Tempo Exterior nº 1 segunda época - xullo/decembro 2000Volver ó sumario
Resume - Resumen - Abstract
 
O futuro da pesca galega nun mundo globalizado
Entrevista co eurodeputado Daniel Varela Suanzes-Carpegna


Te
 

Te: Vostede preside a Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, ¿en que medida Europa é sensible e comprende a importancia deste sector, vital para Galicia?

Daniel Varela Suanzes-Carpegna: O sector, como vostede di, é vital para Galicia, estratéxico, pois del dependen outros moitos sectores conexos, ten unha grande incidencia no noso PIB e no emprego pero este non é o caso doutros Estados Membros. Ese é o gran problema: non hai sensibilidade pesqueira porque non teñen unha cultura pesqueira propia nin a importancia de sectores coma o noso. Esa é tamén a razón da nosa continua loita. Aínda así estamos intentando, por tódolos medios ó noso alcance, sensibilizar e concienciar á Comisión Europea e ó Consello do gran potencial pesqueiro europeo a través da panca da Presidencia da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo. É certo, e temos que partir deste dato, que o peso relativo da industria pesqueira no PIB comunitario é pequeno pero aínda así somos a cuarta flota do mundo e se sumamos flota, industria de transformación e comercialización, industrias auxiliares, investimentos en terceiros Estados, construcción naval especializada, estamos diante dun importante conglomerado a nivel mundial en actividade económica vinculada á pesca.

Te: ¿Con que aliados contamos para facer valer os nosos intereses?

Suanzes-Carpegna: Dedúcese da resposta anterior. Poucos. Acostumo a dicir, graficamente, para que se entenda ben, que somos 2 contra 13. Practicamente o noso aliado natural e permanente é Portugal e por se fose pouco a inexistencia desa sensibilidade tradúcese nunha miopía de cara ó futuro.

Estamos ás portas dun acontecemento europeo histórico para nós: a revisión da Política Pesqueira Común (PPC) que por imperativo legal tense que producir no 2002 e tódolos Estados Membros estanse a mirar o embigo: mantemento das cotas nacionais, do proteccionismo interior, non ó mercado interior pleno, etc, en vez de mirar de cara ó mundo, á globalización da economía e polo tanto da PPC no novo marco mundial e dunha reforma que faga que a nosa pesca sexa competitiva no século XXI.

Te: ¿Que fai o Parlamento Europeo dende a Comisión de Pesca que vostede preside para concienciar ás Institucións Europeas da necesidade de enfocar esa reforma “histórica”, como vostede di, de cara ó mundo globalizado?

Suanzes-Carpegna: Agora mesmo está elaborando o primeiro Informe dunha Institución Europea que leva precisamente ese título: “O futuro da PPC diante do desafío da globalización da economía” do que eu son, precisamente, o Ponente. Fixemos xa unha Audiencia Pública con expertos na materia e cos representantes das Administracións pesqueiras dos Estados Membros e coa Comisión Europea. Tratamos de que o marco da reforma da PPC sexa o marco mundial e non tan só o marco europeo. Mirar ó mundo: as augas internacionais, os Acordos con terceiros Estados nas 200 millas das ZEE (zonas económicas exclusivas), frea-los intentos unilaterais dos terceiros Estados de ir mais aló das 200 millas, sen esquecer de determina-lo papel das Organizacións Multilaterais de Pesca (NAFO, ICCAT, etc) e do papel e peso da Comisión Europea nelas.

É importante conseguir que a Comisión teña unha postura propia, propiciada e consensuada co PE nos debates da OMC (Organización Mundial de Comercio) iniciados en Seattle, etc.

Te: ¿Que capacidade de influencia ten o Parlamento Europeo na definición das políticas pesqueiras comunitarias?

Suanzes-Carpegna: Influencia é unha palabra moi apropiada. O Parlamento Europeo ten influencia e cada vez máis pero aínda non dispón dos poderes lexislativos plenos propios dun Parlamento no que a súa voz sexa totalmente decisiva. Pedimos codecisión co Consello para a pesca na reforma dos Tratados en curso, e mentres tanto somos unha instancia consultiva preceptiva. Non se poden adoptar decisións sen antes consultar ó PE. O feito de non dar unha consulta (avis) é unha arma de certo poder con que xa contamos no Parlamento Europeo. Pero hai que ir máis lonxe. Hai que sinalar que no PE dáse tamén –como non podía ser doutro xeito– un reflexo das distintas posicións dos Estados Membros pois os deputados representan os intereses das circunscricións nos que son elixidos, e polo tanto reprodúcense os problemas de alianzas e sensibilidades dos que estamos a falar. De aí tamén a importancia de te-la Presidencia da Comisión de Pesca pois permite certa marxe de manobra para incidir na orientación e marcha da Comisión. O informe sobre a PPC diante da globalización da economía, do que veño de falar, non é un informe lexislativo sobre unha proposta da Comisión Europea, é un informe de propia iniciativa do PE. Fomos nós os que propiciamos e decidimos o debate e iso é moi importante.

Te: Aproveitando a súa Presidencia, ¿coida que é posible unha “galeguización” da política pesqueira comunitaria? ¿de que resortes principais dispón Galicia para influenciar nas decisións da Unión?

Suanzes-Carpegna: Esa é a miña teima. Na maneira de facer política e no feito de defende-los intereses galegos –que son europeos– estase producindo xa, sen dúbida, unha “galeguizacion” da política pesqueira europea. En honor á verdade debo engadir que a miña Vicepresidenta primeira, a Sra. Miguélez, é tamén galega e o noso entendemento para “galeguizar” a política pesqueira europea está por riba de intereses particulares ou partidistas. Coido que no PE en pesca, e en xeral, están ben representados os intereses galegos, ó máximo nivel posible –pense que dos 626 eurodeputados tan só 17 presiden unha Comisión e teño a honra e a responsabilidade de ser un deles–. Os meus contactos co Comisario Fischler son moi frecuentes, falamos a miúdo, intercambiamos moita información. É curioso, e quizais non se volva a repetir, pero como me recordou unha vez o Comisario Fischler, está rodeado de dous “influíntes” galegos: referíase ó Sr. Silva, Director Xeral de Agricultura, e ó Presidente da Comisión de Pesca do PE, galegos ámbolos dous e lucenses para máis coincidencia.

Galicia ten, ademais, unha magnífica valedora na Vicepresidenta da Comisión Europea e Comisaria de Enerxía e Transportes, grande amante da nosa terra e ex-Ministra de Agricultura e Pesca, agora vinculada ó futuro dos transportes e das Redes Transeuropeas, de tanta transcendencia no futuro de Galicia, outra favorable coincidencia histórica. Quizais precisemos máis funcionarios galegos de alto nivel no seo da Comisión Europea. É unha materia pendente.

Nos Consellos de Ministros témo-la sorte, tamén, de que o Secretario Xeral de Pesca Marítima é un ex-director Xeral de Pesca da Xunta, o Sr. Samuel Juárez. Galicia conta, ademais, cun Presidente da Xunta que goza dun gran prestixio internacional que posibilita que sexa recibido polo Presidente da Comisión Europea e varios Comisarios nun mesmo día, como acaba de ocorrer, e que dispón dun órgano permanente para a Acción Exterior, a Secretaría Xeral de Acción Exterior e relacións coa UE e dunha prestixiosa e competente oficina de representación en Bruxelas. Todos son resortes que inflúen no coñecemento de Galicia en Europa e das políticas europeas para os galegos.

Te: Existe moito desconcerto e ata perplexidade social en Galicia ao comprobarmos como Marrocos asina acordos con determinados países mentres as negociacións con Bruxelas están practicamente estancadas ou avanzan moi lentamente, ¿a que se debe esa situación?

Suanzes-Carpegna: Unha cousa é un acordo para que faene un, dous, tres ou 15 barcos –acordos que ten Marrocos con outros Estados– e cousa distinta é conseguir un acordo para 500 barcos e emprego para 4.000 tripulantes. Se ademais as capturas non son para xurelo senón para pescada ou cefalópodos, ten vostede a resposta. Marrocos quere desenvolve-lo seu propio sector pesqueiro e facelo naquelas pesqueiras comercialmente máis rendibles que son nas que nós estamos interesados. Tamén iso é a razón de que as negociacións sexan longas e complicadas. Pero hai que engadir tamén que á UE cóstalle traballo negociar e conseguir un Acordo de Pesca con Marrocos a pesar do seu peso político, económico e financeiro. Pero a España se non fose membro da UE custaríalle aínda máis ou por dicilo máis claramente, nós, sen a UE detrás, ao mellor non estaríamos xa, a estas alturas, intentando conseguir un Acordo.

Te: ¿Por que razón se lexitima o control de Rabat sobre as augas do banco canario-sahariano tendo en conta que, segundo algúns, procedería incluílas no litixio coa Fronte Polisario, baixo supervisión de Nacións Unidas?

Suanzes-Carpegna: As augas do Sáhara dende o punto de vista do Dereito Internacional están hoxe interinamente baixo administración legal do Reino de Marrocos e a Unión Europea negocia coa potencia que legal e internamente as administra.

Te: Aínda que mañá mesmo se asinara un novo acordo pesqueiro con Marrocos, as incertezas a respecto do futuro do sector pouco variarían, ¿que “revolucións” se precisan para instala-lo debate sobre a pesca noutras coordenadas máis vantaxosas para Galicia?

Suanzes-Carpegna: Os tempos vantaxosos xa pasaron. Antes saíase a pescar cando un quería e onde quería e xa estaba. Despois –tralas 200 millas– houbo que asinar acordos, fixar límites e pagar cartos e compensacións. Agora e mañá non chega xa con pagar por pescar, os donos das augas e dos caladoiros quérenos explotar directamente e obter directamente os beneficios. Certamente aínda que se asine un convenio con Marrocos, penso que todos temos que estar xa escarmentados e que o panorama actual non se pode reproducir dentro de dous, tres ou catro anos. Hai que encara-lo futuro se queremos seguir pescando. ¿Cales son as nosas avantaxes? Pois o noso “know-how”, o noso saber pescar, a nosa tecnoloxía e o noso mercado, a nosa importante rede comercial que non se improvisa. ¿A revolución? Algo tan antigo, como a cooperación o intercambio, o “do ut des”, temos moito que ofrecer, mecado, tecnoloxía, formación, investigación, infraestructuras pesqueiras, acuicultura, industria naval, industria de transformación... e que haxa empresarios que o comprendan.

Te: ¿Que actuacións desenvolve o Parlamento Europeo para conseguir un Acordo con Marrocos?

Suanzes-Carpegna: Cando resultamos elixidos deputados e eu Presidente da Comisión de Pesca do PE non había mandato de negociación con Marrocos nin tampouco unha proposta da Comisión Europea para o Acordo. Mesmo se falaba da supresión da Dirección Xeral de Pesca da UE. A todo iso tivemos que darlle a volta. E mantívose a Dirección Xeral de Pesca, que era como mante-lo poder da pesca na Comisión Europea; conseguimos que a Comisión Europea fixese un mandato de negociación ; que o Consello o aprobara e que nos presupostos da UE se consignasen os 125 millóns de euros na reserva para facer fronte ó Acordo con Marrocos. Fixemos comparecencias do Comisario e do Director Xeral da Comisión Europea diante da nosa Comisión e no Pleno do PE e levamos ós representantes de todo o sector español e portugués afectado polo Acordo á nosa Comisión en Bruxelas para que explicaran ós deputados europeos a súa situación económica e social, e concienciar a UE da celebración do Acordo. Pero, claro, o PE non negocia. Iso correspóndelle á Comisión Europea e a nós controlala. E para que haxa Acordo deben querelo ámbalas dúas partes.

Te: ¿Cal é o resultado das súas misións en busca de novos caladoiros?

Suanzes-Carpegna: Fun do Trópico ó Ártico. Aproveitei o verán para atender diversas invitacións que me formularon para iso precisamente. ¡Para cooperar! Esa é a revolución. Nós temos unhas cousas que lles faltan a outros, nós temos de case todo pero fáltanos o peixe, a materia prima. No Pacífico mexicano pedíronme que volveramos redescubrir América. Teño importantes ofertas que puxen en mans dos Gobernos español e galego que espero que fructifiquen en proxectos concretos. Logo pasei ao Círculo Polar Ártico e a carón do Polo Norte, emocioneime cando me traducían do inuit que os avós daqueles esquimós coñecían cantos e ditos galego-portugueses aprendidos nas relacións e tamén nos múltiples funerais de mariñeiros nosos que alí quedaron para sempre. Volvede, dicíanme, que hai pesca e como vós ningúns. Tamén trouxen ofertas e posibilidades de licencias que puxen en coñecemento do sector, pero en Groenlandia atopámonos co diabólico principio da “estabilidade relativa” que traducido ó román paladino quere dicir “as flotas ibéricas non”. Hai posibilidades pesqueiras no Planeta, novas pesqueiras, novas especies aínda non comercializadas que como fixemos co fletán, temos que investigar e explotar a través da cooperación bilateral ou multilateral nas augas internacionais ou de terceiros Estados.

Te: Semella que progresivamente difuminadas as fronteiras en terra, estas desprázanse ás augas dos mares. Existe un proceso de afirmación de soberanías estatais sobre as augas territoriais que dificulta cada vez máis o funcionamento tradicional do noso sector. ¿Haberá un día un mercado único universal pero nunca un mar universal?

Suanzes-Carpegna: Grocio fica xa lonxe e con el os días do “Mare Liberum” fronte ó “Mare Clausum” de Selden. O mar está parcelado. O problema hoxe xa non son as apropiacións das 200 millas nas Zonas Económicas Exclusivas (ZEE) reguladas no vixente Dereito Marítimo Internacional. O problema sobre o que estamos chamando a atención das Autoridades europeas é o da “extraterritorialidade”, o do sobrepasamento das 200 millas. A escusa legal da “especie transzonal ou altamente migratoria”, aquela que habita na milla 199 e 201, escusa que pretenden algúns Estados para estende-la súa soberanía máis aló, ata as 300 millas ou máis, e logo aparecerán outras especies transzonais e ¿que quedará das augas internacionais? Ese é o cabalo de batalla, mante-las 200 millas e regula-la cooperación en augas internacionais mediante Organismos Multilaterais de Xestión e Conservación Pesqueira. Fai falla unha gran vontade política na Comisión Europea para liderar esa loita que estamos dando dende a Comisión de Pesca do Parlamento Europeo.

Te: Galicia está á defensiva e xógase o seu futuro en poucos anos. ¿En que medida considera posible un amplo consenso político para a defensa do sector e sobre que bases pode establecerse?

Suanzes-Carpegna: O capítulo pesqueiro foi mal negociado cando entramos na entón CEE. Foi un grave erro histórico. O noso futuro pesqueiro tense que dar dentro da UE. Daqueles ventos veñen agora estes lodos. Pois principios aceptados entón como a “estabilidade relativa” que condiciona o noso futuro desenvolvemento pesqueiro están desgraciadamente arraigados no “acervo comunitario” dos seus beneficiarios que non queren cambialo e son maioría. Habería que ir introducindo novos sistemas experimentais que permitan abrir unha fenda, un novo redimensionamento da flota comunitaria para adaptala ós recursos reais e para facela máis competitiva (que non quere dicir máis depredadora), a implantación plena do mercado interior, sistemas de xestión pesqueira que impliquen ó sector pesqueiro máis directamente e eviten os descartes, e unha conciencia pesqueira europea que, coñecedora dos seus intereses e potencialidades no plano mundial, asuma o papel de potencia pesqueira que lle corresponde. Pero aínda falta moito para chegar a iso.

Ademais o sector está tamén moi dividido. Os intereses son moitas veces contradictorios, contrapostos a nivel interior, falta moita unión. E por se fora pouco, politicamente, a pesca é tamén –craso error– empregada como arma arroxadiza nas batallas políticas. O caso das negociacións con Marrocos é un bo exemplo. Todos, tódolos partidos políticos saben das dificultades do acordo pero non hai un pacto político para facer diso unha cuestión de Estado e estar todos a unha achegando e non restando, ás veces dando argumentos á parte contraria.

Te: ¿En que medida a súa actuación se coordina coas institucións, as administracións galegas e a sociedade civil, en especial, eses colectivos de empresarios e mariñeiros que observan con preocupación o futuro?

Suanzes-Carpegna: A actuación dun deputado é inviable se non está plenamente conectado coa sociedade que representa e cuns intereses que defende.

O primeiro, é saber a onde hai que ir. Onde queremos ir. Discuti-las estratexias e logo defendelas. Gran parte da miña actividade parlamentaria transcorre contactando coas Administracións comunitaria, española e galega e cos sectores implicados en cada momento. É imprescindible. Escoitar, actuar e logo render contas.

Te: ¿Coida que estamos suficientemente preparados para prever acontecementos e deseñar estratexias con carácter prospectivo que nos permitan non ir a remolque das circunstancias se non por diante dos feitos?

Suanzes-Carpegna: É unha gran pregunta. A pesca é un sector en permanente evolución, cambiando sempre, adaptándose por necesidade aos tempos cambiantes. Agora temos enriba a globalización. Non é que a globalización sexa boa ou mala, é que está aí e temos que adaptarnos a ela se queremos sobrevivir. E os galegos soubemos facelo sempre. ¿Por que non agora? Pero os tempos demandan novas tecnoloxías, posicionamentos novos nos mercados mundiais, investimentos internacionais, preparación técnica e empresarial, presencia institucional e política nos foros nos que se negocia o noso futuro. Fan falla novos empresarios emprendedores como as sagas que todos aínda lembramos e fan falla tamén novos instrumentos políticos. Galicia necesita máis. Alégrome moitísimo da inminente posta en marcha pola Xunta de Galicia do Instituto de Tecnoloxía Pesqueira que se facía esperar. Galicia necesita o seu órgano propio de prospección de pesqueiras e políticas pesqueiras, un órgano non sometido ó día a día da xestión senón un órgano pensante, con boas cabezas, para reflexionar e para encara-lo futuro e seguir situando a Galicia do século XXI, como se merece, na vangarda da pesca mundial.


Daniel Varela Suanzes-Carpegna é eurodeputado do Partido Popular e presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/11/2000