| Tempo Exterior nº 1 segunda época - xullo/decembro 2000 Resume - Resumen - Abstract |
| Os desafíos da acción exterior de Galicia |
|
Jesús Mª Gamallo Aller |
|
Introducción Resulta algo universalmente convido que a política internacional, lato sensu, e mailas correspondentes relacións internacionais a manter cos suxeitos públicos dotados desa mesma personalidade xurídica, é patrimonio exclusivo das respectivas administracións centrais de cada Estado integrante da Comunidade Internacional, amén da fenda aberta a prol das abondosas organizacións internacionais, entidades cívicas supranacionais e outros suxeitos privados. Nembargantes esa apertura semella máis limitada en canto atinxe a corporacións territoriais públicas de diversa índole. O internacional devén xa que logo, e consensualmente, en cerne do ser Estatal, independentemente do modelo político-administrativo elixido para a súa organización institucional. Fose na súa vertente confederal, federal, autonómica, rexional ou outras minimamente descentralizadas ou desconcentradas, a capacidade de actuación internacional é decote reservada á Administración central. Este monopolio de atribución feito polo poder constituínte ten matices, dependendo do modelo organizativo seguido en cada caso pero, grosso modo, as competencias nucleares inherentes á política internacional seguen encomendadas a aquela. O ius ad tractatum ou ius contrahendi, o ius legationis, o ius ad bellum ou o ius in bello, por citar algúns, serían elementos intrínsecos desas competencias, consubstanciais á personalidade xurídica internacional do Estado. Nesta orde, a entidade pública que non é recoñecida como Estado soberano polos restantes Estados xa constituídos e integrantes da Comunidade Internacional non podería exercitar de xeito debido aquelas competencias. De nada lle serviría a súa autoproclamación competencial e habilitante se as súas empresas e cidadáns non poden beneficiarse dunha cabal asistencia consular, se a súa divisa non é aceptada como medio de pago, se non pode participar nos moitos organismos técnicos internacionais que regulan as comunicacións, o transporte ou a estandarización industrial, se nin sequera se lle considera a opción de negociar tratados ou de participar en organizacións multilaterais, se adoece de lexitimación cualificada para acceder á xurisdicción internacional... Non pode negarse a existencia de fenómenos puntuais que se moven no terreo da indefinición ou da particularidade ad hoc. Coñecidísimos eran os casos de Bielorrusia e Ucraína coma membros fundadores de Nacións Unidas, pola esixencia estalinista para compensa-la infrarrepresentación soviética nunha organización abrumadoramente dominada por Estados defensores da economía de libre mercado. Menos coñecidas son outras singularidades, como a pertenza de entidades territoriais como Flandes ou Madeira á Organización Mundial do Turismo, na súa calidade de membros asociados, circunstancia que garda certa correspondencia coa especial natureza xurídica orixinaria desta organización, que naceu como unha asociación de Dereito privado suízo. Pero aínda así na súa Asemblea Xeral eses asociados carecen de dereito de voto, que só se lles recoñece ós respectivos Estados partícipes nos que se atopan integradas. Dende unha perspectiva de pura equidade e cun mínimo senso da medida, sen dúbida sería doadamente comprensible que tivesen máis que achegar á escena internacional entidades políticas como Texas, Escocia ou Renania do Norte-Westfalia ca Vanuatu –membro de Nacións Unidas dende 1981–, Moldova –dende 1992–, Palau –1994– ou Naurú e Kiribati –1999–. Polo seu peso específico nos eidos demográfico, económico, tecnolóxico, político, e aínda por títulos históricos, aquelas terían mellores avais e haberían enriquecer máis o debate internacional no concernente ó mantemento da paz e a seguridade, o progreso e maila solidariedade internacionais. Con isto quere subliñarse que a imprescindible formalidade xurídica non abonda para analiza-los fenómenos da vida internacional na súa xusta medida. A igualdade soberana entre os Estados, principio básico no que descansa a súa pacífica convivencia, non impide que cada un deba acomoda-lo seu rol ós condicionamentos compelidos pola Realpolitik. A balcanización do escenario mundial, que experimentou a súa primeira vaga no século XIX co paulatino proceso de acceso á independencia das Repúblicas americanas, seguindo o camiño empezado a finais do século precedente polas trece colonias norteamericanas que constituíron os Estados Unidos e fomentado pola Doutrina Monroe, que tivo a súa segunda vaga coa descolonización no século XX que seguiu a Bandung e que foi traumaticamente proseguida logo do esborrallamento do muro de Berlín, todas esas ondas de disgregación, xeraron unha inflación de suxeitos que se atopa no alicerce da propia eclosión de organizacións internacionais, as máis delas de orde rexional e ata subrexional. A política internacional xa non vai volver ser un xogo pechado como o perfilado pola Conferencia de Viena, que tentou conte-los corolarios revolucionarios da expansión napoleónica. Con todo, sendo plenamente conscientes das limitacións erixidas por esa Weltesrealpolitik, non podemos conformarnos con sermos suxeitos pasivos de fenómenos que necesariamente han incidir en nós. As entidades territoriais que como Galicia posúen unha organización pública e autonomía política de seu, que non viven illadas por mor dos múltiples vínculos que a ligan a numerosos suxeitos internacionais, ben individuais ou colectivos, e que posúen competencias materiais propias de notable incidencia socioeconómica, deben manter unha actitude constructiva e non só meramente reactiva cara ó plano exterior. A súa fundamentación xurídica radica na teoría da funcionalidade competencial, isto é, na proxección ad extra das súas competencias subtantivas para garantir acadar uns correctos resultados na xestión ad intra desas mesmas competencias. Os exemplos ilustrativos serían moitos, pero un moi significativo sería o que versa sobre a correcta execución das políticas de emprego, que non se poden desentender a nivel macro da evolución da balanza comercial, maiormente nuns intres nos que a transnacionalización das compañías, a deslocalización de empresas, o medre das zonas de libre cambio e unións alfandegueiras e a mobilidade dos factores productivos afectan moito e moi directamente á evolución do mercado de traballo. Parafraseando o manido motto, tampouco se pode actuar localmente sen pensar mundialmente. Galicia non é inmune á influencia dos feitos exteriores. Unha mostra abonda: Perú está afastada de máis das nosas costas como para pensar que o que alí aconteza pouco nos pode afectar. A presencia de galegos no Perú resulta case testemuñal en comparanza con outras repúblicas do cono sur latinoamericano. O comercio mutuo aínda é tanxencial e, por non haber, nin sequera había unha significativa actividade pesqueira galega nas súas augas. Pero cando Perú empezou a carreira pola instauración dunha ampla zona de aproveitamento económico exclusivo a carón do seu mar xurisdiccional acelerouse o proceso internacional de delimitación da zona económica exclusiva (ZEE), mesmo sen agardar a que madurasen os instrumentos que se estaban a xestar baixo a éxida de Nacións Unidas. Obvio é que Galicia non podería, nin España como nación mariñeira, artellar por si mesma un punto de inflexión nesa tendencia de acotamento do mar existente nos anos setenta. Se tal fenómeno acontecese hoxe se cadra o máis intelixente sería coadxuvar a que, xunto con outros axentes públicos e sociais europeos, a Unión inserise na axenda da PESC a oposición a esa postura. Ninguén pode asegurar que unha estratexia como esta fose proveitosa, pero unha cousa semella segura: as probabilidades de éxito haberían ser maiores que enfrontándose illadamente a aquel movemento internacional tan lesivo para nós. E é que a cotío, no plano mundial, a distancia máis curta para acadar un obxectivo non é dende logo a liña recta.
Trazar excelentes proxectos pode ter unha dobre acepción: se a finalidade é o proxecto en si mesmo o máis atinado proxectista habería ser o que amosase unha meirande ambición e pericia no seu traballo sobor do papel. Agora ben, se a finalidade do proxecto fose a súa materialización e resultados, se cadra habería que reserva-los honores para o propoñente máis modesto, que pode apalpa-la súa obra e gostar dos seus froitos durante un longo período. Dito doutro xeito, as boas estratexias, ademais de tácticas viables, precisan dun atinado servicio de información e, como non, de algo tan anoxadizo e banal como a mellor loxística dispoñible. Fixarse ambiciosos horizontes non debe facer esquecer que o seu obxectivo é acadalos e que abrir moitas frontes adoita implica-la garantía de resultar derrotado en todas elas. O primeiro que poderiamos preguntarnos é se calquera Administración territorial descentralizada está en óptimas condicións de manter unha política exterior no sentido estricto do concepto. Considerando que todas elas adoecen dun servicio exterior merecente dese nome e que os seus efectivos humanos están mellor preparados para o deseño e xestión doutra clase de políticas públicas –sanidade, ensino, cultura, ambiente, servicios sociais...– a resposta non pode ser máis inmediata. Só nos eidos próximos a sectores económicos que son conscientes das oportunidades e riscos que supón o entorno internacional se sente vivamente a necesidade de superar unha actitude simplemente reactiva á mudabilidade dese entorno. Isto explica que case tódalas administracións públicas de ámbito territorial boten man da tese funcional e da teoría das competencias implícitas para postular un rol de seu na acción exterior. Fose a nivel de estados confederados, federados, autonómicos, rexionais ou descentralizados –non así os desconcentrados– esa tónica é constante. Alén de disquisicións xurídicas, que pola súa complexidade e extensión non teñen un doado encaixe neste artigo, pódese observar unha dinámica funcionalista xeneralizada en todas esas administracións. A Comunidade Autónoma de Galicia non é, dende logo, unha excepción. Como sucede con Virxinia, Gales ou Santa Catarina, ningunha administración territorial con competencias sectoriais de natureza económica pode permitirse o luxo de practica-lo illamento internacional. A evolución dos mercados, a captación de investimentos, o apoio á radicación empresarial fóra do marco doméstico, son só algunhas das actividades exteriores que inciden fondamente nos ámbitos microeconómico, laboral ou fiscal. No estado actual de crecente imbricación internacional o tempo de translación dun movemento foráneo ós nosos axentes socioeconómicos acúrtase con asombrosa celeridade. Velaquí como o peche dalgún capítulo negociador pola Comisión europea no seo da Organización Mundial do Comercio (OMC), que a nivel agregado pode semellar de ínfima relevancia, se cadra resulta dunha transcendencia definitiva para certas áreas. Pode antollarse paradoxal nun país que experimentou o trauma da emigración masiva durante un longo período da súa historia, pero unha tarefa crucial para Galicia é crear unha conciencia profesional sobre a necesidade de albiscar fóra para saber que vai acontecer dentro. Nesta liña é esperanzador o agromar de novas xeracións de mozos galegos que se forman exhaustivamente en disciplinas xurídicas, económicas e politolóxicas, adquirindo as ferramentas vitais para acometer unha análise rigorosa do eido internacional. Ata non hai moito só a Fundación Galicia-Europa tiña un programa exclusivo de formación que aspiraba a capacitar a rapaces galegos en centros europeos de referencia –Bruxas, Bruxelas, Lovaina–. Agora na nosa propia terra impártense maxisterios e cursos de posgrao sobre temas europeos, cooperación ó desenvolvemento ou comercio exterior; hai tres áreas de Dereito Internacional, e unha especialización en relacións internacionais na Facultade de Ciencias Políticas; na Escola Galega de Administración Pública préstase unha maior atención á capacitación dos novos funcionarios na vertente exterior das diversas ramas da xestión pública; xorden e consolídanse iniciativas cívicas como o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI)... En definitiva, atopámonos mellor instruídos para encarar os desafíos internacionais que hai unha década. Deste xeito vai medrando paulatinamente unha sensibilidade polo exterior moi distinta á que se podía experimentar hai uns anos. O debate democratízase, deixando de ser unha parcela oligopolizada por certos sectores sociais e profesionais. Nembargantes aínda fica moito por facer. Se ben a preocupación cidadá polos asuntos internacionais creceu aínda non o fixo de xeito significativo. Non se trata de que unha percepción xeoestratéxica ó estilo de Zbigniew Bzrezinski ou de Henry Kissinger se convirta en tema de debate cotián, pero si que se saiba que a situación da industria de construcción naval está intimamente vinculada á evolución das economías nipona e surcoreana e da actividade de múltiples organismos internacionais –OMC, OCDE, FMI–, ou que as cotas de producción agrícola subvencionada non poden ser fixadas autonomamente polas institucións comunitarias máis que no reparto intraeuropeo, xa que a nivel agregado os seus máximos dependen da presión que se poida aturar fronte ó Grupo de Cairns e ós Estados Unidos. Constatar fenómenos, como que España ten unha menor independencia enerxética ca Francia, axudará a comprender que a fraxilidade do euro perante ó dólar norteamericano –no que se abonan as importacións de cru– terá un maior impacto inflacionista en Galicia ca na Bretaña, que probablemente hase reflectir na evolución dos custes salariais vía revisión dos soldos polas cláusulas inseridas na negociación colectiva. Con estas mínimas premisas pódese anticipar xa que Galicia resulta superiormente sensible ás continxencias internacionais ca outros territorios da Unión debido á súa estructura económica, prioridades sectoriais e mesmo localización. De entre estes condicionamentos cómpre salienta-lo inicial, toda vez que o noso aparello productivo aínda se atopa moi incardinado no sector primario –fundamentalmente agro e pesca–, con derivacións inmediatas no sector secundario provedor e transformador –complexos agro-industria e mar-industria–. Pola dimensión dos respectivos operadores e peso no mercado, pódese afirmar deles o que sentenciou John Kenneth Galbraith respecto da influenza nos labregos das grandes corporacións que lles subministraban os seus insumos e lles determinaban os prezos finais dos seus productos: ó seren moitos, de cativa escala e feblemente organizados con outros productores semellantes que operan no mesmo mercado, atópanse a expensas dos fluxos profundos da economía que outros poucos, de grande escala e fortemente organizados xeran. Non hai máis que ver as series estatísticas de comercio exterior de Galicia durante os catro últimos lustros para se decatar de onde estamos e cales son as nosas perspectivas. Se cadra esta constatación semella trivial pero dende unha óptica funcionalista resulta atinada. A acción exterior galega non está desvinculada da española nin, inda máis, da europea, que dito sexa de paso tamén recorre ó funcionalismo e á teoría, orixinariamente do Tribunal Supremo norteamericano, sobre as competencias implícitas. Esa acción exterior non pode nin debe desbordar esta xenerosa interpretación constitucional, que tivo o seu completo e nidio referendo coa Sentencia 165/1994, do 26 de maio, que adquiriu tanta sona, ó menos nos foros doctrinais. Nela o Tribunal Constitucional efectúa unha eséxese notablemente extensiva das competencias substantivas autonómicas no tocante á súa proxección exterior, fóra do territorio español, aínda que certamente referido ó comunitario europeo. Non obstante, a ratio decidendi é contundente nos seus argumentos, e a súa filosofía básica aínda se pode atopar no décimo fundamento xurídico da Sentencia TC 190/2000, do 13 de xullo (BOE nº 192, do 11 de agosto, pp. 49 e ss.), onde perante as afirmacións sobor dun determinado “criterio de obtención de ‘índices de tecnificación considerados competitivos’... o Avogado do Estado defende a súa virtualidade, xa que xustifica a adopción centralizada das medidas pola necesidade de que o sector téxtil aumente o seu nivel competitivo diante dos retos que se derivan da implantación do Mercado Único Europeo e a liberalización do comercio dos productos téxtiles no seo do GATT”, o Pleno resposta que “tampouco este argumento pode ser acollido, xa que ‘a necesidade de competir en mercados abertos téñena tódalas empresas, sexan ou non do sector industrial, sen que ese feito deba conducir á necesaria intervención executiva do Estado, xa que se produciría un valeiramento das competencias autonómicas na materia afectada’ (STC 186/1999, FX 10)”. Os nosos medios e capacidades aconséllannos logo fuxir dunha acción exterior paradiplomática que non teña outros condicionamentos cós socioeconómicos. Todo o que abrangue á solución pacífica de conflictos internacionais, defensa ou outras materias que exceden os nosos parámetros de actuación só podería ser obxecto de análise e valoración doméstica. Deste xeito, por exemplo, infírese que unha comunidade con intereses pesqueiros na plataforma do Magreb indubidablemente pode estar inqueda pola evolución dos acontecementos que alí se dean –inestabilidade política, radicalismo relixioso, equilibrio de forzas, explosión demográfica, regresión económica...–, pero iso non lle habilita para establecer relacións formais consubstanciais ó ius legationis con autoridades oficiais, supoñendo que as devanditas autoridades recoñecesen a lexitimación do interlocutor. A estratexia alternativa implicaría tecer unha rede de contactos con administracións parellas, ó fin de crear un estado de opinión nas institucións e órganos españois e europeos favorables ós nosos intereses. Daquela só unha orientación realista pode render froitos. O demais ficaría como un exercicio intelectual sen horizonte para a súa plasmación. A definición e priorización dos nosos intereses exteriores será a tarefa fundamental da Administración autonómica, pero de ningún xeito pode suplanta-las competencias e, sobor de todo, as potencialidades que permiten a intervención coordenada coa Administración Xeral do Estado e as institucións comunitarias europeas, tanto pola Comisión e o Consello no eido das clásicas políticas sectoriais comúns, sexa mediante a maduración da PESC, na que descansan moitas esperanzas de tódolos europeos que desexamos que a nosa voz sexa respectada no mundo.
Ponderando o noso peso relativo no contexto europeo e mundial, tanto na orde demográfica, como económica e social, sen dúbida debemos convir un feito fundacional básico da acción exterior galega. Tal axioma condénsase na necesidade de construír un sólido consenso interno para a súa plasmación ad extra. Certamente non nos estamos a referir a unha univocidade semellante á preconizada en Francia dende o remate da II Guerra Mundial e definida por De Gaulle. A comparanza, ademais de desmesurada, sería absurda pola diferencia de escala e sobre todo de medios e marco xurídico. Non obstante, a filosofía é axeitada. Para comprende-la súa virtualidade abonda con efectuar un simple exercicio de trasposición. Imaxinemos que preto das nosas costas, pero fóra da ZEE española –facendo abstracción da estricta competencia estatutaria do artigo 27.15 Estatuto de Autonomía de Galicia, que se limita á pesca nas rías e demais augas interiores– a Armada apresa un buque dun Estado descentralizado acusándoo de pesca ilegal. Ese Estado pon logo en marcha tódalas medidas de presión aceptables, recorrendo a tódolos foros internacionais. As ameazas son serias e cribles, pero axiña a CNN retransmite unha manifestación dende o Estado presuntamente lesionado onde o único que se aprecia é unha fonda división e unha embrollada cacofonía. O locutor vai traducindo as lendas das pancartas, os berros de parte dos manifestantes contra o goberno do Estado federado, da Federación e da organización internacional de integración da que é partícipe. Nese preciso intre o grao de credibilidade das ameazas caería en picado porque, pensariamos nós, se a parte máis directamente afectada está confusa e pouco poderá premer nos niveis superiores, logo estes irán diluíndo a xa de por si minguante presión polo natural transcurso do tempo. Isto que é natural para calquera observador externo, equitativo e neutral, mesmo para quen é obxecto de reclamación por responsabilidade internacional, deberá ser igualmente perceptible para a totalidade dos suxeitos públicos situados na banda dos que sofren o ilícito internacional. O maximalismo adoita ser mal conselleiro nos negocios diplomáticos. Se non se é unha grande potencia os excesos verbais convidan máis á burla que ó respecto. Sería sumamente aconsellable que os que manteñen aquela errónea visión adoptaran por un momento o rol do negociador e pasaran revista ós comodíns dos que pode botar man no proceso. O problema é que a cotío Óbviase que o do ut des resulta tan consubstancial ós negocios internacionais como a existencia de versións contrapostas e antitéticas dun mesmo fenómeno. Con isto tampouco se quere transmitir unha fatal visión da actuación exterior. Hai unha marxe de manobra que impide caer nun pesimismo ontolóxico ou nun fatalismo irredento. No caso de Galicia, coas súas peculiaridades de orde xurídica, social, xeográfica, económica e cultural, fíxose un exercicio cando menos novidoso e serio no marco territorial comparado. Salvando as naturais distancias iso pódese comprobar na redacción do Programa Cadrienal de Acción Exterior (PROCAE) e no tecido institucional construído para afondar no seu maior valor engadido: o esforzo integrador e coordinador. Coordinación non só inter e intra-administrativa, senón tamén, e moi singularmente coa sociedade civil galega, co seu sistema universitario, co empresariado e mailos axentes sociais. Non é falsa modestia subliñar que a Comisión de Acción Exterior da Xunta de Galicia, o seu Comité Preparatorio, o Grupo de Traballo de funcionarios de enlace e tódolos grupos sectoriais xerados con ocasión dos particulares expedientes comunitarios, adiantáronse ó deseño perfilado polo Real Decreto 1.412/2000, do 21 de xullo, de creación do Consello de Política Exterior (BOE nº 175, de 22 de xullo), órgano colexiado de apoio ó Presidente do Goberno. No noso eido, incluso pódese afirmar que a dependencia directa da Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior respecto da Presidencia da Xunta supón un avance organizativo e loxístico de primeira liña. Tampouco podemos esquece-la recente constitución, no seo do Parlamento galego, da Comisión Permanente non lexislativa para Asuntos Europeos, onde é lóxico que os grupos parlamentarios controlen e puxen da acción de goberno, cando non tenten supera-lo teito regulamentario da Cámara e introduzan cuestións de Dereito Internacional Público que a cotío exceden as competencias xurídicas da Comunidade Autónoma e aínda do Estado español, logo das atribucións conferidas ás Comunidades europeas polo noso Tratado de Adhesión gracias ó artigo 93 da norma constitucional. Cómpre salientar que sen ese entramado orgánico sería moi difícil, cando non imposible por mor da propia natureza dos servicios autonómicos, deseñar e implementar unha política de seu no tocante á acción exterior. O PROCAE pode pivotar así sobre dous eixos que se complementan, un sectorial e outro xeográfico. Comezando por este débese considerar cal é a nosa situación como país atlántico, periférico no continente europeo e fortemente vinculado a Portugal. É precisamente Portugal a nosa grande e primeira opción, xa que ademais de polos obvios motivos que calquera pode intelixir, a interrelación económica supera con moito á mantida con outras latitudes. A maiores, o reforzo que supón o rico tecido de iniciativas comunitarias, programas e instrumentos convencionais europeos, facilita enormemente a cooperación. A experiencia obtida da década de participación na Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal é abondosa e fructífera. A sintonía acada un grao tan alto que ata se ten interesado dos respectivos ministerios de Asuntos Exteriores a formalización dun Tratado internacional que permita a constitución dun ente conxunto dotado de personalidade xurídica para avanzar cualitativamente na xestión integrada de servicios permanentes, superando os atrancos administrativos que se presentan nas esferas de contratación de persoal, réxime tributario, rendición de contas, control xurisdiccional e restantes aspectos instrumentais. Para Galicia a Eurorrexión significa un plus de proxección exterior moi significativo, sexa na atracción turística, na captación de investimentos productivos ou na realización de infraestructuras por medio de achegas públicas –fundamentalmente provenientes dos Fondos Estructurais comunitarios– ou privadas. O seu peso demográfico, a complementariedade das súas estructuras productivas e mercantís, a afinidade cultural, todo, en definitiva, apunta a que as economías de escala que se poden conseguir reverterán en xeneroso proveito para os nosos cidadáns. Asemade, supón unha excelente carta de presentación no ámbito da cooperación interrexional latinoamericana, como a mantida no seo do CODESUL-CRECENEA, entre Estados federados do sur brasileiro e provincias arxentinas, englobados nun incipiente proceso de integración como é o que implica ó MERCOSUR, ampliable a Chile e Bolivia, sen esquece-las oportunidades que pode representar cos acordos que se pechen coa Comunidade Andina gracias ó paraugas da Asociación Latinoamericana de Integración (ALADI), coa que por certo a Xunta de Galicia ven desenvolvendo un permanente transvase de información. Dende a perspectiva da acción exterior, Latinoamérica é un proxecto de futuro que supera o tradicional marco da diáspora galega. Aproveita-lo influxo concertado da ampla presencia de capital español naquela rexión supón unha oportunidade única para que as nosas empresas, e fundamentalmente as pequenas e medianas, aproveiten esa posición de avantaxe comparativa para se introducir dun xeito sólido e rigoroso en mercados a cotío volátiles e sometidos a fortes oscilacións de toda índole, pero prometedores a medio e longo prazo considerando a estabilidade democrática acadada –en moitos casos descoñecida localmente– e a estructura de instrumentos comerciais existentes, que aínda puido supera-las tensións cambiarias máis severas. A inserción territorial resulta idónea para facilita-la incorporación das nosas PYMEs a un medio onde se precisa todo o apoio institucional dispoñible dado o extenso abano de competencias que teñen atribuídas as respectivas entidades federadas ou descentralizadas –solo industrial, permisos de instalación, medidas de fomento, actividade de policía administrativa...–. Iso non impide que haxa que descoida-las órbitas centrais dos respectivos Estados, actuando de acordo coa política exterior definida polo Goberno da Nación. Neste marco, e en honor á verdade, cómpre recoñece-lo espírito cooperativo mantido polas autoridades e funcionarios diplomáticos españois, cos que existe unha fluída canle de comunicación e intercambio de pareceres. Un aspecto central da nosa preocupación é a situación da nosa flota nos mares internacionais e nas augas baixo a supervisión de autoridades estatais. Desgraciadamente nin sequera a Comunidade Europea posúe instrumentos de presión idóneos para a defensa dos intereses pesqueiros europeos, onde se deben situa-los galegos. Obviamente dende o Executivo estanse a estimular tódolos contactos e vieiros precisos, ata de natureza mercantil, para diversifica-las opcións dos nosos barcos, minorando a capacidade de constrinximento xerada por terceiros Estados. Agora ben, sen dúbida a mellor canle de intervención é a que pasa por conformar unha alianza de rexións pesqueiras europeas capaces de crear o adecuado estado de opinión na Comisión e no seo do Consello de Ministros. Adicar máis recursos financeiros á política pesqueira común devén nun imperativo categórico para ese obxectivo, por causa da suba das compensacións que deben ser satisfeitas ás contrapartes. Esta política ambiciosa dentro do realismo financeiro, diplomático e político precisa de moita perseveranza, dunha intensa actividade negociadora cos nosos socios complementarios. Neste eido, igual que noutros de análoga transcendencia, é onde debe identificarse a razón de ser da participación da Xunta nas diversas entidades rexionais europeas –Comité das Rexións, Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas así como o Arco Atlántico, Asociación de Rexións Fronteirizas...–, sen esquecela doutras institucións, como o propio Parlamento galego dentro da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas. A través deses mecanismos, e primordialmente coa cooperación coa Administración Xeral do Estado, posibilítase unha incidencia acrecentada no deseño das políticas públicas comunitarias e das súas concretas intervencións. Nesa dirección, e a pesar da satisfactoria posición obtida no reparto dos Fondos Estructurais, estase xa a traballar na preparación do escenario posterior ó 2006, no que as negociacións en curso no seo da Organización Mundial do Comercio e a previsible adhesión de Estados cunhas ratios socioeconómicas abondo depauperadas incidirán substancialmente en Galicia. Dete-la corrente da historia semella imposible, incluso para as grandes potencias, pero aproveita-la súa forza con tino e evita-lo naufraxio de proxectos inviables semella algo factible.
Defini-los obxectivos estratéxicos vitais e calibra-las propias capacidades resulta un san exercicio de rigor. Igualmente hai que saber elixir, e polo tanto tamén saber renunciar, para priorizar axeitadamente. Cos nosos medios non se pode abranguer todo, agás que todo se queira facer mal. Unha Comunidade Autónoma dunha potencia de rango medio, incardinada no cerne da Unión Europea, que tamén vai dotando de perfís máis nidios á PESC, debe facer ben o que pode e debe facer. Ese é o mellor servicio que se pode render á colectividade, optimizando uns recursos humanos e materiais que deben atender outra chea de obrigas diarias, sexa no deseño doutras políticas substantivas, sexa na posta en marcha e xestión das medidas concretas que as materializan. Acción exterior autónoma non é unha identidade, nin sequera un símil de política exterior ou internacional. Non obstante, alí onde haxa relevantes intereses galegos en xogo é a nosa intención facer máis do que estea ó noso alcance para que os mesmos non sexan preteridos, activando as iniciativas que fosen precisas a tal fin. Por fortuna, o illamento de Galicia non é desexado por ninguén que coñeza minimamente a evolución dos acontecementos mundiais nos últimos anos. Esperemos que nesa viaxe atopemos suficientes aliados que fagan máis doado o camiño e máis rexa a nosa voz, construíndo entre todos un consenso doméstico baseado no compromiso co rigor analítico e o realismo instrumental.
|
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 05/11/2000
|