Tempo Exterior nº 2 segunda época - xaneiro/xuño 2001Volver ó sumario
Resume - Resumen - Abstract
 
A fin da era Fujimori


Roberto Montoya
 

Dez anos despois de chegar ao poder a través dunhas eleccións democráticas, o fenómeno Fujimori, que tantos eloxios gañou no seu momento por parte dos Chicago’s boys, gobernos occidentais e organismos internacionais, acabou por estalar e desintegrarse en anacos. Despois de anos de Goberno autoritario, ou dictadura mol, Perú prepárase para uns novos comicios, tentando deixar atrás a sinistra era Fujimori-Montesinos.

Alberto Fujimori, o home que no prazo de poucos meses logrou pór en pé a plataforma electoral “Cambio 90”, habería de derrotar na segunda volta en 1990 ao histórico APRA, e ao ultraliberal escritor Mario Vargas Llosa, candidato da Fronte Democrática (Fredemo). Fujimori pasou de ser o home aloumiñado de Washington e as multinacionais, eloxiado ata último momento polo tsar antidrogas norteamericano, Barry McCaffrey(1), a converterse nun prófugo da Xustiza, destituído polo Congreso do seu país, autoexiliado no Xapón, defenestrado por todo o mundo.

Aínda aqueles que o consideraron durante anos como un mal menor para Perú, acabarían comprendendo que Fujimori foi en realidade un mal maior, unha antítese do que prometeu ser diante dos 25 millóns de peruanos, fartos de anos de corrupción, de agudización extrema das diferencias sociais, de violación sistemática dos dereitos humanos.

O “chinés” Fujimori presentouse en 1990 cun discurso populista diante dunha poboación profundamente desconfiada dos políticos, reivindicando ser un Míster Limpo, un moderno e eficaz home de empresa que acabaría cunha forma corrupta e caduca de facer política, coa hiperinflación e co terrorismo. Logo de dez anos, os millóns de peruanos que antes acudían entusiasmados e esperanzados aos seus mítins, saíron alporizados ás rúas de Lima e outras cidades de Perú para manifestarse na súa contra e reclamar o seu prendemento.


O “Fujishock”

Fujimori logrou provocar un grande impacto no Perú e no exterior, ao deixar atrás o estado caótico do país durante o Goberno de Alán García, con sonados casos de corrupción e unha hiperinflación do 7.650% anual.O FMI suspendera todas as liñas de crédito con Perú, cando Alán García anunciou que limitaría o pago da débeda externa ao 10% do obtido polo seu país en concepto de exportacións.O PIB chegou a caer nun 20%. En pouco tempo Fujimori logrou que a inflación baixase a dous díxitos, a causa dun paquete de medidas económicas extremas esixidas polo Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial e o Banco Interamericano de Desenvolvemento, que concitaron os aplausos en medios financeiros internacionais, aínda que no Perú, o chamado “Fujishock” agudizou aínda máis as extremas diferencias sociais existentes, ao asañarse fundamentalmente coa maioría máis desprecavida da poboación.

Para poder impor sen resistencia o seu plano económico e a súa particular visión do poder, cada vez máis autoritaria –xustificándose na necesidade de acabar cunha década de terrorismo– Fujimori acabou recorrendo a un autogolpe só dous anos despois de estar no poder. O 45% do territorio peruano estaba incluído nas chamadas zonas de emerxencia, onde as Forzas Armadas eran donos e señores e onde ás matanzas levadas a cabo por Sendero Luminoso, engadíanse as realizadas polo propio Exército contra os sectores indíxenas que non colaboraban activamente na loita contra a guerrilla. Fujimori prometera acabar co terrorismo, obxectivo no que fracasaran os dous gobernos anteriores, o de Belaúnde Terry e o de A.García. A violencia política xa se cobrara máis de 15.000 víctimas.

O flamante presidente recorreu a un home de escuro pasado para reforzar aínda máis o poder nas Forzas Armadas: Vladimiro Montesinos. “Coidado con este asesor”, titulara en portada a revista Caretas o 10 de xuño de 1991, para referirse a Montesinos. O asesor de seguridade de Fujimori, que se convertería no xefe na sombra do poderoso Servicio de Intelixencia Nacional (SIN), era un capitán de artillería expulsado en 1976 do Exército por traizón á patria .Un tribunal militar peruano xulgouno nese momento por ter vendido á CIA documentos confidenciais das Forzas Armadas(2).

O escándalo foi descuberto polo xeneral Miguel de la Flor Valle, cando atopou a Montesinos nunha cita do Instituto Interamericano de Defensa, representando falsamente a Perú.

En 1978 Vladimiro Montesinos saíu da cadea, pero só un ano máis tarde viuse involucrado noutro escándalo. O doutor Montesinos [asegúrase que o seu título de avogado graduado da Universidade de San Marcos é falso, que só pasou por ela uns meses] saíra de garante para o aluguer de dous locais que foron utilizados polo narcotraficante Jaime Tamayo Tamayo, nos que funcionaron laboratorios de procesamento da pasta básica de cocaína que posteriormente foron intervidos pola policía. A relación de Montesinos co narcotráfico peruano e colombiano estreitaríase anos máis tarde, tras converterse no Rasputín do Goberno de Fujimori.

En 1983 Montesinos foi xulgado novamente por unha corte marcial, acusado tamén de traizón, tras publicar un diario clandestino no que se fomentaba un golpe militar, pero foi finalmente declarado inocente.

A pesar de ter sido dado de baixa no Exército anos antes, gracias ás súas vinculacións con oficiais das forzas armadas obtivo e vendeu en 1984 á Comandancia Xeral do Exército de Ecuador, listados completos do material militar que Perú mercara á Unión Soviética, así como outra valiosa información secreta.Cando tempo despois, xa durante o primeiro período do Goberno Fujimori, a prensa divulgou o pasado do seu principal asesor, o presidente saíu inmediatamente na súa defensa. Ante as acusacións de que fora un home que traballaba para a CIA, Fujimori chegou a dicir que unha persoa que traballaba para unha axencia tan importante non podía ter feito nada ilegal, e en canto ás denuncias sobre a súa relación co narcotráfico, o presidente volveu a sorprender á opinión pública, cando sostivo que Montesinos tivera eses vencellos co único obxectivo de coñecer os seus métodos de actuación e poder entón saber como enfrontalos.

O nome de Montesinos volve aos titulares da prensa durante a campaña electoral de 1990, cando saíu en defensa de Fujimori, entón candidato presidencial, quen fora acusado de fraude en transaccións de bens raíces. As probas da acusación desapareceron misteriosamente e o caso acabou esvaecéndose tras o triunfo nas eleccións.


O autogolpe de 1992

O autogolpe que levan a cabo Fujimori e Montesinos en 1992 e que habería de permitirlles rematar con todas as institucións do Estado para gobernar sen obstáculos de ningún tipo, e con poderes absolutos, foi a concreción dun moi estudiado plano iniciado desde o mesmo momento de gañar as eleccións.Cambio 90 non contaba con maioría no Parlamento e Fujimori, xunto a Montesinos, a súa man dereita, e un grupo de fieis, aproveitaron o descrédito que tiñan os partidos tradicionais para lanzar unha campaña en contra deles, acusándoos publicamente de atrancar o seu proxecto reformista. Esa mensaxe lograría calar fondo na poboación. Paralelamente, Fujimori comezou o seu ataque contra a Maxistratura, preocupado pola resistencia que podería atopar de parte dunha Corte Suprema integrada por unha maioría de xuíces nomeados pola Presidencia anterior. As campañas en contra do Parlamento e a Xustiza, ás que se foron sumando os ataques a outras institucións públicas e aos medios de comunicación críticos, foron preparando o terreo para o golpe. A pesar de ter logrado reducir drasticamente a inflación, a economía vivía un momento de recesión e as críticas comezaban a medrar, mais, quizais o elemento que puxo día e hora para o golpe fujimorista foi finalmente unha sorpresiva denuncia feita, contra o presidente, pola súa propia esposa, Susana Higuchi.

A crise que vivía a parella presidencial era un segredo a voces, pero foi despois da volta de Alberto Fujimori dunha viaxe a Xapón na que non participara a súa esposa, cando ela decidiu denunciar publicamente por corrupción a dous irmáns do presidente, Rosa e Santiago Fujimori –ambos enquistados no círculo íntimo do poder– e á esposa deste último. Ese 24 de marzo de 1992, Susana Higuchi denunciou que os familiares do seu home revenderan, para beneficio persoal, toneladas de roupa usada doadas polo Xapón. O Parlamento, maioritariamente en mans da oposición, decidiu formar unha comisión investigadora dos feitos denunciados, fixando como data da súa constitución o 7 de abril. Sen embargo, dita comisión endexamais chegaría a constituírse porque, dous días antes do día fixado, o presidente protagonizou o seu autogolpe.

En 1990 acabara a longa dictadura de Augusto Pinochet en Chile e xa, a fórmula de dictaduras militares estaba en desuso en América Latina e mal vistas no mundo enteiro. A caída do Muro de Berlín en 1989, e o efecto dominó que esta produciu na maioría dos réximes de Europa do Leste, xa pechara por fin o capítulo da Guerra Fría. Sen embargo, ao preservar algúns xeitos puramente formais dun réxime democrático, Fujimori logrou impor un Goberno autoritario –ou acaso houbese que cualificalo de dictadura mol– sen que isto lle valese máis que algunhas amoestacións menores da comunidade internacional, sen consecuencias comerciais nin diplomáticas significativas. Co seu autogolpe do 5 de abril de 1992, sustentado fundamentalmente no apoio incondicional das Forzas Armadas, Alberto Fujimori disolveu o Parlamento, interveu o Poder Xudicial e todas as institucións do Estado, restrinxiu drasticamente as liberdades democráticas, os dereitos sindicais, coaccionou aos medios de comunicación e xostregou aos opositores, instaurando un réxime con fachada civil, pero con nidios trazos dictatoriais.

Alberto Fujimori e o seu Consello de Ministros gobernaron o país mediante decretos, introducindo un conxunto de leis antiterroristas que vulneraron os máis elementais dereitos dos cidadáns; os civís pasaron a ser xulgados polo foro militar; apareceron os tribunais sen face (xuíces encarapuchados), xeneralizouse aínda máis o uso da tortura contra os detidos. Poucos meses despois do golpe, Fujimori dotou ao Servicio de Intelixencia Nacional de super poderes [medida á que se opuxera ata ese momento o Congreso], e esta institución pasou a centralizar todos os organismos de intelixencia e contraintelixencia existentes, tanto dos ministerios do Interior, de Defensa, Asuntos Exteriores, das Forzas Armadas, como dos gobernos rexionais e locais.

O SIN tiña como comandante, a nivel formal, ao almirante Julio César Monroe –e ao entón almirante Humberto Cofas–, mais quen controlaba en realidade con man férrea era o asesor Montesinos que dependía, segundo os seus estatutos, directamente do presidente da República e chegou a contar con 70.000 homes e 600 millóns de dólares de orzamento.

Xa antes de que se producise o autogolpe, comezaran a producirse unha serie de asasinatos non reivindicados, como o de novembro de 1991 na zona de Barrios Altos, de Lima, no que foron queimadas por descoñecidos quince persoas, entre elas un neno de 8 anos. Máis tarde habería de confirmarse que ese atentado formaba parte das accións do Grupo Colina, un escuadrón da morte controlado por Montesinos que tras o golpe, batería arreo contra todo tipo de opositores do réxime. O 18 de xullo de 1992 foron 9 estudiantes e 1 profesor da Universidade de La Cantuta os secuestrados e desaparecidos por obra do Grupo Colina, feito denunciado xa en maio de 1993 por un militar disidente, o xeneral Rodolfo Carvallos, quen acabou refuxiándose na embaixada de Estados Unidos diante das ameazas de morte recibidas, e posteriormente pediu asilo político xunto coa súa familia na Arxentina.

Sería só o comezo dunha longa cadea de crimes e violacións dos dereitos humanos, que haberían de ficar cubertos baixo a amnistía decretada por Fujimori en 1995. A decisión de dictar unha amnistía adiantouse ao coñecerse a intención dun xuíz civil de facer declarar a Montesinos e ao xefe do Exército peruano, xeneral Nicolás de Bari Hermoza, no caso da matanza de Barrios Altos.

En 1995 legalizouse a impunidade para as violacións dos dereitos humanos cometidas entre 1980 e 1995 por membros das Forzas Armadas, da policía e civís, integrantes de escuadróns da morte, cos que Fujimori calmaba a preocupación das súas fieis forzas de seguridade. En 2000, tras triunfar nas novas eleccións presidenciais, a través do fraude, Fujimori comezou a deseñar unha ampliación desa amnistía a aqueles delitos cometidos ata no mesmo 2000, proferindo que esta fora aplicada non só para os excesos cometidos durante a loita en contra da subversión, senón tamén contra os rexistrados na loita do narcotráfico. Esta ampliación foi presentada o 22 de outubro pasado polo propio ministro de Xustiza de Fujimori, Alberto Bustamante, como unha condición para aceptar celebrar eleccións anticipadas en abril de 2001. Bustamante aclarou nese momento que paralelamente ao referendo no que se votase a emenda constitucional para minguar o mandato de Fujimori e do Congreso e convocar novas eleccións, debía celebrarse outro para ampliar a amnistía de 1996.

Deste xeito pretendíase cubrir dunha maneira ordinaria a complicidade que o réxime, Montesinos e varios altos cargos militares, mantiveron durante anos cos narcotraficantes peruanos e colombianos, e que paseniñamente, denunciaba con máis forza a DEA (Axencia contra as Drogas Norteamericana), enfrontada á CIA, que protexera ao asesor de seguridade . A fins de 2000, Amnistía Internacional seguía lembrando que o respecto aos dereitos humanos, e á independencia da Xustiza estaban aínda moi lonxe de seren restablecidos no Perú(3).

A captura do líder histórico de Sendero Luminoso, Abimael Guzmán, en setembro de 1992, e a sinatura da paz con Ecuador a través da Declaración de Paz de Itamaray, o 17 de febreiro de 1995, logo de cinco semanas de enfrontamento bélico, foron logros que soubo rendibilizar Fujimori para xustificar a dureza do seu réxime e para pedir o voto dos cidadáns. O 9 de abril dese ano Fujimori foi reelixido co 64,4% dos votos, fronte ao 21% do seu rival, o ex secretario xeral do ONU, Javier Pérez de Cuéllar. Pese a que distintos sectores denunciaron a existencia de fraude, a Organización dos Estados Americanos (OEA), que enviara observadores, acabou por dar por bos os resultados. Axentes do Servicio de Intelixencia do Exército (SIE), dependente do SIN, participaron en numerosas mesas electorais e os militares votaron a pesar de que o prohibe expresamente a Constitución peruana, mais, aínda así, as eleccións foron recoñecidas como válidas.

Ao conseguir a lexitimación do seu réxime, Fujimori conseguiu que a comunidade internacional volvese a recoñecelo como un presidente lexítimo, e as escasas sancións que algúns países adoptaran contra Perú tras o autogolpe de 1992, foron rapidamente sufocadas, a pesar de que as características absolutistas esenciais do seu réxime seguiron en pé. O 22 de agosto de 1996, o Congreso peruano [xa con maioría absoluta dos partidarios de Fujimori] rexeitaba unha proposta da oposición para constituír unha comisión que investigase a Montesinos e tamén un pedido para que o primeiro ministro, Alberto Pandolfi, e o ministro de Defensa, xeneral Juan Castillo Meza, clarificasen cal era a función de Montesinos no Servicio de Intelixencia Nacional, e por tanto do asesor.

En 1996 Fujimori consegue contar co apoio dalgunhas formacións políticas para que o Congreso aprobe unha lei de interpretación auténtica da Constitución, o que lle posibilitou presentarse a un terceiro mandato presidencial consecutivo, posibilidade non contemplada na Carta Magna. Os tres Xuíces membros do Tribunal Constitucional que ousaron oporse a esta medida por considerala ilegal, foron destituídos fulminantemente por Fujimori.

Un ano máis tarde, en abril de 1997, a canle de televisión privada Frecuencia Latina, atreveuse a difundir unha denuncia feita pola ex-axente do Servicio de Intelixencia do Exército, Leonor La Rosa, de que fora torturada por varios dos seus compañeiros. La Rosa, que durante anos realizara accións de espionaxe para o SIE, decidiu nun momento filtrar ao diario La República, xunto á súa compañeira Mariela Barreto, valiosa información interna dese organismo, que permitiu desvelar que este era o responsable de numerosos atentados contra xornalistas e políticos opositores do réxime. Montesinos ordenou inmediatamente a procura e captura das traidoras.

Pouco despois, o corpo de Mariela Barreto aparecía feito anacos nun bosque próximo a Lima. Entón chegaríalle a hora a Leonor La Rosa, a quen tras secuestrala, abandonaron, dándoa por morta, despois de sometela a brutais torturas. Pero a ex axente sobreviviu, e aínda desde o hospital, ampliou con toda sorte de miudezas a información que facilitara á prensa sobre o xeito de funcionar do SIE.

La Rosa falou do fraude electoral de 1995, mostrou o seu cartón electoral no que aparecía rexistrada a súa votación, aínda que a lei o impide aos membros das forzas de seguridade; denunciou escoitas telefónicas masivas realizadas contra todos os opositores ou sospeitosos de selo. Diante da publicidade que atinxiu este feito, catro dos seus torturadores foron condenados, pero aínda así seguiron mantendo os seus graos e empregos. Outros ficaron en liberdade, como Ricardo, un dos axentes que a violou en repetidas ocasións, segundo ela recoñecería máis tarde. A pesar de ser detido en marzo do 2000 en Estados Unidos, o Goberno de Fujimori conseguiu a liberación de Anderson, estendéndolle un pasaporte diplomático(4).

Leonor La Rosa, que actualmente ten 34 anos e que sofre unha importante eiva física, despois das graves lesións sufridas na tortura, puido refuxiarse en Suecia, converténdose desde entón e ata a data nun implacable dedo acusador do trinomio Fujimori-Montesinos-Forzas Armadas. Outra das súas ex-compañeiras do SIE, Luisa Zanatta, decidiu tamén acusar publicamente, en marzo de 1998, a Montesinos polo feito de ordenar o asasinato de Mariella Barreto. Días antes de ser torturada, asasinada e feita anacos polas súas ex camaradas de arma, Mariela Barreto confesara a Luisa Zanatta que formaba parte do temible Grupo Colina, responsábel de numerosos atentados. Barreto chegou a revelar a La República o lugar exacto onde se atopaban os corpos das víctimas da masacre de La Cantuta.


As eleccións do 2000

A ex-axente La Rosa, que logrou manter contactos dentro do SIE, viaxou a fins de maio de 2000 a Lima, tras conseguir a protección dun pasaporte estendido polo Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), para denunciar non só a persecución da que era obxecto a súa familia en Perú, senón tamén para denunciar o fraude electoral que se aveciñaba. O fraude das eleccións realizadas en abril de 2000 foi un fraude longamente anunciado.

A fins de marzo, o periódico La República publicaba un documento asinado por oito supostos altos oficiais das Forzas Armadas, e da policía autodenominados “institucionalistas” e que asinaban con alcumes, denunciando que o goberno preparaba un grande fraude para as eleccións que terían lugar poucos días máis tarde. No comunicado asegurábase que Montesinos en persoa centralizaba a campaña de rumores e acusacións falsas en contra dos candidatos como as accións fraudulentas, para o que celebrara xa xuntanzas clandestinas con numerosos mandos militares, co fin de coordinar unha serie de tarefas informáticas, anulación de votos, etc, tendentes a favorecer o triunfo de Fujimori.

No comunicado púñase nome e apelido aos que participaban no operativo preparado por Montesinos: os comandantes en xefe do Exército, xeneral José Villanueva, da Mariña de Guerra, almirante Antonio Ibárcea, e da Forza Aérea, xeneral Elesbán Belo, o subxefe do Servicio de Enxeñería do Exército, xeneral Rubén Wong, e outros altos cargos, comandantes das principais rexións militares do país.

A celebración das eleccións presidenciais confirmaron rapidamente o fraude organizado por Fujimori e Montesinos. O principal rival de Alberto Fujimori, Alejandro Toledo, amparándose nas testemuñas dos propios observadores enviados pola OEA e polo Goberno dos Estados Unidos, denunciou o fraude rexistrado na primeira volta dos comicios [nos que o Xurado Nacional Electoral atribuíu o 49,8% dos votos a Fujimori e o 40,3% a Alejandro Toledo] e anunciou en multitudinarios mitins na rúa, a súa decisión de boicotear a segunda volta, non presentándose a ela. Tendo baixo o seu control á comisión electoral, a Maxistratura e a maioría dos medios de comunicación, Fujimori fixo caso omiso das críticas internacionais provocadas polas graves irregularidades durante as eleccións e, ao non presentarse Toledo á segunda volta, acudiu ás urnas sen rival, reivindicando a posteriori o seu abafante triunfo.

Pouco antes de producirse a segunda volta, un coñecido xornalista peruano foi secuestrado e torturado por homes do SIN ao tentar difundir probas sobre a operación fraudulenta das eleccións organizada dende o Goberno. Fabián Salazar Olivares, un home que fora director xeral de protocolo do Congreso e presidente do directorio de Radio Televisión, traballaba como asesor de Baruch Ivcher –o empresario israelí ao que Fujimori desposuíu da súa Canle de televisión, Canle 2, polas críticas verquidas en contra do réxime, despois de ter sido un apoio deste– no momento en que foi secuestrado. Era o comezo do escándalo dos vídeos, que posteriormente xogaría un papel decisivo no derrubamento do poder de Montesinos e Fujimori. Salazar Olivares recibira a través de confidentes, cinco cintas de vídeo, disquetes informáticos e manuscritos de Montesinos, altamente comprometedores. Nalgún dos vídeos víase a directivos de empresas que realizaban enquisas de opinión pública sobre as eleccións, a varios xornalistas e políticos, reunidos con Montesinos, organizando as distintas facetas do fraude. Noutro vídeo víase a dous membros do Xurado Nacional de Eleccións, o seu presidente, Alipio Montes de Oca, e Rómulo Muñoz, no momento que entraban á sede do SIN para recibir instruccións. O SIN logrou interferir chamadas telefónicas de Salazar realizadas desde a súa secretaría. Pouco despois un comando asaltaba o seu despacho, roubábanlle documentos comprometedores e torturábano. A chegada de compañeiros de traballo no momento no que os asaltantes comezaban a serrarlle o pulso esquerdo, provocou a fuga destes.

Os observadores da OEA decidiran non estar presentes na segunda volta, ao considerar que non existían garantías de transparencia e que non querían lexitimar o fraude. O Goberno de Bill Clinton advertiu tamén a Fujimori, antes de celebrarse as eleccións, dos riscos nos que incorría no caso de persistir no seu empeño de facerse elixir a calquera prezo para un terceiro mandato.

Alejandro Toledo reclamara a postergación da segunda volta das eleccións ata que se garantise a transparencia do escrutinio. Fujimori desoíu todas as críticas e presións e mantivo a data prevista. O 28 de maio outorgouse a victoria con máis dun 75% dos votos. Meses despois, cando xa Fujimori estaba autoexiliado no Xapón, o novo titular de Economía do Goberno de transición, Javier Silva Ruete, confirmaba que o fuxido gastara na súa campaña electoral boa parte do billón de pesetas ingresado nas arcas do Estado pola privatización de empresas públicas. O 28 de xullo, Fujimori tomou posesión do seu cargo, xurando diante do Congreso, e iniciando o seu terceiro mandato presidencial consecutivo. O Goberno de José María Aznar [España é o terceiro socio comercial de Perú] foi criticado naquel momento por ter enviado á toma de posesión ao vicepresidente primeiro, Mariano Rajoy, mentres que os restantes países europeos estiveran representados, só a través dos seus respectivos embaixadores acreditados en Lima, como mostra da súa postura crítica co proceso electoral.

Por segunda vez [a primeira fora en 1991 en contra do réxime militar haitiano xurdido tras o derrocamento do presidente Aristide] en moitos anos en América Latina, unha organización como a OEA, que tapou os ollos diante de tantas dictaduras militares que asolaron o continente nos anos 70 e 80, semellaba disposta a aplicar contra Perú as sancións contempladas na súa Resolución 1.080. Do mesmo xeito, Estados Unidos, un país que estivera detrás da grande maioría dos sanguentos golpes de Estado producidos no continente, ameazaba con tomar represalias contra o Goberno de Lima. Finalmente as sancións non chegaron a producirse.

Na xuntanza do Consello Permanente da OEA, que abordaba o problema de Perú a fins de maio, só Costa Rica se amosou partidaria de recorrer ás sancións contra o réxime de Fujimori. Estados Unidos, principal socio comercial de Perú, semellou sentirse aliviado pola postura da OEA e anunciou que non adoptaría medidas unilaterais en contra da decisión adoptada polos restantes membros desa organización.


O escándalo dos vídeos

O novo mandato presidencial de Fujimori habería de ter moi curta vida. Un elemento inesperado irrompeu en escena, arruinando o proxecto de Fujimori e Montesinos para perpetuarse no poder. O 14 de setembro de 2000, os congresistas Fernando Olivera e Luís Ibérico, da Fronte Independente Moralizadora –ao que pertence a esposa de Fujimori, Susana Higuchi– presentaron diante da opinión pública un vídeo onde aparece Vladimiro Montesinos entregando 15.000 dólares ao congresista Alberto Kouri, a troco do seu pase ás ringleiras do gobernamental Perú 2000.

A gravación, feita polo propio equipo de Montesinos para poder chantaxear aos filmados no caso de non cumpriren os seus compromisos, convertéronselle nun búmerang unha vez que chegaron ás mans da oposición. A oposición anuncia a súa ruptura do diálogo co Goberno e o día 16, Alberto Fujimori sorprende a todos cunha mensaxe á Nación, na que asegura que vai desactivar inmediatamente o SIN e que convocará eleccións anticipadas para abril de 2001. O 2 de novembro o Congreso ratificou por 109 votos a favor, 5 abstencións e 2 en contra, a emenda constitucional que autoriza a recortar o mandato presidencial de cinco anos a un.

A pesar de que os rozamentos entre Fujimori e Montesinos aumentaran nos meses previos ao escándalo do vídeo e o presidente peruano semellaba preocupado diante do poder, cada vez máis importante, acumulado polo seu asesor, o “Chino” apresúrase a negociar no estranxeiro o exilio do seu conselleiro. Os feitos comezan a sucederse a partir dese momento, cunha velocidade vertixinosa. Montesinos e unha ducia de oficiais do Exército xestionan o asilo político en Panamá, mais este país rexeita concederlle visado a sete deles, polo menos, obrigándoos a abandonar o país no prazo de 24 horas.

O Goberno panameño é notificado, por outro lado, polo seu homólogo suízo, de que Montesinos está a ser investigado polas suculentas contas bancarias que ten nese país, de ao redor de 50 millóns de dólares –outras máis son descubertas en varios paraísos fiscais–, e decide non renovarlle o seu permiso de estadía. EEUU e a OEA premen tamén nese sentido, ningún país latinoamericano está disposto a conceder asilo a Montesinos, e a propia Xustiza panameña estao a investigar polas súas relacións co poderoso narcotraficante dese país, Boris Foguel Suengas. Montesinos vese obrigado a voltar a Perú, nunha viaxe rocambolesca.

O polémico asesor de Fujimori dá a coñecer dende algún lugar non especificado do Perú, que voltou tras descubrir que había uns planos de Sendero Luminoso e o MRTA para asasinalo. Algunhas versións aseguraron nese momento que Montesinos quixo facer valer o seu ascendente dentro das Forzas Armadas para encabezar un golpe contra Fujimori e tomar o control do poder. Montesinos puxo en dificultades a Fujimori cando nunhas declaracións realizadas a unha emisora, dixo que el foi quen logrou disuadir ao presidente de que non se fusilase ao líder histórico de Sendero Luminoso, Abimael Guzmán, despois da súa detención.

A pesar de que Fujimori coordinou con Montesinos a súa volta a Perú, as revelacións sobre as contas bancarias deste no exterior e as presións para que o presidente detivese e entregase á Xustiza ao seu ex colaborador, decidiron ao Chino a pensar na súa propia supervivencia. Vladimiro Montesinos converteuse dun día para outro na víctima expiatoria de todo o sistema de corrupción existente e da violación sistemática dos dereitos humanos durante toda unha década.

Fujimori chegou a encabezar un arremedo de persecución do seu ex asesor por todo o país, póndose ao fronte de absurdas operacións de anciñaxe, con despregamento de tropas, vehículos e helicópteros. A Xustiza peruana acabou por ordenar a captura do ex asesor presidencial baixo os cargos de enriquecemento ilegal, corrupción de funcionarios, lavado de cartos do narcotráfico, extorsión, tortura e asasinatos. Nos rexistros das súas vivendas descubriuse, baixo dunha camuflaxe sofisticada digna de James Bond, outra serie de comprometedores vídeos, xoias, diñeiro en efectivo e ata seis calabozos construídos nun dos seus zulos.

Fujimori ocupouse de descargar a responsabilidade de todos os males do seu réxime no home que foi a súa man dereita durante 10 anos. “No hai dúbida de que Fujimori se enganou con Montesinos”, sostiña o ministro de Exteriores peruano, Fernando de Trazegnis, durante a súa visita a Madrid neses días, nun intento por exculpar ao presidente(5).

Montesinos foi presentado polo entorno de Fujimori coma o traidor que defraudou a confianza depositada nel polo presidente. Fujimori comeza unha purga dos oficiais do Exército máis achegados a Montesinos e tenta distanciarse totalmente del, mais o cúmulo de probas de corrupción que comezan a saír á luz a través dos máis de 2.400 vídeos do home forte do SIN, ameazan con engulir ao propio presidente.


A fuga de Fujimori

Ao pecharse máis e máis o cerco sobre Fujimori, este optou por fuxir do país, xustificándoo o seu partido coma unha viaxe oficial a países asiáticos, anunciando finalmente desde Xapón a súa renuncia á Presidencia. Fujimori negouse a tornar a Lima aducindo ser víctima dunha persecución política, o que acabou por facer estalar a crise e obrigou ao nomeamento dun Goberno provisional presidido polo moderado Valentín Paniagua Corazao e con Alberto Pérez de Cuéllar de primeiro ministro.

O Congreso peruano rexeitou a renuncia de Fujimori e decidiu destituílo despois da súa rocambolesca fuga a Xapón en novembro pasado(6), e a Fiscalía de Perú corresponsabilizouno posteriormente, en febreiro, do xigantesco entramado mafioso montado durante anos xunto coa súa ex man dereita, Vladimiro Montesinos. A comisión parlamentaria que investiga a Fujimori, presidida polo lexislador David Waissman, acusouno, ao igual que a seis dos seus ex ministros, do roubo de caudais do erario público, “concusión” [cobro arbitrario por parte dun funcionario público] e enriquecemento ilícito. A comisión sostén que Fujimori foi cómplice de Montesinos na ampla rede de corrupción centralizada por este. Waissman dixo que se detectaron contas de Montesinos que ascenden a 17.000 millóns de pesetas, e que outros 39.000 millóns atópanse en contas dos seus homes de palla directos ou indirectos.

Preto de 350 persoas, entre elas militares, líderes políticos, parlamentarios, xuíces, banqueiros e empresarios, aparecen gravemente comprometidos na colosal montaxe de corrupción, gracias aos vídeos filmados polo propio Montesinos, que hoxe en día se converteron en inapreciabeis probas para a Xustiza. Máis de corenta investigacións están abertas en distintos órganos de Xustiza, cunha vintena de persoas sometidas a arresto domiciliario, decenas con prohibición de saír do país e outras tantas coa orde de busca e captura.

Entre os detidos hai varios altos oficiais militares, como os xerais Walter Chacón, José Villanueva Ruesta, Nicolás de Bari Hermoza, Fernando Dianderas (ex ministro do Interior), o coronel Roberto Huamán, ou os máximos responsabeis de rexións militares claves, como Juan Yanque e Luís Baldes. Ao amparo das leis de excepción dictadas durante o Goberno Fujimori para combater a grupos armados como Sendero Luminoso ou o Movemento Revolucionario Tupác Amaru, as forzas de seguridade non só cometeron gravísimas e sistemáticas violacións dos dereitos humanos, tamén utilizaron estas para dispor sen control duns orzamentos cada vez máis voluminosos.


Drogas e trafego de armas

A guerra que librou o Exército de Fujimori contra Sendero Luminoso tivo tamén como pano de fondo unha loita polo control proveniente do narcotráfico. Cando os militares lograron desaloxar aos guerrilleiros das principais zonas de producción de coca, o imposto que estes cobraban aos narcotraficantes para sacar a materia prima da zona en avionetas pasou a ser controlado polos mandos do Exército. Demetrio Chávez Peñaherrera, alcumado “Vaticano”, o máis poderoso capo peruano da droga dos últimos anos, foi detido en Colombia en 1994 e entregado posteriormente a Perú. Declarou en novembro pasado baixo xuramento(7) as comisións que debía pagar para cargar sen ningún problema toneladas de coca nas súas avionetas na zona da Campiña, na rexión amazónica do Alto Huallaga.

Foguel Suengas, xefe do cartel Los Camellos, de Panamá, declarara en outubro pasado ao xornal peruano La República, que Montesinos recibía 700 dólares por cada quilo de droga que saía de Perú. Roberto Escobar Gaviria, El Osito, irmán e cómplice do ex poderoso narcotraficante Pablo Escobar, e detido desde hai anos, asegurou que o seu irmán “deu un millón de dólares para a campaña de Fujimori”. “Lembro un día no que falaron por teléfono, o meu irmán Pablo estaba agachado na Aquinatia [...] Montesinos faloulle da campaña de Fujimori, que el ía ser a man dereita do presidente, e logo pasoulle a Fujimori, quen lle dixo a Pablo que se chegaba á Presidencia, con gusto lle axudaría no que estivese ao seu alcance(8)”.

O poder militar viviu unha época de auxe durante os dez anos de reinado Fujimori e o grao de impunidade co que actuaron as Forzas Armadas para aplicar a política de terra queimada nas zonas de actuación das organizacións guerrilleiras, tivo tamén a súa correspondencia no plano económico. Ao tempo que o Exército combatía frontalmente á guerrilla e o Goberno non cesaba de reivindicar o rol abnegado e patriótico destas, o propio Vladimiro Montesinos controlaba persoalmente unha importante operación triangular de trafego de armas –50.000 fusís de asalto AK-47- mercadas en Xordania e nos que o destinatario final era, paradoxalmente, a poderosa guerrilla colombiana das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC(9)).

Non sería esta a única operación de compra de armas na que os altos mandos do Exército peruano percibisen importantes comisións. Outro dos escándalos deste tipo que saíu á luz pública foi a compra de avións de combate MIG 29 a Bielorrusia en 1996, destinados á Forza Aérea peruana, e, dous anos máis tarde, a Rusia. A guerra que libraban as tropas de Fujimori contra a guerrilla.


Alán García, salpicado por un vídeo

O estudio exhaustivo da videoteca de Vladimiro Montesinos, chegou mesmo a salpicar ao ex presidente Alán García, quen unha vez superados polo novo Goberno provisional os impedimentos para retornar ao país, presentouse como candidato a presidente pola APRA (Alianza Popular Revolucionaria Americana) ás próximas eleccións do 8 de abril. O Seu ex ministro do Interior, Agustín Mantilla Campos, aparece nun dos polémicos vídeos, gravado en marzo de 2000, recibindo de mans de Montesinos 30.000 dólares. Mantilla pediría eses cartos a Montesinos supostamente para financiar a campaña electoral do APRA durante os comicios que tiveron lugar ese ano, aínda que se descoñece cal foi o compromiso que asumiu en troques desa axuda.

“Sinto este feito como unha coitelada nas costas. Non entendo como unha persoa da APRA pode pedir cartos a quen foi o meu asasino político e moral durante nove anos”, asegurou Alán García ao decatarse dos feitos(10). García asilouse en Colombia en xuño de 1992, pouco despois do autogolpe de Fujimori e Montesinos, e tras lograr eludir un intento de detención en Lima por parte das forzas de seguranza peruanas.

O réxime de Fujimori acusouno de delitos de enriquecemento ilegal, co feito e con ilusión, pero un tribunal da Corte Suprema de Xustiza de Perú deu en xaneiro pasado por prescritos eses delitos, polo que anulou as ordes de detención e os procesos xudiciais que García tiña pendentes.

O candidato do APRA asegurou que nin el nin o seu partido como institución tivesen coñecemento das compoñendas do xefe da campaña electoral do APRA e Vladimiro Montesinos, e insinuou que alguén estaba interesado en desinchar a súa candidatura, e a candidatura de Lourdes Flores –de Unidade Nacional–, “porque todos os votos que perderemos irán ao candidato opoñente”. Desta maneira, sen nomealo, Alán García aludía directamente ao candidato presidencial por agora favorito, Alejandro Toledo, líder do partido Perú Posíbel. En total son dez os candidatos que disputarán a Presidencia en abril.

A García, Toledo e Flores, deben engadirse Fernando Olivera, da Fronte Independente Moralizadora (FIM); Jorge Santistevan, de Somos Perú-Causa Democrática; Luís Castañera, de Solidariedade Nacional; Carlos Boloña, de Solución Popular, Marco Antonio Arrunátegui, de Proyecto País; Ciro Gálvez, de Renacimiento Andino, e Ricardo Noriega, de Todos pola Vitoria.

A pesar de que o Goberno provisional está a recibir os eloxios da comunidade internacional, e de que foi o primeiro en pedir que a OEA e os países europeos envíen observadores para garantir a transparencia dos comicios, a sombra de Montesinos e Fujimori segue a planear sobre a escena política peruana.

O 28 de xaneiro pasado, o presidente provisional, Valentín Paniagua, dirixía unha mensaxe á Nación por radio e televisión, para denunciar unha “conspiración para desestabilizar o Goberno”. Paniagua decidiu dar ese paso logo de que o programa Tiempo Nuevo da canle 4 da televisión local, emitise unha entrevista a un presunto gardacostas de Montesinos, na que ese individuo aseguraba que o actual presidente tivo vínculos comerciais e mesmo familiares con Luís Venero, un home de palla do ex asesor de Fujimori. O entrevistado chegou a dicir que Paniagua recibira cartos de Montesinos para financiar a súa campaña electoral ao Congreso.

Paniagua desmentiu tallantemente as acusacións. Ese mesmo individuo, asegurou por televisión que o actual ministro do interior, Antonio Ketín Vidal, traballou con Montesinos no outrora poderoso Servicio de Intelixencia Nacional.

Luís Venero, de 47 anos, foi detido o 26 de xaneiro en Miami polo FBI, logo de que a xustiza peruana emitise unha orde internacional de arresto. No momento da súa detención, Venero, que vivía en Estados Unidos dende 1998, tentaba retirar dun banco de Miami 3,7 millóns de dólares, parte dun deposito ao seu nome que podería chegar ata aos 15 millóns de dólares.

A tarefa do visionado dos vídeos de Montesinos por parte dos xuíces segue namentres, lentamente, de forma paralela á campaña electoral, e provoca día a día novas detencións. O alcalde da cidade limeña de Miraflores, Luís Bedoya, e o ex ministro da Presidencia, Tomás Gonzales, foron detidos a fins de xaneiro en Lima, logo de aparecer nun dos vídeos, Bedoya recibindo diñeiro de mans de Montesinos e Gonzales, o que amañou o encontro, presenciando a operación. Outros tres congresistas, catro xuíces do Supremo e o máis importante banqueiro peruano, aparecen recibindo diñeiro ou instruccións de Montesinos, nos vídeos visionados ata o momento.

A sorpresa para os investigadores foi descubrir que un dos congresistas que aparecen nun vídeo recibindo diñeiro, Ernestro Gamarra, tiña sona de grande loitador contra a corrupción do réxime. Gamarra acusara de tráfico de armas ao empresario Enrique Benavides, un fornecedor do Exército, aínda que agora descóbrese que as súas críticas foron coordinadas co propio Montesinos, para favorecer a outros provedores ligados a el, como Jorge Withembury e o norteamericano James Stone. Unha congresista, Elsa Vega, denunciou en xaneiro pasado que ao menos 38 parlamentarios que, en aparencia eran opositores de Fujimori e Montesinos, aparecen en vídeos comprometedores.

O Xurado Nacional Electoral, a Confederación de Institucións Empresariais Privadas (Confiep) e varios medios de prensa, pediron recentemente que os investigadores divulguen de inmediato os vídeos nos que aparecen personaxes políticos e cargos públicos, deste xeito estar seguros de que o proceso electoral está a facerse con transparencia. Pero a tarefa é moi lenta, a fins de febreiro só puideran ser controlados menos do dez por cento dos vídeos de Montesinos.

Namentres Perú volve á xurisdicción da Corte Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH) da que se retirou por decisión de Fujimori en 1999 e o pleno da Corte Suprema de Xustiza peruana mantén unha reunión co xuíz español Baltasar Garzón a fin de pedirlle consellos para desmontar o complexo armazón de corrupción montado polo ex presidente fugado e o seu asesor, a paranoia provocada pola videoteca de Montesinos está omnipresente.

Os peruanos pretenden desfacerse dunha vez por todas das lacras acumuladas durante os dez longos anos do trinomio Fujimori-Montesinos-Forzas Armadas e consolidarse como un país realmente democrático e con eficaces resortes de control dos seus representantes, pero ata que non se visione o último vídeo a inseguridade persistirá. En calquera entrevista a un político, empresario, ou cargo público peruano, sexa feita no propio país ou no estranxeiro, segue presente unha pregunta chave: “¿Pode vostede asegurarnos que non o veremos nalgún dos comprometedores vídeos de Montesinos?”.

Roberto Montoya é xefe da Sección Internacional de El Mundo e coautor, xunto a Daniel Pereyra, de “El caso Pinochet y la impunidad en América Latina”, Edit. Pandemia, La Rioja, Arxentina, 2000.

 

Notas

(1) O xefe da loita antidroga dos Estados Unidos, Barry McCaffrey agradeceu a axuda de Fujimori na loita contra do narcotráfico e recoñeceu ser “un grande admirador do que fixo por Perú, logrou milagres”. McCaffrey eloxiou tamén o labor realizado polo mandantario peruano contra dos grupos armados como Sendero Luminoso e o Movimento Revolucionario Tupac Amaru. Teletipo de Europa Press, do 20/12/2000, datado en Bogotá.

(2) O texto íntegro da Resolución Nº0552-76 GU/DP emitida polo tribunal militar o 06/10/1976 pode lerse en http://huamanazcurra.tripod.com/grid1.html.

(3) “Todos aqueles acusados de violacións de dereitos humanos, como o ex asesor del Servicio de Intelixencia Nacional, Vladimiro Montesinos, e o ex jefe do SIN, Julio Salazar Monroe, deben ser levados diante da xustiza”. Boletín de Amnistía Internacional AMR 46/34/00/s do 24/10/2000.

(4) “La voz que Fujimori no pudo callar”, artígo en El País do 26/05/2000.

(5) Entrevista en El Mundo do 11/11/2000.

(6) Fujimori, consciente de que as investigacións sobre Vladimiro Montesinos conducirían máis cedo ou máis tarde ata él, púxose a salvo, xustificando a súa viaxe sorpresiva a Xapón coma un intento de obter préstamos do país dos seus pais. Fujimori, sen embargo, non volvería, sostendo que en Perú existe unha “persecución política” na súa contra. O ex presidente peruano ocultou ao asumir o poder, que tamén tiña nacionalidade xaponesa, o que o salvagardaba dunha eventual pedida de extradición ao Perú.

(7) A revista colombiana Cambio, revelou as declaracións feitas por Chávez Peñaherrera, nas que recoñeceu que entre xuño de 1991 e maio de 1992 pagou a Vladimiro Montesinos 50.000 dólares mensuais de comisión por permitirlle realizar os seus negocios libremente, e advertirlle mesmo dos operativos antidrogas.

(8) Entrevista concedida á revista colombiana Cambio e reproducida por El País o 12/02/2000.

(9) As declaracións do turco Sarkis Soghanalian, coñecido coma “O mercader da morte”, realizadas a Los Angeles Times (publicadas o 01/11/2000) botaron luz a éste caso, ao confirmar que foi persoalmente Vladimiro Montesinos quen coordenou toda a operación e mediou para que a súa comisión lle fose pagada na Embaixada peruana de Madrid.

(10) Teletipo da axencia EFE do 06/02/2001.
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/04/2001