| Tempo Exterior nº 1 segunda época - xullo/decembro 2000 Resume - Resumen - Abstract |
| O Sáhara fronte ó muro da intransixencia marroquí |
|
Cristóbal Ramírez |
|
Outubro comezaba coa noticia, a penas recollida nos medios de comunicación, de que unha nova reunión entre Marrocos e a Fronte Polisario (FP) rematara sen acordo. O escenario deste fracaso anunciado era Berlín. En realidade, ambas as dúas partes, que dende finais de 1975 manteñen vivo o que se cataloga como o derradeiro conflicto armado da guerra fría, instaláronse nun compás de espera facendo bo o (falso) refrán árabe de “senta á porta da túa casa e verás pasar o cadáver do teu inimigo”. Os antecedentes do conflicto resultan ben coñecidos: cesión de España ao Reino alauí e a Mauritania a través dos Acordos de Madrid (14 de novembro de 1975), abandono en febreiro de 1976 por parte das tropas colonizadoras na famosa Operación Golondrina, guerra aberta entre a organización independentista Fronte Polisario (que proclama unilateralmente a República Árabe Democrática Saharauí, RASD) e as tropas invasoras, derrota e abandono do territorio por parte de Mauritania, Resolución 690 do Consello de Seguridade da ONU (29 de abril de 1991) deseñando un plan de paz, aceptación deste polas partes e cese o fogo que entrou en vigor o 6 de setembro de 1991 despois dunha furiosa provocación marroquí no campo de batalla que incluíu o envelenamento de pozos da poboación nómade. Nese escenario, o final do conflicto anunciouse a través da materialización da vella idea de celebrar un referendo de autodeterminación de maneira inmediata (1992) baixo os auspicios da propia ONU e tomando como base o censo elaborado por España en 1974(1), e que fixaba a poboación en 74.902 persoas. A partir dese momento, os intentos da organización supranacional de levar a cabo o referendo sempre se estrelaron contra o muro de intransixencia marroquí. E iso acontecía a pesar de que as condicións para que a consulta fose realidade favorecían, nos seus aspectos formais, as teses de Rabat: non se esixía o abandono e regreso a casa dos novos colonos, que acantoaran aos saharauís en guetos; o exército permanecía nas súas posicións defensivas aínda que reducido a 65.000 efectivos (ao menos cinco veces máis que as forzas do Exército de Liberación Popular Saharauí, o brazo armado da FP); a única bandeira que ondearía no territorio durante a campaña electoral e o denominado “Día D” sería a marroquí e, por último, a Administración continuaba sendo a mesma e non a da ONU, que soamente poderá actuar nos últimos momentos do inconcluso proceso. Silenciadas as armas, a batalla centrouse na elaboración do censo, que ambas as partes en litixio supoñían que lle sería favorable. Indubidablemente, tal suposición partía dunha base clara: a polarización dos saharauís era tal que os expulsados e actualmente refuxiados nos arredores de Tinduf (Alxeria) ían votar pola independencia uns e pola integración en Marrocos outros, e aqueles que voluntaria ou involuntariamente permanecían na excolonia española faríano por esta última opción de forma contundente. Dris Basri, o todopoderoso ministro de Interior marroquí e un dos homes máis fieis ao desaparecido monarca Hassán II (foi destituído pouco despois da morte deste último), partía dunha dobre premisa nos seus informes ao Xefe do Estado. Primeiro, que os saharauís no exilio se sentían exhaustos, vivindo sempre da escasa caridade internacional durante dúas décadas longas, sometidos a un clima durísimo. Un sector indefinido e non organizado, pero en todo caso numeroso, prefería residir na súa propia terra en mellores condicións materiais e baixo unha fórmula de corte autonómico, o cal implicaba esquecerse da reivindicación da soberanía; ademais, algúns erros cometidos pola Fronte Polisario a finais dos anos 80 e o cansazo de vivir nos catro grandes campamentos de refuxiados nunha situación sen unha guerra que aglutinara o innegable espírito nacionalista convertían a eses homes do deserto en votos “seguros” para a integración. En segundo lugar, Basri argumentaba que aqueles que permaneceran no interior inclinaríanse sen dúbida ningunha por non variar o seu status. Baseábase tanto na inexistencia dunha oposición organizada como nos enormes investimentos que Marrocos fixera no Sáhara, e que elevaran de maneira considerable o nivel de vida de todos os seus habitantes con relación ao que tiñan en 1975, ao final da colonización española. Pola súa banda, a Fronte Polisario repetía insistente e propagandisticamente que ningún saharauí votaría en contra da posibilidade de ter, por fin, o seu propio país, e arriscouse a acudir a un referendo cun resultado, que ao menos nun primeiro momento, parecía moi dubidoso tendo en conta o equilibrio numérico: practicamente a metade do censo se atopaba en Tinduf e a outra metade baixo control estranxeiro. O proceso de identificación e depuración dese censo non deparou grandes sorpresas, pero a Administración marroquí foi comprobando pouco a pouco que os seus cálculos se instalaban no erro: aqueles saharauís que en teoría controlaba, calaban non tanto pola adhesión á monarquía que encarnaba Hassán II nin pola relativa abundancia de bens de consumo e a mellora do seu nivel de vida senón polo medo á brutal represión da policía política, e nin sequera as constantes e salvaxes torturas desanimaban a unha xuventude cada vez máis belicosa contra os invasores. Tal situación supuxo, primeiro, a ralentización do proceso de identificación que desenvolvía a ONU coa colaboración da Organización para a Unidade Africana (OUA), e despois a parálise final: unha lectura política do censo facía pensar a ambas as partes belixerantes que a opción independentista se ía impoñer por clara maioría, tal e como viña augurando dende 1997 Mohamed Abdelaziz, presidente da autoproclamada RASD. A situación entrou nunha parálise da cal aínda non se saíu hogano. Por riba de formulacións voluntaristas (relacións conflictivas con Marrocos dende o punto de vista histórico, simpatías cara os refuxiados saharauís polo simple feito de selo, desexo de frear as ansias do país veciño sobre os enclaves de Ceuta e Melilla, etc), cabe preguntarse se o plan de paz da ONU segue vivo. O cal é o mesmo que cuestionar ou non o papel do referendo como vía para poñer punto final a unha situación que se fai insostible. Os medios de comunicación de masas, tanto españois como do resto do mundo, presentaron esa consulta popular, en todo momento, como unha solución “per se” ao contencioso. O feito de ter que ofrecer a uns lectores cada vez máis bombardeados pola superinformación característica de finais do século XX simplificou a fórmula ata o extremo de caricaturizala: se nas urnas unha das dúas opcións gañaba por un escaso número de votos (incluso media ducia), esa sería a que se imporía. O perdedor, seguindo ese esquema, debería recoñecer a súa derrota sen máis e actuar en consecuencia. Unha análise máis pausada conduce á conclusión de que resulta imposible pensar en que unha derrota pírrica tivese como colofón ao abrazo reconciliador entre vencedores e vencidos. De ser Marrocos o perdedor, entendíase que debía retirar sen máis o seu exército e o seu número indeterminado de colonos, que algúns cifran en máis de douscentos mil; obviamente, o desequilibrio interno que produciría no país sería de tal envergadura que manter a súa estabilidade política converteríase nunha quimera, co efecto devastador que podería ter tamén para a península. De ser a Fronte Polisario a derrotada, os seus integrantes deberían regresar á súa terra, desarmados, e aceptar ser súbditos do reino que hoxe encarna Mohamed VI. Tal posición non corresponde á realidade porque obvia algo esencial: un referendo de autodeterminación (en realidade, calquera referendo celebrado nun país non democrático) é como un instrumento técnico, non político. Nin máis nin menos. A consulta non define o marco xurídico futuro dun país, senón que rexeita ou ratifica o acordo político (e procede insistir neste cualificativo) asinado polas partes enfrontadas. É dicir, nunha orde cronolóxica precísase primeiro un acordo e, despois, unha consulta nas urnas para darlle ou non validez. E ese é o punto no que atopa hoxe o contencioso. James Baker, ex secretario de Estado de Estados Unidos, o home que organizou a coalición internacional que desembocou na guerra contra Saddam Hussein en 1990-91 e na actualidade representante persoal do secretario xeral da ONU para o Sáhara, visitou a rexión por primeira vez na primavera de 1997. Con el desprazouse Chester Crocker, quen ocupara un alto cargo na Administración Reagan ás ordes do propio Baker. Crocker, considerado unha das mentes analíticas máis brillantes dos Estados Unidos, deseñara no seu día o referendo de descolonización de Namibia, e no 97 agochaba na súa carteira o encargo de buscar fórmulas novas que permitisen desbloquear unha situación de non guerra-non paz que duraba xa seis anos e que ameazaba con apodrecer. Iso si, o Polisario en ningún momento quixo falar de alternativa ao plan de paz da ONU, senón do seu desenvolvemento. O restablecemento do clima de desconfianza foi a primeira tarefa de Baker e o aparentemente segundo home Crocker, terreo no que os avances non poden catalogarse como significativos. A segunda, colocar na mesa de negociación a ambas partes e ofrecerlles saídas imaxinativas. En realidade, tal cuestión soamente confirmaba, aínda que fora implicitamente, que o referendo ía ser gañado polos independentistas e que, por iso mesmo, Rabat nunca consentiría a súa celebración se a posición dos seus inimigos permanecía inamovible. A primeira desas saídas imaxinativas era o arrendamento do territorio por parte da Fronte Polisario a Marrocos; a segunda, o establecemento dun período de tempo transitorio o suficientemente longo como para desactivar o problema, se ben dentro do séquito de Baker admitíase, pedindo o “off the record”, que podería producir xustamente o efecto contrario: as novas xeracións non aceptarían dispor do seu país cando lles chegase a madurez ou estiveran preto da xubilación; a terceira saída, por último, era crear unha confederación de estados libres na que Marrocos levase a voz cantante, asumindo a representación no exterior (incluída a negociación das riquezas do banco pesqueiro e dos fosfatos de Bu Craa) e a defensa. O arrendamento é unha fórmula que aínda non foi retirada da mesa pero que figura nestes momentos como complementaria, e ten a virtude de axuntar os elementos esóxenos e endóxenos. Certo é que os independentistas carecen de técnicos e expertos como para dirixir unha nación que podería caer de maneira inmediata nunha situación de neocolonialismo ou, o que é peor, crear un foco de desestabilización na fachada noratlántica de África, cos seus efectos sobre o expansionismo do integrismo islámico. Un Marrocos aperturista e con reberetes de modernidade nas súas elites dirixentes xurdiría así como o garante do funcionamento das infraestructuras básicas, o seu defensor cara afora e con dereito á explotación (e á xestión) por un longo período de tempo tanto do banco da pesca, como dos fosfatos de Bu Craa. Cara ó interior, o Polisario exercería todas as funcións de policía, colocaría a súa bandeira como símbolo da soberanía sobre o territorio e podería “vender” á súa xente unha inevitable política de concordia e reconciliación con Marrocos que terá que seguir en calquera caso se desexa gobernar un Estado independente. A segunda opción, un longo período transitorio, é a que realmente se abriu paso na mesa de negociacións. Nestes momentos todos os capítulos desa fórmula permanecen abertos, e, a pesar do gran mutismo tanto das partes como de Alxeria e Mauritania (presentes directa ou indirectamente en todas as conversas) e da propia ONU, nin un só deles se pechou. En realidade, James Baker impuxo a fórmula “non hai ningún acordo ata que teñamos todo o acordo”, e, en principio, nada apunta a que o momento do pacto final estea próximo. A confederación de estados xurdiría como “efecto natural” do desenvolvemento da posición anterior. Ás reticencias da Fronte Polisario, que continúa agarrándose á letra e ao espírito do plan de paz acordado no seu día polas partes na ONU, súmase á inamovible posición marroquí, que levantou bochas nas chancelerías europeas e na norteamericana: a postura oficial de Rabat non variou un ápice dende que en 1991 o rei Hassán asinou o cese o fogo, e insiste en que soamente aceptará o referendo se este ten como obxectivo “confirmar a marroquinidade do territorio”. É dicir, aceptará acudir ás urnas sempre e cando o resultado, a priori, sexa favorable ás súas teses. Estados Unidos e Francia, os principais valedores da monarquía alauí, non ocultaron a súa indignación porque, se ben desexan a integración do Sáhara, tamén é certo que se amosaron partidarios de respectar certos aspectos formais indispensables coa fin de que a consulta se impregne de credibilidade internacional e, de verdade, poña fin á conflagración. Pero o certo é que Rabat carece de marxe de manobra para variar tal posición, que causa indignación e protestas constantes nas numerosas bases de apoio que os independentistas teñen en Occidente, sobre todo en España e Italia: o mencionado perigo de desestabilización do réxime xurde como algo máis ca unha mera posibilidade: 165.000 soldados desprazados ao Sáhara, entre eles todos os sospeitosos de amosar escasas simpatías pola monarquía, non poden regresar ás súas casas derrotados, sen contar xa aos colonos. Valga como exemplo indicar que nin sequera existe espacio físico no que acoller a uns e a outros. O escenario actual caracterízase, polo tanto, por un estancamento oficial e o mantemento ríxido das respectivas posicións, pero o mesmo feito de que James Baker continúe mediando permite concibir a idea de que se está negociando de verdade o futuro do Sáhara(2), o cal, obviamente, non garante nada por si mesmo. A fórmula da autonomía á española ou incluso o modelo alemán dos “länder” semella inviable por inaceptable para os saharauís, pero igualmente é certo que as condicións obxectivas non lles permiten a estes recomezar a guerra: a situación económica e política de Alxeria impide desenvolver a loxística necesaria que implica reavivar o conflicto. Todo apunta a unha solución intermedia partindo da base de que o Sáhara se constitúa nun país independente. Sen embargo, cando en 1997 o entón “número dous” do Polisario, Bachir Mustafá Sayed, fixo declaracións nese sentido caeu en desgracia, e de respectado ministro de Asuntos Exteriores e artífice da política desenvolvida na ONU durante os anos anteriores pasou a ocupar a secundaria carteira de Sanidade e, máis tarde, a alcaldía dunha das catro “wilayas” ou provincias (en realidade, un dos catro grandes campamentos de refuxiados que se estenden preto de Tinduf)(3). Iso será así excepto que varíen esas condicións obxectivas, claro está. Ou sexa, a situación cambiaría 180 graos se, por exemplo, nos próximos anos os integristas marroquís adquirisen unha gran presencia política, algo que non resulta descartable nestes momentos de transición política neste país. Entón sería o momento en que Occidente apoiaría aos saharauís como punta de lanza para frear o movemento fundamentalista. Pero política-ficción aparte, hoxe por hoxe soamente cabe agardar o acordo político previo que de paso ao referendo. E se ben as negociacións de pacificación sempre foron longas e difíciles , semella irreal pensar que ese acordo vai chegar despois do 2002(4). Mentres tanto, os refuxiados seguirán aguantando o vento na “hammada”, a parte máis infernal do deserto do Sáhara.
|
|
(1) Marrocos acepta formalmente a idea do referendo en Nairobi en 1988, aínda que “con todas as garantías ao seu favor, o que o convertía en inaceptable, aprazándose indefinidamente ata que Hassán II puidera alegar a súa excesiva dilación, negándose a realizalo”. DIEGO AGUIRRE, José Ramón. “Guerra en el Sahara”. Editorial Istmo. Colección Fundamentos. Número 124. Madrid 1991. Páxina 370. (2) Un dos destacados membros do equipo do ex secretario de Estado norteamericano confirma esta impresión: “A Baker nunca lle gustou perder, e non creo que vaia ser esta a primeira vez”. RAMIREZ, Cristóbal. “La cuadratura del círculo”. La Voz de Galicia, A Coruña, 4 de maio de 1997, páxina 14. (3) Bachir Mustafá Sayed insistiu por primeira vez na historia do movemento independentista, en que “temos que tenderlle a man a Marrocos”, ao que definiu como “un gran país”. RAMÍREZ, Cristóbal. “Tenemos que tenderle la mano a Marruecos”, La Voz de Galicia, A Coruña, 1 de maio de 1997, páxina 14. (4) De todas formas, o sector máis “duro” do Polisario xa amosou o seu profundo desacordo co último atraso do referendo ata o 2002, retraso “de facto” e non confirmado oficialmente. Ao respecto, Brahim Ahmed Mahumd, ex-ministro de Defensa e na actualidade xefe da Segunda Rexión Militar dos territorios que controla a Fronte Polisario, declarou: “Eu non quero a guerra, ninguén quere a guerra, pero isto non pode durar indefinidamente. Asinamos con demasiada présa o cese ó fogo no ano 1991. Se o referendo non sae adiante a pesar dos nosos esforzos, ¿que outra opción nos queda?”. RAMÍREZ, Cristóbal, La Voz de Galicia, A Coruña, 27 de decembro de 1999, páxina 20. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 05/11/2000
|