Tempo Exterior nº 1 segunda época - xullo/decembro 2000Volver ó sumario
Resume - Resumen - Abstract
 
Mercosur, lenta conciencia da unión


Laudelino Pellitero
 

O Tratado de Asunción polo que se constituíu o Mercosur foi asinado na capital paraguaia o 26 de marzo de 1991. Consolidou unha tendencia que se viña plasmando dende unha década antes con múltiples acordos bilaterais e con experiencias de ámbito latinoamericano que colleitaron un discreto éxito. O Mercosur veu xestándose cun prolongado e complicado embarazo dende un ano antes de xullo de 1986, cando se asinou un protocolo de integración entre os socios maioritarios, Brasil e Arxentina, polo que se establecían unha vintena de acordos comerciais en materias coma o comercio do trigo ou as investigacións nucleares. Entre ambos acaparan o 95 por cento de cada unha das variábeis que dimensionan este espacio económico: exportacións, poboación, importacións, PIB, actividade económica, etcétera.

Conxuntamente con Uruguai e Paraguai teñen 200 millóns de habitantes, o que significa o 45 por cento dos consumidores de toda Latinoamérica e dispoñen dun PIB que sitúa ao Mercosur no cuarto lugar dos grandes espacios económicos. Só é superado polo Tratado de Libre Comercio de América do Norte, a UE e o Xapón.

Na xénese da conformación da lenta conciencia sobre a necesidade dun espacio económico común, aparecen moitos factores que empurran cara a unión a países que mantiñan unha proximidade xeográfica, pero que afrontaban a súa existencia de costas uns aos outros. Necesidade e convicción conxugáronse, por fin, para a progresiva consolidación do proxecto.

Os gobernos militares incentivaron un nacional-populismo no que primou a intervención do Estado e o proteccionismo. Promoveron unha estratexia de substitución das importacións por productos nacionais que desembocou en crecentes déficits públicos e comerciais, no aumento da débeda, en desequilibrios macroeconómicos e na perda da rivalidade nos mercados mundiais. Sombría herdanza dunha época que será lembrada como a década perdida.


Recuperar o decenio dos 80

Personaxes de efémera gloria na recuperación do poder civil aparecen nos albores do Mercosur. A boa sintonía persoal entre o presidente arxentino Raúl Alfonsín e o de Brasil José Sarney posibilitou, en 1985, o arrefriamento dos conflictos encistados e cimentaron os acordos do ano seguinte.

A comezos dos 90 prodúcense os cambios nas respectivas presidencias, accedendo Carlos Menem e Fernando Collor de Melo, sen que se muden as tendencias integradoras; mais ben ao contrario, son reforzadas, agrandando un camiño de difícil retorno.

A débeda externa foi unha das lousas máis pesadas que arrastrou América Latina nas últimas décadas e determinou, en gran medida, a magnitude da crise dos anos 80. A creación dun bloque de debedores que funcionase como un grupo de presión, concibiuse como unha eficaz arma para renegociar a débeda con máis peso específico. En contrapartida, o Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional exerceron presións para impoñer estratexias marcadamente liberalizadoras.

No interior das dúas cabezas rectoras, Brasil e Arxentina, tamén se foi considerando preciso fortalecer un desenvolvemento industrial endóxeno, para non limitarse a xogar un papel de fornecedores de materias primas e de demandantes de productos industriais no mercado mundial. Un esquema propio de países subdesenvolvidos.

Ao mesmo tempo, estudiosos e tecnócratas da economía brasileira coincidiron en manifestar que, a pesar da enorme magnitude do Brasil, este país non rebordaba o limiar necesario para desenvolver os sectores productivos cunha escala suficiente para seren competitivos nun mercado globalizado.

Mais non só foron os factores económicos os que apremaron a construcción deste foro económico. As causas políticas tamén figuran nunha primeira orde, debido ás fraxilidades e grosas imperfeccións das nacentes democracias. Unha progresiva unión entre países que adoitaban manter frecuentes conflictos e litixios podería ser moi eficaz para deter a perigosa espiral da carreira de armamentos na que estaban inmersos. No ano 1978 Chile e Arxentina estiveron a piques de entrar en guerra por disputas fronteirizas nas que o estamento militar era protagonista. Limitar o papel dos militares nunha sociedade que os considera menos necesarios cando se vive en paz, sen ameazas bélicas latentes, foi un dos primeiros obxectivos dos novos gobernos. Primar o protagonismo da sociedade civil sobre a militar era un seguro para blindar as democracias. No Tratado da Asunción quedou nidiamente reflectida unha das condicións necesarias para pertencer ao Mercosur: a de vivir en democracia.


América Latina: unha unidade multicéfala

Mercosur é o máis consolidado intento de estructuración rexional de América Latina que se ergueu sobre as cinzas doutras experiencias que se foron apagando e das que só quedan escasas brasas acesas como testemuña dos ambiciosos proxectos marcados polo fatídico carimbo dos fracasos.

Limitados foron os éxitos acadados pola ALALC (Asociación Latinoamericana de Libre Comercio) creada en 1960. A ela pertencían 11 países e, en agosto de 1980, transformouse na ALADI (Asociación Latinoamericana de Integración) que naceu do Tratado de Montevideo (TM-80). Estaba integrada polos mesmos países que compuñan a ALALC, Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Ecuador, México, Paraguai, Perú, Uruguai e Venezuela. Posúe unha estructura moi elástica que tanto procura acordos globais como favorece convenios multilaterais. O seu obxectivo último foi constituír un Mercado Común Latinoamericano e con esta fin deseñouse un plano de acordos de colaboración que non só se cinguía ao comercio de mercadorías. Foise traballando para artellar unha política global da área para fomentar acordos de Política Arancelaria Rexional (PAR), compaxinando este labor co de favorecer Acordos de Alcance Parcial (AAP). O abano de temas nos que incide a ALADI abrangue tanto convenios sobre temas económicos como os comerciais, os de complementariedade económica, os de promoción do comercio, ou sobre temas agropecuarios, pero tamén se abriron a outros temas como o transporte, a ciencia, o ambiente ou a cultura. Existe, como último obxectivo, unha raquítica política de promoción do desenvolvemento nos países menos desenvolvidos como Bolivia, Ecuador ou Paraguai.

A ALADI posúe unha estructura organizativa permanente na que figuran organismos como o Consello de Ministros, que detenta a máxima autoridade e adoita definir anualmente as liñas fundamentais. Pola súa parte, a Conferencia de Avaliación e Converxencia é un órgano máis deliberante que ten como misión revisar e desenvolver o contido do TM80. Semanalmente reúnese o Comité de Representantes, que é un órgano político-executivo encargado de activar as normas previstas no TM-80 e as resolucións do Consello de Ministros. Por último, cómpre sinalar a existencia da Secretaría Xeral que xestiona todo o entramado.

Pese a tan elaborada e complexa rede institucional este espacio económico e a pesar das inmensas potencialidades dos once países, a penas move o 20 por cento das exportacións dos países membros. En conxunto posúen o 95 por cento do PIB de América Latina, o 87 por cento do territorio, o 86 por cento da poboación, pero só o 4,5 por cento do comercio mundial.

A partir de 1990 os países integrantes da Alianza comezan a subscribir diferentes acordos de integración económica de diverso alcance. Uns son bilaterais, tal como acontece cos asinados entre Chile e Colombia, Ecuador e Venezuela, México con Chile e con Bolivia. Outros teñen unha dimensión rexional como acontece co Grupo Andino, no que están incorporados Bolivia, Colombia, Ecuador, Perú e Venezuela, que posúe unha ampla zona de intersección co chamado “Grupo dos Tres”, do que forman parte Colombia, México e Venezuela. Por último estaría o Mercosur, o fillo máis avantaxado que xa voa con independencia e iniciativa propia.

A tendencias dominantes inclínanse cara á configuración dos bloques económicos, tal como se evidenciou na declaración da Cimeira de Brasilia o 1 de setembro do 2000. Os doce presidentes reunidos decidiron apostar pola rápida construcción de infraestructuras de comunicación (camiños de ferro, autoestradas, canais fluviais...) que rachen coa precariedade herdada da “mentalidade fortaleza” das recentes dictaduras. Esta rápida modernización das infraestructuras permitiría conseguir un segundo obxectivo prioritario: a creación dun área de libre-cambio entre o Mercosur e a Comunidade Andina antes do remate do 2002. Nesta área tamén estarán integrados os enclaves de Güiana e Suriname, historicamente basculados cara ao Caribe, e Chile, que xa é membro asociado. Por tanto, o Mercosur xa é un rexionalismo aberto con múltiples interseccións.

Para achegarse ás orixes do Mercosur hai que remontarse ata decembro de 1985, cando se elabora a Declaración de Foz de Iguazú entre Brasil e Arxentina que marcou o inicio do proceso de integración e plasmou a vontade de axilizalo. Sete meses máis tarde Arxentina invita a unha delegación do país veciño á quinta privada “Don Torcuato” onde se debuxan as liñas básicas. Semanas máis tarde son os brasileiros os anfitrións na quinta “Itaipava”. Os intensos días de contacto e os meses de exploración e intercambio aluman o PICE (Programa de Integración e Cooperación Económica) e fructifican no asinamento da Acta para a integración Arxentino-Brasileira.

Ambos socios perseguen aproveitar mellor as escalas de producción, as vantaxes naturais e os recursos naturais de cada un dos países, ao tempo que expresan o seu rexeitamento á idea dunha especialización inter-sectorial na que ningún país asumise o papel de subministrador de productos agrícolas e gandeiros e aproveitaríase as vantaxes comparativas dos diferentes mercadorías ou sectores industriais que deberían fortalecerse no espacio dunha nova economía de escala.

Brasil e Arxentina precisaban de estabilidade política para reforzar ás súas economías, pero a idea dunha unión económica aínda non estaba madura. Agás a CEE non se tiñan moitos espacios económicos como puntos de referencia. Por estas datas tampouco estaban previstos aínda os acordos entre Canadá e os EEUU. A propia Comunidade Europea non estaba no seu mellor momento.

Buscaron un acordo que ofrecese beneficios simétricos para ambos os dous países, habilitando mecanismos flexibles, graduais e progresivos. As portas estaban abertas para que en 1988 fose asinado o Tratado de Integración Cooperación e Desenvolvemento que ampliaba os anteriores compromisos e xa se marcaba como obxectivo crear un mercado común no prazo de dez anos.

Incluía 24 acordos entre os dous países que abarcaban tres grandes aspectos: a) incremento do comercio, reducindo os impostos e fornecendo os mercados desabastecidos; b) a reconversión industrial como núcleo fundamental da integración económica; c) a investigación nos sectores de vangarda como as comunicacións, a informática, a biotecnoloxía e a cooperación no uso pacífico da enerxía nuclear.


“Período de Transición” (1991-1995) e “Período de Consolidación Alfandegueira” (1995-2000-2006)

Mediante o Tratado de Brasilia (1991), as partes definen os métodos e medios de resolución dos conflictos que poidan aparecer no seo do Mercosur. Comeza entón un período de intenso traballo bilateral entre os presidentes dos bancos centrais e entre os ministros de economía, educación e xustiza. En sucesivas reunións tentan harmonizar as lexislacións para deixar franco o paso de mercadorías e bens entre os catro socios. En Las Lenas abordan a cuestión da temporalización que lograrían concretar nun pormenorizado cronograma que conduce ata xaneiro de 1995, data na que o Mercosur xa terá rematada a estructura elemental de funcionamento do proxecto e esgotará o “Período de Transición”.

Antes aínda foi preciso vertebrar outros aspectos fundamentais como negociar a Tarifa Común Exterior (TEC) que terían que aplicar os catro países e que obrigou a alongar o período de transición ata o 2006, ano no que as listas de productos aos que non se lles aplica a TEC deixarán de existir. Tamén no 2000 desapareceron as denominadas listas de adecuación que incluían productos protexidos polos que se debían pagar impostos no comercio interno. Brasil e Arxentina reserváronse o amparo para 29 e 221 productos respectivamente ata o 1 de xaneiro de 1999. Os febles socios minoritarios, Uruguai e Paraguai, precisaban de maiores coidados e protexeron 950 e 427.

Mais o edificio do Mercado Común do Sur aínda tivo que proverse dunha armazón fundamental: dotarse dunha básica personalidade xurídica internacional para establecer relacións con terceiros países ou institucións. Ese último paso aconteceu o 17 de decembro de 1994. Ese día asinouse o Protocolo de Ouro Preto, no que se concibiron os seguintes órganos: O Consello Mercado Común (CMC) que é a entidade de maior xerarquía e de capacidade executiva para tomar decisións. Conxuntamente coas resolucións dictadas dende o Grupo Mercado Común (GMC) e as directrices da Comisión de Comercio do Mercosur (CCM) conforman as fontes xurídicas de obrigado cumprimento.

Pasados dous meses constituíronse unha serie de comisións técnicas para lubricar as asperezas do intenso rozamento comercial: tarifas, nomenclatura e cualificación de mercadorías, asuntos alfandegueiros, normas e disciplinas comerciais, vixía das axudas públicas que poidan distorsionar a competividade, defensa da competencia, prácticas desleais e salvagardas, defensa do consumidor, restriccións non tarifarias, sector do automóbil, sector téxtil. O novo organigrama dotouse de 10 sub-grupos de traballo dos que só dous prestan atención a aspectos non económicos: o do ambiente e o de traballo, emprego e seguridade social.

Dende 1995 abriuse unha nova etapa na que as mercadorías producidas polos catro países poden circular libremente sen ter que aboar taxas de importación (só os impostos internos), agás os que figuraban nas listas de adecuación que gradualmente foron minguando a súa carga impositiva ate desaparecer o 1 de xaneiro de 2000.

O outro gran obxectivo do Mercosur, a aplicación dunha Tarifa Exterior Común (TEC) cumprirase no 2001. Estará fixada arredor do 16%, agás para os productos informáticos que deberán agardar ata o 2006. As zonas francas terán a consideración de zonas estranxeiras e estarán suxeitas á TEC; pola contra, as reexportacións de productos importados non a terán que pagar.

Dende 1996 existen acordos de libre comercio con Chile e Bolivia. Con Chile fíxase un período de transición de oito anos para o 90 por cento dos productos. O restante 10 por cento é declarado sensíbel, dándose prazos de 10, 15 e 18 anos para a súa eliminación total. Entre os productos protexidos figuran o aceite de oliva, o trigo, o arroz ou a fariña triga. Brasil protéxese temporalmente dos viños, pexegos e máquinas calculadoras chilenas.

No ámbito exterior asinou un transcendental acordo coa UE e xestiónanse embrionarias iniciativas de aproximación a outros bloques comerciais como a CER (Closer Economic Relations Trade Agreement, Australia-Nova Zelanda) e a SADC (Comité para o Desenvolvemento de Sudáfrica).


Un dinamismo que avanza a salto de crise

Dende a febleza político-económica dos países do Cono Sur contémplase con satisfacción a consolidación da Unión Alfandegueira. Se en 1986, os intercambios comerciais da Arxentina cos actuais países do Mercosur só supuñan o 8 por cento, dez anos máis tarde representaban o 25 por cento. Brasil, o outro xigante desta cuádruple alianza desigual, pasou, no mesmo tempo, do 5 por cento ao 14 por cento. Os socios menores, Uruguai e Paraguai, realizan dentro do Mercosur a metade dos seus intercambios comerciais.

Pero o rápido crecemento da Unión Alfandegueira non estivo exento de fortes crises, tanto en cada país como en enfrontamentos fratricidas, especialmente entre os socios maioritarios que viviron de rebote tres fortes crises nos últimos cinco anos.

Cando o presidente Carlos Menem accede á presidencia arxentina en 1989 dá un xiro radical ao modelo populista-autárquico herdado e encamiña ao país nos modelos propiamente neoliberais, abrindo a economía á competencia internacional. O plano de actuación foi de gran repercusión. Púxose en marcha un ambicioso programa de privatizacións do que se beneficiou as arcas do Estado que viviron o espellismo dunha fugaz fartura. Exerceu unha política de desregularización da vida económica, reducindo taxas á importación e impulsando a unión alfandegueira do Mercosur. Abriu o país aos investimentos estranxeiros que entraron na Arxentina a mans cheas con ducias de millóns de dólares. Por último estableceuse a paridade co dólar en 1991 para evitar a especulación monetaria e, ao tempo, controlar a desbocada inflación.

O virtual milagre Menem fascinou a medio mundo. Se entre os anos 1985-89 a economía caera a unha media anual do -4,8 por cento, entre 1985 e 1989 medrou a unha media do 7 por cento.

A primeira onda das crises que sacudiu duramente a Arxentina (1995) tiña o seu epicentro en México. O “tequilazo” provocou pánico entre os analistas que consideraban que a economía arxentina tamén estaba sobredimensionada. O 20 por cento dos depósitos bancarios foron retirados (aproximadamente uns 8.000 millóns de dólares), o consumo retraeuse e un país que estaba medrando no primeiro lustro da década por riba 5 por cento, afundiuse nunha recesión económica que se saldou cun crecemento negativo en 1995. O plan de axuste foi durísimo, aumentando os impostos, rebaixando os salarios dos empregados públicos, incrementando as taxas de importación a determinados productos, etcétera. O mago da economía e artífice da dolarización, Domingo Cavallo, foi inmolado na fogueira da impopularidade polo seu impávido presidente. O novo ministro de economía, Roque Fernández, mantívose fiel á doutrina da Escola de Chicago e continuou coas medidas de austeridade que incidiron de novo na calidade de vida da poboación, aumentando o prezo dos combustíbeis, diminuíndo as subvencións ás exportacións e facilitando as importacións de maquinaria. O país encamiñouse na corredoira do crecemento, mais portaba latentes e perigosos desequilibrios, as clases medias empobrecéronse e o descrédito do “menismo” foi en aumento.

A Fernando de la Rúa tocoulle xestionar unha monumental crise enxendrada polo liberalismo de Menem. Pero a crueza das medidas impostas polo novo goberno, con selo de identidade de esquerda, desconcertou ao seu electorado que, en menos dun ano de mandato, reduciu en 20 puntos o seu nivel de confianza no Presidente. Nin o goberno máis conservador se tería atrevido a baixar os salarios, entre un 12 por cento e un 15 por cento, daqueles 144.000 funcionarios públicos que superan o salario de 1.000 pesos (unhas 180.000 pesetas). Tamén resulta difícil crer que veña da man dunha Alianza progresista un recorte das prestacións que reciben os xubilados ou que se manifesten partidarios de contar coa xestión privada para abaratar custes nas prestacións sanitarias.

Para o xefe do gabinete técnico do Ministerio de Economía, Pablo Gerchunoff, a quimérica burbulla económica que inflaron o tándem Menem-Cavallo desínchase a tal velocidade, que un previsíbel estoupido podería afundir ao país nunha crise só comparábel ás vividas por Rusia ou o Ecuador.

As causas do naufraxio do cóctel populismo social mesturado con política neoliberal son múltiples e cuestionan a solidez do modelo económico. Ben é certo, que houbo factores externos como a subida das taxas de interese norteamericanas, a debilidade do euro ou a volatilidade dos mercados financeiros, que obstaculizaron o crecemento nunha economía dolarizada e, por tanto, dependente. Mais foron fundamentalmente os factores internos os que fixeron da Arxentina un país extremadamente fráxil, non homologábel cos seus veciños.

O populismo fiscal dos peronistas aumentou o gasto público e elevou o endebedamento. Este puido ser camuflado mediante as vendas de activos e de empresas públicas, que encheron as arcas do Estado con 40.000 millóns de dólares durante a década dos noventa. Cando o nivel de endebedamento xa era insoportable, o equipo dirixido polo abraiante Cavallo, acudiu aos bonos públicos de pago retardado ou directamente aos créditos dos mercados bancarios exteriores. Fontes do Ministerio de Economía calculan que durante está década o gasto público aumentou en termos relativos nun 42 por cento, cantidade que outros analistas sitúan no 90 por cento en pesos constantes.

O neoliberalismo do goberno Menem apostou polas rebaixas das achegas patronais co pretexto de facer aboiar o sector da economía somerxida. O fracaso non só afectou á mingua nas contribucións empresariais, senón que foi axigantado ao constatarse un aumento do fraude fiscal na patronal, abonado pola corrupción, que pasou de 8.195 millóns de pesos no 1994 a 9.724 millóns no 1998. A “Revolución Productiva” rematou en amplo deserto industrial.

O sistema fiscal arxentino foi virando progresivamente cara a un modelo impositivo indirecto que incidía no consumo e que chegou a significar o 55 por cento do total da recadación. Dos impostos directos, que gravan os bens e o traballo, a penas totaliza o 20 por cento da recadación tributaria.

De la Rúa coida chegado o momento dos “homes de Estado” que deben investirse da responsabilidade, a risco de pagar o seu desafío en impopularidade. Cada ano Arxentina precisa 25.000 millóns de dólares adicionais para manter a sobredimensión do Estado clientelar tecido polo peronismo ou, pola contra, recortar o gasto público para equilibrar o déficit. A Alianza dos radicais, socialistas e o Frepaso optou pola máis conservadora: a segunda opción.


Brasil, o seguinte en caer

O Brasil non foi quen de redistribuír as fortes taxas de crecemento das que gozou dende mediados de século. Con certeza, o 28,5 por cento dos brasileiros atópase por baixo do limiar da pobreza, pero existen cifras máis clarificadoras. O 50 por cento da riqueza do país posúena o 10 por cento da poboación: pola contra, o 10 por cento da poboación, os máis pobres, só dispoñen do 1 por cento. Na propiedade da terra acontece algo semellante. O 50 por cento das terras concéntranse nas mans do 1 por cento da poboación.

Carente dun estado de benestar á europea e marcado pola desigualdade, a maioría dos brasileiros agardan, en van, pola prometida “débeda social” que todos os partidos prometeron nas eleccións de outubro do 1998. En vez de atoparse cos investimentos ofertados na poxa electoral, en educación, transporte, vivenda, saúde..., recibiron o novo ano máis pobres e mergullados nunha profunda crise.

Inspirándose nas experiencias chilenas (1978-82), mexicana (1989-94), arxentina (1991) e peruana (1993), o Plano Real, que marcaba un cambio fixo da moeda, posto en marcha por F. H. Cardoso en 1994 foi enormemente eficaz para deter a descomunal inflación situándoa ao redor do 10 por cento. Serviu para gañar a confianza dos investidores estranxeiros ata o punto de non verse arrastrados pola crise do “tequilazo”. Mais non aconteceu o mesmo a finais de 1997, cando a onda da crise sudasiática golpeou no real. Padeceu un forte ataque especulativo e para conservar a paridade, o goberno viuse na obriga de subir os tipos de xuros ata o 50 por cento e propoñer un non nato “Pacote 51”, que incluía medidas de duro axuste fiscal, pero que cun período electoral á vista, non parecía oportuno encarar. Nin sequera despois de recibir un segundo lategazo económico, esta vez debido á crise provocada pola moratoria rusa de agosto de 1998, o goberno moveu ficha.

Xa co presidente Cardoso reelecto, o 4 de outubro de 1998, as medidas resultaron inaprazábeis. A situación era tan delicada que acontecementos, aparentemente intranscendentes, provocaban enormes desequilibrios. Así, a decisión de non pagar a débeda federal por parte de Itamar Franco, gobernador do Estado de Minas Gerais, o terceiro en magnitude do país, actuou como desencadeante dunha crise latente dende un ano e medio antes. Só entre xullo de 1998 e xaneiro de 1999 rexistrouse unha mingua nas reservas de divisas por valor de 45.000 millóns de dólares que axiña enguliron os 10.000 millóns de ingresos por privatizacións.

A situación era insostíbel e o goberno Cardoso veuse forzado, o 13 de xaneiro do 99, a deixar flotar o real para non esquilmar as escasas reservas. A moeda caeu nun precipicio e en poucos días perdeu o 40 por cento do valor, desangrándose paseniñamente ata chegar a unha perda nominal do 80 por cento. A crise foi profunda, mais non callou o pánico nin se produciu unha fuga masiva de capitais, nin caeron os depósitos bancarios, nin se paralizaron os investimentos. Mesmo as exportacións rexistraron un considerábel incremento. Agora ben, as medidas de choque para combater a crise bateron de novo nos máis débiles.

Deste duro transo tamén se derivaron desequilibrios e desconfianzas entre os socios maioritarios, Brasil e Arxentina, que na primeira metade do 1999 viron caer as transaccións comercias ao redor do 25 por cento.

A terceira ficha deste cuádruple dominó que se abanea, foi a uruguaia. O seu peso específico é escaso no Mercosur, pero representa a arbitraxe e a estabilidade. No pequeno país do Prata, cunha poboación semellante á galega, o axuste impúxose no verán de 2000 para facer fronte ao inxente déficit fiscal de 1999, que soborda os 900 millóns de dólares. Un restrictivo paquete de medidas xa está en marcha e a sensación colectiva é a de estar a padecer unha das maiores crises que se lembran. Paraguai representa a permanente inestabilidade política e económica e está ao pairo dos ventos que sopran dende os socios maioritarios.

Mais a senda de moderado crecemento que se prognostica para Brasil e Arxentina, arredor do 2,5 por cento no 2000-2001, semella reencamiñar a boa marcha do Mercado Común do Sur, que só parece ameazado pola actual alza dos prezos do petróleo. As recentes crises tamén demostraron unha descoñecida capacidade de resolución de conflictos e unha vontade de aceleración na integración, impensábel hai só unha década.


Eivas e retos do Mercosur

O Mercosur non dispón de partidas como as que a UE destina a fondos estructurais e fondos de cohesión para as zonas menos desenvolvidas. Nin se establece a protección dos sectores máis débiles ou que precisan reconversión. Tampouco se contempla unha Política Agraria Común ou a atención ás zonas en declive industrial por mor da competencia. Esta desprotección diante da dictadura do mercado provoca descontentos que proveñen de sectores ou zonas que resultan danadas pola existencia dun mercado libre, como é o caso das zonas azucreiras arxentinas que demandan protección diante da chegada masiva dende Brasil.

A pesar de que a integración rexional ten propiciado unha estabilización dos prezos persisten non poucos desequilibrios, pois non existen obxectivos de obrigado cumprimento para harmonizar os cambios de moeda, nin de reducción do déficit público, nin para a mesma inflación. Cada país segue a dispor dunha ampla marxe interior, mesmo alterando competividade relativa e agrandando os riscos de fricción entre países socios, tal como aconteceu a comezos do 1999, cando Brasil decidiu depreciar a súa moeda.

Se abandonan proxectos de alto potencial tecnolóxico como o programa de integración das dúas sociedades aeronáuticas (Embraer, brasileira, e Fábrica Militar de Avións, arxentina). Baixo a pouco fundada escusa de dificultades financeiras, o goberno de Menem negouse a achegar os 25 millóns de dólares que tiña comprometidos, mentres mercaba un avión presidencial que custou o triple e vendía a Fábrica Militar á compañía estadounidense Lockheed. O mesmo camiño privatizador cara a empresas extra-Mercosur seguiron outros sectores estratéxicos como a enerxía ou a tecnoloxía nos sectores petroleiro, nuclear... Pola contra, outros sectores atopan unha dimensión cómoda na nova economía de escala, o mesmo que a industria lixeira, a de bens de equipo ou a industria electrónica.


Dúas estratexias diverxentes

Para minguar as tensión interiores, o goberno arxentino é máis partidario dunha rápida integración macroeconómica demandando unha coordinación das políticas fiscais e monetarias, semellante á europea, que limite a capacidade de presión dos intereses foráneos, pero que deixe ao mercado como árbitro absoluto. O presidente Menem chegou a demandar en 1997 a creación dunha moeda única.

O goberno brasileiro manifesta unha posición, quizais mais intervencionista, buscando unha integración máis na economía real, favorecendo a supervivencia e interconexión das diferentes actividades productivas.


Mercosur, a chave para comunicar Europa e América Latina

O primeiro acordo entre o Mercosur e a Unión Europea asinouse en Madrid o 15 de decembro de 1995. Foi o primeiro concerto entre dous bloques comerciais e levantou non poucas suspicacias nos EEUU e no Xapón que se aprestaron a denuncialo na Organización Mundial do Comercio por alterar e interferir na liberdade de mercado. Mais a verdadeira razón oculta do seu anoxo, foi a súa consideración de ameaza para a proposta lanzada a comezos dos anos 90 polo presidente dos EEUU, George Bush, denominada “Iniciativa para as Américas”, na que proxectaba unha zona de libre cambio dende Alaska ate a Terra de Fogo e que leva visos de materializarse no 2005.

Este pioneiro acordo entre bloques marcou o inicio dun proceso aparentemente contradictorio: a cooperación entre bloques que rivalizan economicamente pero que coinciden na pretensión dun espacio franco do comercio mundial.

Compre subliñar que estamos a falar da 2ª e da 4ª potencia económica do mundo, con PIBs que ascenden a 6 billóns de dólares no primeiro caso e a 750.000 millóns no referente ao Mercosur. No acordo asinado, as partes comprometíanse a diversificar os acordos comerciais e a fomentar a cooperación económica. É destacábel que houbo un interese especial en incluír os denominados “Acordos de terceira xeración” relativos á loita contra do narcotráfico, a cuestións sociais e ambientais, ao desenvolvemento tecnolóxico e ao eido educativo e cultural. Tamén quedou patente un apoio expreso á protección das liberdades democráticas como valor universal da humanidade e como único vieiro para a convivencia en paz.

O acordo subscrito enriquece aos dous bloques, que sempre viviron separados por unha incomunicación máis ampla que a propia inmensidade do Atlántico. A UE achega os seus 40 anos de experiencias de integración, o acervo histórico, a estabilidade política, as conquistas sociais, os valores colectivos.... O Mercosur incorpora a diversidade cultural, o dinamismo compulsivo, a súa abundancia de recursos naturais, o enorme potencial económico latente...

Mundos complementarios que se precisan nunha nova orde mundial sen fronteiras na que as relacións non están exentas de certas tensións derivadas da pretensión do Mercosur de limitar o proteccionismo agrícola derivado da PAC para facilitar as súas exportacións alimentarias. Pola súa parte, a UE trata de forzar unha maior apertura nos mercados industriais nos que posúen vantaxes comparativas.

Non obstante, a cooperación transoceánica ten experimentado un dinamismo superior ao doutras áreas. A UE é o primeiro socio comercial do Mercosur xa que o 27 por cento das exportacións do bloque sudamericano diríxense cara a UE, sendo o seu primeiro fornecedor de materias primas. Pola contra, dende a sinatura do Tratado de Asunción, as importacións da UE aumentaron un 150 por cento e significan o 26 por cento do total. Así mesmo, a UE ocupa o primeiro posto nos investimentos directos no Mercosur.

O Estado español, e Galicia en particular, teñen grandes vantaxes comparativas no seno da UE para estreitar lazos e tender novas pontes de cooperación. Só así se pode interpretar o espectacular incremento dos investimentos españois no Mercosur. Se en 1992 só representaban o 2 por cento dos estranxeiros, cinco anos máis tarde xa significaban o 20 por cento. Nos próximos anos quizais vivamos nunha UE máis envorcada nos países do centro e no leste de Europa, nos que están máis interesados Alemaña, Francia, Italia, e cara onde van circular importantes fluxos para a cooperación. Sería preciso estar atentos aos cambios de obxectivos estratéxicos da UE, para tratar de que non vaian en detrimento dos destinados a América Latina.

Nas relacións con Latinoamérica cómpre ter a suficiente habilidade como para non despertar suspicacias na opinión pública de nacións cansas do desinterese e a indiferencia histórica de Europa, das relacións paternalistas coa antiga metrópole, da depredación de recursos, das imposicións culturais... No respecto mutuo, na reciprocidade, poden asentarse os novos vínculos. Unha inmensa colonia de galegos esparexidos polas máis insospeitadas empresas e institucións son uns bos cimentos para asentarse con garantías e fuxir de aventuras arriscadas.


Laudelino Pellitero Ramilo é membro do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional).

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/11/2000