Tempo Exterior nº 2 segunda época - xaneiro/xuño 2001Volver ó sumario
Libros
 
José Manuel Sobrino Heredia, “La acción exterior de las Comunidades Autónomas. Especial referencia a Galicia”
Fundación Galicia Europa, Colección Normativa Comunitaria nº 4, Santiago de Compostela, 2001. 974 páx.


Marcos Martín Pérez
 
A acción exterior e comunitaria das Comunidades Autónomas é un dos temas que, a pesar dos anos, está sempre de máxima actualidade. A intensa e crecente actividade desenvolvida polas institucións autonómicas neste eido e a inexistencia, ata o de agora, dun modelo pechado no noso ordenamento xurídico-político manteñen a vixencia desta realidade. Periodicamente xurden traballos da doutrina internacionalista ou constitucionalista española tratando aspectos cada vez máis concretos desta acción exterior e que intentan dar resposta ós cambios producidos na práctica autonómica. O libro que nos ocupa ten a virtude de constituír (excepción feita, quizais, do xa distante –1996– segundo volume da obra dirixida por M. Pérez González “La acción exterior y comunitaria de los Länder, Regiones, Cantones y Comunidades Autónomas”) a primeira recompilación sistemática e ordenada dos textos normativos e políticos máis relevantes da acción exterior das Comunidades Autónomas e, especialmente, da galega.

O profesor Sobrino Heredia, Catedrático de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de A Coruña e antigo letrado do Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas, é ben coñecido polos seus traballos sobre dereito comunitario. Á fronte dun equipo multidisciplinar do Instituto Universitario de Estudios Europeos “Salvador de Madariaga” que dirixe, e por iniciativa da Fundación Galicia Europa, foi quen de asumir este ambicioso proxecto recompilatorio que vén encher un baleiro na bibliografía dedicada ó tema.

O momento, dende logo, xustifica a aparición dunha obra desta natureza. Os avances experimentados nestes últimos anos na materia –como testemuña a aprobación da lei reguladora da Conferencia para Asuntos Relacionados coas Comunidades Europeas, a participación nos comités da Comisión Europea, ou a discusión sobre a forma de artella-la presencia autonómica no Consello da Unión Europea– xunto coa dinámica actividade de Galicia na escena europea e internacional –non obstante, foi a primeira Comunidade Autónoma que aprobou un documento de programación plurianual en materia de acción exterior– fixeron conveniente presenta-las novas referencias documentais na materia.

Prologado polo presidente da Xunta de Galicia, o libro comenza cun breve estudio xurídico do profesor Sobrino sobre a acción exterior das comunidades autónomas facendo un percorrido que abrangue dende a relevancia das entidades territoriais como novos actores das relacións internacionais ata as manifestacións concretas da actividade de proxección internacional de Galicia, pasando pola lóxica exposición do marco constitucional español.

Estructurado en catro apartados de extensión variable, o primeiro está dedicado á base xurídica da acción exterior autonómica. Tendo en conta a autonomía institucional que tanto o Dereito internacional como o comunitario recoñecen ó Estado á hora da súa organización interna, ocúpase, en primeiro lugar, do dereito español. Neste sentido, e tras expoñe-lo marco xurídico da mesma tanto na Constitución como nos Estatutos de Autonomía, cabe destaca-la presencia da xurisprudencia do Tribunal Constitucional, pois non se pode esquece-lo importante papel asumido pola nosa máis alta instancia xurisdiccional na determinación desta base xurídica e, en concreto, da noción de “relacións internacionais” (moito foi o camiño percorrido dende a sentencia 137/1989 e a súa expansiva visión do concepto ata a xa famosa sentencia 165/1994 que posibilita ás Comunidades Autónomas levar a cabo actividades con alcance ou proxección exterior). No que se refire ó dereito comunitario trátanse cuestións de carácter tanto institucional como sectorial –cohesión económica e social–, se ben a reproducción dos textos íntegros dos regulamentos dos fondos estructurais e de cohesión –de indubidable transcendencia rexional– non está situada precisamente no lugar máis axeitado.

No segundo apartado, o máis breve do libro, abórdase o marco organizativo da acción exterior de Galicia. Xunto cos textos creadores dos órganos do executivo autonómico con responsabilidades na materia figura a Comisión de Asuntos Europeos do Parlamento de Galicia, figuras todas elas de recente creación e que aínda están por estudiar en profundidade.

Entrando xa nos campos de actuación, o libro ofrece por separado os textos e documentos referidos á acción exterior propiamente dita dos referidos á acción comunitaria, dadas as particularidades que ofrece a participación autonómica no proceso de integración europea. O terceiro apartado, xa que logo, ocúpase da participación das Comunidades Autónomas no proceso de toma de decisións europeo, tanto dende a perspectiva estrictamente interna como dende a comunitaria. Tras presenta-los documentos máis importantes das relacións existentes na materia entre a Administración Xeral do Estado e as Comunidades Autónomas, figuran aqueles relacionados coa presencia directa destas nas institucións europeas (Comité das Rexións, comités da Comisión Europea, e Consello da Unión Europea, institución esta na que a presencia autonómica é actualmente obxecto de intenso debate). Igualmente, no que se refire ás oficinas rexionais en Bruxelas –a denominada “acción paradiplomática”– recóllense os estatutos da Fundación Galicia Europa, institución que ostenta a representación de Galicia na capital comunitaria, limitándose a facer unha relación doutras rexións europeas e españolas con oficina en Bruxelas, botándose de menos coñecer, dende unha perspectiva comparada, o modelo xurídico seguido por algunha outra rexión.

Por último, preséntanse os textos e documentos referidos ó ámbito da acción exterior, é dicir, aquelas actuacións de renome internacional alleas á Unión Europea e que se manifestan, fundamentalmente, na denominada cooperación interrexional –a realizada entre entidades territoriais en razón da existencia de intereses ou problemáticas comúns–. Quizais sexa este apartado o máis interesante do libro dado que recolle unha abundante selección dos instrumentos ou convenios asinados pola Xunta de Galicia con outras rexións, basicamente da área latinoamericana. Sen dúbida, a profusión de documentos suporá unha interesante contribución ó debate sobre a natureza desta acción convencional. Descartado o seu carácter de tratados internacionais, xurde a cuestión de considera-los acordos políticos ou “gentlemen’s agreements”, acordos administrativos ou contratos internacionais, constituíndo, dende logo, instrumentos para a promoción exterior das competencias propias pero que non están sometidos ó dereito internacional. Así mesmo, dentro desta categoría convencional, destacan polo seu valor propio os que permitiron a apertura das Oficinas de Enlace da Xunta de Galicia en MERCOSUR, ámbito no que Galicia ten xerado unha importante práctica.

A pesar da crecente facilidade, aínda que moitas veces restrinxida, para acceder ás distintas fontes documentais da acción exterior e comunitaria das Comunidades Autónomas, sen dúbida, moitos especialistas e interesados en xeral na problemática van agradecer esta iniciativa da Fundación Galicia Europa. En canto que recompilación normativa ten o defecto da súa vixencia limitada ás consubstanciais evolucións da práctica, especialmente áxil na materia que nos ocupa, pero sen dúbida, destaca máis pola virtude de posibilitar unha consulta rápida e sinxela duns documentos que seguramente dará lugar a un enriquecemento dos estudios e reflexións sobre a materia.
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/04/2001