Tempo Exterior nº 1 segunda época - xullo/decembro 2000Volver ó sumario
Libros
 
Cesáreo R. Aguilera de Prat, “Problemas políticos y conflictos mundiales de los años noventa”
ANUE, Barcelona, 2000.


Daniel Ricart
 
Durante os últimos anos, Aguilera de Prat, Catedrático de Ciencia Política da Universidade de Barcelona, afondou sobe as principais problemáticas que condicionan e contextualizan a nova situación internacional xurdida a partir do fracaso das reformas soviéticas. Os lectores das publicacións da sección catalana da Asociación para as Nacións Unidas en España, coñecen os seus excelentes traballos, algúns dos cales aparecen recollidos nesta afortunada compilación.

O libro estructúrase en cinco grandes capítulos (organizacións internacionais, autodeterminación e conflictos nacionais, Unión Europea, Rusia e a CEI e outros escenarios) que agrupan as grandes tendencias, problemas e conflictos que marcaron a actualidade desta apasionante década que agora remata e que tamén cautivaron a súa atención como observador e analista. Na súa exposición, Aguilera fuxe dun estilo académico e aposta por sintetizar as principais claves de cada un dos asuntos tratados.

Con iniciativas concretas, Aguilera aposta por unha reforma a fondo da estructura onusina, indispensable para facer fronte ós desafíos da sociedade internacional contemporánea. Na democratización, desburocratización, modificación da estructura contributiva e na asunción dunha maior autonomía fronte os Estados, radica, en opinión do autor, a base dun cambio real para que a principal institución da sociedade internacional sexa quen de asumir os retos dos novos tempos. Por outra banda, a análise do novo concepto estratéxico da OTAN apunta á necesidade de priorizar a cooperación e as políticas preventivas e de amortiguación de conflictos.

A ampliación e rexurdimento dos conflictos nacionais en Europa serve de argumento para reflexionar sobre as novas dificultades para artellar o principio das nacionalidades, efectuar a delimitación dos territorios, ou precisar o suxeito histórico de cada reivindicación identitaria. Neste capítulo, o autor efectúa lixeiras disgresións teóricas, que sen embargo non mingüan a fácil lectura do texto.

O estudio da vida europea céntrase, en primeiro lugar, nas transformacións políticas do sistema partitocrático italiano, pero reflexionando tamén sobre as innovacións impulsadas polo goberno británico en materia nacionalista (impulso do acordo de paz en Irlanda do Norte ou a devolution a Escocia) e mesmo as hipotéticas repercusións en escenarios tan próximos e dolorosos como Euskadi. Na Europa actual, que perfila novas iniciativas de reforzamento da súa integración a todos os niveis, mantense e mesmo medra un impulso nacionalista que debe atopar camiños de expresión non violenta.

No cuarto capítulo abórdanse as perspectivas que se debuxan coa desaparición da URSS e a posible configuración dunha nova área económica rexional (CEI) na zona. A evolución política de Rusia (“golpe a golpe”) adéntrase no fracaso da perestroika, o significado do controvertido mandato de Borís Ieltsin, o asentamento de tendencias autoritarias e a rebelión nacionalista no Cáucaso (Chechenia), elementos que configuran un escenario particularmente caótico e perigoso nesta primeira etapa possoviética. Esas profundas distorsións internas trasládanse ó ámbito dunha política exterior carente dun perfil sólido e definido, e condicionada sempre por un achegamento a Occidente tan inevitable como vacilante. A perda de identidade condiciona a evolución rusa da última década.

Dun continente a outro, no derradeiro capítulo, o autor efectúa un repaso daqueles conflictos ou fenómenos que marcan o cambio de século (o rexurdir islámico, o cambio na China), pormenorizando en contenciosos (Kosovo, Perú, Sudáfrica, Congo) que condensaron as máis graves contradiccións e esperanzas, a veces malogradas, desta época de transición que nos toca vivir.

En conclusión, as pinceladas de Aguilera de Prat teñen a virtude de aproximarnos a velocidade do lóstrego á enorme complexidade dunha situación internacional que, sen botar de menos a paz da guerra fría, si constata a ausencia dos dividendos da paz que a fin daquela prometía en forma de máis progreso, democracia e estabilidade mundial.
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/11/2000