Tempo Exterior nº 1 segunda época - xullo/decembro 2000Volver ó sumario
Libros
 
“El Nacionalismo en Tiempos de Globalización”
New Left Review, Ediciones Akal, 2000.


Leticia Gallego
 
O vertixinoso proceso de globalización que vive a sociedade contemporánea desenvólvese nun contexto, aparentemente contradictorio, de intensificación das alianzas rexionais e de rexurdir das reivindicacións identitarias. Neste breve e clarificador libro abórdase esta última cuestión a partir do estudio de diferentes casos que amosan a complexidade deste fenómeno. Sen obviar a reflexión teórica (Mann e Habermas, sobre todo), dunha forma clara e concisa achégasenos a problemática nacionalista existente en diferentes escenarios. Benedit Anderson, por exemplo, partindo de que o nacionalismo é un proxecto común para o presente e o futuro que emerxe cando os habitantes dun territorio perciben a idea de compartir un destino común, afonda na represión que padeceu Timor Leste baixo a dictadura de Suharto. Sen o xeneral, Indonesia ten a oportunidade de redefinir as súas fronteiras e modificar a súa Constitución para acoller o concepto de federalización, única vía para dar cabida democrática a tanta pluralidade étnica e nacional. Anderson asegura que a capacidade de sentir vergoña debe formar parte dunha conciencia nacional saudable como os EEUU sentiron vergoña do seu goberno cando a guerra de Vietnam ou como os serbios senten vergoña de Milosevic.

Para Michael Mann a guerra proporciona a cobertura, o contexto e a psicoloxía de masas necesaria para desenvolver as accións de limpeza étnica. Argumenta tamén que as democracias foron igual de proclives que as dictaduras ás aspiracións de homoxeneidade étnica (nas sociedades coloniais podíase chegar o xenocidio).Mann pregúntase se dende o chamado Norte podemos axudar ó Sur a salvarse do peor dos pronósticos, é dicir, das nosas propias experiencias pasadas. Porque o sistema democrático occidental, conclúe, é un réxime político tan problemático como calquera outro. Terry Eagleton aborda, a través da cuestión irlandesa, a complexa relación existente entre as formas de identidade étnica e nacional. Na súa opinión, unicamente un ideario non nacionalista, que rache cos prexuízos románticos e co posmodernismo, pode artellar unha proposta coherente e progresista a favor da unidade nacional de Irlanda. Segundo Eagleton, o único medio para acadar a autodeterminación política é o estado étnico.

Un novo aniversario da represión das manifestacións da praza de Tiannanmen, proporcionou a escusa para reunir nun debate a tres membros da oposición ó actual réxime chinés: Wang Chaohua, Wang Dan e Li Minqi. A discusión afonda no amplo panel de decisións políticas e económicas ás que se enfronta a China na actualidade e ofrece unha espléndida visión sobre as tendencias culturais e intelectuais presentes neste inmenso país no que o nacionalismo aspira a representar o novo instrumento lexitimador do monopolio político do PCCh.

Pola súa banda, Habermas suxire a transformación dos estados–nación europeos nunha Europa democrática e federal na perspectiva dun proceso de conformación dunha especie de cidadanía mundial. Nesa liña, a Unión Europea é contemplada como exemplo dunha democracia que funciona transcendendo os límites do estado-nación O afrouxamento do estado-nación é unha das ideas nas que máis insiste Habermas ó longo do texto, moi acusado, segundo el, pola perda de autonomía dunhas institucións estatais que non contan con forzas suficientes para proporcionar ós seus cidadáns a protección adecuada; polo déficit de lexitimación democrática e pola perda do poder de mobilizar os mecanismos dispoñibles de conducción da economía interna. Habermas chega a conclusión de que para formar unha vontade democrática paneuropea cómpre máis solidariedade na base, a escala de tódos os cidadáns da Unión. Habermas propón a eliminación das divisións sociais e da estratificación da sociedade mundial sen menosprezar a especificidade cultural.

Cando a OTAN lanzou a campaña de bombardeos sobre Iugoslavia, abriuse un intenso debate entre partidarios e detractores desta acción. En dous capítulos, recóllense os diferentes posicionamentos a este respecto, as tendencias evolutivas, as contradiccións e incoherencias e o pobre balance resultante. Segundo Robin Blackburn a guerra foi concibida coma un procedemento para estender a ampliación da OTAN cara ó Leste.

Un libro, en suma, firmemente asentado na actualidade e que a través dunha panorámica diversa e plural, aporta ideas e claves para comprender mellor unha das principais tendencias da sociedade mundial.
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/11/2000