| Tempo Exterior nº 2 segunda época - xaneiro/xuño 2001 Resume - Resumen - Abstract |
| China, a OMC e o relevo no PCCh |
|
Enrui Yang |
|
A China é un país que experimentou mudanzas vertixinosas coa reforma económica aplicada nos últimos lustros. O seu próximo acceso á OMC (Organización Mundial do Comercio) e o previsto relevo dos máximos mandatarios do Partido e do Estado, concentran a atención de investigadores e medios de comunicación porque ambos os dous acontecementos revisten unha enorme importancia para calibrar as grandes liñas dos compromisos que poden callar na cúpula dirixente chinesa para solucionar os urxentes problemas que a arrodean. A China está atravesando un momento da reforma particularmente delicado. En vinte anos configurouse unha sociedade na que procede advertir unha simbiose de capitalismo primario en pleno despegue e o tradicional centralismo oriental; simbiose tamén na que coexisten unha riqueza material de proporcións ata agora descoñecidas e perigosas lacras sociais, nunca detectadas en sociedades dominadas polo discurso comunista. A corrupción e as inxustizas non son os efectos lóxicos e inevitables da abundancia material. Se bastante estraña foi a imposición dunha explotación capitalista ou precapitalista nun territorio onde legalmente non está permitida a propiedade privada, moi natural tivo que resultar unha proliferación espantosa de tratos ocultos entre o poder e o diñeiro como medio máis eficaz para salvar os obstáculos e acadar fins lucrativos. Despois de máis de 10 anos de meditación e debate interno, a dirixencia chinesa con Jiang Zemin á cabeza parece seguir sen definir cómo saír do paso e que rumbo tomar. É tanta a diferencia que existe entre as interpretacións oficiais das autoridades e as críticas extraoficiais sobre o que está pasando na China, que conviría facerse unha idea de conxunto analizando algúns temas que inciden directamente no presente e no futuro do país.
Se Deng Xiaoping foi todo un valente ao emprender hai vinte anos un camiño estraño ao marxismo ortodoxo para desembarazarse dos danos económicos dos anos de Mao Zedong, non o foi menos Zhu Rongji, o actual primeiro ministro chinés, que co seu plan de “aterraxe branda” trunfou con brillante éxito a principios dos 90 corrixindo a elevada inflación monetaria e asentando unha boa base para un prometedor desenvolvemento ulterior. Segundo se estima, a economía chinesa seguirá crecendo a un ritmo estable, moi próximo ao 8 por cento anual rexistrado nos últimos cinco anos. Fontes oficiais anunciaron, non sen alegría, que no ano 2000, a China conta xa cun PIB superior a un billón de dólares americanos e posúe unha reserva en divisas de 158.000 millóns de dólares, sendo respectivamente o sétimo e o segundo país a nivel mundial. A China é, hoxe por hoxe, toda unha potencia económica que rexurde en Oriente a toda velocidade. Como en moitos outros lugares, na China tamén deu froitos moi positivos a introducción do mercado na economía, aínda que sempre se contemplou como unha medida especial do Estado ou literalmente incitada, máis que unha resposta xeral a todas as demandas que puideran xurdir no terreo económico. Non faltan iniciativas para arrebolarse na competencia no mercado, pero subsisten as dificultades e restriccións. É obrigatorio tramitar ducias de autorizacións. Chegouse a comprender que nada mellor que o suborno e/ou a influencia para lograr o efecto desexado. Por iso, a prosperidade vén acompañada dunha espectacular corrupción, tan estendida na vida nacional que case é imposible facer nada sen o cambio da prevaricación, sen o recurso ao diñeiro negro. Autorizadas, as explotacións, por perversas que sexan, poden facer entón o seu agosto libres de riscos. Na China son segredos a voces a protección de prostíbulos ilegais pola policía e o uso de vehículos militares para o contrabando. O uso do poder, fonte real de todo tipo de autorizacións, resultou ser a mercadoría máis revalorizada nas operacións comerciais. E os que exercen facultades de poder lúcranse máis de présa ca ninguén axudando a outros a beneficiarse. Nos últimos anos, en repetidos informes sobre a transparencia administrativa elaborados por ONGs ou centros de investigación do exterior, a China sempre figura entre os Estados máis corruptos. Como reacción extravagante a unha esaxerada austeridade xeral que predominaba no país ata hai pouco tempo, espertou unha cobiza dificilmente reprimible entre os funcionarios, que están acostumados a ser sempre o sector máis favorecido na sociedade. O suborno moitas veces leva aparellado regalos de bonos ou accións, coches, vivendas, viaxes ao exterior e ata o servicio sexual. As perdas ocasionadas ao Estado pola corrupción superan os 80.000 millóns de dólares anuais, é dicir, nada menos que un 8% do PIB. Para manter os seus negocios, os titulares teñen que destinar, segundo estudiosos interesados no tema, como termo medio, un 70% do beneficio a sufragar continuos subornos. Esta afirmación ratifica amplamente a declaración que realizou en Canadá o empresario Lai Changxing, protagonista do escándalo de contrabando máis famoso que se deu na China e criminal buscado baixo orde de arresto, ao afirmar que usou un 80% de todo o que gañaba para alimentar aos “amigos” no goberno e nas forzas armadas que lle axudaban a evadir da China en concepto de aranceis un importe superior a 3.000 millóns de dólares. Fontes oficiais informan que máis do 60% dos dirixentes subornados de distinto nivel teñen concubinas clandestinas e o 95% dos funcionarios corruptos manteñen relacións amorosas extramatrimoniais. Recibe subornos unha maioría considerable dos que exercen oficios públicos vendibles. Están á venda case todas as autorizacións: cotas de exportación, licencias de importación, o uso da terra, concesión de préstamos bancarios, permiso de actividade económica, venda no mercado, apertura de negocios, exención de obrigas, preferencias tributarias, ata permisos de subministro de electricidade ou acometida de auga potable... En fin, teoricamente o Estado monopoliza todo canto está relacionado cos seus ámbitos competenciais pero, en realidade os seus axentes estanos baleirando ao por menor e no seu propio beneficio. Ademais da venda de favores, moitos funcionarios lúcranse explotando directamente diversos negocios. Unha boa parte dos novos magnates son antigos responsables de organismos estatais ou familiares de xefes actuais. Ninguén mellor ca eles sabe exercer e/ou aproveitar todo tipo de influencias. Enquisas realizadas na China amosaron que para moitos cidadáns a corrupción é agora o mal que está causando os máis graves estragos ao país no seu incipiente desenvolvemento económico. O avance na senda da economía de mercado está a resultar custosísimo. Da gravidade da actual situación, semellan ser conscientes as autoridades chinesas que xa decidiron prohibir categoricamente toda actividade económica ás forzas armadas, moi involucradas no contrabando e noutras actividades ilegais. Adoptaron medidas punitivas contra 130.000 funcionarios corruptos no ano 2000, incluída a execución de altos cargos, e están aplicando ou estudiando medidas anticorrupción como a declaración obrigatoria de propiedades persoais para os altos funcionarios. A ameaza de castigo e a súa aplicación rigorosa pretende apoucar esa ampla lexión de corruptos en acción. Ademais, a relación entre o poder político e os intereses económicos é recente, data na China de a penas dúas décadas, e non conta con axuda en toda a estructura estatal. Trátase por iso, dun caso menos difícil de enfrontar que en certos países en vías de desenvolvemento. Sen embargo, a loita anticorrupción a penas está empezando. Ás medidas punitivas deberán seguir outras máis eficaces para combatela ao marxe da loita polo poder. Esta lamentablemente está influíndo de forma negativa, de aí que as sancións xurídicas que se aplican aos corruptos soamente caeron enriba daqueles desgraciados que contan con pouco apoio na cúpula, mentres os outros, nun número moito maior, seguen impunes ou pouco afectados.
A dirección colectiva da actual Administración chinesa comezou a tomar as rendas en medio da incerteza e a inestabilidade posteriores aos tráxicos sucesos de Tiananmen de 1989. O seu lema imperturbable, “a estabilidade por riba de todo”, chocaba cun agresivo avance do capitalismo, consecuencia do chamado reimpulso da apertura escenificado en 1992 polo entón líder Deng Xiaoping, e cun recrudecemento inesperado das inxustizas sociais orixinadas literalmente pola incoherencia das funcións institucionais. A cúpula dirixente tivo que seguir a estratexia de Deng no desenvolvemento económico e ao mesmo tempo velar quizais máis de perto pola “estabilidade”, mesmo chegado ao caso sen preocuparse de bater marcas na historia moderna da China respecto do uso de medios policiais para reprimir o descontento popular. Á gran inxustiza que supón manter dende hai medio século fóra de todo benestar social aos campesiños que constitúen a inmensa maioría da poboación, sumáronse agora outras novas formas e manifestacións que fundamentalmente xorden como consecuencia da bipolarización económica na sociedade. Foi intenso e moi rápido o proceso de concentración da riqueza en mans dunha pequena minoría adiñeirada estreitamente relacionada co poder, e composta en boa medida polo colectivo de funcionarios públicos que representan o sector social máis potentado na sociedade chinesa. Segundo estatísticas publicadas en 1998 nun estudio de tendencia liberal, un 7% das familias apropiouse de máis dun 30% da riqueza nacional, un 20% de habitantes controla un 80% do consumo e un 20% dos depósitos bancarios de todo o país corresponde a penas ao 1,3% da poboación. Un economista partidario da planificación económica, tamén se queixou abertamente, con ocasión da reunión anual de 2000 do Comité Permanente do Parlamento, de que os capitais se distribúan na actualidade principalmente en negocios bolsistas, e que como resultado diso, mil magnates posúan unha fortuna superior a 120.000 millóns de dólares. ¡Unha fortuna superior a un 10% do PIB de 1.250 millóns de habitantes en mans dun grupo de mil persoas! Os 50 chinos máis ricos ultimamente nomeados na prestixiosa revista norteamericana Forbes teñen en conxunto unha fortuna de 10.000 millóns de dólares. Fronte a esa explosión de riqueza, o empobrecemento de amplos sectores sociais está chegando ata niveis alarmantes. A pesar de certas melloras materiais experimentadas nos últimos 15 anos, sobre todo no litoral, os colectivos asalariados e os campesiños, na súa inmensa maioría, non saíron de apuros económicos. Deben destinar a maior parte dos ingresos á alimentación e constitúe un pesadelo pagar o estudio dos fillos ou a asistencia médica se algún familiar enferma. Moita peor sorte teñen os desempregados, cifra que oficialmente ascende a 16 millóns de traballadores no ano 2000. Pero segundo estimacións máis obxectivas, a cantidade de desempregados pode superar os 20 millóns na actualidade e calcúlase que debe chegar ata os 35 millóns co acceso á OMC. Non é nada mellor a situación dos campesiños sen traballo, aproximadamente 80 millóns de emigrantes de procedencia rural que andan errantes polas cidades en busca de oportunidades. Ao xuízo de certos especialistas, o desemprego en aumento podería chegar a ser máis explosivo que a corrupción. A metade dos cidadáns chineses viven en pésimas condicións, consumindo per cápita menos de dous dólares diarios. Rexistráronse máis de 8.000 manifestacións locais reivindicativas soamente nun mes a finais de 2000. A causa da pobreza e outras inxustizas sociais, producíronse en 1999 máis de 750.000 casos de suicidio, un 43,5% do total en todo o mundo. Saíndo do empobrecemento xeral ocasionado polo igualitarismo, a sociedade chinesa padece serios problemas provocados por unha crúa redistribución dos bens. Son impresionantes tanto as inxustizas como as respostas que provocan, dende a devoción relixiosa ata a violencia. Unha vida acomodada, tal como propugnan as autoridades para o pobo, queda aínda bastante afastada para moitos chineses. Consciente de que se está desgastando cada vez máis esa precaria estabilidade que resiste a duras penas botando man do autoritarismo, o goberno chinés amosouse interesado en promover e asentar unha rede nacional de seguridade social como medida paliativa fronte ás inxustizas sociais. Un mal menor, se non se acomete, baixo outras premisas, unha auténtica reforma social.
O centralismo chinés, famoso pola súa eficacia, unido á intervención dos primeiros investimentos non estatais que proviñan fundamentalmente de Hongkong e Taiwán, deixaron un recordo indeleble da viraxe que se produciu na historia económica contemporánea. A libre actuación do capital procedente do exterior repercutía favorablemente na China nun momento en que buscaba ansiosamente saídas para a súa precaria economía. Gracias ao positivo efecto dos investimentos do exterior, a apertura económica de Deng Xiaoping, primeiro en catro zonas especiais, puido estenderse en breve a catorce provincias do litoral. Trunfos sucesivos das novas explotacións desenvolvidas con capital importado converteron a China no centro máis importante para os investimentos en Asia a partir de mediados dos 90, e no próximo filón máis rendible para os sagaces investidores dos diversos países, que non paran de achegarse a China en busca de contactos. España está participando nese desenvolvemento da economía chinesa e a súa presencia será maior. No verán de 2000, un numeroso grupo de importantes empresarios acompañou ao presidente do Goberno José María Aznar na súa viaxe a China para un cume dos dous gobernos. Ata o 2000, a China leva absorbidos 632.300 millóns de dólares por contratos de investimentos, dos que 320.600 millóns foron realmente aproveitados. É agora o segundo país a nivel mundial pola contía asimilada. A nivel rexional, a China beneficiouse en 1999 dun 70% de investimentos estranxeiros en Asia, en lugar daquel 18% dos primeiros anos da década dos 90. Como resultado diso, funcionan na China 349.500 empresas de capitais procedentes de máis de 180 países ou rexións, que, como provedoras máis importantes que as estatais, abastecen un 48,4% da exportación chinesa, nun valor de case 200.000 millóns de dólares, en 2000. Non obstante, con apertura e todo, os investimentos procedentes do exterior non fixeron outra cousa que dar un novo impulso á industrialización en marcha, algo que é favorable para a modernización da China que necesita e necesitará máis apoio económico para superar definitivamente o atraso e a pobreza que pode aínda observarse na inmensa maior parte da súa xeografía. Trátase dunha necesidade enorme que non chegará a cubrir sequera o máximo volume posible de investimentos presentes e futuros, a pesar de que se prevén para China nos próximos anos importantes cambios tanto na estructura como no volume dos investimentos: o predominio de capitais de Hongkong e Taiwán (máis dun 75% ata hoxe) dará paso a unha procedencia múltiple dos fondos e, segundo un informe da ONU, chegará a China, como mínimo, máis do dobre das inversións actuais a consecuencia do seu acceso á OMC. As explotacións non estatais foron na China moi activas fronte ás empresas estatais que apoiadas polas autoridades languidecen na incompetencia. Van protagonizando máis e máis actividades económicas dentro e fóra do país. Nese empeño participan por suposto capitais do exterior e, de feito, tamén iniciativas nativas do territorio chinés. Non son casos illados as empresas rexistradas como de capital estranxeiro que funcionan total ou parcialmente con capital nativo. A man de obra barata e a preferencia tributaria para os investimentos do exterior ou, no seu día, para empresas rurais, interesaron tamén á xente nativa adiñeirada que segundo a lexislación vixente non goza de facilidades iguais para investir. Nesas circunstancias fondos caudalosos procedentes fundamentalmente da cidade lograban, mediante tratos ocultos, infiltrarse en empresas rurais ou en empresas teoricamente de capital exterior. Ademais, moitas sociedades de bens adscritas a organismos estatais son literalmente empresas privadas de cabo a rabo excepto pola denominación que lles serve como camuflaxe. En contraste co gran afán que as autoridades chinesas veñen amosando para aproximarse aos poderosos intereses económicos gobernamentais e/ou privados do Occidente e incorporarse á OMC, algo que lle pode facer ben a China e ao resto do mundo, non existen ata o momento novas disposicións legais de signo aperturista encamiñadas a abordar a cuestión da propiedade privada, que segue sendo un gran tabú ideolóxico. De sacudir ese tabú, a China podería orientar en beneficio da economía importantes recursos territoriais: todo o que agora se destina ao suborno, ou sexa unha gran parte dos beneficios das explotacións non estatais; o que se deduce dos depósitos bancarios aos que xa lle falta pouco para igualarse ao volume do PIB; todo o que se evade ao exterior, unha contía estimada nos últimos anos de proporcións equiparables á recepción nacional de investimentos do exterior (China é agora o cuarto país do mundo en fuga de capitais). A acumulación primitiva de capital acaba de cumprirse na bipolarización dos bens, sexa sospeitosa ou xustificada a súa procedencia. As posibilidades económicas potenciais das fontes non estatais terán o seu perfil completo cando acaden un nivel de poder máis importante que o do Estado ou o dos investimentos do exterior. Non é posible a demora á hora de canalizar por vías legais este enorme poder económico e posicionalo no lugar que lle corresponde no novo mosaico da economía de cara a afondar na modernización. A privatización ampliarase inevitablemente na China. Pero dada a bipolarización actual da propiedade, unha privatización precipitada resultaría contraproducente e perigosa se non se habilitan mecanismos estatais e sociais capaces de frear e de evitar fraudes e de defender do seu impacto aos sectores desfavorecidos da sociedade. Isto é algo que, probablemente, preocupa ás autoridades chinesas, ademais do tabú ideolóxico e un posible detrimento do seu habitual control total. Acelerar a modernización na China, tarefa reiterada por Jiang Zemin para o novo século, supón idear novos conceptos e tomar medidas imperiosas que permitan facer realidade pouco a pouco ese horizonte de prosperidade que acaba de asomar na economía chinesa.
A etapa decisiva das negociacións para o acceso da China á Organización Mundial do Comercio coincidiu coa exacerbación das prácticas corruptas no país. As autoridades tiñan enfronte dúas opcións para acometer unha decisión inaprazable: seguir adiante co goberno viciado pola burocracia e a corrupción ou introducir un novo criterio de administración digno e esperanzador para ambicionar seriamente unha pronta modernización. A primeira entorpecería indubidablemente o proceso de apertura, e a segunda suporía unha renovación algo profunda do goberno no seu concepto e comportamento. Despois dun largo curso de valoración no que non faltaron duras confrontacións, as autoridades chinesas puxeron punto final ao debate en novembro de 2000 cunha decisión sensata e valente, decisión que acredita o vivo interese da dirixencia por facer uso dos dereitos e deberes de país membro da OMC en beneficio da modernización, e para basear a futura gobernabilidade do país en éxitos económicos reais. A decisión foi adoptada con base na experiencia e na necesidade. A dirixencia chinesa é moi consciente de que trunfando na economía pode pasar por riba das adversidades políticas que constantemente xurdiron no pasado, e que esta experiencia podería valerlles para defenderse de novos infortunios. Agora con máis razón, Jiang Zemin deberá aparecer como promotor do acceso á OMC a fin de reforzar o seu peso político e a súa lexitimidade, cuestionada, aínda que o seu non é o caso máis grave, a consecuencia da implicación nos sucesos de 1989, tal como revelaron, entre outros detalles secretos, os Papeis de Tiananmen, de recente publicación. Neste sentido, o proceso chinés cara á integración económica mundial está gañando terreo, e quedará pouco espacio para novas vacilacións, se ben segue animado o debate entre o si e o non sobre o acceso á OMC. Como beneficiaria do PNTR (Permanent Normal Trade Relations) norteamericano e das vantaxes da OMC, a China ten agora como tarefa primordial e urxente o redefinirse no sentido legal, a fin de pór en marcha novos instrumentos lexislativos para erradicar moitos esquemas e prácticas incompatibles coa normativa da OMC, e permitir unha participación moito máis activa e ampla de todos os factores, do exterior e do interior, interesados en desenvolver actividades comerciais na China. Noutras palabras, soamente adoptando novos mecanismos e outro estilo, a China se abrirá paso avanzando como un verdadeiro estado de dereito. A igualdade de oportunidades e a imparcialidade que deben imperar no terreo económico, axudarían decisivamente a evitar ou diminuír abusos administrativos e as posibilidades de corrupción. Ogallá o acceso á OMC consiga proxectarse máis e máis na economía e máis alá dela e chegue a confirmarse como a chave que permita librarse ao conxunto da sociedade chinesa de tantas trabas e incomodidades no seu camiño modernizador. Por outra banda, cómpre non perder de vista outra realidade: a disposición para integrarse no marco da OMC non supón unha viraxe política a cambio dun logro económico, nin implica caste ningunha de entreguismo a intereses estranxeiros. De momento non é máis que un avance na consideración pragmática da necesidade histórica que a China está vivindo. A medida que produzan efectos as regras de xogo da OMC, haberá máis impactos e choques, que probablemente afectarán antes que nada ao sistema político vixente. Pode darse unha perspectiva favorable na que se vaian neutralizando as inevitables reaccións adversarias se consegue manter por riba de todo o interese económico como novo concepto de goberno. Pero non está descartada en absoluto a hipótese contraria no suposto de que a tendencia conservadora consiga impoñerse na cúpula. En fin, o camiño aínda non está libre de obstáculos. A sabotaxe, se chega a darse, virá en primeiro lugar do interior da dirixencia.
Seguindo o exemplo de Deng Xiaoping, semella que ningún dos dirixentes chineses se atreverá a permanecer vitaliciamente no seu posto. Está en plena marcha unha nova ronda de relevos, dende abaixo ata arriba, para culminar no congreso do Partido Comunista e nunha nova Asemblea de Deputados, previstos respectivamente para outono de 2002 e primavera de 2003. Ao parecer, admitiuse na cúpula unha lista interna dos próximos dirixentes salvo as dúas ou tres primeiras figuras pendentes aínda dun duro regateo para determinarse. Detrás das especulacións sobre a estructura do futuro equipo dirixente e sobre quen será o próximo número un do país, o que se cuestiona é a senda que a China debe seguir no inmediato futuro. O economista americano Douglas North, Nobel de 1993, non cree que tanta corrupción e as conmocións sociais dos anos recentes sexan capaces de estorbar a modernización na China, porque conta cunha estructura estatal diferente da de certos países como Indonesia, que lle permite incorporar certas doses de influencia dos sectores populares no seu desenvolvemento social. Efectivamente, as moitas queixas que na China poden escoitarse por todas partes se dirixen contra os malos funcionarios como persoas máis que contra o réxime político. A lexitimidade do goberno, se ben moi cuestionada polos disidentes, segue recoñecida, especialmente agora en virtude dese bo comportamento da macroeconomía e da loita, aínda que limitada, contra a corrupción. Por outra banda, a cúpula dirixente segue dotada de facultades omnipotentes e permanece libre de todo control. Pero a autoridade de agora xa non pesa tanto como a de Mao ou Deng, que souberon basear no propio mérito e influencia o control dos principais resortes do poder e mesmo permitirse o luxo de desencadear loucuras como “o gran salto adiante” e “a revolución cultural” ou escenificar unha brusca reanimación da apertura económica, sen facer caso á contrariedade doutros xerarcas do Partido Comunista. Un gran carisma persoal, sexa impregnado con idealismo revolucionario ou de pragmatismo económico, infundía daquela moita ilusión. Semellante cousa non existe en Jiang Zemin, quen se converteu de feito no primeiro caso na China dun líder máximo designado e tutelado pola xerontocracia que precisaba con urxencia un axente que non dera problemas. O centro de poder arredor de Jiang caracterizouse por practicar sempre unha gran cautela, a miúdo máis preocupado por velar polo seu legado político que en procurar éxitos na reforma a calquera prezo. Durante moitos anos non se decidiu a apostar en firme pola entrada na OMC, ata que deu superado as repetidas vacilacións. En canto ao relevo das primeiras figuras da cúpula chinesa estase a desenvolver un intenso regateo entre diversas tendencias que, á par de competir para sacar o máximo partido posible, conciliaranse ante o interese común de remendar a credibilidade deteriorada do poder para seguir controlándoo. Os tecnócratas actuais difiren pouco dos xerontócratas de antes na devoción por manterse no poder. No seu conxunto, preocúpalles máis defendelo de continuos desgastes que dirixir con responsabilidade a modernización. E no regateo, todas as tendencias compiten facendo uso a cotío dunha demagóxica identificación cos intereses populares como panca fácil e rendible á que ningunha parte renuncia para imporse. Pero aínda é verdade, existe unha base obxectiva para esa identificación e cabe agardar unha auténtica aproximación entre o poder e a sociedade. Entre os sectores que premen e demandan cambios políticos e institucionais, crece de día en día a convicción da necesidade de buscar o progreso fóra do círculo vicioso “tiranía-revolución-tiranía”, fenómeno que ten resultado moi daniño ao longo da historia do país. E as autoridades chinesas, á súa vez tamén deron mostras, aínda que tímidas, de compartir un interese no mesmo sentido. Directa ou indirectamente, nun grado maior ou menor, terán que contar sen dúbida coa vontade popular para a constitución da nova cúpula e para a designación do novo número un. Caras novas, abertas e menos comprometidas co pasado, terán de seguro máis facilidades para atopar apoios, incluso entre unha boa cantidade de disidentes. Finalmente, cómpre ter en conta, indefectiblemente, a inclinación das forzas armadas. Converteuse nunha regra inexorable na historia contemporánea chinesa o feito de que controle o poder quen controla as forzas armadas. Non houbo excepcións dende a Revolución de 1911 ata os nosos días. A diferencia de Mao ou Deng que tiñan á súa disposición sempre, incluso nos momentos máis críticos, unha obediencia incondicional cando menos dun continxente decisivo das forzas armadas, a Jiang Zemin custoulle caro obter o control sobre as tropas. Tiña que ofrecer suculentas prebendas aos vellos xefes militares que o aseguraban no poder cumprindo un encargo de Deng, o número un anterior, facer a vista gorda a certos xerarcas militares que actuaban de padriños de escandalosos casos de contrabando, e engadar con promocións masivas a centos de mandos militares para gañarse a súa lealdade. Hu Jintao, o prognosticado sucesor de Jiang e nomeado segundo xefe de asuntos militares no Partido, tampouco o terá fácil se non sabe eludir os modos de Jiang, é dicir, esa escalada de seducción das forzas armadas con privilexios, se non é capaz de impulsar a súa modernización e institucionalización. Os mandos e oficiais de agora son bastante diferentes dos vellos e entenden por modernización das forzas armadas algo máis que mera renovación de armamento. O “xove” dirixente Hu Jintao ten 58 anos. Estudiou na mellor Universidade Politécnica da China durante os anos sesenta e formouse para ser un cargo de dirección da Xuventude Comunista e logo do Partido. Os seus méritos como dirixente local e rexional son apreciados e foi vontade de Deng que el suceda a Jiang. Hu Jintao é membro permanente do Politburó dende 1992 e participa silenciosamente nos debates e decisións máis importantes. Nunca traspasou a raia oficial nos seus pronunciamentos, e pouco se sabe da súa tendencia política. Non parece posible unha pronta democratización co relevo, pero queda un gran espacio para que o novo líder e o seu equipo se movan con éxito na reforma política e institucional, proposta con que Deng se dirixiu ao Partido Comunista e ao conxunto do pobo chinés nos anos 80 pero que permanece conxelada polo momento. Resulte o que resulte da loita polo poder que actualmente existe, sexa quen sexa o próximo número un da cúpula chinesa, a dirección colectiva seguirá en pé e terá máis forza, aínda que o personaxe segue sendo aquí máis importante que nos países occidentais. Despois de todo, serán as ideas e as realizacións do novo líder quen nos irán dicindo se é un home chamado soamente para salvar as aparencias dun status quo ou para ir máis alá liderando un novo impulso modernizador da China.
Enrui Yang é investigador chinés. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/04/2001
|