Tempo Exterior nº 2 segunda época - xaneiro/xuño 2001Volver ó sumario
Libros
 
Zbigniew Brzezinski, “El Gran Tablero Mundial”
Ed. Paidós, Colección Estado y Sociedad. Barcelona, 1998.


María Xosé Viqueira Cores
 
O autor desta obra, influínte personaxe e ex-membro da administración norteamericana, reflexiona sobre o indiscutible feito da hexemonía mundial de Estados Unidos na posguerra fría. Brzezinski asume a caracterización universal do poder USA, unha influencia decisiva e determinante que se basea na preeminencia económica, cultural e militar que deben vertebrar un “corpus” de valores políticos como son a democracia, a pluralidade, a permeabilidade e a súa flexibilidade. Segundo o autor, o principal obxectivo que persegue a acción estadounidense no ámbito internacional é a consolidación destes valores.

A configuración xeoestratéxica de Brzezinski, moi condicionada por un indisimulable egocentrismo estadounidense, habita nun sistema propio doutra época e escasamente democrático. Nela prima o deseño dun conxunto de influencias e controis sobre o continente euroasiático e os Estados que o compoñen, de xeito que a hexemonía de Washington poida manterse aínda a custa de sacrificar excepcionalmente aqueles valores básicos e identitarios da súa proclama. O xogo de alianzas e illamentos, a política de pao e cenoria, conforman a identidade práctica dunha orientación a priori enormemente simple para afrontar toda a enorme complexidade do mundo que está a emerxer.

Rusia, a China e en Oriente Próximo, Turquía e Irán, son países aos que, por diversas razóns, a Administración estadounidense debe prestar especial atención. Washington debe tratar de influír na evolución dos acontecementos nestes “pivotes estratéxicos” pois moitas das súas políticas concretas son dependentes do seu acontecer.

Brzezinski recomenda a posta en práctica dunha política de maior achegamento á Unión Europea e a Xapón, aliados decisivos do seu empeño civilizador do mundo. O seu discurso a propósito do proceso de integración europeo abriga as tradicionais dúbidas de Washington: importa que avance para atraer aos PECO e consolidar esa ruptura da influencia rusa na área, pero dese proceso pode emerxer unha potencia política e económica capaz de discutir a hexemonía estadounidense. Xapón é o seu principal baluarte nunha rexión na que emerxen focos de tensión (Taiwán, Corea) que poden determinar novos equilibrios.

“É improbable que ningún outro Estado desempeñe un papel similar ao de Estados Unidos”, afirma Brzezinski, quen considera esa preponderancia unha garantía para evitar a proliferación de situacións de anarquía neste mundo en transición e que USA pretende perpetuar para evitar o xurdimento de calquera potencia en condicións de rivalizar.

África ou Latinoamérica son parte dese mundo perdido, unicamente obxecto de interese e cobiza cando se trata de saquear os seus recursos naturais. A xeoestraxia de Brzezinski resérvalle esa condición periférica. Están fora de xogo.

Sen dúbida, a autoridade, teórica e práctica de Brzezinski, merece unha lectura atenta deste libro, un verdadeiro manual que refire as principais claves que poden preocupar a calquera administración USA e que poden axudar a comprender (non necesariamente a compartir) o por qué de tantas actuacións “por libre” de Washington. Brzezinski aposta pola universalización dos valores da sociedade americana, pero a realidade pode aproximarse máis a ese outro escenario no que a hexemonía deba ser compartida con outros actores internacionais, aínda que sempre formando parte das principais potencias e cun amplo poder de decisión a nivel mundial.
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/04/2001