Tempo Exterior nº 2 segunda época - xaneiro/xuño 2001Volver ó sumario
 
Carta aos lectores


Te
 

Ninguén dubida que a emerxencia da China vai ser unha das principais claves que van determinar o presente e futuro do novo milenio. O impacto da súa próxima entrada na OMC, tanto no interior do propio país como no conxunto da economía internacional vai revestir unha especial envergadura. Nun proceso da magnitude do chinés, a coincidencia cun relevo importante na dirixencia do Partido Comunista e do Estado e a reaparición de focos organizados de descontento que son catalizados en boa medida pola secta Falun Gong, xustifican unha mirada a ese Imperio do Medio, sempre atractivo, que facemos da man de Enrui Yang, e con aportacións singulares sobre Taiwán (Minkang Zhou) e Macau (Alfredo Gomes Dias). Aínda no continente asiático, viramos a atención sobre a evolución do proceso timorense (Paulo Castro Seixas).

O outro eixe deste número é a cooperación internacional ó desenvolvemento. Hai uns meses, despois de constatar o reducido esforzo da nosa Comunidade no ámbito da solidariedade internacional, a coordinadora de ONGDs reclamaba unha “Galicia máis solidaria” a través de chamamentos, exposicións e outras iniciativas públicas. Se é asi, ¿a que se debe esa situación? Quixemos reflexionar sobre esta cuestión recollendo os puntos de vista de tres actores decisivos (a Administración autonómica, o Fondo municipalista e a propia Coordinadora) a fin de situar o estado das cousas sen descuidar aquel aspecto, a educación, que tanto pode influír na transformación dos valores e actitudes da nosa cidadanía (Xesús R. Jares).

O número complétase co tratamento singular de varios temas de actualidade que nos aproximan a ese Perú (Roberto Montoya) que afronta un novo tempo sen Alberto Fujimori e aos Balcáns sen Milosevic (Alessandro Gori), involucrados nunha guerra de nunca acabar que pode experimentar aínda novos e convulsos episodios. Para rematar, inclúense dúas interesantes aportacións sobre a mundialización (Alain Lipietz), tema que habemos de abordar máis extensamente nun próximo número, e a visión estratéxica de Estados Unidos para os próximos anos (Fernando Pérez-Barreiro).

A pluralidade de contidos e de autores está, pois, ben proporcionada, unha característica que pretendemos erguer en sinal de identidade desta publicación, que procurará prestar sempre unha especial atención á presencia de autores e temáticas do noso veciño Portugal, a fin de contribuír á construcción dese espacio eurorrexional tamén no ámbito da reflexión internacional e estratéxica.

Polo demais, gracias aos lectores pola excelente acollida do primeiro número desta nova etapa que se aventura especialmente atractiva e edificante para todos aqueles que en Galicia aspiramos a vertebrar infraestructuras sólidas e colectivas de reflexión e prospección internacional. Convencidos estamos, con Chesterton, de que non existe no mundo un asunto sen interese e de que unicamente pode existir unha persoa que non se interese. En Galicia, cada vez menos.

O director.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/04/2001