Tempo Exterior nº 2 segunda época - xaneiro/xuño 2001Volver ó sumario
Libros
 
Oskar Lafontaine, “El corazón late a la izquierda”
Ed. Paidós, Barcelona, 2000.


Sylvia Gómez
 
Se algo hai considerado prohibido e indecente entre camaradas é amosa-lo penoso da situación do partido. A sorprendente dimisión de Oskar Lafontaine de tódolos seus cargos (ministro federal de finanzas e presidente do SPD) en marzo de 1999, soamente medio ano despois da victoria electoral, foi saudada con alzas na bolsa e xúbilo nos lobbys empresariais alemáns. Mais tamén coa incomprensión dunha parte da á esquerda do seu partido, abandonada polo seu máis forte valedor que coa súa retirada facía pública a ruptura moral do gran SPD. Gorecido no seu feudo do Sarre, Lafontaine rachou o seu silencio con este libro, no que a súa exposición de motivos constitúe unha irada perrencha contra da reorientación neoliberal tomada pola coalición SPD-Verdes, sacudíndose de enriba programa e máis compromisos co electorado. Trala súa dimisión, dous importantes acontecementos corroboraron o profundo acelerón dese rumbo: a participación do exército alemán na guerra de Kósovo (primeira trala IIº Guerra Mundial) e a publicación do famoso manifesto conxunto Blair-Schröder. A guerra de Kósovo sérvelle a Lafontaine para amosa-la extrema perigosidade do autorregulamento dunha tutela militar (a dunha OTAN con xurisdicción global) no nome da hiperxustificación moralizante dos Dereitos Humanos e pasando por riba do Dereito Internacional. Pola súa banda, o manifesto Blair-Schröder non sería senón a nota máis rechamante do distanciamento do chanceler e a liña “modernizadora” do SPD do programa social co que gañaron as eleccións apuntándose á moda angloneoliberal na crenza de que os valores socialdemócratas non teñen xa o aprecio do pobo e dexenerando nunha simple adaptación ós imperativos económicos. Neste punto, Lafontaine arremete contra o papel cómplice da sociedade mediática que, en termos de “infotainment” (información-entretemento) infla o fenómeno da globalización “coma un espantallo para que o medo deixe ó público máis disposto a facer concesións”. Deste xeito, pon como exemplo o debate nacional de moda sobre a perda de posicións: ignorando datos e feitos, o país líder mundial en exportacións láiase de non ser xa competitivo. Solución: recorte de gastos laborais. É dicir, flexibilidade, adaptabilidade e reducción economicista do concepto de benestar. Máis aló do desemprego, para Lafontaine é unha cuestión clave para a sociedade en qué condicións traballan as persoas.

Perante a neoconservadora Europa actual que “primeiro faise liberal e logo, quizais, social”, Lafontaine lembra que a política socialdemócrata soamente ten unha posibilidade cando representa ós traballadores e se enfronta ós grupos de intereses promovendo unha nova orde internacional que respecte e se guíe polos principios da economía social e ecolóxica de mercado. Na súa opinión, para que non sexan os mercados senón os gobernos e os parlamentos democraticamente elixidos os que tomen as decisións, cómpre unha política interior a escala mundial como resposta á globalización. Para “vacinar” as relacións económicas a escala mundial con algo semellante ó sentido comunitario, di, é fundamental un regulamento máis intenso dos mercados internacionais que permita recupera-la capacidade de manobra no interior.

Non son, sen embargo, estes temas (presentes en “Non hai que ter medo á globalización”, escrito a catro mans coa súa dona Christa Müller) os que ocupan a parte máis extensa e persoal do libro, na que describe a evolución do SPD dos últimos anos, sen ocultar como a confrontación entre persoas é tamén a loita entre distintos proxectos políticos. Partindo da súa relación con Willy Brandt, do que é considerado directo herdeiro político, Lafontaine vai relatando dende a elaboración do programa de goberno (coa xustiza social como obxectivo e sendo a política fiscal a súa básica contribución) ás negociacións da coalición cos Verdes e maila posterior formación de goberno (capítulo no que son dignos de mención os agres retratos dun Fischer teimudo coa carteira de exteriores e un Schröder chanceler catapultado polos medios de comunicación) en páxinas revitalizadas pola actual situación crítica pola que atravesa o equipo gobernamental.

Naturalmente é doado ver estas páxinas como un ataque de envexa do que sabéndose claro artífice da victoria electoral, non formaba xa parte dun movemento, senón que era “o crucificado dun sistema de poder que menosprezaba as súas visións e restáballes valor ós seus esforzos prácticos”, como escribiu o influente Der Spiegel trala súa marcha. Pero alén das porfías e decepcións persoais, a intención de Lafontaine é apelar ó mantemento dos necesarios valores e compromisos socialdemócratas e máis ao internacionalismo e unión dos partidos europeos socialistas e socialdemócratas, pois “o Estado Social ha ser europeo ou non será”. Considerado na Alemaña un político latino, polo temperamental e imprevisible do seu carácter (quizais tamén pola súa confesada paixón polos bos viños do Sarre e polas súas estadías en Andalucía), Lafontaine consolida con este libro, escrito con estilo sinxelo e ameno que é un valor en por si, a súa imaxe de referente para certa esquerda europea mergullada dende hai tempo nunha continua readaptación de conceptos ós novos tempos.
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/04/2001