| Tempo Exterior nº 2 segunda época - xaneiro/xuño 2001 Libros |
| Koldo Unceta e Pilar Yoldi, “La cooperación al
desarrollo: Surgimiento y evolución histórica”
(“Garapenerako lankidetza: Sorrera eta bilakaera historikoa”) Gobierno vasco/eusko jaurlaritza. Maio 2000. 123 páx. |
|
Virxinia Romero Sobral |
| Este volume é un Manual de Formación que pretende situar ao alcance das ONGs e das persoas vinculadas
ao mundo da cooperación ao desenvolvemento uns textos sinxelos que sirvan para o estudio e o debate das
diferentes cuestións relacionadas con esta importante cuestión do noso tempo. O percorrido introductorio e histórico parte dos anos cincuenta, despois da II Guerra Mundial, para salientar aqueles acontecementos e feitos internacionais que dalgunha maneira veñen a sentar as bases referenciais do que hoxe entendemos como cooperación ó desenvolvemento. As relacións entre os estados, as sucesivas crises económicas, o círculo da pobreza e as etapas do desenvolvemento, a evolución da sociedade internacional e dos seus actores principais avaliada a partir da sucesión de acordos interestatais e multilaterais, contribúen a visualizar no lector os diferentes vectores que sen aparente conexión acaban por concretar un marco xeral dotado dunha lóxica propia e ben complexa. Os autores, Koldo Unceta e Pilar Yoldi, non poden evitar referirse ó período da posguerra e á dinámica da reconstrucción europea despois da contenda, á transferencia de recursos de Estados Unidos ao vello –e desfeito– continente a través do Plan Marshall, que a URSS e o bloque socialista rexeitarían por imperativos ideolóxicos e xeopolíticos. Segundo Unceta e Yoldi sería esta unha das primeiras actuacións do que podiamos denominar cooperación ó desenvolvemento, se ben advertindo que se trata dun mero achegamento económico, sen as diversas e múltiples implicacións (sanitarias, educativas, ambientais, etc) que a cooperación de hoxe esixe e que vai moito máis alá dos obxectivos e mecanismos que a viron nacer. O libro fai balance. Nas axudas dos anos cincuenta a Asia, África ou América Latina e que tamén recibiron o nome de cooperación ó desenvolvemento advirten os autores non soamente un compromiso coa superación do atraso e os desequilibrios senón o enorme interese dun mundo dividido en bloques para acentuar as proximidades a cada un dos seus polos; unha axuda, pois, inevitablemente enmarcada na dinámica da tensión Leste-Oeste que sen embargo contribuíu a alimentar a esperanza de crecemento económico e maior benestar en sociedades empobrecidas e moi castigadas pola súa condición periférica. O clima de confianza e recuperación económica e/ou a seducción do movemento emancipador que acelera o proceso de descolonización, facilitan o asentamento da cooperación gobernamental e multilateral como unha realidade a ter en conta polos grandes estados e as estructuras internacionais que se configuran ao abeiro de Nacións Unidas. É o momento das primeiras ONGs e do auxe das ideas democráticas e humanistas alentadas, en boa medida, pola derrota do nazismo. O Manual detense na análise do papel de instancias tan cuestionadas como o Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional, as Nacións Unidas e as diferentes infraestructuras que os gobernos occidentais se deciden a pór en marcha e que desembocan no CAD. Así mesmo, reflicte as reaccións que se producen nos países “beneficiarios” da axuda, é dicir, no chamado “Terceiro Mundo”, a crítica das ideas desarrollistas e da dependencia neocolonial. As voces do mundo subdesenvolvido, democraticamente maioritarias e moralmente cargadas de razón, achéganse aos foros e instancias internacionais para reivindicar cambios estructurais que erradiquen a pobreza e faciliten unha maior participación na xeración e na distribución da riqueza mundial. É o tempo da denuncia da preocupación cosmética pola pobreza e da esixencia dunha nova orde internacional. Como cabía agardar, esta reivindicación crucial caeu en saco roto, evidenciando a inexistencia dun compromiso serio coa superación das desigualdades. Dos setenta aos oitenta, a situación empeora e nos noventa, coa desaparición das economías socialistas, o apoxeo da liberalización sen límite e da glorificación do mercado, precipita no abismo a sociedades cada vez máis fragmentadas e sen futuro. Hoxe falamos máis de cooperación, pero en termos globais coopérase menos. Mesmo dá a impresión de que os propios estados pretendan a transferencia ao conxunto dos cidadáns da súa responsabilidade na diminución dos efectos das catástrofes ou das crises humanitarias e tamén na cooperación. E mentres os cidadáns a título individual contribúen máis ca nunca, os estados, cada vez máis saneados, instálanse na tendencia decrecente. Os autores detallan a crecente importancia de novos factores como a problemática ambiental, a perspectiva de xénero, o empoderamento democrático, etc, que tanto enriquecen a teoría e a práctica da cooperación. Editado en formato bilingüe, constitúe pois unha óptima aproximación a esta problemática. Ben sistematizado, claro, preciso, abordando todos aqueles aspectos que forman parte do abano de preocupacións dese conxunto de persoas, cada vez máis, implicadas neste compromiso social: dende a débeda externa á taxa Tobin. A súa aposta céntrase nun desenvolvemento humano e sustentable, baseado na persoa, respectuoso co medio cultural e social, co ambiente, fuxindo dese reduccionismo que o circunscribe a unha dimensión exclusivamente económica. Complétase cunha cronoloxía e unha bibliografía básica recomendada. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 15/04/2001
|