda ex Iugoslavia. “Aquí temos un clásico exemplo de identidade múltiple”, explica o pai Amvrosije, colaborador do Metropolita. “ Os montenegrinos son ao mesmo tempo tamén serbios. Pero agora, por razóns políticas e coa axuda dos medios de comunicación, estáselles empurrando a decidir entre unha identidade e outra”. A Igrexa tamén chegou a ser un campo de loita. Neste aspecto, existe unha igrexa montenegrina, en oposición á serbio-ortodoxa. É un pouco difícil atopala: hai que seguir unha rúa secundaria que leva aos arrabaldes de Cetinje, ata que se atopen os primeiros cartaces que a indican. Unha casa que leva as insignias nacionais de Montenegro, é a residencia do Vladika (Metropolita) da nova entidade. As igrexas cristiá-ortodoxas son autocéfalas, isto é, divididas por países e non sometidas a ningunha autoridade suprema como a do Papa de Roma para os católicos. Os patriarcas ortodoxos, primi inter pares, e as súas igrexas resultan, polo tanto, independentes. A Igrexa serbo-ortodoxa é responsábel das dióceses dos territorios da ex Iugoslavia onde había ortodoxos, incluíndo tamén aos montenegrinos. Coa súa longa barba branca a Vladika Montenegrino Mihajlo, consagrado bispo pola Igrexa búlgara, fala de vagar. Sen embargo, deixa claro desde o comezo que: “ Trátase máis que nada dun problema político, porque aquí hai dous estados e unha soa Igrexa. Agora, os dous países poden estar xuntos só pola forza. A independencia de Montenegro é a única saída, e para isto algo ten que acontecer este ano”, engade o xefe da entidade, recoñecida polo goberno como unha das igrexas do país en xaneiro de 2000.
A comezos de 2001, a panorama xeopolítico na rexión ten mudado comparado co do setembro pasado. En xullo de 2000, Miloševic tomou unha nova serie de iniciativas sen consultalas con Montenegro. Mudou a Constitución federal de Iugoslavia, determinando que a Cámara baixa do Parlamento tería deputados segundo o grao de poboación das dúas repúblicas (e non a metade vixente), sacando toda a importancia que Montenegro puidese ter no seo da Federación. Ao mesmo tempo, cambiou o sistema de elección do presidente a un sufraxio directo (en lugar de parlamentario), abrindo a porta a súa reelección por outros dous mandatos, impedida na anterior Constitución. Finalmente, convocou para o 24 de setembro múltiples eleccións anticipadas: á presidencia federal, lexislativas en toda a federación e tamén municipais, soamente en Serbia. En Montenegro o presidente Djukanovic decidiu boicotear os sufraxios, a pesar das presións occidentais. Organizou unha impoñente campaña en favor da abstención favorecendo así aos partidarios de Miloševic o gañar neste territorio. Inesperadamente, a situación na rexión virou radicalmente. Miloševic perdeu as eleccións do 24 de setembro, non recoñeceu os resultados e acabou derrocado o 5 de outubro polas manifestacións populares lideradas pola Oposición Democrática Serbia (DOS), agora no poder en Belgrado.Aínda así, o Partido Socialista Serbio (SPS) de Miloševic fica vivo na vida política e na sociedade, especialmente no ámbito federal, posto que debido ao boicot de Djukanovic puido gañar toda a cota de escanos reservada para Montenegro no Parlamento Federal. Foi unha das razóns pola cal o novo presidente Iugoslavo Vojislav Koštunica optou por unha transición lenta e pactada cos homes do SPS. Foi unha ironía que no momento no que os partidarios de Miloševic perdían supostamente todo o seu apoio e poder, Koštunica escollese como Primeiro Ministro federal a Zoran Zizic, do SNP próximo ao mesmo Miloševic. Segundo a lei, se o presidente é serbio, o primeiro ministro ten que ser montenegrino, e o partido de Djukanovic nin siquera estaba representado.
Miodrag Vukovic é o presidente do Partido Democrático dos Socialistas de Montenegro (DPS), un dos que integran a coalición gobernativa. Ao mesmo tempo é o principal asesor do Presidente Milo Djukanovic. A finais de agosto revelaba en Podgorica: “O referendo só é un dos pasos cara ao noso obxectivo. A nosa filosofía é esperar e ver o que acontece. Nós non temos présa, pero ao mesmo tempo non hai que ir demasiado a modo. Nestas condicións un referendo podería ser unha causa de conflicto. Non necesitamos a soberanía se temos que converternos nunha nova Chechenia. No caso de que a oposición gañe en Belgrado [tal como aconteceu en setembro], pasará o mesmo. Terán que probar que queren discutir connosco. Haberá que chegar a un acordo para introducir unha verdadeira e completa igualdade entre Montenegro e Serbia e ao mesmo tempo buscar a integración internacional(3)”. A partir do cambio de poder en Belgrado, as novas relacións con Montenegro constitúen un dos principais temas da axenda. Os fíos están movidos agora polos dous novos homes fortes en Belgrado: o nacionalista moderado Vojislav Koštunica, presidente de Iugoslavia, e o pragmático Zoran Djindjic, despois das eleccións do 23 de decembro, primeiro ministro serbio. Xusto antes dos comicios, á pregunta de se Montenegro ía seguir na Federación Iugoslava, Djindjic contestaba: “Logo destas eleccións teremos unha serie de encontros ao máis alto nivel nas que participarán Koštunica [presidente da Federación] e Djukanovic [presidente de Montenegro] para atinxir un acordo. Tratarase de legalizar a posición adquirida de facto por Montenegro e reformar a Constitución. Confío que atoparemos un acordo. Os nosos obxectivos son os mesmos: manter poucas funcións comúns entre os dous estados que se administren de maneira conxunta: por exemplo política monetaria, exterior e exército. En realidade non estamos de acordo só no xeito de facelo(4)”. A pesar de que Miloševic xa non estea no poder, o goberno de Montenegro mantivo a súa postura independentista, co obxectivo declarado de buscar o recoñecemento internacional para máis tarde constituír eventualmente unha asociación de Estados con Serbia. Logo de ásperas polémicas e batallas políticas, finalmente Djukanovic convocou eleccións anticipadas para o 22 de abril. O referendo para a independencia convocaríase inmediatamente despois. Un dos puntos mais discutidos xiraba ao redor de quen serían os cidadáns que votarían no referendo. ¿Só os Montenegrinos que viven en Montenegro ou tamén os de Serbia? Ao final, Djukanovic impúxose unha vez máis. Só será precisa a maioría simple e terán dereito a expresarse os que viviron en Montenegro nos últimos dous anos, como mínimo. As mesmas eleccións constituirán un referendo a favor ou en contra dos proxectos do goberno. Así que Djukanovic e os seus poderán rectificar o seu posicionamento se se desen grandes sorpresas nas urnas. Aínda hai moito camiño por diante e moitas posibilidades de inverter decisións que non aparecen como totalmente irreversibeis. O goberno montenegrino coñece os riscos de xogar nesta dirección porque o país está profundamente dividido. Aínda que, segundo unha enquisa realizada recentemente, hoxe en día, o si á independencia gañaría sen maiores dificultades(5). Sen embargo, a fronte que apoia o referendo está lonxe de ser compacta. Djukanovic ten problemas dentro da súa mesma coalición de goberno. O Partido Popular (NS) leva tempo enfrontado a Djukanovic pola utilización dos medios de comunicación por parte do goberno. Atópase máis preto agora ás posicións do SNP de Bulatovic que aos dos seus parceiros de coalición e probabelmente Djukanovic terá que buscarse outros socios de goberno. Así mesmo, SNP e NS deixaron entrever a posibilidade dun boicot ao referendo. Rumores indican a eventualidade de demorar posteriormente o referendo coa convocatoria de novas eleccións federais na próxima primavera, anulando as emendas á Constitución de xullo de 2000(6).
Se ata o de agora a actitude da Comunidade Internacional foi moi indulxente co goberno de Montenegro, agora cómpre ter en conta o delicadísimo precedente de Kosovo. Transcorrido máis dun ano e medio do fin dos bombardeos da OTAN contra Serbia, a posibilidade dun futuro pacífico para Kosovo albíscase moi remoto e moitas son as sombras que envolven a misión internacional, cando vén de abandonar o seu polémico director o francés Bernard Kouchner. Por unha banda conséguese o retorno da maioría do millón de albano-kosovares que tiveron que fuxir pola guerra. Asentáronse as bases para unha nova policía e creáronse as condicións para os comicios administrativos efectuados o 28 de outubro pasado. Malia todo, semella que en Kosovo xa non hai lugar para os non albaneses. As forzas internacionais asistiron ao éxodo de 150.000 serbios, xunto a moitos máis doutras minorías, especialmente ciganos. Permitiron a existencia de enclaves, toleraron desquites e violencia indiscriminada en contra das persoas e do patrimonio artístico-relixioso serbio en Kosovo. Mentres, persisten graves restriccións de seguridade e de libre circulación. Polo de agora, só a división física entre as comunidades serbia e albano-kosovar pode salvagardar unha certa estabilidade, mantendo así e todo unha violencia de baixa intensidade. As posicións seguen inconciliábeis. Todo enfronta ás dúas comunidades: a historia, a lingua, a miúdo a relixión (na súa maioría os albano-kosovares son musulmáns), a represión do estado serbio nos anos de Miloševic fronte ao bombardeo da OTAN e o conseguinte desquite dos albano-kosovares. Pasando polas estradas, no medio de destrucción e reconstrucción, percíbense numerosas bandeiras de Albania (a mesma de Kosovo) xunto ás dos Estados Unidos, aos que todo o mundo agradece o actual escenario. Neste momento non hai un só albano-kosovar que puidese aceptar algo menos cá independencia. A Comunidade Internacional fixo todo o posíbel para que así fose. Aparentemente a resolución 1.244 de Nacións Unidas, que en xuño de 1999 puxo fin á guerra da OTAN contra Serbia, non deixa lugar a dúbidas. Confirma “a integridade territorial da República Federal de Iugoslavia, así como dos outros estados da rexión” e proponse “organizar unha administración “ad interim” para Kosovo baixo a cal o seu pobo poida beneficiarse dunha autonomía substancial no ámbito da República Federal de Iugoslavia(7)”. Sen embargo, Enver, 27 anos, exterioriza a posición máis común entre os seus: “temos xa unha independencia de feito. Se a Comunidade Internacional non a recoñecese, será difícil convencernos aos albano-kosovares. Os serbios coa súa política dos últimos anos perderon calquera dereito de soberanía sobre o Kosovo. Eu non vexo outro camiño(8)”. Todo, a partir dos 78 días de bombardeo da OTAN contra Serbia, xustificábase coa presencia do ogro Miloševic no poder en Iugoslavia. Sen embargo, os trocos en Belgrado e a marxinación de Miloševic constituíron para os albano-kosovares a peor noticia posíbel. Se coa presencia do dictador, aínda no seu cargo, tiñan algunha posibilidade de atinxir os seus obxectivos, agora a Comunidade Internacional semella ter suavizado a súa actitude cara aos serbios. Ata definiu como “actos terroristas” os recentes ataques armados albaneses nos vales de Preševo e Bujanovac, na franxa de seguridade, xusto ao outro lado da raia. O protectorado internacional vai para longo. Os soldados da misión das Nacións Unidas (UNMIK) revelan, “off the records”, que as tropas terán que ficar por nestas terras polo menos durante uns quince ou vinte anos(9).
Por mor tamén da actitude da comunidade internacional, Montenegro, este pequeno país de 700.000 habitantes, estase a converter perigosamente no centro dos acontecementos nesta parte de Europa. O que menos pretende Occidente agora é crear outro Kosovo. A nova administración Bush declarou que vai manter o seu compromiso nos Balcáns, mais non permitirá novas desestabilizacións. Sobre a real actitude dos EEUU, os sinais foron de diferente signo. Por unha banda, Montenegro está a redactar unha nova lei aduaneira para cando sexa independente. Segundo algunhas fontes, na redacción participaría tamén a ‘US Aid’, a Asociación de Desenvolvemento Internacional de EEUU(10). Especialmente emblemática foi a reacción de Colin Powell, flamante Secretario de Estado, durante a visita dalgúns líderes balcánicos en Washington a comezos de febreiro. Nos mesmos días, Powell atopouse –por separado– con Djindjic e cunha delegación albano-kosovar encabezada por Ibrahim Rugova. Sen embargo, non atopou un tempo para entrevistarse con Djukanovic, deixando ao presidente Montenegrino consultarse con un dos seus vices(11). A mediados de febreiro William Montgomery, embaixador de EEUU en Iugoslavia, non semellaba deixar lugar a ningunha dúbida: nun encontro con Djukanovic dixo que “Montenegro’s future is within Iugoslavia. US believes Montenegro’s democratic future lis within the frames of a democratic Iugoslavia (...) this would be vital for the future stability of Iugoslavia”, e engadiu “Djukanovic had to make the decisión on what is best for Montenegro(12)”. No que se refire ao Vello Continente, a nova Serbia, por fin democratizada, achegouse fulminantemente á axuda, o cooperación e aos investimentos da Unión Europea (UE). Se Koštunica se distingue polo feito de ser pro-francés, Djindjic conta con moi bos contactos na Alemaña. A prudencia demostrada polo novo goberno na actual crise nos vales de Preševo e Bujanovac, zona de actuación de terroristas albano-kosovares, ten xa provocado efectos positivos nas relacións coa Comunidade Internacional: en febreiro de 2001 a OTAN decidiu reintegrar a Serbia unha parte da zona de seguridade de cinco kilómetros preto da súa fronteira co Kosovo. O caso de Italia é mais interesante. Os transalpinos teñen moitos lazos xeográficos e históricos con Montenegro. Montenegrina era a raíña Helena, filla de Nikola de Montenegro e dona de Vittorio Emanuele II, un dos últimos monarcas da Casa de Savoia. Nembargantes, nos últimos anos o goberno italiano tentou situarse como principal interlocutor de Serbia, mesmo na época na que Miloševic xa caera en desgracia nas chancelerías occidentais. Xa era notorio antes das recentes noticias desveladas nas páxinas do xornal romano La Repúbblica(13) que en xuño de 1997 Telecom Italia mercara o 29% de Telekom Srbija, proporcionando importante capital fresco ao goberno serbio, daquela en apuros. Se ben a maioría das misións do bombardeo da OTAN contra Serbia saían dende as bases italianas, paradoxalmente, os mesmos avións van bombardear as factorías de Zastava en Kragujevac onde a máis importante compañía italiana (FIAT) tiña astronómicas participacións que ficaron en fume. A pesar de todo, o embaixador italiano foi o único occidental en permanecer na capital Iugoslava baixo as bombas. Agora que o Ogro xa se foi, existe espacio para reposicionarse. Nunha entrevista de xaneiro, o Ministro de Finanzas italiano Ottaviano do Turco fala abertamente das conexións mafiosas entre Djukanovic e o “boss” Francesco Prudentino da Sacra Coroa Unita, a mafia pugliese.
Co quebracabezas de Kosovo aínda ben presente, agora que finalmente Miloševic deixou a escena política, non semella que as potencias occidentais queiran pór en perigo unha aínda fráxil Serbia, que acaba de conquistar a democracia e de abrirse aos seus investimentos. En xogo está a estabilidade da rexión enteira. Coa independencia de Montenegro sería máis difícil non concedela tamén a Kosovo. Con todo, sen Montenegro xa non existiría Federación Iugoslava, e deste xeito caería automaticamente o vínculo da citada resolución 1.244 de Nacións Unidas. Neste caso a Comunidade Internacional podería aproveitarse da situación. Pero sería xogar, unha vez máis, co lume, considerando a situación interna de Serbia e o troco paseniño da opinión internacional cara aos albano kosovares, especialmente logo dos últimos atentados.
Alessandro Gori, Universitat de Barcelona. |
|
|
| Notas (1) Entrevista con Duško R., Cetinje, 28/08/2000. (2) Esta, como as seguintes entrevistas en Cetinje foron realizadas no 27-28/08/2000. (3) Entrevista con Miodrag Vukoviæ, Podgorica, 29/08/2000. (4) GORI, Alessandro, “Entrevista a Zoran Djindjic”, Milenio Diario, México, 22/12/2000. (www.mileniodiario.com.mx, controlado en 24/12/2000). (5) Segundo unha enquisa do Instituto Esloveno de Ciencias Sociais o sí gañaría co 58,3% contra do 25,6% dos partidarios do non; a participación acadaría o 85,3%. Citado por: FreeB92 News, 19/2/2001 (http://www.freeb92.net). (6) Cfr. VUKOVIC, Dragoljub, “Il Montenegro di fronte a nuovi dilemmi”, in AIM Podgorica, 17/12/2000, citado por Notizie Est, n.378, 18/12/2000 (http://www.ecn.org/est/balcani/serbiamont/sermon38.htm). (7) Cfr. PROVVISIONATO, Sandro. UCK: l’armata dell’ombra: Gamberetti Editrice, Roma, 2000, pp.261-264. (8) Entrevista con Enver D., Vucitrn / Vushtrri, 25/12/2000. (9) Entrevista con P.D., integrante da Policía Internacional, Graèanica, 27/12/2000. (10) Cfr. FreeB92 News, 28/1/2001 (http://www.freeb92.net/). (11) Cfr. FreeB92 News, 01, 02, 03/02/2001 (http://www.freeb92.net/). (12) “O futuro de Montenegro está dentro de Iugoslavia. Coido que o futuro democrático de Montenegro está inserto no marco dunha Iugoslavia democrática. Isto é vital para a futura estabilidade de Iugoslavia...Djukánovic debe asumir a opción que sexa mellor para Montenegro” Cfr. FreeB92 News, 13/02/2001 (http://www.freeb92.net). (13) Cfr. La Repubblica, 16-18/02/2001 (http://www.repubblica.it). |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 15/04/2001
|