|
| |
 |
| Capa do nº 1 de Tempo Exterior, segunda
época (deseño de Pepe Carreiro). |
| |
Principiamos a segunda etapa de “Tempo Exterior”. Quere isto dicir que deixamos atrás tres anos de perseverante
esforzo por achegar a determinados sectores da nosa cidadanía breves reflexións e apuntamentos sobre
temas de actualidade internacional, contribucións que intentaban deixar entrever a importancia de comprender
o mundo desde aquí para estar preparados e tirar o maior proveito posible das posibilidades e desafíos
que nos presenta o futuro inmediato. Significa tamén que non partimos de cero, que existe unha avaliación
contrastada e positiva desa experiencia afortalada posteriormente cos Cadernos de reflexión “Texturas” na
que viñeron cristalizando diferentes proxectos ao longo dos case dez anos de existencia do noso Instituto.
Ese “Tempo Exterior” foi en boa medida o espello das inquedanzas do Igadi e dos seus colaboradores, a quen cómpre
agradecer o seu compromiso e adicación.
O novo “Tempo Exterior” pretende afondar e ampliar esa orientación universalista e plural, pero concedendo
unha especial e maior importancia á proxección de Galicia no contexto internacional, á análise
dos nosos intereses e da nosa acción exterior. Son cada vez máis os axentes, públicos e privados,
que deseñan e executan programas de actuación exterior. Cómprenos a análise de experiencias,
avanzar na prospectiva, definir e contextualizar as nosas prioridades estratéxicas. A sociedade galega experimentou
un cambio importante nas dúas últimas décadas e o contexto europeo e internacional esíxelle
un continuado esforzo de actualización. O “Tempo Exterior” pode ser ese lugar sosegado de encontro para
a reflexión, para a análise e o debate, co obxecto de ir perfilando pouco a pouco esas bases comúns
de actuación da sociedade galega no mundo que sen impoñer renuncias a ninguén, habilite consensos
decisivos para o país, en orde a criterios sectoriais ou xeográficos tamén, pero inclusive
noutros dominios menos pragmáticos e máis conceptuais.
Abrimos as nosas páxinas a colaboracións de carácter pluridisciplinar, a autores autóctonos
e estranxeiros, a voces oficiais e críticas, con esa premisa común de fomentar a reflexión,
de enriquecer o pensamento colectivo e de xerar iniciativas que nos permitan avanzar nesa dobre dirección
que dá sentido a este proxecto: do mundo para aquí, de aquí para o exterior.
¿Existe espacio e lectores en Galicia para este “Tempo Exterior”? Estamos convencidos de que así
é, e confiamos en que tamén ese outro tempo interior nos dará a razón. Vaia por diante
o noso agradecemento ás críticas e suxestións que poidan xurdir, e que dende aquí animamos
para vertebrar non soamente unha publicación máis, senón un instrumento que impregne e dinamice
o compromiso exterior da nosa colectividade.
O director.
|