Resume - Resumen - Abstract |
| Dili: o limiar pós-colonial |
|
Paulo Castro Seixas |
|
Introducción O acompañamento antropolóxico do proceso de reconstrucción de Dili é máis ca un mero proxecto de pescuda. Máis alá diso é tamén unha especie de procura persoal, así como a tentativa de prolongar a investigación en Antropoloxía e, especificamente, en Antropoloxía Urbana e, por último é tamén un activo compromiso para unha consciencia da utilidade política dos estudios antropolóxicos para construír unha nova política sustentable para a humanidade. Dili é, así, unha cidade que o xunta todo(1): a miña historia como persoa e antropólogo; a antropoloxía urbana, en canto estudio da cidade como lugar e do seu lugar no sistema mundo e, por fin, a ciencia en canto descrición da existencia e procura da utopía. Pero, máis alá da miña ecuación persoal, Timor, e en particular Dili, xúntao todo nunha liminaridade que pode ser entendida como unha centralidade das marxinalidades(2). Marxinal de cara ao imperio Portugués, tornouse central no seu epílogo(3); marxinal de cara ao imperio indonesio, tornouse na súa primeira gran fraxilidade; marxinal de cara a Australia, tornouse central, ben a nivel interno, ben externamente, pola posición de estratexia adquirida na rexión(4); marxinal de cara aos intereses presentes dos Estados Unidos e da ONU, tornouse –xuntamente con Kosovo– nunha fronteira na viraxe da súa estratexia(5)... Este texto, sen embargo, non se dedicará á importante análise da invasión dos diversos centros pola marxinalidade periférica de Timor e das transformacións neses mesmos centros. A focalización será outra, de feito, será unha terceira versión de Dili, en canto cidade que o xunta todo nunha centralidade das marxinalidades. A centralidade que tivo Timor nos diversos escenarios do sistema mundo reflectiuse no seu propio territorio e, en particular, en Dili, tornándoa escenario dunha transición socio-política dirixida internacionalmente baixo a protección da ONU e é este contexto de transición o que este texto abordará. Proponse que Timor se encontra nun estadio de liminaridade socio-política e cultural e que este contexto pode ser comprensible quer fenomenolóxica, quer social, quer simbolicamente pola análise e acompañamento da cidade de Dili. É, exactamente, ese ethos urbano de transición, de (des)construcción, o afluxo de poboacións centrais a esta marxe tornada centro e o cruzamento de sentidos creando unha cultura de ambigüidades e paradoxos que se abordará. A liminaridade que Dili presenta, fragmentada e híbrida nas emocións, poboacións e sentidos, é un axeitado exemplo dun contexto poscolonial(6) e é nese sentido que se pretende designala.
Algúns aspectos impresionistas poden ser importantes para que nos poidamos imaxinar no cadro urbano de Dili e, así, comprendermos o ethos desta cidade en canto transición. É a estación seca en Timor do Sol Nacente e as cores da cidade son o cincento e o castaño esfarelado de cando en vez polo verde opaco dalgunhas palmeiras e outras árbores que sobreviviron á roza ó redor da cidade. E aínda que, nalgúns barrios, se vexan buganvíleas e outros arbustos floridos, iso non é suficiente para alterar a preponderante aridez. A quen chega en avión non lle poden deixar de estrañar os inmensos ríos secos que deitan no mar o seu cascallo e é un destes grandes ríos secos o que, entre o aeroporto e a cidade, vemos escavado por centos de pequenos e grandes buracos para a extracción de area: ¡un auténtico escenario de ficción científica! Se se queda na cidade tempo suficiente para sentir a súa atmosfera, a sensación de incomodidade pode aumentar, igual que o vento ao longo do día nunha constante lembranza da posibilidade de tempestade. A consciencia, a certa altura, do silencio, provocado pola total ausencia de paxaros, xúntase a todo o demais como un elemento de mal agoiro... Finalmente, malia ter pasado un ano, os sinais da destrucción, visibles a cada paso, compoñen e uniformizan o escenario: buracos e conductos de sumidoiros abertos, decoracións de xardíns públicos no solo e, máis que todo o resto, os esqueletos das vivendas sen teito e tinguidos de negro polo lume que os comeu. Case nos entra un arrepío... E, no medio, o movemento constante do tráfico; as bucinas ininterrompidas dos taxis na busca de potenciais clientes, cada vez que o ollar do conductor atopa un estranxeiro; e o que fose que nos levase a estar naquel momento naquela cidade non nos deixa moito tempo para pensarmos nas cores opacas, na atmosfera ventosa e poeirenta, no silencio da ausencia de paxaros e nos esqueletos negros das casas. Mais, de pararmos un pouco e deixarmos á razón sentir o espírito urbano que nos envolve, o mal agoiro xorde. Dili é unha cidade nun proceso de renacemento e, como na fase liminar dun rito de pasaxe, é posible ver os sinais da morte dunha cidade ao mesmo tempo que se albiscan sinais da súa resurrección. Estes sinais de liminaridade pódense ler por medio dunha semiótica espacial, social e política. En termos espaciais, o aspecto global da cidade é o dun estaleiro urbano, dunha cidade incompleta ou inacabada, dun campamento urbano, dunha cidade provisional. A mestura entre casas de palmeira e bambú e casas de tixolo, rúas asfaltadas e de terra batida, casas habitadas e deshabitadas, destruídas e sobreviventes, é tal vez un primeiro elemento desa lexible provisionalidade urbana. Mais este carácter de instalación provisional non procede soamente do que sobreviviu á Dili colonial, senón tamén do que xurdiu de novo no proceso de transición poscolonial: Os hoteis prefabricados e os dous hoteis flotantes que se encontran ancorados na baía de Dili; as oficinas prefabricadas –a penas a 100 metros daqueles hoteis flotantes– por detrás do Palacio do Gobernador, actual UNTAET; os colectores que serven ás bases militares; o barrio prefabricado dos profesores portugueses, etc. A destrucción e a forma urbana provisional que xurdiu parece mesmo que se converteron nun padrón estético utilizado polos cafés e restaurantes de Dili, como o Queimada ou o Wayaco. En termos sociais podemos tamén ver a mesma liminaridade nas traxectorias de moitos timorenses, non recuperados aínda do pesado pasado colonial, agora perdido como sinal de identidade, e xa apremados para buscar novos vínculos e identidades. A xente nova desempregada e aculturada senta nas beiras dos paseos ou no muro da praia das palmeiras, como quen se instala na beira da illa ollando para o horizonte buscando un lugar naquela sociedade na que as competencias que adquiriran hai tan pouco (e tanto) tempo atrás non son xa as que a sociedade agora lles esixe. Por outro lado, aqueles que tiveron a posibilidade de conseguir un emprego, devecen por ir para o estranxeiro(7) –pragmaticamente para Australia, idealmente para Portugal– non soamente para obter un diploma ou un mellor emprego, senón para ter unha vida propia. A distancia séntese como boa conselleira e a fuga é, neste coma noutros casos, unha forma da procura de si mesmos. Estas poden ser a penas algunhas das explicacións posibles, dado que esta fuga-para-se-encontrar toma matices diferentes entre homes e mulleres; parece que os homes entenden a emancipación como maior autonomía económica e as mulleres como maior autonomía social. Ata familias establecidas con empregos dos que se poden sentir orgullosos falan con envexa da posición dos seus familiares no estranxeiro. En termos políticos, maniféstase en letras maiúsculas no centro da cidade, na sede da UNTAET (United Nations Transitorial Administration in East Timor), o estatuto transitorio de Timor. East Timor (non é para menosprezar o feito de ser en inglés) encóntrase entre o Timor Timur indonesio e o Timor LoroSae. Timor é, así, a terra do sol nacente á espera do amencer e, entre a noite e o día, podemos encontrar diferentes comunitas nun modo de vida expatriado que se deixa ler entre o aventureiro, o misioneiro e o mercenario. Para os continxentes militares Timor é, dunha forma bastante obvia, un local temporal e, para a gran maioría do persoal das Nacións Unidas, Timor non deixa de ser un paso nunha carreira que ten o seu ansiado cumio en Xenebra ou Nova York. E mesmo en canto ao persoal das ONGs, Timor é tamén a penas un momento nas súas carreiras e só algúns poucos poderán incluír o territorio verdadeiramente na historia da súa propia vida. De feito, a propia expatriación dos continxentes militarizados nacionais, da UN e das ONGs pode ser entendida en tantos casos como un proceso transitorio –desexado ou non– de marxinación, que a tensión entre separación e reincorporación destes crea unha illa de náufragos, semellante pero separada culturalmente da illa de náufragos timorenses que tamén viven naquela tensión. Por todo o que foi xa referido, Dili pode ser entendida como unha cidade-laboratorio na que se pode estudiar esta liminaridade espacial, económica, social, política e cultural e se pode acompañar esta pasaxe dun mundo colonial a un mundo poscolonial. En fin, Dili é a cidade escenario na que se pode investigar o limiar do poscolonialismo. O que se pretende propor neste texto é que tal estatuto de transición pode ser comprendido en función de fluxos de sentido e de fluxos de poboación que invaden a cultura cotiá da cidade e a confunden en continuos paradoxos de identidade. Unha persoa calquera, aínda que pase pouco tempo en Dili, encóntrase, dunha forma máis ou menos rápida, con este contexto de cruzamento de sentidos e de poboacións que se pode caracterizar, por exemplo a) na utilización de 3 moedas de uso cotián: o dólar americano (moeda oficial), o dólar australiano e a rupia indonesia; b) na alternancia cotiá de, polo menos, 4 linguas: o bahasa indonesio, o tetum, o inglés e o portugués. Esta polifonía tradúcese tamén nunha poligrafía, dado que existen 3 xornais a 4 voces: o Tais, o Timor Post e A Voz de Timor LoroSae; c) na presencia de, polo menos, 50 nacionalidades diferentes representadas en organizacións como ONU, CIVPOL, PKF, ONGs, etc; d) na existencia dunha pluralidade de grupos socioculturais distintos (evidentes, simbolicamente, no “Mercado de Tais”), debido ao éxodo para Dili, traducindo e resolvendo as súas diferencias no cotián urbano. O feito de que a simple vida cotiá nesta cidade implique un constante encontro de linguas, de moedas e de prácticas culturais locais e transnacionais provoca a sensación, e mesmo a reflexión, da posibilidade dun momento de confusión, de crise ou de transición, en fin, dun contexto de espera e de procura dunha estabilización e sedimentación da identidade. Está claro que aquí hai unha idea de identidade e de crise que pode en si mesma ser cuestionable e que se pretende cuestionar. ¿Por que ha de ser a identidade unha e simple e a crise ser plural e complexa? ¿Non se pode construír a identidade na diversidade complexa? Parece que esta problemática é, por acaso, central e volveremos a ela. Analizando, sen embargo, un pouco máis, pódese, nun primeiro momento, tentar caracterizar os diversos fluxos de poboación que se encontran en Dili e o papel que eses grupos desempeñan como determinantes contextuais desta panplanetaria capital poscolonial. Nun segundo momento pódense analizar máis pormenorizadamente os fluxos de sentido sustentados por aqueles fluxos de poboación e a forma na que eses fluxos funcionan como determinantes contextuais, condicionando toda a transición sociocultural en causa e a topoxénese urbana en particular.
Dili debe ser, actualmente, unha das cidades do mundo, senón é mesmo a cidade do mundo con máis variedade de nacionalidades por quilómetro cadrado. Como Dili non terá máis de 5 km2 para máis de 50 nacionalidades, temos unhas 10 nacionalidades por cada km2. Esta alta concentración de diferencias nun único punto fai natural que se produzan encontros híbridos e promove –especificamente nalgúns lugares en particular– o hibridismo como padrón cultural. Sen embargo, é necesario ollar máis alá deste aparente hibridismo e analizar esta concentración de diferencias para comprender a relación entre os fluxos de poboación e a topoxénese que se desenvolve desde hai un ano en Dili. A reconstrucción poscolonial en Timor pódese comprender en función de polo menos 5 fluxos de poboación que se (des)encontran na cidade, que teñen unha influencia activa na topoxénese de Dili e que poden ser comprendidos como un primeiro conxunto de determinantes contextuais da situación poscolonial na que se encontra o territorio:
Dediquémonos un pouco máis a analizar estes fluxos socioculturais para comprender como estructuran a vida en Dili. A UNTAET e os cuarteis xerais da CIVPOL e da PKF, as bases militares dos continxentes dos diversos países e as casas das ONGs, que xurdiron en Dili despois do 20 de setembro de 1999, son quizais os símbolos urbanos máis evidentes do movemento dos expatriados. Sen embargo, algúns hoteis –e, especificamente o Olimpia como unidade flotante de luxo– son tamén evidencias urbanas, non soamente da existencia dun gran número de estranxeiros na cidade, senón tamén sinais que dan pé á interpretación, creando perspectivas timorenses fronte ás posibles perspectivas dos estranxeiros con respecto á súa estadía no territorio. Ademais dos cumios político-administrativos e dos seus hoteis, así como das bases militares-residenciais e das casas das ONGs, a flota de todoterreos da UNTAET, militares e ONGs é bastante impactante, e tamén ten un importante papel como productora de espacio urbano nesta nova capital. En canto ao segundo fluxo social, o movemento dos empresarios, pode dicirse que no último ano xurdiron 10 novos hoteis, un de Singapur e outro de Tailandia (os flotantes), e os outros oito australianos. Ademais dos hoteis, xurdiron tamén máis de 50 novos restaurantes en Dili no último ano, algúns propiedade de australianos, outros de portugueses, pero a maioría son de timorenses e chineses-timorenses. Con respecto a este fluxo de empresarios é importante dicir que non se trata dun grupo homoxéneo. Historicamente, no tempo colonial portugués, eran os chineses e os chineses-timorenses os que dominaban o comercio e os transportes; os timorenses quedaban só co pequeno comercio –concretamente no mercado público–, e os portugueses dominaban a industria hoteleira. No tempo neocolonial indonesio, estes dominaban a industria hoteleira, os chineses-timorenses continuaban a dominar parte do comercio e dos transportes e os timorenses seguían co pequeno comercio. Agora, nun tempo chamado “poscolonial”, o padrón parece teimar en reproducirse: por un lado, as tendas dominadas por australianos e/ou chineses-timorenses e, por outro lado o comerciar-para-sobrevivir no mercado e en case todas as partes, en pequenas bancas, en barracóns e en bicicletas, onde só encontramos timorenses. Así, en termos económicos, a colonización está outra vez sobre o terreo, creando padróns de interacción por división étnica entre propietario/xerente vs empregado, ou clientes vs empregados, e onde o lugar dos timorenses é sempre o último. Nas grandes tendas, o malae (branco estranxeiro) continúa a dominar, a pesar de que se pode constatar a existencia dalgúns restaurantes de propietarios timorenses. O movemento dos timorenses retornados ou o movemento de contradiáspora ten importantes consecuencias, a pesar de non ser tan visible, polo menos por agora, a súa influencia na construcción espacial e social da cidade (aínda que haxa algúns empresarios da diáspora). Houbo diversas diásporas, en diferentes momentos e con diferentes destinos, polo que o movemento de contradiáspora é múltiple e tampouco se pode considerar un grupo homoxéneo. Hai polo menos tres importantes destinos a ter en conta que orixinaron movementos específicos de contradiáspora:
Probablemente, importantes loitas políticas –por exemplo en canto á moeda e á lingua oficiais do territorio– foron, son e serán trabadas tendo os diversos grupos contradiaspóricos como base social desas disputas. Así, a importancia destes grupos na comprensión da reconstrucción socioespacial da cidade de Dili, e mesmo do país, é crucial. Finalmente, no relativo ao cuarto fluxo de poboación, o éxodo das montañas para Dili, trátase, de feito, dun importante movemento social para a comprensión da topoxénese da cidade pos novembro de 1999. Moitos barrios que tiñan unha poboación totalmente constituída por indonesios –caso típico, por exemplo, dos barrios habitados por militares e dos barrios habitados por dirixentes políticos– foron completamente ocupados e a súa poboación foi substituída, ben por timorenses que xa vivían en Dili e que ocuparan estas casas en detrimento das súas casas máis modestas, ben pola poboación que baixou das montañas, os “irmáns das montañas” que viñeran para Dili cando a INTERFET entrou na cidade. Este fluxo de poboación tamén presenta matices que o diferencia internamente, e pódense amosar:
En canto aos outros, o último dos fluxos de poboación que se indica, non é de ningunha maneira fácil de situar, e tamén é relativamente polémico, probablemente, agrupar persoas tan diversas nun só grupo. Pero, de feito, o que é relevante é que Timor adquiriu unha certa mística que atrae aventureiros, utópicos, mercenarios e outros máis. O feito de ser unha illa e as súas fermosuras naturais, a opción polo capitalismo de transición sen control, a historia da loita deste pobo, serán algunhas das razóns que certamente motiven este fluxo de poboación específico. Todos estes fluxos de poboación crean, especificamente en Dili, o contexto eco-sociocultural que soporta o nacemento deste novo Estado que vai emerxer en 2001. Esta superposición de convivencia complexa feita de fluxos de poboación marxinais que aflúen ao centro do territorio, creando así unha centralidade de marxinalidades, é a base social dun cruce de perspectivas ou dunha superposición de fluxos de sentido que poden ser entendidos como un segundo grupo de determinantes contextuais, cruciais para comprender a complexa situación poscolonial na que se encontra o territorio.
Dili é unha cidade fragmentada, espello dunha sociedade tamén fragmentada. Esta fragmentación será, en gran parte, resultado da conxuntura de transición da cidade que a transformou nun escenario de mil bastidores, unha especie de teatro do mundo. É relativamente difícil situar todos os padróns de sentido que caracterizan as perspectivas, e as perspectivas fronte ás perspectivas que emerxen de cada un dos fluxos de poboación referidos e de cada subgrupo sociocultural que inclúen. Mais se cada fluxo e cada subgrupo que aquel inclúe pode constituír un padrón de perspectivas e de perspectivas fronte ás perspectivas, creando así un universo de sentido completamente fragmentado, tamén é verdade que a cidade, en canto sistema social, posibilita unha serie de contextos de situación e de organización de interacción daqueles grupos e fluxos que propician escenarios de actuación conxunta, nos cales emerxen as diferencias e os diferendos, as convivencias e as conivencias e formas particulares. Trátase, evidentemente, dun traballo que hai que facer, pero que aquí queremos deseñar, tentando caracterizar as liñas de división que atravesan e fragmentan a sociedade timorense e, en particular, a cidade de Dili. Son varios determinantes contextuais xerais e só a súa localización posibilita que se comprendan os contextos de interacción de situación e contextual específicos. 1. Un determinante étnico que se sustenta na diferencia pragmática entre “irmáns”, “mestizos” e “malae” (branco estranxeiro). “Irmáns”, “mestizos” e “malae” é unha división étnica da sociedade timorense –con máis visibilidade nun medio urbano como Dili– na que se establece a división entre o mesmo e o outro, e créanse zonas de ambivalencia e de hibridismo como a do mestizo, particularmente do mestizo de portugués, entre o “irmán” e o “malae”. Está claro que estas ambivalencias tórnanse máis complexas, ou máis visiblemente complexas, en situación poscolonial, e toman formas específicas segundo os contextos de interacción, de situación e de organización. 2. Un determinante ecolóxico-cultural que se fai evidente na cohabitación de poboacións da montaña e poboacións da cidade. A cidade (“sidade” ou tradicionalmente “kota”, ou sexa, fortaleza) non se opón ao campo, senón á montaña (“foho”). Esta distinción sobreponse, en parte, a outra construída en tempo de contestación colonial e neocolonial: a que diferencia o “timorense” (o integrado) do “maubere” (o resistente); o “milicia” do “camarada” ou “irmán” (resistencia do CNRT). Por fin, pódese aínda superpoñer a efémera presencia internacional (recintos cerrados con entrada levadiza e seguridade que impide o libre tránsito) e as fraxilidades tendencialmente permanentes das casas autoreconstruídas nun crebacabezas de materiais varios. Dili xunta, así, casas de palmeira a casas de area, e a destrucción leva a reconstruccións híbridas, pegadas aos recintos; mentres que a distinción entre “maubere” e “timorense”, “camarada” e “milicia” (“tamén son nosos irmáns”, din algúns) parece dar tamén orixe a novas construccións de identidade. 3. Un determinante xeracional, visible no conflicto de xeracións, superposto ao conflicto entre modelos culturais e coloniais distintos. Fillos dunha cultura aportuguesada, que se reflicte nos pais, víronse sometidos a unha indonesización escolar forzada e agora teñen alegremente que se anglofonizar se queren encontrar traballo. É a xeración Tim-Tim(9), que inclúe aqueles que teñen ata 30 anos, e que están entre: entre territorios; entre linguas; entre xeracións e entre modelos coloniais. Superpóñense tres modelos e tórnanse, de repente, todos presentes nesta fase de transición: o modelo colonial portugués; o modelo neocolonial indonesio e o modelo poscolonial cunha forte vertente anglófona. Os tres modelos xúntanse de formas diversas creando múltiples identidades híbridas e algunhas destas construccións de identidade serán, sen dúbida, pola negativa. 4. Un determinante étnico-económico construído na diferenciación cotiá de recursos e oportunidades entre timorenses e estranxeiros. Esta división é nítida e vai a máis, alimentada, ben polas elites que devecen por unha timorización acelerada e culpan aos estranxeiros dos males que asolan o territorio e a cidade (prostitución, sida...), ben polo pobo que ve as súas condicións de vida sen evolución visible. Esta dicotomía entre timorenses e estranxeiros só emerxe como tal en situacións moi específicas, pois a situación cotiá é máis complexa. Por un lado, os timorenses distínguense entre si territorial, cultural e politicamente; por outro, os estranxeiros distínguense por nacionalidades (especificamente portugueses vs australianos) e tamén os varios contextos organizativo-profesionais (UN, UNTAET, ONGs) se distinguen polas diferencias na estructura e o ambiente de traballo, así como nas remuneracións. 5. Un determinante étnico-sociolinguístico que atravesa toda a sociedade cidadá, tornándoa un mosaico entre o tétum, o manbai, o fataluku, o inglés, o portugués e o bahasa indonesio. Os retornados e os refuxiados crean en Dili un caldo de culturas que nunha curta visita á cidade pode pasar inadvertido, mais que, algún tempo despois, é evidente. Quedar na cidade ou ir para a montaña; quedar en Timor ou ir para o estranxeiro creou diferencias evidentes e esas diferencias son maiores aínda entre a primeira e a segunda xeración. Superponse a estas divisións un coñecemento político que divide o territorio en zonas pro-Indonesia e zonas de resistencia, asimilando tamén a diáspora a unha comodidade e a contra-diáspora un oportunismo, con respecto aos que quedaron e se enfrontaron ao sacrificio de resistir. Diferentes linguas, diferentes modos de pensar e diferentes modos de actuar, relativamente difíciles de situar, pero activos nas novas construccións de identidade. 6. Un determinante sociopolítico pola existencia práctica de modelos poscoloniais alternativos e categorizable pola confrontación entre australianos e portugueses. De feito, das cerca de 50 nacionalidades estranxeiras no territorio, é entre australianos e portugueses onde se evidencia unha competición en termos de intervención, especificamente en Dili. O pragmatismo capitalista, o nacionalismo aguerrido e étnico e o protestantismo duns oponse ao idealismo de simbolización cultural, ao nacionalismo fráxil e ao catolicismo dos outros. A moeda que máis circula é o dólar australiano, a pesar de que a moeda oficial é o dólar americano; apréndese inglés e en encontros mixtos fálase inglés, a pesar de que a lingua oficial para o CNRT é o portugués e... sen embargo, hai unha maneira de ser, de sentir e de estar co outro que ten moito de portugués e que é relativamente incomprensible para moitos australianos. 7. Un determinante administrativo pola existencia dunha pluralidade de modelos administrativos superpostos, implicando diferentes xerarquías, por veces contradictorias entre si. Pódese enumerar o modelo de administración tradicional; o modelo de administración colonial portugués; o modelo de administración neocolonial indonesio; o modelo administrativo do CNRT na clandestinidade e, finalmente, o modelo de administración da UNTAET. Por ningún anular completamente o anterior e permanecer elementos de todos eles, polo menos nesta fase de transición, vívese nunha especie de limbo administrativo poscolonial no que á pluralidade de modelos se suma unha débil interrelación entre o poder de dereito e o poder de feito, en función tamén doutras divisións (como a que opón timorenses a estranxeiros) xa evidenciadas. Estes fluxos de sentidos e de poboacións proporcionando un deseño contextual complexo que aquí se debuxou leva a que Timor, e a cidade de Dili en particular, sexa o escenario dunha fragmentación e dun hibridismo, froito dunha complexa serie de encontros situacionais e organizacionais na que se xogan e negocian constantemente diferencias e diferendos, convivencias e conveniencias. Aínda que non se pretenda neste texto esbozar ningún deses encontros situacionais e organizacionais, que serán obxecto de estudios particulares, pódense avanzar algunhas perspectivas xerais e provisionais respecto aos encontros e confrontacións culturais que se deixan ler na cidade de Dili.
Dili é unha cidade na que se sente unha marxinalidade difusa e latente que ensombrece constantemente unha coexistencia fráxil. O encontro na rúa, por exemplo, é ambiguo: unhas veces é indiferente e outras é celebrado cun “bos días” ou “boas tardes”, nunha mestura complexa entre consciencia da diferencia ou da similitude; respecto e temor colonial; marca de distancia e tentativa de comunicación... Hai a sensación de que se vive un momento crucial e ao mesmo tempo provisional no que todo pode ser relevante, pero non se sabe de feito o que vai ser determinante. O porvir e o destino de cada un está en suspenso; todos se volven investigadores do momento na ansia de adiviñar a súa importancia e a todos lles gustaría estar do outro lado daquel tempo de limbo que facilmente se metamorfosea no estar máis alá daquel espacio de illa e da situación de illados. En fin, dunha forma breve e, evidentemente provisional e parcial, tal como provisional e parcial é a vida en Dili nestes momentos, podo dicir que os (des)encontros cidadáns me xurdiron en función dunha fragmentación e hibridismos cidadáns que toman características, polo menos ás veces, dun certo apartheid sociocultural ou un sutil racismo e de dominación e dependencia socioeconómica e política. 1. Fragmentación e hibridismo cidadán: 50 nacionalidades diferentes nunha cidade de 5 km2 crean, evidentemente, o ambiente propicio para o hibridismo espacial. Sen embargo sería de esperar máis, pois é moito máis fácil ver a un timorense a pé que a un estranxeiro, e o hibridismo é máis visible entre as diversas nacionalidades de estranxeiros ca entre timorenses e estranxeiros. Os locais de traballo e de lecer son, ata certo punto, lugares de hibridismo, pero dunha forma non igualitaria: os timorenses están case sempre, se non sempre, en lugares de subordinación. 2. Apartheid sociocultural ou un sutil racismo: a separación entre traballo e lecer é bastante obvia. Nun contexto de traballo, timorenses e estranxeiros están xuntos, aínda que en situacións xerárquicas diferentes; en contexto de lecer, a un posible hibridismo espacial superponse un máis obvio distanciamento sociocultural. 3. Dominación e dependencia socioeconómico e política: os timorenses teñen soamente lugares de subordinación económico-política, creándose padróns de interacción de propietario/xestor vs empregado/cliente e entre quen ten poder de gobernar e quen é gobernado. Estas son só algunhas das pistas de investigación que propiciou a primeira estadía no terreo. Os futuros estudios de caso (a ONG Médicos do Mundo Portugal; a campaña electoral e as eleccións; unha familia timorense...) servirán, certamente, para especificar este contexto e mesmo, estou seguro, reencadralo.
Paulo Castro Seixas. Universidade Fernando Pessoa/Médicos do Mundo-Portugal (Investigación apoiada pola Fundação para a Ciência e a Tecnologia). |
|
|
| Notas (1) Edward Soja en Geografias Pós-Modernas. A Reafirmação do Espaço na Teoria Social Crítica, Jorge Zahar Ed., Rio de Janeiro, 1993 (1989) utilizou esta expresión para Los Angeles (pgs 231) mais o que me parece relevante é que con esa frase chamou a atención cara a un urbanismo que se fragmenta internamente e que é, ao mesmo tempo, transnacional, en canto reflicte e é reflectido noutros espacios. (2) A noción de liminaridade, nunha tradición que vai de Gennep, Junod e Turner, é aplicada aquí. Ao ser a miña intención aplicar o concepto de liminaridade para comprender a actual situación de Timor e, en particular, de Dili (aínda que xa a tiña utilizado no texto no site www.medicosdomundo.pt), a verdade é que a lectura do artigo de João de Pina Cabral: "A Difusão do Limiar: Margens, Hegemonias e Contradições", Análise Social, nº 153, vol XXXIV, Primavera de 2000, 865-892 pxs e, especificamente, o seu concepto de centralidade de marxinalidades, en canto unha difusión das marxes tornou máis coherente a procura pola comprensión do que está a acontecer no contexto cidadán de Dili, no que este concepto parece encontrar un adecuado laboratorio. Tal vez o uso dese concepto neste artigo levase a unha case completa relativización da centralidade estructural, debe considerarse ese escurecemento como unha opción do artigo para caracterizar a fragmentación existente, e non como unha completa acefalia territorial da cidade. A fragmentación parécenos máis importante cá estructuración central, mentres que a relación complexa entre poderes e saberes fragmentados e poderes e saberes centrais é unha problemática que deixaremos para outro texto. (3) Véxase, sobre esta centralidade, o texto de Miguel Vale de Almeida: Um Mar da Cor da Terra. Raça, Cultura e Política da identidade, Celta Ed., Oeiras, 2000, concretamente o capítulo 5: "O Epílogo do Império. Timor-Leste e a Catarse Pós-Colonial Portuguesa", pxs 205-225. (4) Véxase a este propósito o artigo de George Aditjondro: "From Colony to Global Prize - Timor Loro Sa'e under a wave of economic transformation", Arena Magazine, 47 June-July 2000, 22-32 pxs. (5) Véxase sobre esta viraxe, o nº 20 da revista Política Internacional, nº 20, vol 3, Outono-Inverno de 1999, onde se inclúe un dosier específico sobre "As crises do Kosovo e Timor", concretamente o artigo de Teresa de Sousa: "Kosovo, Timor e Direito de Ingerência Hunhanitária" (pxs 9-15); o artigo de Miguel Galvão Teles: "As Nações Unidas e a Questão de Timor-Leste" ( pxs 177-191) e o artigo de John G. Taylor: "A Indonésia e a Transição para a Independência em Timor-Leste" (pxs 193-225). (6) A noción de pos-colonialismo non é entendida aquí cunha significación cronolóxica, ou sexa, dunha situación socio-política que sucede á colonial, senón como un contexto de derrubamento da dicotomía simple Eu - Outro que acompañou todo o pensamento científico desde as súas orixes e o derrubamento na produción da mesmidade pola modernidade artística, política e antropolóxica. Así, o contexto pos-colonial é aquel no que a Diferencia é deseñada e practicada e na que se produce un derrubamento da tradición do colonizado e un derrubamento da tradición do colonizador a través de traducións múltiples, ou sexa en que hai unha confuxión de xéneros creando fragmentacións e hibridacións impuras ao mesmo tempo que pode haber momentos de lucidez transxenérica, aínda que parcial, que este texto procura deseñar. Véxase, a este propósito, para unha comprensión sintética do que se procura expresar, Cláudia Álvares: "Teoria Pós-Colonial, Unha Abordagem Sintética", Revista de Comunicação e Linguagens - Tendências da Cultura Contemporânea, nº 28, outubro de 2000. pxs 221-233. (7) Esta ansia pode ser comprendida dunha forma simple como a que motiva calquera emigrante en busca dunha vida mellor. Podemos tamén dicir que a situación de illado é máis propicia a crear a necesidade de partir. Sen embargo, no caso da transición pos-colonial de Timor esta ansia pode ser comprendida, ademais de outras cousas, polo feito de que moitos timorenses se senten estranxeiros na súa propia terra e só verdadeiramente timorenses cando están no estranxeiro. A transición pos-colonial ten implícita esa carga de marxinación fronte á identidade, de desculturación que fai ansiar o estranxeiramento como marxinación fronte á marxinación que posibilita a preservación da identidade. (8) A noción de fragmentación e, especificamente, fragmentación urbana ten xa unha historia que, cunha tradición nas teorías do conflicto e en Marx, pasa por Manuel Castells, por Edward Soja, por David Harvey e Peter Marcuse para enumerar só algúns. Tamén a noción de hibridismo ten xa unha historia que vai da botánica a unha determinada antropoloxía, dende a cuestión da raza ata ao seu uso linguístico-político de Bakhtin e aos estudios culturais pos-coloniais de Bhabha na relación interdependente e ambigua entre colonizador e colonizado. Esta noción de hibridismo non pode servir para ocultar as relacións de poder que se xogan cando tradicións diferentes se destrúen e se mesturan. As notas finais deste artigo evidencian que non hai esa inxenuidade, sen embargo, a localización dos saberes e poderes que se xogan na relación entre tradicións só pode ser adecuadamente feita en función dunha análise dos contextos situacionais e organizacionais específicos, e non era ese o obxectivo do presente artigo. Para a discusión da cuestión do hibridismo en textos portugueses véxase António Pinto Ribeiro: "Caliban 2000" (pgs 235-246) e Margarida Carvallo: "Híbridos Culturais: Impurezas e Devires. Análise do Conceito de Híbrido como representação da alteridade cultural" (pxs 247-270), ambos en Revista de Comunicação e Linguagens - Tendências da Cultura Contemporânea, nº 28, outubro de 2000. Véxase tamén o capítulo 6 "Um Marinheiro num Mar Pós-Colonial" na obra de Miguel Vale de Almeida: Um Mar da Cor da Terra. Raça, Cultura e Política da identidade, Celta Ed., Oeiras, 2000. (9) Chámolle xeración Tim-Tim porque naceron nun Timor-Timur, que era como se chamaba esta 27 provincia indonesia. Por outro lado, Tim-Tim é unha boa onomatopeia de badalo, e esa é unha boa metáfora para a curta vida destes individuos. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/04/2001
|