| Tempo Exterior nº 1 segunda época - xullo/decembro 2000 Resume - Resumen - Abstract |
| Polonia e Solidarnosc, a máis longa transición |
|
Xulio Ríos |
|
Unha mirada atrás ás últimas dúas décadas da historia polaca, anos decisivos para constatar unha fonda transformación do país en todos os ámbitos, permítenos advertir a día de hoxe como a pesar dos numerosos cambios producidos, permanecen inalterables as constantes fundamentais do seu acontecer político. Se en agosto de 1980, emerxía o movemento socio-sindical Solidarnosc en condicións de botar un pulso en toda regra ó poder do POUP (Partido Obreiro Unificado de Polonia), no 2000, os continuadores de ambos actores continúan a protagonizar a vida política polaca. O 8 de outubro, Marian Krzaklewski, presidente do sindicato Solidarnosc e líder da gobernante Acción Electoral Solidariedade, e Aleksander Kwasniewski, da Alianza de Esquerda Democrática, herdeira en certa medida do POUP, mediron as súas forzas nuns novos comicios presidenciais, escenificando a permanencia daquela rivalidade, por fortuna, hoxe desenvolvida polos camiños institucionais trazados. Malia á persistencia desa dualidade social e ós duros enfrontamentos do pasado, a cohabitación é a outra cara da vida política polaca. A fenda aberta en 1989 a partir dos compromisos adquiridos na denominada mesa redonda e os resultados das eleccións do 4 de xuño dese mesmo ano, propiciaron o acceso ó poder das forzas emerxentes cunha forza demoledora. Pero o trunfo da esquerda nas lexislativas de 1993 obrigou ó presidente Lech Walesa a practicar unha difícil coexistencia cos seus demonizados rivais. Dous anos despois, a perda da Presidencia en favor do poscomunista Aleksander Kwasniewski abriría unha breve etapa de paz institucional que experimentará unha nova reorientación a partir dos comicios lexislativos de 1997, que impoñen un novo xiro á dereita. Tan activo ritmo do proceso de alternancia natural esixe dos actores principais a plasmación dunha vontade política de coexistencia que garanta un mínimo de estabilidade. Pero nun contexto de atomización partidaria, en Polonia, o sentido da cohabitación adquire unha dimensión moito máis extensa. En primeiro lugar, cabe referila ó Presidente e o goberno de centrodereita, pero tamén no seo das propias dereitas –conservadora e liberal– representadas no gabinete, e nas esquerdas –socialista, demócrata, sindical– que participan coligadas no exercicio da oposición. Esa experiencia de cohabitación entre as institucións presidencial e gobernamental contribuíu á estabilización do sistema e á acreditación da solvencia dos órganos e mecanismos establecidos para a resolución das diferencias. Trátase dun empeño nada doado pois en sectores cualitativamente significativos da sociedade polaca aínda pesa a convicción de que non levaron a revolución ata o final, sectores que convidan con certa reiteración a culminar o proceso de ruptura e descomunización que en Varsovia foi interrompido polas negociacións da mesa redonda mentres nos demais países da zona, poucos meses máis tarde, todo decorría a gran velocidade. Para pór fin ós sentimentos de desquite e ó clima de delación, a denominada lei de lustración, aprobada no remate do mandato da esquerda, impón a todos os candidatos a desempeñar funcións públicas, a obriga de declarar a súa pertenza ós servicios especiais do antigo réxime. É afrontando as servidumes do pasado e asentando a práctica desa cohabitación como máis medrou o prestixio e a consideración política de Aleksander Kwasniewski entre a propia cidadanía. Pola contra, máis dificultades presenta a cohabitación entre as diferentes dereitas, ideoloxicamente moito máis próximas entre si, pero desconcertadas pola ampla capacidade de adaptación ó novo contexto das formacións rivais. Tampouco na esquerda se deserta das tensións, pero os seus matices e consecuencias están revestidas dun menor dramatismo. O devir político de Polonia vén caracterizado polas seguintes claves:
Movemento campesiño (PSL-Polskie Stronnictwo Ludowe); sindical (NSZZ-Solidarnosc e OPZZ-Ogólnopolskie Porozumienie Zwiazkow Zawodowych); dereita tradicional católica, confesional (ROP-Ruch Odbudowy Polski), laica (KPN-Konfederacja Polski Niepodleglej, UW-Unia Wolnosci) e radical (KdR-Coalición pola República); esquerda alternativa (UP-Unia Pracy) e aggiornada (SDRP-Socjaldemokracja Rzeczpospolitej Polskiej) e, por suposto, Lech Walesa e o seu movemento de apoio ás reformas dos sen-partido (BBWR-Bezpartyjny Blok Wspierania Reform), ou Monseñor Jozef Glemp, primado da Conferencia Espiscopal Polaca, todos seguen aí, case invariables, acreditando a actualidade de tendencias, formacións e persoeiros que protagonizan e condicionan a evolución do país. Principiando pola Igrexa, cómpre sinalar que, en efecto, segue a ser unha forza determinante e moi influínte social e politicamente. Certo que a situación mudou nos últimos tempos e xa non desempeña aquel papel mediador esencial e tan característico dos últimos anos da democracia popular; sen embargo, conserva aínda unha ampla capacidade de intervención e de respecto por parte doutros actores que se traduce en consecuencias prácticas. Basten un par de exemplos. A nova Constitución, aprobada en referendo o 25 de maio de 1997, non contou co beneplácito eclesial; estímase que esa inhibición activa do clero é unha das claves que explican a desmobilización da sociedade que soamente acudiu ás urnas nun 42,86 por cento do censo. Os votos afirmativos foron do 52,71 por cento. O texto, pactado pola Unión Democrática, a Alianza da Esquerda Democrática e a Unión do Traballo, foi contestado polas dereitas máis próximas e identificadas con Solidarnosc. Dáse o dobre paradoxo de que Polonia, en boa medida pioneira na demolición do socialismo ir-real, é quen máis tardou en dotarse dunha nova Constitución; e, para máis inri, esta chegaba da man dos poscomunistas. Máis recentemente, por exemplo, en decembro de 1998, en pleno goberno de Jerzy Buzek, a presión eclesiástica foi determinante para a aprobación pola Dieta (Parlamento) dunha lei que suprime a educación sexual obrigatoria, medida aprobada en tempos do gabinete de esquerda (1993-97), sendo primeiro ministro Wlodzimierz Cimoszewicz. Aquela tradición mediadora, por último, é un recurso hoxe extremo para intervir en conflictos sociolaborais de gran repercusión como aconteceu coa folga dos médicos anestesistas (1998). Noutra orde, a actitude a respecto de asuntos de grande importancia para a Igrexa (aborto, por exemplo), continúan a marcar as aguas na vida política polaca e explicitan esa pugna constante entre o impulso evanxelizador e as resistencias á clericalización social que lideran tanto sectores da esquerda como da propia dereita máis europeísta e laica. No seo da Igrexa Católica polaca persisten os máis rancios fundamentalismos, expresados en forma tanto de antisemitismo (Henryk Jankowski, ex-confesor de Walesa) como de xenofobia e antieuropeísmo (principalmente a Radio Maryja que anima o padre Tadeusz Rydzyk). Solidarnosc segue a ser un movemento atípico, a medio camiño entre un sindicato e unha formación política. No seu X Congreso, celebrado do 24-26 setembro de 1998, foi reelixido presidente Marian Krzalewski, unha figura en alza, principal punto de referencia da gobernante Acción Electoral Solidariedade, unha alianza formada en xuño de 1996 e que agrupa a uns trinta partidos e organizacións xurdidas do movemento de 1980. Krzalewski foi o principal artífice dese novo reagrupamento trunfante e significouse como o principal rival de Aleksandr Kwasniewski na convocatoria presidencial do 8 de outubro último. No X Congreso aprobouse a incompatibilidade de cargos no sindicato e no goberno, segundo algúns, como consecuencia das críticas de Walesa á participación de Solidarnosc no propio gabinete de Jerzy Buzek. A pesar da súa marxinalidade na vida política polaca, Walesa conserva aínda unha notable influencia moral en todo o movemento. Os dez millóns de afiliados a Solidarnosc de comezos da década dos oitenta reducíronse nun noventa por cento. O seu principal rival, a OPZZ que dirixe Ewa Szpychalska, movemento sindical vencellado á Alianza de Esquerda Democrática, supera os dous millóns, dos que uns 600.000 pertencen ó colectivo de ensinantes. A diferencia das organizacións sindicais europeas, ambas centrais contan con deputados propios no Parlamento, a semellanza das cotas reservadas no réxime anterior para garantir a representatividade sindical, se ben agora resultantes dunha concorrencia electoral común na que os sindicalistas intégranse nas listas dos partidos ou coalicións. En Polonia, os sindicatos fan política sen complexos. Paradoxalmente, Solidarnosc mantén unha forte implantación en sectores e empresas moi ligadas ó vello sistema e, na práctica, vese na obriga de defender a viabilidade productiva dos bastións da vella industria socialista. É o caso, por exemplo, da fábrica de tractores Ursus, de tanta transcendencia simbólica hoxe como no seu día foron os Esteleiros de Gdansk, onde nacera Solidarnosc. En tempos de Edward Gierek, primeiro secretario do POUP entre 1970 e 1980, en Ursus producíanse 100.000 tractores cada ano, pero hoxe a producción non pasa de 16.500 e o seu cadro de persoal descendeu de 25.000 a 12.000 obreiros. O sindicato xestiona a fábrica dende 1990. As súas débedas son enormes e moitos temen que siga igual destino que os esteleiros de Gdansk, pechados en marzo de 1999 depois de tres anos en situación de quebra irremediable. Ursus ademais é un dos principais centros de poder de Jan Olszewski, líder do Movemento de Defensa da República. Zygmunt Wrzodak, líder da fábrica e militante do Movemento, invita ós traballadores a loitar contra a masonería satánica e reivindica o establecemento dun Estado Católico da Nación Polaca. Os anticomunistas da Confederación de Polonia Independente (ZCHN) tamén continúan en Solidarnosc, un movemento que con compoñentes radicais tan activos, dificilmente pode evitar a súa instrumentalización en beneficio da dereita máis visceral. Probablemente, a maior de todas as evolucións foi a experimentada pola Socialdemocracia da República de Polonia (SDRP), os herdeiros do vello POUP. A SDRP é a columna vertebral da Alianza de Esquerda Democrática que gobernou o país entre 1993 e 1997. Europeísta e proatlántica, sobre esta formación recae boa parte do protagonismo modernizador de Polonia. Os sectores máis socialdemócratas comandan a formación na que aínda conservan unha importante influencia tanto os sectores sindicalistas, como socialistas e mesmo os vellos apparatchiks desembarcados no mundo dos negocios. Pero a súa base social, inicialmente moi próxima ás estructuras do vello réxime, hoxe non está formada polos temerosos do desquite senón que inclúe a sectores xoves. Socialmente, esta esquerda é máis sinónimo de modernidade e cambio do que as forzas ligadas a Solidarnosc. Baste un dato: nas eleccións presidenciais de 1995, o 33 por cento dos menores de 30 anos votaron a Kwasniewski. Sobre el recae gran parte do éxito político e electoral da transformación deste partido. No seu tempo redactor en xefe de “itd”, o semanario da Unión Socialista de Estudiantes Polacos, Olek –diminutivo cariñoso de Aleksander– accedeu ó POUP en 1977, aínda demasiado xove “para responder dos abusos do sistema”, como enfatizaba na durísima campaña electoral de 1995, con Walesa en fronte. En 1987 convertíase no ministro máis novo do gabinete de Zbigniew Messner, demitido en 1988 por unha protesta social organizada polos sindicatos oficiais. Participou nas negociacións da mesa redonda formando parte da delegación do POUP. Pero ese pasado, refregado diariamente polos seus competidores, non lle impediu acceder á Presidencia. A súa victoria foi equiparada por Marian Krzaklewski á “cuarta partición de Polonia, esta vez espiritual”, toda unha catástrofe nacional que os feitos axiña se encargaron de desmentir.
Acostúmase a dicir que os polacos son os máis “latinos” dos cidadáns dos países do Leste para aludir a esa rica complexidade que caracteriza esta sociedade, por outra banda, eslava por definición. Algo certamente debe ter se observamos, por exemplo, o elevado nivel de fragmentación partidaria que existe no seu mapa político ou as sucesivas crises que desembocan en continuas remodelacións gobernamentais. Por unha ou outra razón, dende 1989, os polacos vense na obriga de acudiren ás urnas practicamente unha vez por ano. A estabilidade está condicionada pola evolución das alianzas (entre os partidos gobernantes) e as subalianzas (entre as diferentes formacións dentro de cada coalición). Os dous grandes bloques políticos das eleccións do 4 de xuño de 1989 (POUP, Partido Agrario e Partido Democrático, dunha banda e os Comités Cívicos, doutra), convertéronse nas eleccións lexislativas de 1990 e de 1993 nunha explosión de pequenos e grandes partidos que con representación parlamentaria minúscula (ata case vinte formacións entran no Parlamento de 1993) dificultan a consecución de acordos estables. O proceso semella encarreirarse nas eleccións de 21 de setembro de 1997 nas que unicamente sete formacións acadan representación parlamentaria. Pero o mapa partidario non permanece inmóbil. A última maioría política, gobernante no país dende outubro de 1997 ata hai uns meses, formada pola Acción Electoral Solidariedade (AWS) e a Unión pola Liberdade (UW) que lidera Leszek Balcerowicz, non debería, teoricamente, producir grandes quebrantos na estabilidade gobernamental. Sen embargo, as tensións foron constantes e transformáronse en fenda aberta despois de coñecérense os resultados das eleccións municipais celebradas no mes de outubro de 1998. A victoria da Alianza Electoral Solidariedade (AWS) e o fracaso da Unión pola Liberdade, agrandou as diferencias ata un punto de difícil retorno. No seo da UW, medraron entón as voces que consideraban insuficiente a rendibilidade deducida da participación no goberno. O repunte económico, xestionado en boa medida polo propio Balcerowicz, ministro de Finanzas, foi capitalizado por aquela formación coa que os electores identifican a acción gobernamental, a AWS. A xestión da UW diluíase e perdía consistencia ante o electorado. As incomodidades exacerbáronse a partir de entón principiando a oposición parlamentaria ás iniciativas lexislativas do outro socio. Deputados da AWS deciden boicotear as proposicións de lei defendidas pola UW; os ministerios controlados pola AWS desenténdense das políticas de control do gasto auspiciadas dende a vicepresidencia de Balcerowicz; increméntanse as disfuncións na xestión presupostaria, etc. Na crise, a UW confía en poder recuperar a súa identidade e o seu electorado, pero abre tamén a porta ó veto presidencial dalgunhas iniciativas que non teñen garantida a maioría dos 3/5 da Cámara. A primeiros de xuño de 2000 escenifícase a ruptura formal da coalición de goberno. O líder da Unión Democrática, Leszek Balcerowicz, precipita a saída de todos os seus ministros ó declarar unhas semanas antes que perdera a súa confianza no primeiro ministro, Jerzy Buzek. As negociacións iniciadas para buscar un recambio non foron do agrado da UW. A proposta de Marian Krzaklewski soamente podería aceptarse se renunciaba á súa candidatura para a Presidencia da República. Ademais condicionaban a súa volta ó goberno á retirada do Parlamento de diversos proxectos de lei que estimaban lesivos para a economía e as finanzas públicas e ó sometemento disciplinar de varias ducias de deputados de Solidarnosc que acostumaban a votar en contra do propio goberno. Pero nin a pantasma dunha derrota electoral conseguiu disipar as desconfianzas e celos entre as principais forzas da dereita polaca. De perderen as eleccións presidenciais de outubro, non sería descartable un adiantamento dos comicios lexislativos. A pesar de que o goberno de Buzek contaba coa participación dos grandes pesos pesados da transición (Geremek, Suchocka, Balcerowicz, todos militantes da UW), xusto é recoñecer que dende 1990 o goberno máis estable foi o conducido pola SLD. Cómpre salientar neste sentido que se en 1997 perderon as eleccións non foi debido á perda de sufraxios pois recolleron millón e medio de votos máis que en 1993, senón á brusca baixada do seu aliado agrario, o Partido Campesiño Polaco. A mellora da situación económica xeral non parece influír en exceso nas expectativas electorais dos grupos que gobernaron en coalición. Nunha enquisa realizada en xuño, ó tempo que Macie Plazynski anunciaba a convocatoria de eleccións presidenciais para o 8 de outubro, Kwasniewski contaba co apoio do 69 por cento da poboación, moi distanciado, por exemplo, de Walesa, quen obtería un 2 por cento. En canto ó ambito parlamentario, de celebrárense eleccións na altura, a AWS obtería un 13 por cento e a SLD un 45 por cento. A pesar de compartir raíces comúns e idearios próximos, os diferentes movementos e forzas políticas acostuman a disentir entre eles con certa frecuencia. A permanencia desa atomización partidaria inflúe na determinación dese bipartidismo atenuado que hoxe impregna a vida política, pero tamén o diferente posicionamento en cuestións clave do futuro de Polonia.
Poucos se lembrarán agora de Stanislaw Tyminski, o candidato sorpresa que nas eleccións presidenciais de 1991 humillaba a Lech Walesa, o electricista que conmoveu a Ronald Reagan, acadando o 25 por cento dos votos e obrigándolle a acudir a unha segunda volta. Tyminski deixara atrás a Tadeusz Mazowiecki, o terceiro en discordia, o primeiro anticomunista en gobernar un país do Tratado de Varsovia. Nas eleccións lexislativas de 1993 Tyminski concorreu baixo a denominación Partido X, obtendo o 2,74 por cento dos sufraxios. ¿Derrotado o populismo? Nin moito menos. É un fenómeno que vai máis alá dun persoeiro ou dunha circunstancia puntual. O populismo sempre está presente na vida polaca e unido a correntes de variado signo. A propia Solidarnosc incorpora unha profunda corrente populista de dereitas, ancorada socialmente nesa capa de obreiros frustrados da industria pesada. O anticapitalismo nacional-católico vai da man da xenofobia e do antisemitismo; para estes sectores, o país está vendido ó capital internacional xestionado por unha conspiración xudeo-comunista que dilapida as riquezas dun país que hai tres décadas era a décima potencia económica do mundo. Tamén na propia SLD habita esta tendencia, moi asentada nas fileiras da OPZZ. Nas campañas políticas e nas loitas sociais non falla o ingrediente populista. Opacado transitoriamente, emerxente na calor dos interminables conflictos sociais, a deriva populista do gabinete de Buzek é outro dos argumentos esgrimidos polos liberais da UW para abandonar o goberno. A tradición mesiánica do catolicismo é terreo abonado para que oportunistas e demagogos tiren proveito do resentimento social daqueles colectivos –en Polonia numerosos– que observan o futuro inmediato con inquietude.
No movemento social que xurdiu en 1980 a heteroxeneidade era a nota dominante. A carón da ultradereita anticomunista representada pola Confederación da Polonia Independente podiamos atopar a persoas de conviccións esquerdistas que reivindicaban unha pasada do réxime pola esquerda autoxestionaria e democrática. Algúns como Jacek Kuron remataron avaliando as teses social liberais dende as filas da actual UW; outros, como Karol Modzelewski, autor co primeiro da Carta Aberta ao POUP en 1964, abandonaron o movemento dende posicións críticas á terapia de shock aplicada no país a partir do goberno de Tadeusz Mazowiecki (1990). Modzelewski, quen suxeriu o nome de Solidarnosc para aquel movemento, crítico pola esquerda, afirma hoxe que os poscomunistas da SLD practican a mesma política que a dereita, se ben actúan con máis prudencia. En catro anos, as reformas de 1990 fixeron da miseria un fenómeno de masas. Segundo estatísticas oficiais, un 14 por cento da poboación vive na actualidade por debaixo do umbral de pobreza. Pero non se trata unicamente de individualidades. No seo da propia SLD existen correntes (os socialistas de Leszek Miller, sectores de OPZZ) que critican a Kwasniewski pola súa orientación social-liberal. A súa capacidade de influencia vai a menos, a medida que a consolidación da nova Polonia se aproxima ós canons vixentes na Europa Occidental, un achegamento que a propia SLD promove con maior ímpeto que ninguén. Por iso, quizais sexa a Unión do Traballo (UP) a forza que mellor represente hoxe as posicións tradicionais da esquerda no escenario polaco. En parte, a UP provén tamén de Solidarnosc. A partir do tronco inicial de “Solidariedade Obreira” sumou o Movemento Democrático e Social e outros dous baluartes do vello sistema, o Partido Socialista Polaco e a Unión Socialdemócrata da rexión Wielkopolska. A renuncia a toda referencia a aquel movemento foi doada a medida que se distanciaba da súa política. O mellor momento da UP foron as eleccións de 1993 nas que obtiña o 7,28 por cento do electorado, contra o 2,2 por cento dos anteriores comicios, pasando de 4 a 41 escanos. Tiña a oportunidade entón de entrar a formar parte do gabinete de esquerdas –coalición SLD-PSL– pero decidiu manterse á marxe, exercendo de oposición crítica ó novo gabinete. Nas eleccións lexislativas de 1997 experimentou un serio revés, ó quedar fóra da Dieta, co 4,74 por cento dos sufraxios. Sen embargo, remontou esa difícil crise nas eleccións locais de 1998, ás que concorreu en alianza co PSL, o Partido Campesiño, quedando en terceira posición por detrás da SLD e da AWS.
Os conflictos sociais son outra das grandes constantes da Polonia contemporánea. A axitación forma parte da paisaxe. Solidarnosc non expresaba unicamente unha rebeldía ocasional contra a ineficacia do socialismo ir-real –había os antecedentes de 1956, 1968, 1970, 1976–. Existe pola contra unha tradición de organización e de loita, de confianza na utilidade da mobilización social para resolver problemas que doutro xeito se cronifican irremediablemente, e de reserva fronte o poder, con independencia de quen o exerza. Ás veces, os movementos sindicais e sociais son víctimas da manipulación política, extremo ben doado habida conta da proximidade e mesmo da fusión que pode advertirse entre os dous campos. Pero habitualmente non é asi e tanto OPZZ como Solidarnosc poden derrubar un goberno políticamente próximo. A converxencia desa tradición e tantas reformas pendentes no escenario económico polaco, auguran pouca mornura e abundante tensión para os gobernos dos próximos anos. En 1998, cada dous días e medio producíase unha mobilización de protesta nas rúas de Varsovia. A reestructuración de certos sectores como as industrias de armamento ou, sobre todo, a siderurxia, están a provocar unha importante conflictividade. Fontes oficiais estiman que de aquí ao 2002, as minas polacas deben prescindir de 118.000 traballadores. Ademais, o goberno de Buzek pretendía retrasar a idade de xubilación dos mineiros ós 65 anos –a esperanza media de vida é de 68– e incrementar o número de anos cotizables para ter dereito a pensión. Numerosas voces do sector público, especialmente da sanidade –médicos anestesistas– e educación, esixen que o equilibrio do orzamento estatal non implique o deterioro dos servicios. No campo acontece outro tanto. A organización Samopomoc Chlopska (Autoxestión Campesiña) que lidera Arnold Lepper, levou adiante numerosas protestas en defensa do sector cárnico fronte á competencia da UE. Sabedores da complexidade da cuestión agrícola no ámbito comunitario e dos grandes sacrificios que deberán soportar para acompañar a normalización de relacións entre Bruxelas e Varsovia, neste importante colectivo mantéñense as reticencias fronte a integración europea.
Dez anos tardou Polonia en reconverterse na primeira potencia económica de Europa Central e Oriental. Hoxe o PIB por habitante é de 4.000 dólares, catro millóns de polacos dispoñen de teléfono portátil, soamente en Varsovia hai quince grandes hipermercados e proxéctase a construcción de máis dun cento por todo o país ¡por fin o paraíso do consumo! ¡adeus definitivo ás colas da nada! O crecemento económico dos últimos anos é revelador da nova bonanza: 6,8 en 1997; 4,8 en 1998; 4 en 1999. Hoxe é o primeiro país da rexión en recibir investimento exterior. Case inexistente en 1989, sobrepasaba os 20 mil millóns de dólares en 1988, situándose por diante da veciña Hungría. O turismo tamén renaceu: cada ano, 40 millóns de alemáns percorren o país. Os expertos do BERD (Banco Europeo de Reconstrucción e Desenvolvemento) confían nas expectativas da economía polaca que xa conseguiu recuperar e superar o nivel de producción dos anos oitenta. A reconversión dos grandes trazos da súa economía é un feito. Segundo afirma Malcom Knight, representante do FMI en Varsovia, hoxe dous tercios dos empregados están ocupados no sector privado. A estabilidade da moeda, o control da taxa de inflación e a mellora dos indicadores xerais, permiten afrontar con outra perspectiva as privatizacións pendentes en sectores importantes nos que aínda non se completou totalmente: petroquímica, aviación, seguros, telecomunicacións, siderurxia... A diferencia do gran veciño ruso, todo ese proceso de transformación levouse adiante sen concesións ás grandes mafias criminais. Existen grupos de delincuencia organizada, algúns con notoria presencia rusa, pero a súa actividade céntrase no contrabando masivo de alcohol, roubo de coches, lavado de diñeiro, tráfico de drogas, etc, pero a diferencia de Rusia (ou de Italia), en Polonia non se infiltraron na vida política. Fontes policiais identifican ata un total de 26 grupos criminais organizados, algúns localizados nos arrabaldos de Varsovia (Wolomin, Pruszkow) e outros con contactos coas grandes redes internacionais da delincuencia. Segundo as mesmas fontes, poderían controlar entre un 30 e un 50 por cento da zona gris da economía polaca. Esta recuperación económica favorece as expectativas e ilusións das elites políticas de acadar unha plena e pronta integración nas institucións comunitarias. Polonia segue a ser un país clave nesa estratexia que Bronislaw Geremek define como a “reunificación” de Europa. Membro da OTAN dende marzo de 1999, pretende ingresar na UE antes de que remate o ano 2002, recorrendo en cinco anos o tramo no que outros empregaron o dobre de tempo. Pero a aproximación a Bruxelas provén máis da imposición da lóxica internacional que dunha interiorización efectiva desa vontade por parte dunha cidadanía na que medra a desilusión e o desencanto. O achegamento dos últimos anos, o medre dos intercambios políticos e económicos, a adecuación normativa, etcétera, facilitaron que numerosos sectores sociais desmitificaran a lenda occidental que nacera da oposición ó socialismo real. En 1990, 70-80 por cento dos polacos querían formar parte da UE; a finais de 1999, menos do 50 por cento. O fundamentalismo católico (Polonia é o centro de Europa e o berce da súa tradición cristiana) é mais activo e efectivo nese discurso antieuropeo do que ningunha esquerda. Segundo revelan os propios estudios oficiais da evolución da opinión pública, as posicións dos polacos a respecto da relixión, o sexo, o traballo ou o éxito social, están aínda lonxe dos parámetros occidentais. A esa disidencia cómpre engadir os sacrificios derivados do proceso de adaptación das estructuras económicas polacas ó patrón comunitario. A agricultura é o maior hándicap. Un vinte por cento da poboación vive deste sector e un 38 por cento reside no campo, porcentaxes certamente alonxadas da media comunitaria e que proporcionan unha idea da magnitude do problema. Segundo afirmaba Ryszard Czarnecki (AWS), responsable de integración europea no gabinete polaco, dun total de dous millóns de explotacións agrícolas, soamente a quinta parte están ligadas ó mercado; o resto é pura economía de subsistencia. Noutros sectores como as industrias de carbón e siderúrxicas, agárdanse restructuracións salvaxes para reducir os excedentes de persoal. O impulso de tantas restructuracións nun tempo récord, cun movemento sindical especialmente activo e nun contexto político pouco estable (o actual goberno de AWS non conta con maioría parlamentaria aínda que podería tentar recompoñela despois das eleccións presidenciais) engade dificultades adicionais a un proceso doloroso en por si. Pero a decisión está tomada e a maior parte das forzas políticas do país comparten unha orientación estratéxica que afecta non soamente ós ámbitos político ou económico. Esa ubicacióncentral de Polonia no escenario europeo ten importantes consecuencias no ámbito da seguridade. A fronteira leste segue a ser a máis delicada para Varsovia. Se as relacións con Belarús son moi distantes e non están normalizadas, non acontece así cos países bálticos nin con Ucraína (Varsovia foi a primeira capital en recoñecer a independencia de Kiev). Con Rusia as relacións son sempre díficiles. O proceso de retirada das tropas que tiña estacionadas en Polonia rematou en novembro de 1993. Na memoria polaca permanecen feitos dramáticos que soamente en tempos de Gorbachov obtiveron recoñecemento oficial: o pacto secreto Ribbentrop-Molotov de 1939 e a subseguinte invasión de Polonia polo Exército Vermello; a masacre de Katyn –11.000 oficiais polacos asasinados por orde de Stalin–; a deportación de millón e medio de polacos a Siberia. Con estes antecedentes, a construcción dunha relación baseada na confianza mutua non resulta doado e precisa tempo. Os rusos insisten en reclamar un paso extraterritorial entre Belarús e Kaliningrado pasando polo distrito de Suwalki, unha demanda irrealizable para Varsovia que, seguindo os consellos de Z. Brzeszinski, tenta contrarrestar a presión de Moscova potenciando a amizade con Alemaña e apoiando a consolidación da independencia ucraína. Preocupados por neutralizar e evitar a dependencia do inestable veciño ruso, algunhas voces propoñen ampliar o chamado triángulo de Weimar (París-Berlín-Varsovia), incluíndo nel a Moscova. A aposta pola OTAN, aceptada por Rusia a regañadentes, estivo precedida do seu ingreso na Unión Europea Occidental en 1998. A fortuna fixo coincidir o seu ingreso coas operacións contra Iugoslavia na guerra por Kosovo. Polonia aporta á Alianza un territorio clave e un potencial demográfico importante. En suma, esta Polonia do novo milenio avanza polos derroteiros que soñaban gran parte dos líderes do movemento creado en agosto de 1980, pero a xestión dese proceso é conducida en boa medida polos seus eternos rivais políticos. Tal evidencia non deixa de provocar irritación entre as diferentes sensibilidades partidarias e facilita a emerxencia de disensións que continuamente desestabilizan unha vida política que en Polonia nunca estará exenta de paixón.
|
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 05/11/2000
|