Tempo Exterior nº 2 segunda época - xaneiro/xuño 2001Volver ó sumario
Resume - Resumen - Abstract
 
Galicia e a cooperación cos países menos desenvolvidos


Jesús Alfonso Vaquero Marín
 

Na Unión Europea, da que Galicia, dentro de España, forma parte, estase a vivir unha situación de crecemento económico e avance tecnolóxico que está a disparar máis a enorme diferencia que existe entre os países máis desenvolvidos e o terceiro mundo. Este ambiente de bonanza e progreso xunto ás melloras sociais fan dos habitantes da rexión europea uns dos máis privilexiados do planeta. A sociedade civil europea goza de boa saúde, calidade de vida e unha elevada lonxevidade que supera en moito a dos habitantes dos países do terceiro mundo.

Conscientes os europeos destas desigualdades e coa firme intención de resolvelas, organízanse cada día mellor, con máis profesionalización e obxectivos máis nítidos, en Organizacións non Gobernamentais de Cooperación ó Desenvolvemento como resposta á preocupación cidadá polo seus semellantes, o interese en compartir, a preocupación polo benestar de tódolos cidadáns da Terra sen distinción de raza, relixión, cultura, sexo, idade... Nesta dirección só cabe salientar o labor que as ONGs de desenvolvemento prestan nun dobre senso: dunha banda, concienciando ó resto da sociedade civil europea das inxustas e dramáticas situacións que viven moitos pobos, denunciando feitos indignos cando cómpre facelo, achegando solucións e, doutra, prestando o seu saber, experiencia, capacidade e vontade na tarefa diaria do traballo no campo.

Toda esta capacidade de sensibilización e actuación das ONGs e dos seus colaboradores quedaría moi minguada sen a colaboración, conciencia e responsabilidade do resto dos cidadáns que coa súa presión fan que as administracións apoien ás primeiras no seu quefacer, xa que son os vivos representantes da sociedade en demanda de xustas peticións. A propia Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI) sinala nos seus traballos sobre os novos retos no sistema de cooperación:

“A necesidade de participación da sociedade civil nos programas de axuda faise cada vez máis evidente. En primeiro lugar, porque sen participación é difícil que a axuda sexa eficaz: non cabe a sostenibilidade das accións de desenvolvemento se non se implica nelas a sociedade beneficiaria. Pero non son só razóns de eficacia as que xustifican a participación social, é que o desenvolvemento comporta unha ampliación das oportunidades e das capacidades das persoas; e tal ampliación non se pode producir sen unha certa redistribución das capacidades de poder dende o Norte cara o Sur e dos sectores ricos cara os necesitados. Un proceso, pois, que reclama “empoderamento” dos colectivos beneficiarios, de modo que decidan, participen e se apropien dos proxectos de desenvolvemento ós que a axuda contribúe”.

Así pois cómpre dar un paso máis neste senso e dotarnos da capacidade para afrontar a cooperación ó desenvolvemento dende unha nova perspectiva, máis ambiciosa e difícil pero que poida dalgún xeito garantir a corrección e a sostenibilidade das accións emprendidas.

Non se trata de posicionarnos como meros contribuidores de recursos económicos, meros emisores de cartos que solucionan, no mellor dos casos, aspectos parciais da realidade do terceiro mundo, senón de achegar tamén sistemas de valores, como a democracia ou o respecto ós dereitos humanos, condicións estas absolutamente imprescindíbeis para o desenvolvemento dos pobos tal e como se demostra continuamente ó longo e ancho do globo.

Deste xeito debemos abandonar o concepto tradicional de cooperación, deixando de lado os pequenos plans parciais que só afrontan algunha das múltiples dimensións da realidade. Tamén cómpre superar o pequeno proxecto a curto prazo que moi frecuentemente non chega a transformar nin a solucionar ningún aspecto da realidade dos pobos do sur, antes ben, unha vez que se retira a axuda a situación pode empeorar, xusto polo desánimo que embarga a quen recibiu e non puido reter.

Esto lévanos directamente á verdadeira cooperación, a cooperación do futuro, a que non pode ser un camiño dunha única dirección senón que debe ser unha vía de dobre sentido, de ida e de retorno, na que sen dúbida imos contribuír pero tamén recibir na medida que sexamos xenerosos para comprender, compartir e reflexionar sobre novas realidades, novas formas de entender a organización da sociedade civil, a participación activa nas comunidades, na busca do ben común por riba de meros intereses persoais, na solidariedade como principio para conducirnos no máis cotián; todo esto e moito máis podemos aprender e asimilar de moitos pobos que no material, si, poden ser máis pobres ca nós pero que inda conservan, porque souberon facelo, a esencia da convivencia humana.

Polo tanto, a cooperación debe ser entendida como unha tarefa a abordar dende a colaboración entre todos os actores implicados con algo que ofrecer: diferentes ONGs, administracións –europeas e dos países de destino– e todo isto sen que ningunha institución nin persoa vexa minguada a súa independencia, singularidade e características que as fai únicas e polo tanto imprescindibles. Isto –a unión, a cooperación, a superación de meros intereses institucionais– é quizais a primeira lección que podemos e debemos aprender nesta recanto privilexiado do planeta. Así, o obxectivo é a posta en marcha de auténticos programas de desenvolvemento, ambiciosos e a longo prazo, que aborden conxuntamente as distintas caras da realidade dos pobos, dun xeito integral e coa planificación como marca de excelencia. Só así se poderá garantir a sostenibilidade do desenvolvemento na súa triple vertente: a sostenibilidade cultural e social, a medioambiental e a económica, que compoñen a liña de actuación máis consolidada no noso país no ámbito da cooperación descentralizada e a de axuda canalizada a través de proxectos e actuacións das ONGD españolas e das súas contrapartes no exterior.

En España xurde esta iniciativa nas propias comunidades autónomas e administracións locais, co afán de desenvolver unha política de solidariedade con terceiros países ou con pobos de menor desenvolvemento, iniciativa que é considerada como posible fonte de inspiración para outros doadores polo Comité de Axuda ó Desenvolvemento da OCDE.

Este modo de proceder imbuíu, dende o primeiro momento, as actuacións que a Xunta de Galicia, co Goberno de D. Manuel Fraga Iribarne, puso en marcha en materias de cooperación.

Así as Ordes que veñen regulando a cooperación ó desenvolvemento veñen reflectindo esta filosofía:

  • As políticas de cooperación ó desenvolvemento humano orientadas a unha real superación da pobreza precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade.

  • Á cooperación internacional propia dos distintos gobernos nacionais únese tamén a vontade de cooperación que xurde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola mellora das condicións de vida dos pobos máis necesitados da comunidade internacional.

Por todo isto as ONGD cooperan coa Administración pública atendendo os principios de eficacia e sinerxia das actuacións, respectando o código de conducta propio deste tipo de organizacións non gobernamentais. En concreto, prestan unha positiva asistencia á Xunta de Galicia mediante a súa participación en órganos de asesoramento e en comisións técnicas de avaliación e apoian, informan e asesoran a outros axentes da cooperación en cantas accións son realizadas dende a Comunidade Autónoma de Galicia.

A política de cooperación ó desenvolvemento que realiza a nosa Comunidade Autónoma experimentou unha evolución positiva nos últimos anos, tanto no relativo a medios e instrumentos financeiros como á extensión da cobertura xeográfica que abarca, prestándose unha especial atención á cooperación que se realiza cos países latinoamericanos.

A cooperación galega vai enfocada en dúas direccións diferentes, mais complementarias. Dunha banda, asígnanse recursos para campañas e actividades de sensibilización e educación para o desenvolvemento que promovan a solidariedade dende Galicia. Doutra canalízanse axudas a través de convenios con outros organismos ou entidades para actuacións directas, créanse fondos municipais para mellorar a eficiencia da axuda, apóianse os proxectos de cooperación que xestionan as Organizacións non Gobernamentais de Desenvolvemento (ONGD), ou tamén se incide a través doutros instrumentos e axentes máis específicos de cada comunidade; como sucede no caso de Galicia coas posibilidades de cooperación que ofrece, en moitos dos nosos países irmáns, a existencia das nosas comunidades galegas no exterior e a existencia de programas de apoio social, de diverso tipo, que estas realizan en colaboración directa coa Comunidade Autónoma de Galicia.

A Xunta de Galicia, dende a chegada do Partido Popular, foi pioneira na posta en marcha dalgúns mecanismos de cooperación. Foi a primeira en crear no ano 1994 o rexistro de Organizacións non Gobernamentais de Axuda ó Desenvolvemento, que figuran 88 na actualidade; e foi tamén a primeira Comunidade Autónoma en regula-las axudas ás ONGs a través de Ordes abertas e públicas nas que son os propios representantes destas os que avalían os proxectos.

A política galega de cooperación ó desenvolvemento experimentou unha evolución moi positiva dende o seu inicio pasando de destinar á cooperación uns 25 millóns no ano 1992 a superar os 800 millóns no ano 2000 en distintos programas e actuacións realizadas pola Xunta a través de distintos axentes.

A través de proxectos específicos de cooperación das ONGDs galegas, concedéronse nos últimos anos axudas por un total de 766 millóns de pesetas ata o ano 2000, que entre outros lugares, tiveron como destino:

  • África: Angola, Arxelia, Etiopía, Guinea Ecuatorial, Sudán, Zaire, Congo...

  • Asia: Tailandia, India, Bangladesh, Tíbet...

  • Latinoamérica: Arxentina, Chile, Colombia, Cuba , Ecuador, México, Bolivia, Brasil, El Salvador, Nicaragua, Honduras, etc.

Igualmente destináronse importantes fondos para axuda humanitaria específica co fin de paliar os efectos de catástrofes e situacións de emerxencia acaecidas en países necesitados:

  • Axuda de emerxencia por importe de 120 millóns de pesetas para Guatemala, El Salvador, Nicaragua e Honduras, afectados polo Furacán Mitch en 1998.

  • Axuda de emerxencia polo fenómeno del Niño en Perú.

  • Axuda de emerxencia con motivo do ciclón George na República Dominicana.

  • Axuda para damnificados polas inundacións en Venezuela de 1999, cunha achega en metálico de 65 millóns de pesetas e outros tantos en medicamentos e material sanitario.

  • Axuda de emerxencia para afectados polo terremoto do Salvador (xaneiro/2001).

E xa, recentemente, demos un paso máis no longo camiño de cooperación ideal co proxecto piloto, a nivel europeo, “Yungas 2000”, modelo de cooperación ó desenvolvemento, que se executa en Bolivia, provincia de Sud-Yungas, entre os anos 2000 e 2002. Este proxecto está impulsado pola Xunta de Galicia e a Unión Europea en colaboración coas imprescindibles ONGDs galegas e as contrapartes e autoridades americanas e conta co apoio técnico da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia.

O financiamento económico, de aproximadamente 400 millóns de pesetas, distribúese nun 50% da UE, 35% da Xunta de Galicia e un 15% das ONGDs galegas. Este proxecto, que ten como obxectivo o desenvolvemento integral e sostido nesta infradesenvolvida rexión boliviana, servirá de modelo para transmisión de metodoloxía e experiencia ós axentes de cooperación en futuros proxectos de cooperación cun apoio da UE.

O camiño percorrido foi longo pero queda aínda moito por avanzar. Ano tras ano víronse incrementados os fondos destinados a este fin pero o reto está en continuar aumentando a achega de Galicia nos anos vindeiros e acadar a cooperación ideal e descentralizada.

Jesús Alfonso Vaquero Marín é director xeral de Relacións Parlamentarias da Xunta de Galicia.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/04/2001