Tempo Exterior nº 2 segunda época - xaneiro/xuño 2001Volver ó sumario
Libros
 
Lucía Alonso, “Pensando en África. Una excursión a los tópicos del continente”
Barcelona, Icaria (Más Madera), 2000. 102 páxinas.


Marta G. Cabrera
 
Lucía Alonso é unha investigadora do Seminario de Investigación para a Paz (SIP) que traballa como especialista no mundo africano, ámbito que domina principalmente pola súa estadía durante algúns anos en Zimbabwe. Esta experiencia africana e o seu dilatado seguimento da realidade deste continente permítenlle facer, con autoridade, esa “excursión ós tópicos do continente”.

O libro divídese en catro breves capítulos nos que efectúa un percorrido didáctico e moi exemplificador do abismo que separa a realidade africana e as deformacións máis estendidas por todo o mundo ó longo do tempo. A autora fai fincapé nun relato que vai ser reiterado durante toda a obra: a distorsionada imaxe que de África e os seus poboadores nos ofrecen os medios de comunicación. A visión que transmiten de África os mass media é considerada totalmente surrealista e interesada. O continente negro soamente é noticia cando non hai noticias, como se un continente da extensión do africano e cun número de países superior ó europeo ou ó americano non xerase información relevante a diario.

Ademais de reflectir esta distorsión dos medios de comunicación, na obra dáse conta doutras moitas que teñen xa unha fonda raizame na nosa cultura porque nos son inculcadas dende a máis pequena infancia: é a historia de África. Lucía Alonso critica ese exceso de presentar África como un todo homoxéneo, desprovisto doutra identidade que non sexa a de ser un continente “primitivo e sen cultura”, en suma, sen máis historia que a iniciada dende que a “civilización” europea se decidiu a escribila. A autora achega diferentes e variadas mostras da visión occidental da historia africana que resume en tres etapas: colonialismo, descolonización, hoxe en día. Lucía Alonso establece no libro un punto de partida para un mellor coñecemento de África baseado nunha crítica rigorosa que achega mostras, ben accesibles ó público, dos erros e falsidades que practicamos a cotío no noso culto Occidente e que nos afastan cada día máis dunha realidade que a autora non considera, sen embargo, tan diferente da nosa; unha realidade, por outra banda, cada día máis presente nas nosas vidas.

Libro de lectura sinxela e amena, achega claves que quizais xa coñeciamos pero das que non fixeramos recompilación e análise previa. A autora deixa ó lector con ganas de afondar máis na historia e cultura africanas.
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/04/2001