Resume - Resumen - Abstract |
| O mundo nos medios, os medios no mundo |
|
Fernando Delage |
|
Hai uns anos, Robert McNamara, secretario de Defensa do presidente John F. Kennedy, comentou casualmente que durante a crise dos mísiles en Cuba (1962) –momento no que máis cerca se estivo dun enfrontamento nuclear desde a fin da segunda guerra mundial– nunca seguiu a televisión. Se nos trasladamos a 1999, á guerra de Kosovo, a evolución é evidente: os medios, que están no lugar da noticia e transmiten de xeito instantáneo, son un factor non menor na elaboración da política exterior. A información é hoxe unha dimensión esencial nas decisións políticas, especialmente durante os conflictos armados e as crises humanitarias. Durante a guerra de Kosovo, como comunicar os obxectivos e os feitos do día era un asunto tratado ao máis alto nivel, tanto na OTAN como nos gobernos aliados e entre as autoridades serbias. Esa transformación do papel e da influencia dos medios ten sido paralela ao xeito en que ten mudado o mundo desde a fin da guerra fría. O debate sobre como cubrir a información internacional ten moitos elementos en común coa discusión dos analistas políticos acerca de como enfocar a desorde mundial. Son dúas discusións estreitamente relacionadas, nas que os medios actúan como observadores pero tamén como protagonistas.
“Globalización” é a palabra que mellor define ao mundo contemporáneo. É un socorrido termo co que se tenta dar coherencia a un sistema internacional desordenado e caótico, cheo de interrogantes e incertezas. No que aquí nos interesa, as telecomunicacións e as novas tecnoloxías teñen unificado ao mundo. A información circula 24 horas e de xeito instantáneo. E esa información é sinxelamente abafante polo seu volume. Vivimos invadidos pola información. Pero a mundialización da economía e da información coincide cun fenómeno contradictorio: aínda que o internacional é máis importante –non podemos vivir de costas ao que ocorre fóra das nosas fronteiras–, o interese por eses asuntos tense reducido. A cobertura dos asuntos internacionais nos medios de información xeral, tanto en España como no estranxeiro, é menor. O interese público por estas cuestións sempre ten sido relativamente reducido; sen embargo, está a minguar aínda máis na era da globalización. As razóns deste feito son diversas e teñen que ver tanto coa evolución da política mundial como coa transformación do propio negocio periodístico. Unha primeira causa pode ser a paz, a estabilidade política e a prosperidade. O consumismo conformista do noso tempo fai que a curiosidade polos problemas doutros se reduza. Os pobos satisfeitos tenden a mirar cara a dentro máis que cara ao exterior. Por isto, a fin da guerra fría quizais sexa un dos principais motivos dese crecente desinterese público e dos medios.
A falta de perigos e ameazas directas fai que os problemas internos adquiran unha nova prioridade. A desaparición do comunismo privou aos asuntos internacionais da urxencia que tiñan anteriormente, así como do mapa político que permitía enfocalos de xeito coherente e sistemático. A guerra fría definiu durante varias décadas o xeito en que debían cubrirse as noticias. No seu seguimento do mundo, os medios concentrábanse naquelas cuestións que tiñan relevancia polo enfrontamento bipolar. A atención que recibía un determinado país estaba en función da súa importancia no conflicto Este-Oeste. Isto explica, por exemplo, que durante un tempo, América Central fose máis importante que Asia ou África; ou que Afganistán, tras da invasión soviética, fose obxecto dunha atención inusitada. Á inversa, Indonesia, o cuarto país máis poboado do mundo e cunha posición xeopolítica chave, non recibía polo contrario ningunha. (Na célebre expresión dun antigo embaixador de EEUU en Iakarta, Indonesia era “the most under-reported country in the world”). Poderían citarse moitos outros exemplos. O resultado era que os medios –anque o mesmo ocorría na esfera política– ofrecían unha interpretación nesgada e fragmentada do mundo. Recoñecíanse cada vez tres o catro puntos de conflicto, pero o resto do planeta practicamente non existía para os medios de comunicación. A fin da guerra fría introduciu un considerable desafío aos medios, que se vían obrigados a buscar novas direccións. a coincidencia desa transformación política cos avances das tecnoloxías facían ademais posible, por primeira vez, que se puidese ofrecer información desde calquera lugar do mundo. Moitos sitios antes distantes agora facíanse accesibles. O reto para os medios consiste en explicar e actuar conforme ao concepto de globalidade, decobertura global da información, na idea de que todas as partes do mundo deben estar representadas para que un lector ou espectador poida estar informado de xeito equilibrado. Por tanto, máis que prestar unha menor atención aos asuntos internacionais, o que reclama a posguerra fría é tratalos de xeito diferente, atendendo a todo tipo de cuestións: non só información política e conflictos, senón tamén economía e finanzas, ambiente, tecnoloxía, ideas, etc.
Isto levarianos a outra razón que explicaría a perda de interese polas cuestións exteriores: a notable complexidade que teñen adquirido as relacións internacionais. A ausencia de paradigmas, a perda da orde e disciplina que supuña á guerra fría, ten dado paso a un mundo con gran número de protagonistas, tendencias e cuestións que reclaman a nosa atención. O mundo é menos predicible e por iso tamén a política exterior dos gobernos é máis complexa. Todos estes factores fan máis difícil o labor dos medios. Os xornalistas e os seus editores teñen que abordar novos problemas que a penas coñecen, problemas que teñen que ver con enfrontamentos étnicos, disputas territoriais, vellos agravios históricos que parecían durmidos e que agora volven á superficie. Ademais, como xa se ten mencionado, a nova axenda internacional obriga a facer fincapé en cuestións globais como a sida, ambiente, comercio internacional ou proliferación de armamentos, que requiren todos eles dun considerable coñecemento técnico. É moito máis difícil seguir o mundo de hoxe e facer comprender a relevancia ou as implicacións de feitos aparentemente inconexos.
Mais xunto con estas posibles causas non pode obviarse o transformado papel dos medios de comunicación. Da prensa, pero tamén da televisión. A influencia desta última é innegable. Como principal instrumento da comunicación de masas, réxese por unha regra non escrita: as noticias endexamais deben aburrir. Se unha canle nos aburre, pasaremos a outra, aínda que se fale de cuestións internacionais que afecten directamente á nosa seguridade ou benestar. A televisión, naturalmente, depende da audiencia e dos ingresos por publicidade. O ciclo informativo de 24 horas e a obsesión coas imaxes e os “famosos” teñen mudado moitas cousas. A vida sexual dun presidente provoca maior interese por parte dos medios que o contido das súas políticas. Na batalla pola audiencia e os ratings, o obxectivo non é tanto cubrir cuestións importantes, senón facelas interesantes, tratalas de xeito que non aburran, é dicir, entreter (velaí que se fale da cultura do entertainment). A resposta dos responsables de televisión é que a xente está máis interesada na personalidade das figuras públicas e nas súas intimidades, que na política ou nos asuntos internacionais. No caso da información internacional chégase ao extremo. Como escribiu un veterano correspondente e xornalista norteamericano, David Halsbertam, as noticias do mundo exterior só son importantes para a televisión se:
Canto máis exótico o espectáculo, mellor(1). É innegable que un mundo extraordinariamente complexo debe axustarse a un formato tan inimigo da complexidade como é o da televisión, pero isto non significa que non poida facerse doutra forma. Para moitas persoas que teñen como única ou principal fonte de noticias a televisión, a imaxe do mundo que se transmite é limitada e simplista, ameazadora –só se destaca a violencia– e amais profundamente distorsionada. Abonda lembrar, por mencionar un par de casos, a guerra Irán-Irak, na que morreron máis dun millón de persoas e que recibiu menor cobertura que os conflictos nos Balcáns. Ou as fames negras de Sudán, máis desapercibidas que as de Somalia. Como alguén dixo entón, “Sudán foi Somalia sen a CNN”. Todo isto tradúcese nun maior illamento do mundo e na convicción de que os feitos ordinarios –é dicir, non espectaculares– que ocorren noutros lugares do planeta non teñen influencia sobre a nosa vida. Pero hai outro efecto enormemente empobrecedor. Se a televisión trivializa cuestións complexas pero esenciais, ou renuncia sequera a cubrilas, ¿non se banalizará tamén o debate público? Nunha sociedade democrática, a parte máis crítica do sistema de comunicacións –a televisión– está bloqueada porque o que importa non é a perspectiva, o contexto ou os problemas máis urxentes, senón aqueles que proporcionan mellores imaxes(2). A prensa sempre tratou a información de xeito diferente á televisión. Aínda que non escapa á súa influencia –debe pedirse o menor esforzo posible ao lector, inundalo de fotos e gráficos, facelo todo máis visual...– os contidos non deixan de ser importantes e por iso os medios impresos tamén teñen distintos problemas respecto á asuntos exteriores. Un non menor é o custe que implica ter información, analistas e correspondentes propios. Moitos medios súpleno cos despachos de axencia que, pola concentración empresarial dos medios, ofrecen puntos de vista uniformes e non sempre adaptados aos lectores de cada país. Ao mesmo tempo, hai unha presión por cubrir noticias urxentes en artigos breves, sen que poida dispoñerse de tempo para elaborar artigos en profundidade. En varios estudios realizados en EEUU, as cifras son ilustrativas. Segundo a Oficina Nacional de Publicidade, a cobertura da información internacional na prensa caeu do 10,2 por cen en 1971 ao 6 por cen en 1982. Un estudio da Universidade de California realizado en 1989, concluíu que nos 10 principais xornais norteamericanos, as páxinas de información internacional reducíranse ao 2,6 por cen. Algo semellante ocorreu cos semanarios. O espacio dedicado ás cuestións exteriores reduciuse, entre 1985 e 1995, do 24 por cen ao 14 por cen na revista Time e do 22 por cen ao 12 por cen en Newsweek. O director desta última chegou a afirmar que sacar en portada un tema internacional traducíase nunha caída do 25 por cen nas vendas nos quioscos(3). O negocio periodístico transformouse. Ao fronte xa non hai xornalistas, senón empresarios e financeiros e a información internacional non semella ser moi rendible. Por tanto, a principal ameaza a un seguimento intelixente das cuestións internacionais quizais non sexa tanto unha falta de interese como a concentración da propiedade dos medios, que se traduce nunha estratexia orientada á procura de beneficios. Cando se trata de atraer a atención do consumidor nun mercado moi competitivo, será difícil que se faga fincapé nos complexos asuntos da axenda internacional. Sen embargo, é a prensa, como único medio onde se pode ofrecer unha información global e de calidade, a que debe facer que os asuntos internacionais sexan relevantes para os lectores.
A présa da televisión, que ofrece imaxes instantáneas, e Internet son factores que afectan á formaen que hoxe se elabora a política exterior. Tamén inflúen, sen dúbida, os editoriais duns poucos periódicos de calidade. Evidentemente, os medios non deciden a política, mais hoxe é practicamente imposible formular unha política exterior sen ter en conta aos medios. Tanto no que se refire a prioridades como a decisións específicas.
Os medios de información, en primeiro lugar, poden afectar á axenda da política exterior. Os conflictos na antiga Iugoslavia son un bo exemplo recente. De 1992 a 1995, os presidentes Bush e Clinton non creron que a guerra en Bosnia ameazase os intereses norteamericanos o suficiente como para enviar as súas tropas. Non obstante, as repetidas imaxes sobre o que estaba a ocorrer obrigaron aos presidentes a prestar atención ao conflicto. O pasado ano, cando estoupou a violencia en Timor Oriental tampouco se considerou en principio unha cuestión importante para EEUU. De novo, a televisión e os periodistas que puñan en cuestión a política seguida obrigaron a que a Casa Branca o incluíse na súa axenda. Os medios tamén actúan á inversa, é dicir, pode existir menos presión para que se preste atención a un conflicto –como as guerras civís en África occidental– se este non xera interese nos medios de comunicación e non hai ningún imperativo de seguridade nacional. Unha das características máis interesantes que presenta a era da información é a democratización do acceso aos recursos dos medios, o que significa que un maior número de grupos teñen capacidade para influír na política exterior. Políticos e diplomáticos teñen que compartir a súa función con actores non gobernamentais, ONG, defensores dos dereitos humanos e ecoloxistas, entre outros, que teñen acceso aos medios e reflicten neles as súas prioridades. Baste pensar na mobilización ao traveso de Internet que detivo as negociacións na OCDE sobre o Acordo Multilateral de Inversións (MAI) ou organizou as protestas en Seattle contra da reunión ministerial da OMC o ano pasado, ou contra do Banco Mundial e o FMI en Praga a finais de setembro. Probablemente os medios inflúen menos na elaboración da política exterior do que se di, pero con certeza déixanse sentir nunha cuestión moi precisa: a política de axuda humanitaria. As imaxes de televisión de xente que sufre fames negras, enfermidades ou desastres naturais, ou os movementos de refuxiados adoitan ir acompañadas da esixencia de “facer algo”. Polo seu efecto na opinión pública poden facer que os gobernos se involucren en lugares onde doutro xeito endexamais o tivesen feito. Aconteceu en Etiopía a mediados dos oitenta, en Ruanda tras do xenocidio de 1994, na ex Iugoslavia ou nas inundacións de Mozambique deste ano. Pero que se preste atención ás urxencias humanitarias e que haxa unha nova presión por parte da opinión ública non significa que as decisións finais veñan dadas polos medios.
A presencia de cámaras de televisión nos conflictos armados no só exerce uns límites sobre as accións que se emprenden, senón que traslada o foco das hostilidades das forzas do inimigo á opinión pública na casa(4). Desde a fin da guerra fría, ningún opoñente de EEUU tivo os medios para facer fronte ao seu poder. A única resposta viable consiste non en fixarse obxectivos militares, senón na opinión pública de EEUU mediante actos terroristas contra civís ou instalacións norteamericanas noestranxeiro; a guerra cibernética contra ordenadores; ou a utilización dos medios, sobre todo da televisión. Somalia, Haití, Irak, Bosnia ou Kosovo son algúns exemplos. Logo da primeira noite da Tormenta do Deserto, Saddam Hussein perdeu as súas defensas aéreas, mais soubo utilizar os medios. Cando os bombardeos dos aliados acabaron cun “búnker” no que morreron carbonizados 300 mulleres e nenos de familias militares, Saddam –o 13 de febreiro de 1991– invitou ás cámaras de televisión occidentais a filmar o escenario. Resultado: o argumento de Washington de que se trataba dun lexítimo obxectivo militar –un centro de mando e control– convertíase en irrelevante. Ao réxime iraquí preocupáballe pouco a vida de mulleres e nenos, pero comprendeu que o mellor xeito de deter o bombardeo de Bagdag consistía en permitir o acceso aos medios de comunicación. E así aconteceu: ao ver aquelas imaxes, a opinión occidental reaccionou contra dos bombardeos e estes reducíronse. De xeito semellante, na guerra de Kosovo, o réxime de Milosevic tiña escasas posibilidades de derribar aos bombardeiros ou aos mísiles cruceiro da OTAN. Así que o réxime tratou de utilizar os medios occidentais para reducir o apoio á guerra entre a opinión pública occidental. As televisións debidamente informaron do bombardeo da estación de televisión serbia, da sede do Partido Socialista serbio, as pontes, os convois de refuxiados en Kosovo, etc... Esas imaxes sementaron as dúbidas entre un electorado que estivera a favor da acción militar cando comezaron os bombardeos. Ao concluír as operacións, o apoio ao mantemento dos bombardeos caera por debaixo do 50 por cen e pode dubidarse que a acción militar se puidese manter durante moito máis tempo. Este é un aspecto dos conflictos novo, propio do noso tempo. Non había reporteiros da Alianza cando se bombardeou Berlín, Hamburgo ou Dresden. Non había periodistas alemáns que cubrisen as trincheiras dos aliados na primeira guerra mundial. A distancia entre os fogares e o campo de batalla ten desaparecido, e isto transformou aos periodistas de meros observadores en protagonistas.
As novas tecnoloxías da información, que permiten aos medios cubrir os acontecementos en tempo real, facilmente superan a capacidade da diplomacia para reaccionar diante das crises internacionais. Os medios non substitúen á diplomacia, mais compleméntana e crean novas presións. É posible que os líderes políticos reciban as primeiras noticias dunha crise por medio da CNN, antes que por un cable dunha embaixada, pero isto non elimina a necesidade da análise e os informes desa embaixada. Os medios, por outra banda, tamén serven para facer chegar mensaxes a líderes estranxeiros, especialmente durante as crises nas que o contacto directo está suspendido. Os medios crean sobre todo unha presión de tempo. Os longos días nos que se encerraba con Kennedy a porta pechada durante a crise de Cuba son un luxo inimaxinable hoxe en día. A transmisión inmediata da información e a ubicuidade dos medios implica que os líderes deben tomar decisións e facer declaracións máis rapidamente do que quixesen. Non poden permitirse dicir a os medios que agarden. E, loxicamente, a presión do tempo, xunto coa guerra de información co adversario pode levar a cometer erros. A información fragmentada da OTAN sobre o bombardeo accidental dun convoi de refuxiados en Kosovo, logo corrixida varias veces, minou a credibilidade dos esforzos da Alianza. Trátase, pois, dunha espada de dobre fío. Durante a Guerra do Golfo, o presidente George Bush utilizou a televisión en varias ocasións para dirixirse directamente ao líder iraquí. Durante a guerra de Kosovo, a secretaria de Estado de EEUU, Madeleine Albright, tamén utilizou os medios para chegar a distintos grupos serbios. Na medida na que os conflictos e o mantemento da paz cada vez máis se volven cuestións multilaterais, esta será unha tarefa máis difícil. Ás veces cómpre enviar mensaxes con matices diferentes a audiencias diferentes. A revolución nas telecomunicacións e a fin da guerra fría –que fixo que os asuntos internacionais parezan menos urxentes– obriga aos que elaboran e formulan a política exterior a ter en conta estratexias de comunicación máis complexas e a empregar unha diversidade de medios. En caso de conflicto, o risco para os periodistas é o da manipulación. Kosovo constitúe o exemplo máis recente. Os periodistas occidentais en Belgrado tiñan poucas opcións. Se participaban nas visitas organizadas polo goberno para visitar os lugares atacados pola OTAN e informaban sobre o que o réxime serbio lles presentaba como a verdade, arriscábanse a verse considerados como instrumentos serbios. Se se negaban, corrían o risco de seren expulsados ou de perder as imaxes que si posuían os medios da competencia. En realidade, os periodistas víronse explotados polos dous lados do conflicto. A OTAN tentou manipular á prensa para que crese na fortaleza da cohesión aliada e en que os bombardeos estaban sendo efectivos. Os serbios, pola súa banda, utilizaron os medios occidentais para erosionar o apoio político interno. O público tiña que contar coa desinformación de ambos lados. Un xeneral da OTAN expresouse así, segundo recolle un libro recentemente publicado en Francia sobre os periodistas e a guerra de Kosovo: “Para os medios tíñamos unha táctica bastante eficaz. Case sempre coñecIamos as causas e as consecuencias dos nosos erros. Pero co fin de anestesiar á opinión pública diciamos que ordenaramos unha investigación e non revelabamos a verdade ata 15 días máis tarde, cando xa non interesaba a ninguén. A opinión fabrícase como calquera outro producto”(5). A pesar de todo, hoxe existe unha maior transparencia. Antes de atacar determinados obxectivos, xa se ten preparado á opinión polos briefings (pero tamén se reducen por isto as opcións diplomáticas e militares: por exemplo para dicir, nun chisco á opinión pública, que non haberá intervención terrestre). Esta é outra importante novidade: nas guerras do pasado, os belixerantes escondían as súas intencións. Hoxe, ambos os dous lados transmítena en directo. Na guerra tradicional os belixerantes querían facer un dano real; hoxe, como escribe Ignatieff, trátase máis ben de causar un dano nas percepcións, para afundir ou minar a moral civil, o ánimo dos cidadáns. Os serbios só tiñan que seguir as conferencias diarias de prensa da OTAN para coñecer os próximos obxectivos da Alianza. Cando os periodistas occidentais, por exemplo, recibiron a orde de estar lonxe do edificio da televisión en Belgrado o día do previsto ataque, os funcionarios serbios souberon que ese ataque era inminente.
Anque a cobertura dos asuntos internacionais vaise reducindo nos medios de información xeral, hoxe máis persoas que nunca, incluídos os españois, traballan e viaxan ao estranxeiro: desde empresarios a estudiantes, desde turistas a profesionais. É xente que demanda información internacional, aínda que non sempre enfocada cara á política. A tensión entre as prioridades do periodismo e as comerciais probablemente no ten solución. Maiso papel dos periodistas e das organizacións de información tende a reducirse. Os fluxos de información a través de Internet e outras tecnoloxías superan todo esforzo por controlala. Vivimos na era da información, pero esta xa no só a subministran os medios xeneralistas. Calquera persoa que viaxe é, de facto, un correspondente estranxeiro. É os que teñen interese no que ocorre noutros países atoparán acceso a unha gran diversidade de fontes e de información moi superior á que ofrecen eses medios de información xeral. Por iso quizais haberá que preguntarse se o seguimento dos asuntos internacionais segue a ser importante. Sen dúbida o é. Aínda que haxa menos información internacional nas portadas e menos páxinas, hai que pedir máis dos correspondentes, non menos. Non se trata de reducir a información internacional senón de enfocala de xeito diferente. Hai que facer menos fincapé nos conflictos e nas historias políticas e máis noutras cuestións globais. Pero isto esixe saber distinguir o relevante do que non o é, por os problemas en perspectiva e explicar as conexións entre os feitos internacionais e as preocupacións nacionais. Non ten sentido cubrir as eleccións nun determinado país sen proporcionar ao lector unha análise da situación dese país e por que esas eleccións son importantes. Compre saber explicar por que as cifras da economía de EEUU ou a estabilidade monetaria da China tamén afectarían a súa vida diaria ou cales son os verdadeiros problemas de fondo na nova crise do petróleo. O reto consiste, así, na calidade e profundidade do coñecemento e da análise dos que escriben nos periódicos para satisfacer unha demanda que, aínda que relativamente pequena, é cada vez máis esixente. Hoxe hai moitas máis fontes, ademais da prensa, para estarmos informados. Pero eses fluxos de información a través de medios non tradicionais non converten en irrelevantes á prensa nin aos correspondentes. O acceso a maior e máis especializada información ten sen dúbida as súas vantaxes. Pero mesmo os expertos necesitan aos medios de información xeral para as noticias en campos que non son os seus. Por iso a especialización dos periodistas é hoxe esencial. Sen as vellas certezas da guerra fría que sirvan de orientación, hai que procesar toneladas de información, na que sobresae a banalidade e a superficialidade. Con curiosidade e con capacidade para informar desapaixonadamente, os periodistas deberían estar ben equipados para observar e interpretar este mundo caótico e desordenado. É un reto e ao mesmo tempo unha grande oportunidade para explorar todas as posibilidades deste oficio. Quizais non haxa razóns para que un golpe de Estado en Liberia sexa primeira páxina. E quizais o menor interese público e dos medios polos asuntos internacionais non sexa alarmante. Como xa se ten dito, o número de publicacións e de fontes para o experto téñense multiplicado. Pero a política exterior dun país require a participación e o coñecemento de toda a sociedade. O periodismo consiste en buscar e ofrecer aos lectores a información necesaria para comprender os problemas públicos e, guste ou non, as cuestións internacionais son hoxe inseparables das nacionais. As elites no goberno, as profesións ou as empresas teñen as súas propias fontes de información. É o público xeral ao que se illará e apartará do debate público se os medios non saben como ofrecerlles de xeito interesante e relevante os grandes problemas internacionais do noso tempo.
|
|
(1) David Halberstam, The next century, New York: William Morrow, 1991, páx. 105. (2) As cifras da televisión de EEUU reflicten esa tendencia á menor cobertura das cuestións internacionais. Na principal cadena, ABC, a información exterior reduciuse nos informativos nocturnos de 3.733 minutos en 1989 a 1.838 minutos en 1996. Na NBC, de 3.351 minutos a 1.175 no mesmo período. Ver Garrick Utley, “The shrinking of foreign news. From broadcast to narrowcast”, Foreign Affairs, vol. 76, núm. 2 (marzo-abril 1997). (3) James F. Hoge, “Foreign news: Who gives a damn?”, Columbia Hournalism Review, novembro-decembro 1997. (4) Michael Ignatieff, Virtual war. Kosovo and beyond. New York: Henry Holt, 2000. (5) Serge Halimi e Dominique Vidal, La opinion, ça se travaille. Les medias, l’OTAN et la guerre de Kosovo. París: Agone, 2000. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 05/11/2000
|