Tempo Exterior nº 2 segunda época - xaneiro/xuño 2001Volver ó sumario
Resume - Resumen - Abstract
 
Macau: o primeiro ano do futuro


Alfredo Gomes Dias
 

Introducción

O pasado día 20 de decembro de 2000 celebrouse o primeiro aniversario da Rexión Administrativa Especial de Macau –RAEM–, a nova fórmula política adoptada para o Territorio de Macau unha vez concluído o proceso de transferencia para a soberanía da República Popular China (RPC).

Un ano que se constituíu como punto de partida desta nova fase de transición que, de acordo coa Declaración Conxunta Luso-Chinesa de 1987 e a Lei Básica de 1993, se vai prolongar cincuenta anos, espacio de tempo no que a China se comprometeu a respectar a especificidade da realidade social e económica de Macau.

Con todo, o gran desafío que se lle presenta hoxe a Macau é o de preservar os contornos multiculturais que transformaron o Territorio nun espacio singular en todo o mundo. Este desafío vai máis alá dos cincuenta anos que, de partida, limitan esta nova fase da súa vida.


Relacións políticas versus relacións económicas

Mesmo durante a primeira fase da presencia portuguesa na China, que podemos situar entre 1557 e 1639, as relacións políticas sempre foron determinantes, no contacto entre Portugal e a China, no espacio de Macau. Este período, caracterizado por unha intensa actividade comercial en toda a Asia Oriental, e particularmente no Xapón, contribuíu decisivamente para que se consolidase a presencia portuguesa e europea na China, establecéndose definitivamente unha ponte de diálogo entre as diversas culturas que, polos máis variados motivos, se encontraran na península de Macau.

Xa na época contemporánea, despois da I Guerra do Opio (1839-1842), Macau optou sempre por manter abertos os canais políticos e diplomáticos con Beijing, opción que se traduciu no mantemento do estatuto de neutralidade adoptado polo Territorio nos períodos de conflictividade interna e externa que foron abalando a China imperial e republicana.

En pleno século XX, despois da proclamación da RPC en 1949 e, malia Portugal estar subordinado ao réxime do Estado Novo personalizado na figura de Oliveira Salazar, nunca foi desexo de Portugal quebrar definitivamente o diálogo coa China. Os momentos de maior limitación aos contactos formais e informais que se mantiveron entre os dous países foron sempre impostos polo contexto internacional, como a Guerra Fría, ou pola inestabilidade da vida política chinesa, como os anos da Revolución Cultural. As tenues ligazóns que Portugal mantivo con Taiwan ata 1975 e a transformación da embaixada daquel territorio en Lisboa nunha simple delegación comercial nese mesmo ano, testemuñan o coidado de Portugal en privilexiar a boa relación con Beijing. Hai que subliñar tamén que Portugal nunca tivo ningún representante diplomático en Taiwan e, ao contrario ca algúns dos seus socios europeos, nunca creou alí unha delegación comercial.

O fortalecemento desta compoñente política das relacións luso-chinesas na época contemporánea nunca tivo unha correspondencia económica, na medida en que o peso das relacións comerciais entre os dous países foi sempre reducido, situación que se mantivo ao longo de todo o século XX.

Curiosamente, á medida que se aproximaba o día do paso da soberanía de Macau para a China, particularmente despois de 1995, Portugal parecía querer espertar –aínda que moi lentamente– para Asia.

Desde o século pasado, coa construcción do Imperio Portugués Africano despois da independencia do Brasil (1822), Asia deixou de ser unha prioridade para a diplomacia portuguesa. Ao longo do século XX esta foi unha realidade que se mantivo e Macau non fuxiu á regra.

Hoxe, co inicio do novo milenio e a semellanza do que pasa en gran medida no resto do mundo, Portugal vaise inserindo en diferentes espacios, creando unha multiplicidade de fronteiras. Así, a nivel económico, Portugal intégrase na Unión Europea, en tanto que a nivel militar a súa acción se desenvolve no ámbito da NATO. En canto á esfera cultural, danse os primeiros pasos no sentido de afirmar un espacio lusófono, no que ten como asociados a Brasil e os Países Africanos de Lingua Oficial Portuguesa (PALOP), coa creación da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP) en 1996.

Malia situárense aquí as súas grandes prioridades –Unión Europea, NATO e CPLP– na súa política económica e diplomática, despois de 1995, Portugal ten dado sinais dun crecente interese por Asia, feito patente na reapertura da embaixada nas Filipinas e na instalación de representantes diplomáticos en Malasia e en Singapur. No relativo aos países, as atencións van, en primeiro lugar, para a China, seguida de Xapón e a India; mantense así a mesma lóxica histórica do espacio percorrido por Portugal no Oriente desde o século XVI(1).


Os espacios de Macau

Durante o primeiro ano da RAEM podemos considerar que o novo executivo do Territorio deu os primeiros pasos no sentido de situar a Macau nun novo cadro xeo-político, que ten por base fundamental o seu regreso á Nai-China. Mas mesmo este designio, evidente e repetidamente expresado, encádrase nun contexto complexo, na medida en que as dúas Rexións Administrativas Especiais –Hong Kong e Macau– se articularán, cada unha ao seu ritmo, nas Zonas Económicas Especiais, obedecendo ao mesmo principio político de “un país, dous sistemas”. Se Macau regresou politicamente á República Popular China, economicamente a súa integración farase privilexiadamente nas áreas da economía de mercado. Así o revelan as visitas realizadas no ano 2000 polo xefe do executivo de Macau, Edmund Ho, a Cantón e Fujian, para analizar a posibilidade de que Macau participe nalgúns proxectos integrados na Zona Económica de Zhuhai, como o da transformación da illa Montaña (veciña de Macau) nunha zona turística e o da creación dunha zona industrial no porto de Gaolan.

Por outro lado, non é de estrañar que ao longo deste primeiro ano as relacións externas da RAEM privilexiasen en Asia a Singapur e Xapón e, no Occidente, á Unión Europea (UE).

No que respecta a Asia, Singapur aparece, aos ollos do novo goberno de Macau, como un exemplo a seguir: unha Cidade-Estado que foi quen de se afirmar política e, o que é máis importante, economicamente, naquela rexión. Non foi casualidade que para a súa primeira visita a un país asiático Edmund Ho escollese Singapur, onde se encontrou co vello líder Lee Kwan Yew, co primeiro ministro Goh Chok Tong e cos ministros de Asuntos Exteriores e das Comunicacións e Tecnoloxía da Información. A cooperación a nivel da administración pública e das finanzas, tendo en conta a progresiva integración na Zona Económica de Zhuhai, lévanos a ollar para Macau como punto de partida e de chegada da cooperación rexional, pero tamén como unha vía que axudará á RPC a estreitar as súas relacións económicas no Sueste Asiático e en toda a Asia Oriental. Neste último caso encontramos a visita de Edmund Ho ao Xapón, onde mantivo contactos con diversos representantes do goberno xaponés, fundamentalmente co primeiro ministro Yashiro Mori. No diálogo cos gobernantes xaponeses, o líder da RAEM privilexiou a área dos transportes, co obxectivo de desenvolver as comunicacións aéreas directas entre Xapón e Macau e de atraer o turismo xaponés ao Territorio.

No capítulo das relacións RAEM/UE convén comezar por subliñar os puntos de aproximación e de afastamento que existen entre a China e a Unión Europea.

Tendo en conta o fenómeno da globalización da economía que, despois da Guerra Fría, nos levou cara a un mundo fortemente polarizado polos Estados Unidos de América (EUA), desde un punto de vista estratéxico a China e a Unión Europea teñen en común o desexo de contrariar esta polarización, afirmándose tamén como espacios económicos capaces de competir coa nación americana. A pesar desta estratexia común é evidente que os obxectivos non son exactamente os mesmos: a Unión Europea recoñece a China como unha gran potencia emerxente do mundo pos-Guerra Fría, mais pretende que se integre dunha forma plena nos mercados e institucións económicas e financeiras internacionais de maneira que se poida garantir o acceso ao gran mercado chinés, e que este respecte o marco legal que regula as relacións comerciais internacionais; a China, polo seu lado, ve na Unión Europea un aliado económico alternativo ao Xapón e aos EUA, menos ameazador politicamente, pero que desexa controlar a súa integración no mercado mundial á exacta medida do que considera estrictamente necesario para o seu proceso de crecemento económico.

As liñas de unión entre a China e a Unión Europea experimentaron un avance notable a partir de 1994. Unha vez resoltas as cuestións políticas pendentes con Gran Bretaña e Portugal, en torno a Hong Kong e Macau, estaban creadas as condicións para que as relacións China/UE se desenvolvesen dunha maneira máis distendida.

No que respecta a Macau, nas vésperas do 20 de decembro de 1999, a Comisión Europea enviou unha comunicación ao Consello Europeo titulada “A Unión Europea e Macau despois do ano 2000”. Na secuencia deste documento, o Parlamento Europeo adoptou unha resolución onde constataba as especificidades históricas e políticas do Territorio, fundamentalmente do marco legal que contextualizaba a transferencia da soberanía de Macau para a RPC, e manifestaba a súa vontade de contribuír para que a RAEM mantivese o seu estatuto de autonomía definido na Declaración Conxunta Luso-Chinesa de 1987 e na Lei Básica da RAEM de 1993 e, ademais, saudaba o feito de que Comisión Europea considerase a “cuestión de Macau como un dos temas relevantes do diálogo político entre a Unión Europea e a República Popular China(2)”. Deste xeito, mantíñase aberta a porta creada o 14 de decembro de 1992, data da sinatura do Acordo de Comercio e Cooperación Unión Europea-Macau, que constitúe a base do diálogo RAEM/UE, e que ten o seu rostro máis visible na realización dunha Comisión Mixta anual.

A sétima Comisión Mixta realizouse en Bruxelas, o 30 de xuño de 2000, a primeira despois do 20 de decembro de 1999, e deuse así continuidade á dinámica creada en 1992. En canto ás relacións comerciais Macau continuou a ser considerado pola Unión Europea como un espacio autónomo, e mantívose esta como o segundo maior socio comercial da RAEM: a UE absorbe o 30% das exportacións de Macau, mentres que o 11% das importacións de Macau teñen orixe na UE. O feito da RAEM estar integrada na Organización Mundial do Comercio facilitou o investimento estranxeiro e a UE xorde en terceiro lugar, despois da China e de Hong Kong, na lista dos maiores investidores de Macau. Nesta sétima Comisión Mixta déuselle continuidade a unha política de cooperación nas áreas do turismo, administración pública e desenvolvemento de programas de servicios “offshore(3)”.

Antes de realizar esta Comisión Mixta, Edmund Ho desprazouse a Lisboa e a París, acompañado por algúns secretarios do seu goberno, e deu indicios de que Macau podía continuar sendo unha ponte privilexiada de ligazón entre a China e a Unión Europea. A visita ocorreu durante o mes de maio, cando Portugal presidía os destinos da UE, cargo no que lle sucedería Francia. Non é, xa que logo, difícil de comprender o alcance da escolla destes dous países por parte do goberno de Macau: ademais das relacións bilaterais, deséñase o posible estreitamento das relacións China-UE tendo Macau como referencia. En Francia, Edmund Ho foi recibido polo presidente Jacques Chirac e polo secretario de estado do Comercio Externo, François Huwart, e a RAEM xurdiu aos ollos dos responsables franceses como unha vía posible para achegar Francia á China e para incentivar a participación do investimento francés nunha rexión máis ampla, como a provincia de Guangzhou.

Pero a primeira viaxe de Edmund Ho foi a Lisboa, opción que se revestiu dun importante significado político, tendo en conta que (i) Portugal fora a antiga potencia administradora, (ii) os primeiros acontecementos que marcaron a axenda política de Macau a partir do 20 de decembro de 1999 e (iii) a presidencia da UE. Acompañado por Susana Chou, presidenta da Asemblea Lexislativa, e por Francis Tam, secretario responsable de Economía e Finanzas, Edmund Ho revelounos a súa determinación en reforzar os lazos políticos e económicos da RAEM con Portugal. Na capital portuguesa foi recibido polo presidente da República, Jorge Sampaio, polo presidente da Asemblea da República, Almeida Santos, polo primeiro ministro, António Guterres, e por outros ministros: Negocios Estranxeiros, Xustiza, Educación, Ciencia, e tamén polo ministro da Reforma do Estado e da Administración Pública. Esta visita permitiu tratar sobre algúns asuntos importantes para estreitar a relación entre Portugal e a RAEM, así como UE/RAEM. Por exemplo, o interese do goberno de Macau en obter a exención de visados para os portadores de pasaportes da Rexión cando desexen entrar no espacio Schengen, aspecto fundamental que permitiría non só incrementar as relacións políticas e económicas da Rexión, senón tamén da China, coa UE. Nas conversas mantidas con António Guterres e Jaime Gama quedou prometido o apoio portugués, aínda que se deixou a solución definitiva para unha futura concertación cos restantes asociados europeos sobre o alcance do mesmo dereito a Hong Kong. Pola súa banda, Portugal aproveitou o feito de aínda manter unha influencia preponderante no Territorio na área da Xustiza para solicitar a cooperación de Macau na formación de cadros timorenses, e foron postas a disposición as estructuras locais aptas para corresponder ao pedido portugués: a Universidade de Macau e o Centro de Formación de Maxistrados.

Á marxe destes asuntos máis específicos abordados polos representantes gobernativos da RAEM no seu desprazamento a Lisboa, o aspecto máis importante desta visita reflíctese na influencia positiva que exerceu sobre o clima de tensión que se viviu entre Portugal e Macau durante os primeiros meses de soberanía chinesa na Rexión. O regreso de Macau á Nai-China foi acompañado inicialmente por un grande aparato de propaganda dunha tendencia marcadamente nacionalista. A entrada do Exército Popular de Liberación en Macau, os discursos oficiais cun contido que sempre realzaba a importancia da unificación da patria chinesa e, aínda máis, o escándalo xerado en torno da transferencia dunha cantidade de 50 millóns de patacas para a Fundación Jorge Álvares que implicaba o nome do último Gobernador, crearon un clima de gran fraxilidade entre as comunidades macaense e portuguesa residentes no Territorio. Neste sentido, a visita de Edmund Ho a Lisboa conseguiu serenar definitivamente este clima de emotividade e tensión, normalizando as relacións entre a RAEM e Portugal e constituíndose nun sinal claro do interese do executivo macaense en salvagardar as boas relacións con Lisboa.

O primeiro ano da RAEM, no capítulo das súas relacións externas, revélanos as liñas de encadramento de Macau nos espacios políticos que permitirán responder, simultaneamente, (i) aos obxectivos definidos pola RPC que, no seu tempo, pretende completar o proceso de reunificación da China a través da anexión definitiva de Taiwan e (ii) aos desexos de autonomía que Macau quere garantir, polo menos nas próximas cinco décadas. Macau, rexión integrada na China, poderá constituírse como ponte de pasaxe facilitadora das liñas de unión coa Unión Europea –e Portugal pode ocupar un lugar privilexiado neste proceso–, ocupando aínda un espacio económico, agora máis articulado, con Hong Kong, Zhuhai e outras potencias rexionais asiáticas.


O novo goberno

A Rexión Administrativa Especial de Macau é encadrada legalmente pola Constitución da República Popular China e pola Lei Básica da Rexión Administrativa Especial de Macau.

Despois de Hong Kong, chegou a vez de que Macau se beneficiase do que a Constitución chinesa definira no seu artigo 31º, xa prevendo a reunificación dos territorios que se encontraban tutelados polas potencias europeas: “O Estado pode crear rexións administrativas especiais sempre que sexa necesario. Os réximes que se institúan nas rexións administrativas especiais deberán ser definidos por lei que decretará polo Congreso Nacional Popular á luz das condicións específicas existentes(4)”.

A Lei Básica, aprobada pola Asemblea Popular Nacional, en Beijing, o 31 de marzo de 1993, confírelle á RAEM un “alto grao de autonomía”; así, pode “gozar de poderes executivo, lexislativo e xudicial independentes, incluíndo o de xulgamento en última instancia” (artigo 2º). No seu artigo 5º defínese o novo período de transición que vai marcar a vida da RAEM durante as próximas cinco décadas: “Na Rexión Administrativa Especial de Macau non se aplican o sistema e as políticas socialistas, e manteranse inalterados durante cincuenta anos o sistema capitalista e a maneira de vivir anteriormente existentes”. Xa no seu artigo 11º, a Lei Básica asúmese como o garante deste período transitorio ao definir que, de acordo co 31º artigo da Constitución da RPC, “os sistemas e políticas aplicados na Rexión Administrativa Especial de Macau, incluíndo os sistemas social e económico, o sistema de garantía dos dereitos e liberdades fundamentais dos seus residentes, os sistemas executivo, lexislativo e xudicial, así como as políticas con eles relacionadas, baséanse na disposición desta Lei”. No que respecta á estructura política da RAEM, a Lei Básica de 1993, no seu Capítulo IV, traza o perfil de Xefe do Executivo, así como dos membros do Goberno, ademais de definir a estructura e os poderes dos órganos executivos, e obriga a que as figuras escollidas estean profundamente ligadas a Macau. En canto ao Xefe do Executivo, ten que ser un cidadán chinés, mais residente permanente da Rexión, e que leve residindo alí polo menos vinte anos consecutivos (artigo 46º)(5).

A responsabilidade do goberno que tomou posesión o día 20 de decembro de 1999 foi entregada a Edmund Ho Hau Wah, natural de Macau, onde seguiu un longo percorrido empresarial e político, sexa no Territorio, sexa ligado á RPC. Naquel mesmo día, a Asemblea Lexislativa de Macau aprobou a Lei de Bases da Orgánica do Goberno (Lei Nº 2/1999).

Edmund Ho optou por constituír un executivo con cinco secretarías (Administración e Xustiza, Economía e Finanzas, Seguridade, Asuntos Sociais e Cultura, e Transportes e Obras Públicas) e dous Comisarios (Corrupción e Auditoría).

As personalidades escollidas son todas naturais de Macau, con excepción do Comisario contra a Corrupción. De feito, Cheong U naceu na China en 1957, pero fixo os seus estudios en Macau, en Administración Pública, e participou na administración do Territorio, aínda baixo a gobernación portuguesa, en estructuras ligadas aos municipios macaenses. Para a Secretaría de Administración e Xustiza foi escollida Florinda da Rosa Silva Chan. Como secretario para Economía e Finanzas foi seleccionado Francis Tam Pak Yuen e o Secretariado para a Seguridade foi entregado a Cheong Kuoc Va. Fernando Chui Sai On e Ao Man Long son, respectivamente os secretarios para Asuntos Sociais e Cultura e Transportes e Obras Públicas. O Comisariado da Auditoría foi entregado a Fátima Choi Mei Lei. Todos estes nomes encóntranse profundamente ligados á RAEM a través do percorrido académico ou da vida profesional de cada unha destas personalidades.

A grande interrogación que se levanta a este novo executivo é o de coñecer a súa capacidade e vontade de iniciar esta primeira fase da RAEM, que ten un horizonte temporal de cincuenta anos, reforzando as especificidades da Rexión e cumprindo as orientacións definidas na Lei Básica. Sen dúbida, é aínda moi cedo para poder dar unha resposta a esta cuestión. Con todo, ao longo deste primeiro ano, podemos considerar que o camiño percorrido foi exactamente nese sentido, para o que concorreu a propia estratexia da RPC de transformar os exemplos de Hong Kong e de Macau en proba da súa capacidade para desenvolver o principio “un país, dous sistemas”. Esta estratexia ten como gran finalidade, hai moito definida, alcanzar a reunificación total da Nai-China a través do regreso de Taiwan á administración de Beijing.

Con un pequeno territorio de 23,8 km2, Macau continúa a ser un polo de atracción para moitos chineses, malia o control que se mantén nas súas fronteiras. No terceiro trimestre de 2000, a poboación total de Macau estimábase en 437.000, o que, segundo datos oficiais, representaba xa un aumento de 200 persoas en comparación co número obtido ó final do terceiro trimestre de 1999. Só ao longo do segundo e terceiro trimestres de 2000 a RAEM recibiu 976 emigrantes legais, aínda que os casos de repatriación continuaron tamén existindo: 1.589 chineses foron repatriados para a China Continental ao longo daqueles dous trimestres de 2000.

Nestes 437.000 habitantes podemos encontrar 1.500 portugueses, 7.500 macaenses e 130.000 chineses posuidores de pasaporte portugués, o que implica para o Consulado de Portugal un traballo particularmente intenso, na medida en que a súa acción se estende a cerca de un tercio dos habitantes da Rexión.

O principal problema social ó que o executivo tivo que dar resposta foi o do desemprego, que atinxiu a cerca de 15.000 persoas. Estas persoas tiveron oportunidade de se manifestar para chamar a atención do goberno cara ao problema que lles afectaba.

Malia estes números preocupantes desde o punto de vista da estabilidade social da RAEM, existen sinais optimistas de recuperación económica. Ao ser o xogo e o turismo as actividades económicas máis importantes, no ano 2000 o número de visitas chegou aos 8,5 millóns de turistas. Hai que notar que este número xa viña medrando: en 1998 o número de visitantes superou os 6,9 millóns e, no ano seguinte, superou os 7,4. Polo seu lado, os beneficios da Sociedade de Turismo e Diversións de Macau –STDM–, empresa que explota o xogo en Macau, superaron os 5 mil millóns de patacas no ano 2000. Sitúase aquí unha das máis esperadas mudanzas estructurais, anunciándose o máis que probable fin do réxime de monopolio da explotación do xogo, ata hoxe entregado á STDM, pero cun contrato que acaba en decembro de 2001. No Relatorio das Liñas de Acción Gobernativa para o ano 2000 (LAG2000), cando se abordan as estratexias de desenvolvemento económico, a primeira tarefa que se apunta ten que ver con esta cuestión. “Mellorar o ambiente para o desenvolvemento das actividades comerciais. O traballo prioritario será a revisión dos marcos regulamentarios vixentes en materia económica, introducíndolles as alteracións e correccións necesarias de maneira que se articulen simultaneamente cos modelos internacionais e coas necesidades concretas de Macau. Continuaremos, neste ámbito, a mellorar os procedementos e trámites dos servicios públicos de economía e finanzas para elevar a respectiva eficiencia, aumentando ao mesmo tempo a transparencia das políticas económicas adoptadas e do seu modo de funcionamento, de maneira que se cree un ambiente de mercado propicio para a competencia leal(6)”. Albíscase así a posibilidade de que o monopolio do xogo teña os seus días contados, aínda que falte por saber de qué maneira se poderá realizar a liberalización deste sector fundamental da economía da Rexión. Estas intencións xorden reforzadas e sen equívocos nas Liñas de Acción Gobernativa para o ano 2001 (LAG2001), onde se afirma o seguinte: “...o Goberno da Rexión Administrativa Especial de Macau continuará insistindo no principio básico de xustiza e imparcialidade e, cunha actitude aberta, introducirá, de forma apropiada, mellores mecanismos de competencia para aumentar a atracción do mercado e, así, promover unha maior competitividade en Macau. Trala liberalización dos mercados de telefonía móbil e da internet, o réxime de explotación exclusiva dos xogos de azar, que ten unha enorme influencia no desenvolvemento económico e social de Macau, resolverase con estudios e análises científicas. Na actualidade, o Goberno da Rexión Administrativa Especial de Macau, co apoio dunha empresa consultora, está realizando estudios para definir a solución máis favorable para liberalizar o sector do xogo e para o desenvolvemento social en xeral(7)”.

Xa nas LAG2001, Edmund Ho mantén un optimismo moderado, considerando que, lentamente, a economía de Macau deu algúns sinais de recuperación ao longo do primeiro ano do seu goberno, sinais visibles fundamentalmente a través do cambio de sentido na evolución do Producto Interior Bruto; en 2000, cifrouse nun crecemento do 4%, cousa que non acontecía desde hai catro anos. Por outro lado, o executivo apostou forte na promoción da Rexión na área económica veciña (rexional, nacional, e internacional) e na Unión Europea: a realización en Macau da Eureka Asia 2000 e da 5ª Feira Internacional de Macau son exemplo diso. A realización dos Xogos da Asia Oriental en 2005, que contará coa participación de once países e territorios (entre os que están China, Australia e Xapón), cun orzamento que ascenderá aos 560 millóns de patacas, será un evento máis que incrementará o desenvolvemento económico local e, simultaneamente, promoverá a integración da RAEM en toda a Asia Oriental.

Finalmente, unha palabra para unha área que se mantivo baixo a vixilancia das autoridades políticas e da comunicación social local e internacional: a seguridade interna. Macau, ao longo dos dous últimos anos baixo administración portuguesa, foi noticia polo clima de inseguridade e polos actos de criminalidade que afectaron á vida cotiá da cidade. Podemos avanzar a idea de que o proceso de transición política que Macau coñeceu foi extensivo ao mundo do crime organizado, que tamén necesitou recolocarse no terreo tendo en conta a nova situación política.

Así, as cuestións relacionadas coa seguridade interna foron, desde o primeiro día en que o novo goberno entrou en funcións, situadas “na primeira liña dos intereses dos cidadáns, ao que temos que corresponder asumindo a seguridade pública como principal misión(8)”.

Transcorrido un ano, Edmund Ho fai un balance positivo da acción do seu goberno, e salienta que se “antes da Reunificación, Macau atravesou un período moi difícil”, despois de once meses de moito esforzo “os servicios de seguridade obtiveron algúns resultados positivos(9)”. Máis alá do que podería ser un discurso de circunstancias e de conveniencia política, a mellora dos niveis de seguridade interna en Macau é recoñecida pola xeneralidade dos observadores. Un ano despois do 20 de decembro de 1999, Macau deixou de ser noticia debido aos ataques na rúa, crimes, atentados e axustes de contas entre mafias.


Macau no camiño do futuro

Despois dun ano encontramos a Rexión Administrativa Especial de Macau a tentar construír un espacio propio, equilibrado polo desexo de manter a súa especificidade e autonomía e a estratexia definida pola República Popular China que pretende alcanzar a unificación do país. Dous obxectivos que hoxe son, en gran medida, coincidentes, e concorren na afirmación de Macau dentro da rexión asiática na que se sitúa e no mundo.

Macau iniciou un novo camiño que a afastará necesariamente dun pasado recente, para lle poder dar credibilidade ao novo poder político nacido o 20 de decembro de 1999. Portugal ten a posibilidade de desempeñar un papel importante neste proceso, se soubese integrar, nas súas relacións coa RAEM, os espacios económico (UE) e cultural (lusofonía) nos que están implicados. Esta podería ser a súa maior contribución para garantir a consolidación das singularidades de Macau, pero sen a pretensión de querer perpetuar un pasado cunha fórmula de relación que se esgotou na historia. É mesmo na historia onde Macau asenta os alicerces da súa individualidade. A cuestión que hoxe se presenta é a de saber se as autoridades políticas que lideran a RAEM conseguirán recoñecelo, e aprenderán a construír o futuro baseados nun pasado que foi un exemplo de diálogo civilizado.

Alfredo Gomes Dias é profesor e investigador no Centro de Investigação de Estudos Educacionais da Escola Superior de Educação de Lisboa.

 

Notas

(1) Vid. NEVES, Miguel Santos and BRIDGES, Brian, Europe, China ant the Two SARs, Macmillan Press, Ltd Londres, 2000, pp. 137-168.

(2) “Resolución do Parlamento Europeo sobre Macau” do 16 de decembro de 1999, Diario Oficial das Comunidades Europeas, 18 de outubro de 2000, C. 296/190 - C. 296/192.

(3) Sétima Comisión Mixta Macau-UE, Declaración Conxunta, Bruxelas, 30 de xuño de 2000.

(4) Constitución da República Popular China, Art. 31º.

(5) Cf. Lei Básica da Rexión Administrativa Especial de Macau, Asemblea Popular Nacional, Beijing, 31 de marzo de 1993.

(6) Liñas de Acción Gobernativa para o ano 2000, Políticas económicas, financeiras e de emprego e seguridade social, 29 de marzo de 2000.

(7) Liñas de Acción Gobernativa para o ano 2001, Mellorar as condicións do mercado e promover o desenvolvemento económico, xaneiro de 2001.

(8) Liñas de Acción Gobernativa para o ano 2000, Política e medidas de seguridade, 29 de marzo de 2000.

(9) Liñas de Acción Gobernativa para o ano 2001, A seguridade pública mellorou e existe estabilidade social, xaneiro de 2001.
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/04/2001