Tempo Exterior nº 1 segunda época - xullo/decembro 2000Volver ó sumario
Libros
 
Roberto Montoya e Daniel Pereyra, “El Caso Pinochet y la impunidad en América Latina”
Ed. Pandemia, Buenos Aires, abril de 2000. 344 páx.


María Xosé Viqueira
 
Tomando como base o caso Pinochet e a repercusión internacional que obtivo a demanda de extradición deducida a instancias do xuíz Baltasar Garzón, Montoya e Pereyra repasan a memoria da impunidade a través dun itinerario político polas dictaduras de América Latina, en especial do Cono Sur. Grandes coñecedores da rexión, os autores describen de maneira concisa e moi documentada as accións emprendidas polas distintas dictaduras latinoamericanas, tanto as militares propiamente ditas como as civís (o caso priísta en México).

Hoxe sabemos que a colaboración militar-represiva entre os países do Cono Sur americano foi moi intensa e tivo o seu reflexo máis sobranceiro na operación Cóndor, iniciada por Pinochet para perseguir a presuntos comunistas a través dos distintos países. O libro analiza o papel desempeñado por estados tan diversos como Paraguai, Arxentina, Uruguai ou Brasil, así como as implicacións policiais argalladas para configurar unha inmensa e transnacional base de datos sobre miles de persoas sospeitosas de ser esquerdistas. Os autores pormenorizan en casos paradigmáticos como o de Orlando Letelier ou o coronel Prats.

Estamos ante un libro valente que evidencia o nivel de corporativismo existente entre os dictadores do Cono Sur, a súa ambición expansionista, o réxime de solidariedade mutua establecido para socorrer a dictadores en precario como Banzer en Bolivia, López Arellano en Honduras ou Molina no Salvador. Unha etapa negra que converteu a América Latina nun elo macabro da guerra fría e a Estados Unidos e outras potencias occidentais nos principais valedores de dictadores sanguinarios que non soamente reprimían a disidentes políticos senón que masacraban a sociedade civil indefensa. Por riba do mal menor e dos pingües negocios derivados da militarización destas sociedades, o libro demostra que a maioría das dictaduras empregáronse a fondo para facer desaparecer a todo sector de poboación non afín utilizando métodos expeditivos que ían dende a tortura ata a propia eliminación física, tomando como exemplo o xenocidio practicado polos nazis durante a II Guerra Mundial. As accións máis importantes emprendidas por estas dictaduras non ofrecían ningunha vertente militar e serán recordadas polas violacións sistemáticas dos dereitos humanos.

País a país, os autores levantan acta de barbaridades impunes que cómpre non esquecer para memoria das xeracións futuras. Da terra arrasada aplicada en Guatemala ata a apropiación dos fillos dos detidos e desaparecidos en Arxentina. Das particularidades do caso colombiano (guerrilla contra paramilitares nunha situación de fragmentación efectiva do país) ata El Salvador de Monseñor Romero, agora inmerso nun esperanzador proceso de paz. Perú, Bolivia, Honduras, Nicaragua, forman parte desa longa ringleira de matanzas que implican a un colectivo castrense, formado polo Departamento de Estado e a CIA nunha interpretación macabra do servicio á Patria e perfeccionado nas súas técnicas a través do continuo intercambio de experiencias entre os diferentes países e exércitos ao máis alto nivel. Nin os vinte anos de dictadura carioca poden salvarse. Mesmo en México cómpre salientar a singular combinación de retórica democrática, represión de poboación indíxena e sucesión de crimes políticos concibidos para evitar o derrube do sistema priísta.

O caso de Pinochet en Chile, por ser o que mellor exemplifica a actual situación, é obxecto dun estudio detallado que permite aprehender a transcendencia do proceso e aclarar múltiples dúbidas de todo tipo: legais, políticas, diplomáticas, etc. A evolución dos 503 días nos que Pinochet estivo preso nunha luxosa mansión de Londres explícitase no amplo cúmulo de tensións xeradas para os Estados implicados (Chile, España, Reino Unido), incomodamente felices, na presión das respectivas sociedades civís e organizacións non gobernamentais, no test que implicaba para a terceira vía de Tony Blair. A pesar do regreso a Chile, os autores non dubidan en cualificar como novidosa e esperanzadora esta situación, impensable hai poucos anos, e todo un fito na loita contra a impunidade en América Latina. Ningún ex-dictador poderá vagar libremente polo mundo. Nada será igual antes e despois do caso Pinochet.
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/11/2000