| Tempo Exterior nº 2 segunda época - xaneiro/xuño 2001 Resume - Resumen - Abstract |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| A cooperación municipalista: o Fondo Galego | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Alfredo Novoa e Xulio Ríos |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
A ninguén escapa o feito de que a realidade da cooperación ao desenvolvemento en Galicia é escasamente estimulante. Refírámonos ás distintas Administracións ou aos distintos actores da sociedade civil (partidos políticos, sindicatos, ongds, etcétera), a situación xeral dista de ser óptima ou motivo de mínima satisfacción. ¿Quere isto dicir que Galicia non é solidaria? Así formulada a cuestión, a resposta sería, cando menos, equívoca. Sabemos de situacións de emerxencia humanitaria nas que a sociedade galega respondeu a un nivel satisfactorio aos chamamentos de solidariedade. Non existe base ningunha para afirmar que Galicia non é solidaria, máis alá da simple constatación empírica das cifras. En primeiro lugar, cómpre salientar que os galegos tamén se decatan perfectamente desoutras cifras que arrepían ao conxunto da humanidade. Se en 1960 o 20 por cento da poboación rica tiña uns recursos 30 veces superiores aos do 20 por cento dos máis pobres, en 1995 os recursos dos máis ricos ¡eran 82 veces superiores!, afirma Ignacio Ramonet(1). Ou que en máis de 70 países a renda per cápita é inferior hoxe á que tiñan hai vinte anos... Que a escala planetaria, 3 mil millóns de persoas –¡a metade da humanidade!– viven con menos de 2 dólares diarios. Por último, estimacións de Nacións Unidas amosan que as 225 persoas de maior fortuna do planeta posúen un patrimonio equivalente á renda anual acumulada de 2.500 millóns de persoas, é dicir, o 40 por cento da poboación mundial. A fortuna das 15 persoas máis ricas é superior ao PIB total do conxunto dos países da África subsahariana... Estas informacións, tan contundentes como imposibles de negar, están a disposición de todos e, en maior ou menor medida, a percepción social de semellante desfeita é tan real como ampla. ¿Que falla, logo? Non fallan os galegos, fallan as estructuras. Ben é verdade, que Galicia parte dunha situación de atraso en moitas esferas e que a pesar dos moitos avances experimentados nos últimos anos sitúase na cola das Comunidades Autónomas nos diversos índices de clasificación do desenvolvemento. Pero noutras Comunidades con semellantes ou peores índices, o compromiso coa cooperación internacional é maior. En Galicia, na práctica unanimidade dos axentes sociais non existe unha sensibilidade suficiente como para evidenciar un compromiso maior. Con todos os matices que queiramos, pero falemos de partidos políticos, de asociacións empresariais, de organizacións sindicais, do mundo universitario, a cooperación internacional ou é algo moi secundario ou é o novo “cabalo de troia” do liberalismo co que se tenta suavizar as contradiccións existentes en determinadas sociedades ou adormecer aos movementos progresistas e revolucionarios. Moi fragmentado, o propio movemento das ONGDs carece de fortaleza e solidez suficiente, en moitos casos carece de dinámica propia e desperta desconfianzas noutros actores. No mundo universitario galego non existen espacios para a reflexión e dende as entidades investigadoras os proxectos promovidos non lograron callar ante a imposibilidade de coutar a enorme atomización social existente, mesmo a un nivel tan elemental como a de creación dun centro compartido de documentación. Tanto minifundismo non favorece o compromiso solidario e a carencia de mecanismos que impulsen a cooperación entre nós mesmos, dificulta a plasmación de cambios cualitativos. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (FOGACOSO) xurde en decembro de 1997 como concreción dese esforzo por habilitar estructuras no país que vertebren a solidariedade e a cooperación internacional doutro xeito, en suma, cooperando aquí primeiro, para poder cooperar no exterior con máis eficacia e coherencia. Soamente mancomunando esforzos estariamos en condicións de propiciar ese salto cualitativo que Galicia precisa e a nosa sociedade demanda. O proceso de xestación do FOGACOSO iniciouse en 1995 nunha xuntanza mantida entre o Igadi e a Fegamp, presidida entón por Julio Álvarez, alcalde de Quiroga (Lugo). Con certa receptividade pero nun momento escasamente oportuno debido ó proceso de achegamento vivido pola FEGAMP e a Federación Galega de Concellos, o proxecto debeu demorarse. Ese tempo de prórroga foi aproveitado para realizar un amplo traballo de campo a fin de coñecer o estado real da cuestión, resumido nun pequeno estudio publicado na revista Grial(2). Resolto pola FEGAMP o seu proceso de unificación, o 30 de novembro de 1996 celebrouse na Residencia de Patos (Panxón-Nigrán) un encontro impulsado polo Igadi, os concellos de Nigrán e Oleiros, a Dirección Xeral de Relacións Institucionais da Xunta de Galicia, a FEGAMP, o Centro de Información de Nacións Unidas en España, e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), co obxecto de debater entre os Concellos e as ONGs a posibilidade de impulsar esta iniciativa. Aquela xornada sobre “A xestión local da solidariedade internacional” serviu para que a Administración local galega, como se recolle nas conclusións, asumise “como liña de actuación propia a participación en proxectos e programas de solidariedade internacional”. O encontro decidiu trasladar á FEGAMP a proposta de crear un “Fondo Local Galego para a Cooperación e a Solidariedade”. Creouse a seguir unha Comisión Mixta de carácter técnico entre representantes do Igadi e da FEGAMP, presidida por Anxo Quintana e Xulio Ríos, para avanzar na realización dos obxectivos fixados e crear un Fondo Galego. Deuse traslado a todos os Concellos, Deputacións e ONGs daquel primeiro estudio sobre a realidade da cooperación en Galicia, publicáronse artigos en prensa para situar o tema no punto de mira da opinión pública, intentando sensibilizar, provocar certo debate e presencia do problema. Esta Comisión Mixta decidiu convocar unha xornada de traballo para o 30 de maio de 1997 na Escola Galega de Administración Pública cun triple obxecto: coñecer as experiencias de funcionamento dalgúns dos Fondos existentes no Estado; avanzar no deseño do perfil do que debía ser o Fondo Galego; e constituír unha comisión xestora para a creación do devandito Fondo. Todas as entidades locais e provinciais galegas foron convidadas. Coa participación de representantes da FEMP, do Fons Mallorquí e de Euskal Fondoa, a xornada resultou un éxito total, pois aínda sen ser moitos os participantes, si se constatou a existencia dunha clara e decidida vontade para acelerar os acontecementos. Elaborada a Declaración Programática e os Estatutos, ambos os dous documentos son sometidos a debate e consulta de todos os Concellos que participan no proceso fundacional, á propia FEMP, á FEGAMP, e mesmo aos diferentes Fondos existentes no Estado cos que comeza a artellarse unha relación de colaboración e entendemento cada vez máis estreita. Recollidas as oportunas suxestións, o 27 de xuño de 1997 reúnense en Santiago os representantes dos Concellos do Carballiño, Fene, Moaña, Porto do Son, Corcubión, Nigrán, O Irixo, Oleiros, Allariz, Culleredo, Arteixo e do propio Igadi. Aprobados e asinados, formalízase a presentación dos Estatutos no rexistro correspondente, inscribindo a entidade o 4 de setembro de 1997. A proximidade das eleccións autonómicas (19 de outubro de 1997) aconsellou unha certa ralentización do proceso para evitar que no mesmo interferisen tensións alleas que podían menoscabar o imprescindible consenso que debía animar e presidir o proceso de constitución do Fondo. O 12 de decembro de 1997 reuníronse novamente os Concellos promotores e o Igadi para asinar a Declaración Programática, elixir a súa Comisión Executiva e aprobar o baremo de cotas mínimas.
A Declaración Programática é o nexo filosófico, a base mínima de entendemento para o exercicio das políticas de cooperación e solidariedade por parte das Administracións locais galegas. As reflexións de maior interese deste texto son as seguintes: • Reivindica a necesidade dun compromiso das institucións para superar a realidade dun mundo dividido en sociedades ricas e empobrecidas, e asume a xestión local dese compromiso, entendido como “un espacio de encontro entre as diferentes sensibilidades políticas e partidarias... evitando atomizacións, competitividades estériles, fraccionamentos ou duplicidades”. • O Fondo entende a cooperación como un método e unha estratexia para vertebrar a solidariedade cos pobos e sociedades máis desfavorecidas, comprometendo, impulsando e propiciando a creación dun tecido solidario en cada poboación de xeito que se abra camiño a esixencia dunha nova orde económica internacional máis xusta e a erradicación daquelas trabas e impedimentos que dificultan a eliminación da pobreza e as desigualdades. • Apóstase polo compromiso co fortalecemento do poder local e democrático nos pobos en vías de desenvolvemento para facilitar a súa incorporación a procesos de progreso baseados en transformacións políticas, económicas e sociais que aseguren un maior e pleno respecto dos dereitos humanos. • Considera de enorme valor impulsar a sensibilización e comprensión cidadá arredor da necesidade de exercer unha rica e maior solidariedade do Norte co Sur, con políticas xenerosas e abertas á participación plural dos diferentes e múltiples axentes sociais, conscientes de que non soamente se trata de favorecer con estas políticas un desenvolvemento sostible e integral nos países destinatarios de axuda senón igualmente de incrementar a conciencia social e crítica dos nosos cidadáns, de potenciar a recuperación dunha ética firmemente asentada en valores humanistas, de convivencia pacífica, tolerancia e igualdade entre todas as persoas.
Destacariamos as seguintes: • Democratización da cooperación. A maior parte dos Concellos galegos son entidades pequenas cun reducido presuposto. Para moitos, achegar 50.000 pesetas anualmente para cooperación ó desenvolvemento significa comprometer máis do 0,7 por cento. E os que máis contribúen (Oleiros, Vigo, por exemplo) aproxímanse ós quince millóns de pesetas. O Fondo, como estructura aglutinadora e tamén racionalizadora permite a todos apostar por unha cooperación de máis envergadura e maior calidade. A suma das pequenas achegas de moitos Concellos facilita a súa implicación e a da sociedade local no desenvolvemento de proxectos e en campañas de sensibilización. O Fondo é o instrumento idóneo para viabilizar ese compromiso. Para as entidades medianas e grandes, con experiencia e tradición na materia, o Fondo proporciona ese instrumento de coordinación indispensable en asuntos como as bases das convocatorias, o seguimento e control de proxectos, e facilita a homologación e a homoxeneización das actuacións, brindando a posibilidade de implicarse en iniciativas de maior calado. Cómpre ter en conta que o Fondo, por exemplo, está presente na Comisión Interterritorial de Cooperación do Ministerio de Asuntos Exteriores que creou a Lei 23/1998 de 7 de xullo de cooperación internacional para o desenvolvemento, e é un interlocutor con entidade suficiente como para establecer negociacións con entidades como a AECI (Axencia Española de Cooperación Internacional) que dificilmente pode abordar calquera Concello galego individualmente, ou mesmamente para acceder a financiamento comunitario. Igualmente, o Fondo, cunha ampla representatividade asociativa, está en condicións de artellar compromisos con estas políticas tanto das obras sociais das entidades financeiras como daqueloutras empresas que contan con estas Administracións públicas entre os seus principais clientes. Así pois, o Fondo garante, en primeiro lugar, a participación de todos e posibilita a suma e optimización de esforzos para levar a cabo unha cooperación máis intensa. Pero, naturalmente, a democracia esténdese tamén aos mecanismos de funcionamento interno. Cómpre destacar neste sentido que debe celebrar unha asemblea ordinaria anual como mínimo e que a resolución da convocatoria de proxectos, un dos actos principais que desenvolve ao longo de cada ano, debe ser aprobada pola Asemblea de socios en convocatoria extraordinaria. • Preocupación por consolidar a cooperación como un lugar de encontro das diferentes opcións políticas presentes no municipalismo. Nese sentido, o Fondo é un claro espello desa pluralidade. E non soamente están presentes no Fondo Concellos gobernados por diferentes partidos políticos, todos sen excepción, senón que o máis común é que as decisións plenarias de adhesión se adopten por unanimidade. Este consenso, avalado tamén polo respaldo da propia FEGAMP, é un factor principal que facilitou o progresivo achegamento ao Fondo e á cooperación de moitos Concellos que ata entón estaban á marxe deste importante capitulo da acción pública local. Pero lugar de encontro tamén no sentido de estender ese compromiso a outros colectivos e sectores con certa capacidade de influencia social. Nesa liña orientouse no seu día a redacción por parte de Carlos Casares, o presidente do Consello da Cultura Galega, do Bando municipal que dá a coñecer á cidadanía a decisión de incorporarse ó Fondo; e outras iniciativas como “Palabras con Fondo” –financiada pola Obra Social de Caixagalicia– na que vintetrés autores do país, tantos como letras do noso alfabeto, reflexionan en común sobre a cooperación e os valores solidarios; ou esa aceptación da Asociación Galega de Editores da proposta de introducción dunha “cláusula solidaria voluntaria” nos contratos de edición cos respectivos autores, brindando ao mundo intelectual a oportunidade de materializar un esforzo concreto de compromiso na construcción dunha sociedade universal máis digna e humana, quizais modesto economicamente pero cualitativamente pleno de significación. Cómpre destacar igualmente, o acordo logrado cos sindicatos da función pública local para incorporar ao conxunto de delegados, xuntas de persoal, seccións sindicais e empregados públicos locais, a dinámicas de cooperación. O soporte humano dos Concellos e Deputacións queda así estreitamente vinculado a un proxecto que nacendo da Administración non pode dar as costas a un colectivo tan importante e no que asenta. Todas as organizacións sindicais estiveron á altura da iniciativa e dispostas a mobilizar a este continxente para implicalo: dende a achega de recursos para o financiamento de proxectos ata o compromiso persoal e profesional con iniciativas municipalistas a desenvolver en comunidades do Sur. • Aposta por un modelo mixto de xestión da cooperación, directa e indirecta, é dicir, mediante o financiamento dos proxectos que as ONGDs presenten ao Fondo, e a través da cooperación directa con municipalidades ou entidades municipalistas do Sur. Nese sentido, cómpre sinalar que dende o momento mesmo da súa creación, o Fondo Galego presentouse á Coordinadora de ONGDs e constituíu un Consello Municipalista da Cooperación aberto á participación de todas as ONGDs no que se discuten e consensúan as Bases da convocatoria anual para o financiamento de proxectos. O financiamento de proxectos de cooperación directa iniciouse no 2000 e con cargo basicamente a fondos extraordinarios procedentes de derramas dalgúns Concellos. • Un réxime de cotas pedagóxico e progresivo. Os asinantes da Declaración Programática asumen o compromiso de promover unha aproximación progresiva da porcentaxe do orzamento ordinario da respectiva Corporación destinada a políticas de cooperación ó mínimo do 0,7 por cento. Naturalmente, a realidade actual dista bastante dese obxectivo. A idea inicial dos promotores do Fondo foi a de que o diñeiro non fose escusa para non participar no proxecto, priorizando nesta primeira etapa o alargamento da base asociativa. A cota mínima anual defínese a partir da suma dunha cota fixa, establecida en función dun baremo de poboación, máis ¡dúas pesetas por habitante! (segundo os datos do Padrón municipal vixente). En Cataluña, por exemplo, superan a media das oitenta pesetas por habitante. A fórmula establecida é o suficientemente clara como para alentar un compromiso económico maior que poida ser comprendido non soamente polos integrantes dunha determinada Corporación senón polo conxunto da cidadanía. No caso das Deputacións, diferéncianse as de A Coruña e de Pontevedra (1.500.000 pesetas) das de Ourense e Lugo (1.000.000 pesetas).
Cómpre sinalar igualmente que algúns Concellos transfiren ó Fondo a totalidade da partida consignada nos seus orzamentos para esta finalidade. Cando se trata de cantidades que non superen os cinco millóns de pesetas é o máis recomendable. A entidade evita así a realización dunha convocatoria propia e pode acordar directamente co Fondo que proxectos lle interesa cofinanciar. Nese sentido, cómpre destacar a importancia da “Declaración das Cidades” asinada o pasado 5 de marzo de 2001 en Santiago de Compostela polos representantes das sete cidades galegas. Nese documento, as cidades apostan por “contribuír en maior medida ó financiamento de proxectos concretos de cooperación ó desenvolvemento avalados polo Fondo Galego mediante a progresiva transferencia ao mesmo da partida orzamentaria que cada un destina a este concepto...”, pronunciándose tamén “pola progresiva consolidación dunha convocatoria municipalista única de axudas a ONGDs para o financiamento de proxectos de cooperación, que se xestionaría a través do Fondo Galego”. A implementación efectiva desta Declaración marcará un punto de inflexión nas dinámicas de cooperación en Galicia. Outros recursos económicos do Fondo proceden de campañas locais ou de donativos de particulares. • Integración na Confederación de Fondos. A Confederación é un marco de coordinación e representación conxunta de todos os Fondos existentes no Estado: Catalán, Vasco, Valenciano, Mallorquí, Menorquí e Pitiús (Eivissa e Formentera). Recentemente creouse tamén o Fondo Andaluz. Ademais de conciliar vontades para a difusión deste modelo de cooperación, intercambiar experiencias que sempre enriquecen a todos, a Confederación asume o papel de lobby e a interlocución común ante as institucións estatais, europeas e mundiais, partindo da asunción de puntos de vista comúns. A Confederación, reunida en Santiago de Compostela o 5 de febreiro de 1998, expresou o seu total e decidido apoio ó Fondo Galego. Nos últimos anos os distintos Fondos experimentaron un auxe moi importante tanto en número de socios como de recursos xestionados. No ano 2000 entre os oito Fondos que conforman a Confederación aglutinaban a máis de 550 Corporacións locais e xestionaban algo máis de 1.400 millóns de pesetas, que representa entre un 10 e un 15 por cento do total das achegas das entidades locais do Estado español e aproximadamente un 0,5 por cento da Axuda Oficial que realiza o Estado. Aínda sendo conscientes das limitacións, a nivel cuantitativo, que teñen estas accións dentro do escenario internacional da cooperación, a súa forza radica na calidade da cooperación que desenvolven, unha cooperación que nace das institucións locais para que sexa destinada a proxectos de desenvolvemento local.
No inicio da etapa constituínte aprobouse un documento de “Orientación Estratéxica” que perseguía fundamentalmente o asentamento do Fondo e atraguer máis entes locais, maior número de recursos económicos, completar a viabilización administrativa e legal, asegurar a integración en foros e institucións de interese, difusión pública. Nese documento defínense tamén os ámbitos temáticos e sectoriais de traballo. Os pasos contemplados fóronse cumprindo e na Asemblea celebrada o 15 de Outubro de 1999, que pechou oficialmente esa primeira etapa, déronse por cumpridos os obxectivos iniciais, fundamentalmente o asentamento. A segunda etapa comezou o 3 de novembro de 1999, coas novas Corporacións locais e provinciais xa constituídas e completado o proceso de renovación dos respectivos representantes no Fondo, coa aprobación dun “Programa de Actuación” que contempla as principais estratexias para o período 1999-2003. Partindo do feito de que o Fondo Galego está a botar raíces no municipalismo, afianzándose cada vez máis como unha referencia dinámica das políticas públicas de cooperación e solidariedade, define como obxectivos elementais do novo período os seguintes:
As liñas de traballo para este novo período son as seguintes:
Na convocatoria de 1998 financiáronse os seguintes proxectos: construcción dunha casa de acollida para menores en alto risco social (Guatemala, Arquitectos Sen Fronteiras); instalación dunha rede de auga potable (Perú, Amigos Escaes); construcción de módulos básicos para servicios hixiénicos e lavandería (Perú, Inti), por un valor total de 3.922.565 pta. En 1999, financiouse a construcción dun muíño para facilitar o traballo das mulleres (Nicaragua, Axunica); o desenvolvemento dunha zona en base á conservación de áreas naturais e o fomento do ecoturismo e técnicas gandeiras de baixo impacto (Bolivia, Natura Hispánica); a ampliación dunha escola e a construcción de letrinas para 400 alumnos (Angola, Intermón); a instalación de emisoras de radiocomunicación para as poboacións indíxenas (Perú, Paz e Solidariedade), por un importe total de 6.754.876 pta, un 72,2 por cento máis que na convocatoria anterior. Así mesmo, o Fondo canalizou axudas de carácter urxente para Timor e Cósovo. Na convocatoria do ano 2000 prodúcense novidades importantes. Dunha banda, o Fondo Galego comeza a xestionar a cooperación directamente, é dicir, sen a intermediación de ONGs, participando no financiamento de dous proxectos en colaboración con entidades do Sur. Trátase da construcción dunha ponte en Guatemala, e da construcción de vivendas en Nicaragua. As contrapartes son, respectivamente, a entidade municipalista INCIDE e a Fundación Augusto César Sandino. En ambos os dous casos, o Fondo, achegando unha cantidade inicial, aspira a cofinanciar a totalidade dos proxectos con contribucións extraordinarias dalgúns Concellos. Esta liña de traballo aposta por incrementar as cantidades destinadas a xestión directa que se sitúan de entrada nunha terceira parte da totalidade dos recursos manexados polo Fondo Galego. Nesta convocatoria, ademais, persevérase na vía tradicional, financiando os proxectos presentados por Cosal (construcción dunha rede de auga potable en El Salvador), Amigos Escaes (instalación dun módulo de ovinos en Perú), Entrepobos (mellora do bosque, en Ecuador) e Intermón (producción económica de agricultores en Haití). O importe destas axudas ascende a 8.509.162 pta, que sumados ós catro millóns iniciais destinados a cooperación directa sitúanos nun total superior ós 12,5 millóns de pesetas e con posibilidades de multiplicar por tres o importe dos recursos destinados a este fin en 1999. Ademais do control e seguimento durante o proceso de execución, establécense dous mecanismos adicionais. En primeiro lugar, a cantidade que resta por entregar non se libra ata que por parte do adxudicatario se achegue o correspondente informe-memoria da actividade desenvolvida, con explicación dos pormenores, ilustración gráfica e resume contable. Así mesmo, o Fondo Galego, a través da Confederación de Fondos, dispón dunha Oficina de Seguimento de Proxectos en Managua, Nicaragua, que efectúa visitas a todos os proxectos emitindo con posterioridade un amplo informe sobre a consecución de obxectivos. Esta Oficina constitúe unha valiosa axuda en toda a área centroamericana e do Caribe para asegurar a realización dos proxectos en debida forma. Similar importancia ten o feito de que o Fondo non actúe en accións de emerxencia humanitaria, nas que resulta máis difícil o control da xestión da axuda. O Fondo prioriza o desenvolvemento sobre outras actuacións pois considera que é na superación desa situación de prostración que radica a propia capacidade de acceder a maiores niveis de progreso e benestar. Na medida en que a cooperación engloba a todas as situacións de inxustiza, marxinalidade, etc, á hora de establecer as políticas locais de cooperación priorízanse algunhas zonas xeográficas e algúns sectores máis vulnerables, co fin de lograr unha máxima eficacia no uso dos recursos. Parcialmente, as políticas de cooperación a impulsar pola Administración local galega poderán asumir unha orientación específica respecto daquelas comunidades máis afíns por razóns de índole histórica, económica, social ou política, sen establecer discriminacións por razóns de orde ideolóxica.
No mundo da cooperación local, hai un antes e un despois do Fondo. Pouco a pouco, o FOGACOSO vai formando parte dese vocabulario común da cooperación en Galicia. Faltan aínda fórmulas que lle permitan unha maior presencia e unha maior visibilidade social, pero en poucos anos conseguiu vertebrar un novo modo de actuar. Contar cunha infraestructura así vainos permitir ademais apostar máis seriamente pola creación de foros de debate e de encontro para as persoas que dende o municipalismo e a cooperación se preocupan por estes temas (tanto responsables políticos como técnicos). Importa especialmente consolidar ese avance no conxunto da base asociativa. A transferencia de recursos non significa o traspaso de responsabilidades. As novas posibilidades que brinda a existencia do Fondo deben aproveitarse por reforzar a identidade da cooperación a nivel local, comezando pola designación de responsables políticos desta materia, claramente diferenciada de benestar social e máis próxima a unha acción exterior de signo local, e propiciando o agrupamento dos recursos e políticas hoxe, en moitos casos, aínda dispersos en numerosos departamentos. Que a identidade do Fondo se perciba máis debe ir acompañado da superación a nivel de cada Concello ou Deputación dese armazón de funcións que oculta ou desvaloriza o compromiso coa cooperación ó desenvolvemento e a solidariedade. É unha materia a desenlear. O éxito do Fondo Galego e da idea dos Fondos é un éxito da cooperación descentralizada, ese conxunto da cooperación que non corresponde ás instancias do goberno central, é dicir, a desenvolvida tanto polas administracións públicas das comunidades autónomas e locais como polas organizacións non gobernamentais. Dende que xurdiu, arredor do ano 1985-86 non fixo máis que medrar, especialmente, a contribución das entidades locais e provinciais. O seu avance considérase inseparable da súa capacidade para sintonizar máis directamente coas comunidades en vías de desenvolvemento, da afirmación do poder democrático local, e do incremento do compromiso ético das nosas cidadanías. O Fondo Galego simpatiza con esta maneira de cooperar que dá protagonismo á sociedade civil, tanto do Sur como do Norte, emprazándoa en todo momento na participación da toma de decisións, a través do diálogo e a acción conxunta. Por iso, no momento de traballar coas contrapartes nos países empobrecidos concédese especial importancia a que estas presenten proxectos que teñan en conta as demandas da poboación local, evitando así o financiamento de proxectos que en realidade non son os desexados pola sociedade civil. O signo que identifica a cooperación impulsada dende o Fondo Galego e, en xeral, a cooperación descentralizada, é o fomento de iniciativas que reforcen o proxecto estratéxico do municipio, afondando en métodos de democracia máis participativa dentro do ámbito municipal e en liñas de actuación directamente relacionadas coa implementación das competencias e funcións propias dos Concellos. Compréndese entón que o Fondo Galego queira ir máis alá da mera urxencia e aspire a arbitrar programas sólidos e permanentes centrados no desenvolvemento estructural desas comunidades que, a pesar de representar a maior parte da demografía mundial, van no furgón de cola da “nova economía”.
Alfredo Novoa é presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e Xulio Ríos é director do Igadi. |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| ANEXO A composición do Fondo Galego a marzo de 2001 é a seguinte: Comisión Executiva Concello de Oleiros (Presidencia), Concello de Allariz (Vicepresidencia), Concello de Fene (Tesourería), Secretaría (Igadi), Vocalías: Concello de A Pobra do Caramiñal, Concello de Quiroga, Concello de Santiago de Compostela, Concello de Culleredo, Deputación de Pontevedra. Socios
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Notas (1) Ramonet, Ignacio. El consenso de Porto Alegre, El País, 12/02/2001. (2) Ríos, Xulio. Poder local e cooperación internacional, Grial 132, 1996. |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/04/2001
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||