| Tempo Exterior nº 2 segunda época - xaneiro/xuño 2001 Libros |
| Jorge Pueyo Losa e Ernesto J. Rey Caro, “Mercosur: nuevos
ámbitos y perspectivas en el desarrollo del proceso de integración” USAL (Universidad del Salvador). Ciudad Argentina, Editorial Ciencia y Cultura, Buenos Aires, 2000. Antonio Martínez Puñal, “La solución de controversias en el Mercosur: estudio de sus mecanismos” Tórculo Edicións. Colección Estudios Internacionales, Santiago de Compostela, 2000. |
|
María Xosé Viqueira Cores |
| As dúas obras que comentamos compleméntanse mutuamente. A primeira, “Mercosur: nuevos ámbitos
y perspectivas en el desarrollo del proceso de integración”, é unha recompilación de reflexións
de distintos expertos en dereito internacional, galegos e arxentinos, nas que abordan distintos aspectos da identidade
e natureza do Mercado Común do Sur e o seu proceso de integración. En dúas partes ben diferenciadas,
aspectos xerais e aspectos materiais, analizan os diferentes vectores e mecanismos que condicionan e caracterizan
o proceso de integración dos países do cono sur americano. Igualmente reparan no proceso de configuración
doutras organizacións latinoamericanas como a ALALC, ALADI ou a Comunidade Andina. Os antecedentes da conformación do MERCOSUR son tratados polo autor do segundo dos libros, Antonio Martínez Puñal. E xunto aos mecanismos para a solución de controversias, os principios do dereito de integración, e as relacións coa Unión Europea son obxecto de análise por Ernesto J. Rey Caro, Graciela Salas e Isabel Lirola, respectivamente. Na segunda parte do libro, analízanse aspectos máis concretos do proceso de integración e das súas consecuencias, entre eles, a cooperación transfronteiriza, por Mª Teresa Ponte; o ámbito marítimo pesqueiro, a cargo de Jorge Pueyo Losa; os aspectos medioambientais por Zlata Drnas de Clément e en último lugar, pero non por iso menos importante, a harmonización entre a OMC e o Mercosur, da man de Laura Dromi. A atmosfera que se respira en todas as proxeccións abunda na necesidade de artellar un proceso de integración máis profundo, pois aínda que se deron rápidos avances, queda moito camiño por percorrer: unha política pesqueira común, mecanismos de solución de controversias máis eficientes que inclúan e protexan dunha maneira máis activa a persoas físicas e xurídicas, ou o desenvolvemento dunha política ambiental concreta con mecanismos comúns aos Estados membros. Afírmase, así mesmo, a necesidade de prestar atención a unha presencia máis activa das rexións na cooperación transfronteiriza. En definitiva, é unha obra que nos proporciona unha información útil para achegarmonos a un proceso de integración que se está a desenvolver alén do Atlántico e que asume a Unión Europea como modelo a seguir en moitos aspectos. Os particularismos e especificidades do MERCOSUR quedarán inseridos nas institucións e organismos que se vaian creando a medida que o Mercado Común do Sur vaia afianzándose como unha organización rexional de primeira liña. A segunda das obras, do profesor Martínez Puñal, é unha monografía dos procesos de integración do Mercado Común do Sur, como ben indica o título. Contando cunha extensa base bibliográfica, analiza os procesos aínda inacabados de solución de controversias no MERCOSUR. Con prólogo de Manuel Pérez González, estamos ante unha obra de corte xurídico na que se afonda nos distintos Protocolos (Brasilia e Ouro Preto), protocolos operacionais, laudos arbitrais e outros instrumentos utilizados. É de resaltar a importante dificultade que conleva unha obra como a que se nos presenta: primeiro, pola escaseza de sentencias, soamente tres laudos arbitrais; e segundo, polo carácter reservado que o Mercosur outorga a certas decisións nas que rexe a non publicidade. O autor evidencia as carencias do sistema de resolución de controversias, carencias que sería necesario resolver, ben cun Tribunal de Xustiza ou por outros métodos que o autor enuncia na súa obra, tendo en conta a Unión Europea e a Comunidade Andina, pero sen facer calcos exactos, senón máis ben procurando adaptar os mecanismos ás particularidades do procesode integración. As dúas obras reseñadas son reciprocamente complementarias, a primeira achega luz sobre o que é o MERCOSUR e os seus mecanismos de funcionamento; a segunda afonda nunha parte enunciada na primeira das obras. A pesar de ser dúas obras de carácter técnico-xurídico, a información que achegan pode resultar de grande importancia para calquera persoa interesada na xénese, desenvolvemento e perspectivas do MERCOSUR. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 15/04/2001
|