Tempo Exterior nº 1 segunda época - xullo/decembro 2000Volver ó sumario
Libros
 
Shlomo Ben-Ami, “Israel, entre la guerra y la paz”
Barcelona, Ediciones B, 1999. 315 páx.


Marta Cabrera
 
Ben-Ami foi o primeiro embaixador de Israel en España (1987-1991) e como tal participou na Conferencia de Paz de Madrid de 1991. Na actualidade é unha das figuras máis sobranceiras do laborismo, forma parte do gabinete de Ehud Barak e recoñécese como un protagonista activo do proceso de paz na rexión. Ben-Ami tamén participou nas recentes e fracasadas negociacións de Camp David. O enorme peso da súa experiencia política acrecenta o valor das reflexións recollidas neste volume ata o punto de achegarnos unha atractiva mestura na que ben podería dicirse que predomina o pragmatismo programático.

O libro, quizais algo denso pero dun grande interese, estructúrase en oito capítulos con tres partes ben diferenciadas. Na primeira aborda o pasado xudeu, principalmente en Europa e destacadamente en España, recalcando o “esencial” papel xogado por este pobo na historia da humanidade. Na segunda analiza a evolución do Estado de Israel, dende a súa creación ata hoxe, e reflexiona con serenidade e sentido do equilibrio, sen abundar nas estridencias e argumentando dende a defensa da pluralidade e da paz. Na terceira parte efectúa unha radiografía das relacións internacionais, destacando o papel que Europa desempeña no Oriente Medio (a influencia de EEUU queda ben definida ao longo da segunda parte), a intervención de Nacións Unidas e a validez das súas resolucións con respecto ó conflicto árabe-israelí.

Pero sobre todo, Ben-Ami analiza o Proceso de Paz e faino como un tratado de política interna israelí, tomando partido e posicionándose en todo momento. Non estamos ante a obra dun simple observador ou analista, senón dunha persoa comprometida coa política de paz, efectuando propostas e iniciativas que aspiran a enxergarse na acción política inmediata. Na súa opinión, esa paz tan buscada debería basearse na creación dun Estado Palestino e na separación radical e absoluta entre os dous Estados e as dúas sociedades. Contrasta a posición franca, aberta e tolerante que postula no referente ó Estatuto Final e a creación dunha Palestina soberana (aínda que sempre desmilitarizada), a súa reflexión sobre as consecuencias económicas que implicaría (tema normalmente ignorado por outros autores), e a posición intransixente e pouco conciliadora no referente a situación de Xerusalén. Os feitos atropelan nalgún caso as súas teses a respecto das negociacións con Siria ou a paz no Líbano.

Entre as reflexións da política israelí deste último medio século, cómpre salientar a crítica á utilización tanto do Sionismo como da Shoá (Holocausto) en apoio da ideoloxía nacionalista. A tradición sionista foi útil para a creación dun novo Estado en 1948 e mesmo durante algúns anos para a súa consolidación, pero o futuro de Israel non pode basearse nestes dous conceptos. O autor afonda na vida e conciencia da sociedade israelí, e argumenta a manipulación constante da clase política de ambos elementos. Para Ben-Ami, a supervivencia de Israel debe artellarse sobre unha dobre reconciliación: interna e co mundo árabe.

Achega tamén apuntes biográficos de certos personaxes claves na vida política de Israel e que desempeñaron un papel destacado na súa formación e no desenvolvemento do Proceso de Paz. Con todo, o lector conseguirá facerse cunha visión máis ampla da complexidade e das claves que rodean o proceso de adopción das decisións políticas de cada momento. A lucidez e o espíritu crítico non se asoma á política de excesos de Israel cos seus veciños árabes que en todo momento é obxecto de xustificación. Ben-Ami recréase na descripción de distintas políticas abusivas practicadas en Europa ó longo da historia (non soamente cos xudeus), máis excesivas e continuadas que as israelís, afirma, reiterando “inexactitudes” no referente ó trato que Israel infrinxe ós palestinos e ós dereitos da poboación árabe cidadán de Israel. Aquí non é posible un lavado de conciencia satisfactorio.

Ben-Ami pretende ofrecer respostas ás moitas preguntas da sociedade mundial a respecto de Israel e da súa política de guerra ou de paz. Este libro é unha reflexión actualizada de máis de 50 anos de historia que ademais achega esas respostas; pero cada lector debe decidir se lle son válidas ou debe seguir buscando.
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/11/2000