Tempo Exterior nº 1 segunda época - xullo/decembro 2000Volver ó sumario
Libros
 
Enrique Fanjul, “El dragón en el Huracán”
Política Exterior, Biblioteca Nueva, Madrid, 1999. Páx 223.


Águeda Guimarey
 
Enrique Fanjul vese avalado nesta análise sobre os retos e esperanzas da China perante o século XXI, por uns estreitos vínculos tanto económicos como emocionais e afectivos con este país. Foi agregado comercial da Embaixada española en Beijing e agora é presidente do Comité Empresarial Hispano-Chinés. Quizais por iso é apreciable nesta obra unha visión nostálxica e, moitas veces, sentimental, dos acontecementos vividos durante a súa estancia no vello Imperio do Medio.

Por outra banda, a análise de Fanjul sirve de contrapunto intencionado para desbaratar aquela perspectiva catastrofista, tan usual en medios occidentais, que vaticina ou unha descomposición interna do país ou unha “ameaza amarela” a percorrer todo o mundo. Recoñecendo que os problemas da República Popular son grandes e abundantes, a súa previsión, argumentada no pasado máis próximo, é basicamente optimista.

Así, Fanjul non nega a existencia de problemas como as desigualdades, o desemprego, o éxodo rural ou os derivados da alza dos prezos, pero só os apunta, optando por centrar a súa análise nos aspectos positivos da reforma. Para o autor, a nova política chinesa é fonte de apertura e estabilidade. De estancarse a reforma, o país asiático converteríase nun foco de inestabilidade e resentimento cara ó exterior. Noutras palabras, acertaría entón quen consideran a China como un perigo potencial. A continuación das reformas é a única vía segura para solucionar os problemas pendentes e os efectos indesexados: as migracións, as desigualdades sociais e rexionais, a reforma da Administración e das empresas de propiedade estatal, a modernización do sistema bancario, o incremento de ingresos públicos, o colapso das infraestructuras, a debilidade do marco legal e institucional e do sistema de seguridade social. En todos estes aspectos pódese dicir que houbo importantes avances, pero queda un longo camiño. Contradicindo ós agoireiros, o país ábrese ó exterior na procura de tecnoloxías e financiamento que impulsen a súa modernización, un obxectivo que marcha a bo ritmo.

O autor aventura a pervivencia do Partido Comunista porque a súa lexitimidade está asegurada: o Partido soubo unificar a cultura tradicional chinesa cun modelo de goberno que, con gran disciplina, sacrificio e integridade, acadou a reunificación e rexenerou o país tras dous séculos de humillacións constantes por parte dos estranxeiros. Esa lexitimación “histórica” actualízase cada día coa mellora do nivel de vida, co enriquecemento e a prosperidade auspiciadas por Deng Xiaoping, dando as costas ós experimentos maoístas (Gran Salto Adiante, Revolución Cultural, principalmente) e mesmo tolerando un certo nivel de liberdade individual. Son razóns de peso que poden fundamentar en serio a teoría de Deng que urxía “cen anos máis” para o Partido Comunista.

Fanjul advirte a capacidade de adaptación e síntese dos comunistas chineses na formulación do que chama “confucianismo-leninismo”. Do primeiro extraen a importancia dunha educación moral, da práctica da virtude, sobre todo por parte dos gobernantes, e da importancia do grupo fronte ó individuo, un elemento que está en clara transición. Do leninismo adoptan a visión do partido de vangarda, ferreamente organizado, xerarquizado e de elite.

Fanjul contesta as hipotéticas consecuencias preocupantes e mesmo negativas da emerxencia económica, política e militar de China para o mundo. A China, asegura o autor, nin é nin foi nin será un país expansionista. É ben certo que a China foi tradicionalmente un país arredado, pero quizais cumpriría máis cautela tendo en conta que outro país, Estados Unidos, similar en termos de dimensión ou riqueza, tamén era arredista a comezos de século. O expansionismo, por outra banda, non ten por que ser simplemente xeográfico, e menos no mundo en que vivimos.

A China afirma querer “perdoar e esquecer” as humillacións do pasado negando todo posible resentimento. Pero non debemos pasar por alto a sensibilidade existente nesta materia. De feito, á máis mínima ocasión, o nacionalismo aflora sen a penas disimulo. É un tema a tratar con coidado, afirma Fanjul, procurando non ferir a hipersensibilidade chinesa. No tocante a certas medidas, polémicas, de política exterior como a venda de tecnoloxía nuclear a países islámicos, o autor considera que son debidas a un descoñecemento dos regulamentos internacionais. Isto sería plausible se temos en conta que a China é un país aberto ó exterior dende hai ben pouco. En todo caso, o seu nivel de integración neste sentido vai a máis, ó igual que no ámbito institucional. A China trata de gañarse a confianza de certos actores, como a UE, e perfila alianzas estratéxicas con Rusia que poden ter efectos estabilizadores.

Ten interese a aproximación ás figuras de Deng Xiaoping e Mao. Mentres que Mao se nos presenta como un líder despótico, cheo de odios e contradiccións, sen o máis mínimo sentimento, Deng é o frío e calculador autor da reforma, moderado e tranquilo, moito máis pegado á realidade. Mao é o creador dos alicerces da nova China e autor de grandes proezas como a Grande Marcha, na que Deng tamén particicipou. Sen embargo, esa envergadura política vese ensombrecida polos seus últimos vinte anos de mandato, cando o seu radicalismo de esquerdas conduciu o país ó abismo.

O autor destaca moi positivamente a figura de Deng: autor da reforma e modernizador de China, dinamizador das súas relacións co exterior e moderador entre correntes. Pero merecedor dun grande respecto, foi tamén un home férreo ante a disidencia, disposto a todo para perpetuar o dominio absoluto do Partido. A China mellorou enormemente nos anos de aplicación da súa políitca, pero tamén padeceu dramas como a represión da revolta estudiantil de Tiananmen que Fanjul analiza dende o entusiasmo inicial ata a confusión posterior, coa riqueza de quen viviu aqueles acontecementos de primeira man. Algún día as autoridades chinesas deberán recoñecer o seu erro e rehabilitar as numerosas víctimas sacrificadas sen necesidade.

En suma, este libro facilita un rápido achegamento á realidade chinesa dos últimos anos, en especial dende o comezo da reforma. Con un estilo áxil e ameno, lese sen esforzo, e contribúe a espertar o interese polo que está a acontecer neste inmenso e decisivo país, nunha visión que engloba ó autor no grupo dos estudiosos da China cualificables de optimistas respecto ó seu futuro e defensores dunha política de integración incondicional na sociedade internacional contemporánea.
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/11/2000