Tempo Exterior nº 1 segunda época - xullo/decembro 2000Volver ó sumario
Resume - Resumen - Abstract
 
A guerra de Kosovo, 1999: Un compendio crítico


Francisco Veiga
 

Antecedentes

En marzo de 1999 as potencias occidentais embarcáronse nunha máis das innumerables intervencións que protagonizaran nos Balcáns desde 1826. Tras dunha intensa reactivación desa política durante a década que seguiu á desintegración de Iugoslavia, a operación de Kosovo culminou un período de políticas erráticas por parte das potencias intervenientes, cuberta nas últimas fases por unha mitoloxía simplista que explicaba a imperiosa necesidade de intervir en nome do que pronto se deu en chamar con certa ironía o “Novo Humanismo Militar”(1). Ao final as hostilidades comezaron coma un século antes, baixo a consabida capa de propaganda de guerra escasamente elaborada, moitas veces improvisada sobre a marcha e baseada en omisións intencionadas e, mesmo, en mentiras descaradas. Como portavoz oficial da OTAN escolleuse a un civil, Jamie Shea, quen con seu acento coockney e o seu estilo raposeiro parecía un interlocutor que era quen de impresionar á tumultuosa tropa dos reporteiros. En cada un dos países occidentais os “intelectuais comprometidos” lanzaron as correspondentes arengas en clave de “pensamento impecable” e os políticos explicáronlle á poboación que a causa era perfectamente lexítima. Sen embargo, e a diferencia das intervencións en Bosnia ou no Golfo, semellaba faltar apromo. Tanto nos altos mandos, como nas chancelerías (especialmente as europeas) e mesmo nos medios de comunicación occidentais non se respiraba demasiado entusiasmo. Diante da decisión de iniciar os ataques, o rostro do Secretario Xeral da OTAN, Javier Solana, reflectía unha gravidade que ía máis alá da obrigada seriedade. Os xornais falaban dos preocupantes riscos que implicaba a acción da OTAN, cunha inesperada celeridade ampliouse o campo dos críticos e comezou a estenderse unha novidosa actitude proserbia que insistía na desproporción do castigo occidental.

A só tres días do inicio da ofensiva aérea, os mísiles antiaéreos iugoslavos lograron derribar un F-117 Stealth, un dos denominados “bombardeiros invisibles” aos radares inimigos. Foi un severo golpe á moral da OTAN, porque era a primeira vez que caía en combate unha das xoias máis futuristas do arsenal americano que ao longo dunha década participara sen problemas nas campañas sobre Panamá, Irak e Bosnia. En teoría o piloto foi rescatado, pero mentiuse sobre a súa identidade e nunca foi presentado en público. En Serbia editáronse unhas irónicas postais nas que se podía ler: “Perdón: non sabiamos que era invisible”. Partes sensibles do aparato, consideradas de alto secreto, remataron en Rusia e China.

Sen embargo, a estas alturas, as forzas de seguridade serbias comezaron a executar unha xigantesca campaña de expulsión da poboación albanesa do Kosovo. Pronto a enchente humana adquiriu proporcións bíblicas e a preocupación prendeu nas chancelerías occidentais. Era evidente que perigaba a estabilidade política dos países que acollían á crecente masa de refuxiados, e especialmente a de Macedonia. Tamén semellaba claro que para o réxime serbio aquelo era unha resposta estratéxica, unha verdadeira “bomba humana”, como a denominaron algúns medios. Tiña varias avantaxes. Primeiro, limpaba etnicamente Kosovo; pero sobre todo, lle creaba enormes problemas loxísticos aos pequenos países limítrofes que colaboraban coa OTAN, e incluso podía chegar a ocasionar incidentes. De feito, nalgúns puntos as forzas de seguridade serbias desposuían aos desprazados dos seus documentos de identidade, o que contribuía a aumentar o caos.

Por suposto, todo iso poñía en apretos aos países occidentais, aos que non lles apetecía en absoluto drenar cara os seus territorios aquelas masas de desherdados. Supúñase que a campaña aérea da OTAN sería curta e non interesaba acoller a miles de refuxiados que, en teoría, pouco despois haberían de ser devoltos. Só con que un pequeno grupo se negase á repatriación causaba un problema de imaxe política ao país anfitrión, como lle ocorrera a Alemaña cando ideou o retorno dos refuxiados bosníacos. No caso dos kosovares, semellaba que unha boa parte deles prefería quedarse o máis cerca posible da fronteira para poder recuperar as súas propiedades cando a OTAN entrase en Kosovo, pero por si acaso os medios de comunicación occidentais repetiron con bastante frecuencia o argumento(2).

O que saltou á vista era que as potencias occidentais, e máis propiamente a OTAN non se estaban ocupando apropiadamente da avalancha humana. Ao contrario: os enormes campamentos próximos ás fronteiras de Kosovo eran un encordio para os militares da Alianza e corrían frecuentes rumores de que si se desencadeaba a gran ofensiva aliada por terra, os campamentos serían desmontados e reubicados no interior de Albania ou Macedonia. E a situación formulaba unha incómoda pregunta: ¿Sabían as grandes potencias occidentais que as forzas de seguridade serbias ían a desencadear unha operación de represalia? A resposta oficial foi reiteradamente negativa, pero escasamente crible. Polo menos desde finais de xaneiro de 1999, e seguramente con moitos meses máis de antelación, en Macedonia circulaba o ruxerruxe de que os serbios “arrasarían aldeas e expulsarían a milleiros e milleiros de albaneses” no caso de que a OTAN emprendese accións militares contra Iugoslavia(3). Por outra parte, a revista búlgara “Sega”, baseándose en informacións da axencia serbia “Beta”, publicara o 11 de marzo un artigo moi documentado no que se chamaba a atención sobre os planos serbios para levar a cabo unha limpeza étnica total seguindo o modelo da practicada polos turcos no Norte de Chipre, en 1974(4). Os portavoces oficiais da Alianza Atlántica insistían en que os bombardeos contra Iugoslavia tiñan como misión anticiparse á operación que os serbios preparaban con antelación e que, de calquera xeito, pensaban executar. Xa comezada a ofensiva aérea, o portavoz da OTAN revelou que Belgrado tiña programada unha denominada “Operación Ferradura” consistente en aplicar unha limpeza étnica total sobre Kosovo. Pero non quedaba claro se iso ocorrería como represalia polos ataques do exterior; e doutra banda, co paso dos meses quedou cada vez máis claro que a información era un invento ideado polo ministro de Defensa alemán, o que co correr dos meses incluso xerou unha crise de goberno nese país(5).

Se se tomou a tan delicada decisión de atacar Iugoslavia coñecendo cales podían ser as consecuencias, cabe preguntarse por que non se tomaron algunhas medidas preventivas, como por exemplo, preparar campamentos de acollida para a previsible vaga de refuxiados. A escusa máis escoitada ao respecto era que facer iso tería significado unha “invitación” dirixida ás autoridades de Belgrado para que puxesen en marcha a súa campaña de limpeza étnica. Sen embargo, a ningún país nas vésperas de entrar en guerra se lle pode reprochar, por exemplo, que deixe de construír refuxios antiaéreos para os seus cidadáns baixo o pretexto de que iso contribuiría a “invitar” ao inimigo a bombardear o país. Razón de máis para anticiparse no caso dunha intervención militar supostamente humanitaria. Por outra banda, ninguén pedía que os equipos de asistencia estivesen á beira da fronteira, senón que nalgún momento fixesen a súa aparición. Nin siquera a comezos de xuño, cando xa transcorreran dous meses desde que principiaran os bombardeos, podíase ver no campamento de Kukës algún indicio de asistencia humanitaria xestionada ou exercida polas tropas da OTAN(6). En realidade esta función a exerceron, de forma bastante visible e eficaz, algúns países árabes ou as grandes organizacións de axuda internacionais. Se no interior dos campamentos reinaba unha certa orde debíase, sobre todo, á disciplina social imperante nas familias e clans albanokosovares.

Na medida en que pasaba o tempo afianzábase a sospeita de que a imaxe do desastre humanitario causado pola política de Belgrado e agravada pola suposta imprevisión das potencias occidentais, tivo como obxecto inflamar a campaña demonizadora contra Miloševic, o que, de paso, contribuía a agachar os fallos e os “danos colaterais” da intervención atlantista sobre Iugoslavia, conxurando calquera tipo de simpatías proserbias e incluso a torpeza da propaganda de guerra despregada.

Porque os erros da máquina militar atlantista eran preocupantes pola súa frecuencia e letalidade(7). Non pasaba unha semana sen que se produxese algunha matanza de civís serbios ou albaneses; pero o máis frecuente era que tivesen lugar cada tres días. Primeiro foi o bombardeo do centro residencial de Aleksina, unha pequena cidade no sueste de Serbia, cerca de Niš, acontecido o 6 de abril. Tres días máis tarde tocoulle a quenda á cidade de Prishtina. O día 12 foi alcanzado un tren de pasaxeiros mentres atravesaba unha ponte, e así sucesivamente. Foron atacados autobuses de pasaxeiros, centros residenciais de civís, un convoi de Médicos do Mundo, ata un cárcere no que estaban detidos numerosos nacionalistas albaneses. Tamén aliados rexionais da OTAN sufriron as consecuencias dos ataques. En Bulgaria caeron algúns mísiles aire-aire; un deles esnaquizou unha casa non lonxe de Sofia(8). E polo menos dous mísiles de cruceiro se precipitaron moi preto do porto de Durrës sen que a prensa occidental dixese nin media palabra, proba da escasa utilización que da prensa local fan os enviados especiais(9). Cara ao final da campaña aérea a OTAN bombardeou solo albanés, nos arrabaldos da poboación de Morina, onde posiblemente morreron algúns soldados desta nacionalidade e xornalistas. Observadores da OSCE libráronse por pouco de converterse eles mesmos en brancos(10). Pero o incidente máis grave foi, quizais, o bombardeo dunha columna de refuxiados preto da aldea de Mexa, no Sudoeste do Kosovo, cerca de Djakovica, suceso que tivo lugar o 14 de abril e que se saldou con 75 mortos civís. Nin o xeneral Clark, tan dado ás entrevistas e as declaracións, nin Javier Solana, compareceron publicamente para explicar o acontecido.

Cando tiñan lugar estes incidentes, os responsables da OTAN tardaban en ofrecer explicacións e cando o facían resultaban inadecuadas ou contradictorias. Os intentos de tender cortiñas de fume ou xustificar os erros resultaban torpes, a pesares disto recorríase a elas reiteradamente. O argumento de que os serbios utilizaban “escudos humanos” para protexer os obxectivos militares era máis que dubidoso, porque nese caso as víctimas civís terían sido elevadísimas, o que seguramente paralizase as operacións aliadas. Por outra parte, tampouco tiña moito sentido que os serbios recorresen aleatoriamente á práctica de protexer as súas unidades militares con escudos humanos porque nese caso ¿como ían a saber os pilotos aliados, que bombardeaban a máis de 4.500 metros de altura, que os seus obxectivos estaban “protexidos” con civís? Unha vez máis, como no outono de 1995, os occidentais estaban recorrendo á batería de argumentos que utilizaran os serbobosníacos durante os tres anos do cerco de Saraievo cando producían “danos colaterais” que castigaban á poboación civil: as baixas civís eran producto de erros involuntarios ou provocacións calculadas polo inimigo.

En realidade a campaña aérea da OTAN non estaba indo ben. Os obxectivos estratéxicos eran confusos e ninguén lograba dar unha explicación coherente. Se a OTAN tivese intervido para evitar unha enorme limpeza étnica, tivese fracasado, porque iso era xustamente o que ocorrera días despois de que os bombardeos comezaran. A idea de que a OTAN libraba unha guerra contra o réxime serbio e non contra o pobo era un enfoque típico de moitas contendas anteriores e no discorrer da Historia, pero quedaba cuestionada diante do dramático incremento dos “danos colaterais”, un dos eufemismos cuñados polos portavoces da Alianza. En realidade, os problemas aumentaban cada día que pasaba e no primeiro cabodano dos bombardeos incluían xa salvarlle a cara á OTAN. Por aquelas datas, o 23 e 24 de abril, tivo lugar en Washington, o cumio da OTAN que ademais conmemorou o 50º aniversario da Alianza. Xustamente o primeiro destes dous días, os avións aliados destruíron a sede central da televisión estatal serbia causando numerosas víctimas. Aínda que no mesmo cumio da OTAN se argumentou que era un “obxectivo lexítimo” na medida en que dende a televisión “se defendía a limpeza étnica en Kosovo” o ataque levantou unha considerable indignación no colectivo profesional dos medios de comunicación occidentais. A Federación Internacional de Xornalistas advertiu que “matar xornalistas nunca fai gañar guerras nin constrúe a democracia”. Pero as intencións reais do ataque nunca quedaron claras. A propaganda occidental argumentou que as autoridades serbias sabían que se produciría o ataque pero non evacuaron o edificio, a fin de provocar tensións en Occidente. Sen embargo, os correspondentes occidentais foron avisados a traverso da CNN para que non acudisen ao edificio esa noite e a mesma cadea americana retirou apresuradamente os seus equipos dos locais da televisión serbiav(11). Por suposto, dende Occidente ninguén avisou aos serbios de que se levaría a cabo o ataque. Polo contrario, o ministro de Información Aleksander Vucic recibiu por fax unha invitación dende os Estados Unidos para que dese unha entrevista en directo ao programa de Larry King, na CNN. Citárono para as 2,30 da madrugada do 23 de abril anque lle pediron que estivese media hora antes para a sesión de maquillaxe. As primeiras bombas caeron sobre o edificio ás 2,06 e impactaron na sala de maquillaxe(12). Outras versións falan de que a televisión foi bombardeada o 23 de abril porque Belgrado se preparaba para emitir material moi comprometedor para a Alianza Atlántica, xustamente o mesmo día en que se celebraba o seu 50º aniversario. Basicamente, tratábase de ofrecer probas sobre as baixas en avións e tripulacións coidadosamente silenciadas por Bruxelas(13). En calquera caso, un ano máis tarde Amnistía Internacional denunciou á OTAN por crimes de guerra e entre as acusacións figuraba o bombardeo dos estudios da televisión serbia.

O cumio da OTAN supuxo unha viraxe nos acontecementos. Oficialmente seguiuse insistindo en que Miloševic debía asinar os acordos de París e retirar todas as tropas de Kosovo, e iso era un dos escasos puntos de referencia claros. Pero tamén quedaron de manifesto as disensións entre os socios da OTAN, desconcertados porque os días pasaban sen que se producise o colapso do réxime serbio(14). Ao parecer en Washington asumírase que a campaña de bombardeo sería curta, a penas unha demostración de forza. Un dos efectos máis visibles desa situación foi a resolución, tomada no cumio, de suspender os planos para unha intervención por terra. Os militares estaban furiosos, porque a anunciada decisión política lles privaba do valioso factor sorpresa e reducía a solución militar do conflicto a uns ataques aéreos que conforme pasaban os días semellaban máis irresolutivos para conseguir a victoria total. A comezos de maio, Karl Neumann, presidente do Comité Militar da OTAN deixou o seu posto con fortes críticas contra a organización por ter descuberto as súas cartas. Era evidente que un dos problemas que estaba pondo de relevo a campaña aérea era que a OTAN carecía dun cerebro político claro, a non ser que se admitise que o Pentágono estaba cumprindo de feito tal papel.

Sen embargo, o cumio da OTAN en Washington tamén supuxo a firme decisión de lograr unha victoria militar custase o que custase. En modo algún podía tolerarse só unha victoria diplomática. Ao parecer, Miloševic cría que estaba a punto de suceder o contrario e preparou un novo paquete de contragolpes políticos á ofensiva militar, que á vez eran o sinal de que aceptaba un acordo de paz. Por outra parte, os diplomáticos occidentais e rusos tamén crían que o terreo estaba preparado para unha saída negociada.

Os rusos, que conservaban un destacado protagonismo e posuían un importante ascendente sobre Belgrado –o mesmo irmán do presidente Miloševic era embaixador en Moscova– volveron á carga. Victor Chernomirdin voou á capital serbia como enviado especial do presidente ruso. O 30 de abril a prensa occidental deu por fracasada esta misión mediadora, dado que Miloševic quería implicar á ONU no conflicto e os occidentais desexaban mantela o máis afastada posible, deixando ben claro o protagonismo da OTAN. Pero os rusos mostrábanse tenaces.

O 3 de maio Chernomirdin chegou a Washington e se entrevistou con Clinton. Por primeira vez desde que comezara a campaña aérea, o presidente norteamericano mostrouse conciliador. Ao día seguinte xa estaba camiño de Bruxelas. Aínda que o seu discurso cara ao público foi belicoso, a viaxe estaba relacionada coa reunión dos ministros de Asuntos Exteriores do G-8 en Bonn, o día 6 de maio. Alí, e coa participación de Rusia sentaron as bases para unha solución diplomática do conflicto en Kosovo. O anfitrión do encontro, o ministro alemán Joschka Fischer diría á conclusión que se dera un enorme paso adiante. Os sete puntos do acordo establecían que unha vez que se retirasen as forzas de seguridade serbias da provincia despregaríase alí un continxente internacional, civil e militar “coa aprobación” das Nacións Unidas. A continuación, se establecería unha administración transitoria dacordo co Consello de Seguridade da ONU. Os refuxiados albaneses regresarían as súas casas e estableceríase en Kosovo un autogoberno substancial pero que en modo algún suporía a secesión da provincia, que continuaría pertencendo a Iugoslavia. Ademais, o UÇK sería desmilitarizado. E aínda que non se mencionaba expresamente, se respectaba a continuidade do réxime de Miloševic, un extremo imposto por Rusia e que de feito facíase imprescindible, dado que con algunha autoridade solvente se debería de negociar. Esta cuestión contradicía as belicosas declaracións dalgúns dirixentes ao comezo do conflicto –entre eles Javier Solana– e enchía de asombro a moitos analistas e cidadáns occidentais que pecaran dunha esaxerada inxenuidade ao respecto.

En esencia, o plano outorgaba á ONU o marcado protagonismo que lle arrebatara a intervención militar protagonizada unilateralmente pola OTAN. De feito, esta non aparecía mencionada explicitamente no acordo, polo que Madeleine Albright se apresurou a interpretar que o continxente internacional só sería efectivo se incluía forzas da Alianza. Por outra parte, aínda que os acordos de Rambouillet seguían inspirando a solución política para Kosovo, quedaban claramente supeditados ao marco global do proxecto elaborado polo G-8. Dito doutro xeito, as grandes potencias xa non esixían a Miloševic que pura e simplemente asinase os acordos de Rambouillet.

Durante as horas seguintes, o presidente iugoslavo multiplicou os xestos conciliadores que viña facendo dende o primeiro de maio, cando liberou aos tres prisioneiros norteamericanos aproveitando o labor de intermediación levado a cabo polo reverendo Jesse Jackson, que aparecera na televisión iugoslava orando pola paz en compaña do presidente. Unha vez máis, o golpe de efecto estaba pensado para impresionar xustamente no primeiro de maio, aproveitando a escasa simpatía que as forzas de esquerda europeas demostraban pola OTAN. Pero sobre todo, xa o día 6 de maio Miloševic asegurou ao emisario grego Carolos Papoulias que estaba conforme co plan do G-8. Permitiu a saída de Ibrahim Rugova, que aterrou en Roma ese mesmo día, o que xunto co plano de paz provocou a desacougo do UÇK, que por medio dos líderes rexeitaron calquera intento de desarme. E finalmente, o fluxo de refuxiados caeu drasticamente. Por certo que esta viraxe precedeu en poucos días ao esgotamento dos fondos occidentais destinados ao auxilio dos refuxiados, o que reforzaba a impresión do moi escaso interese que ocupaban nos planos de operacións atlantistas –e mesmo dos gobernos comprometidos nela– máis alá da súa mera utilización como propaganda de guerra.

Sen embargo, o bando militar decidiu non renderse tan facilmente. Se a ofensiva diplomática triunfaba, a OTAN perdería boa parte do protagonismo que buscara dende un principio. De feito, ata podía saír escaldada, porque dada a polémica existente sobre o ataque, todo o que non fose unha clara victoria militar poría en entredito a necesidade da campaña aérea. Por exemplo, o nivel de perdas do Exército iugoslavo era aínda notablemente escaso, e sen unha ofensiva por terra das forzas atlantistas non medraría moito en poucos días. É máis, as forzas aéreas da OTAN estaban experimentando un castigo que tarde ou cedo sairía á luz na prensa occidental. Xa non se trataba dos supostos derribos mantidos en segredo: era unha evidencia que numerosos avións regresaban tocados e abertamente castigados ás súas bases. Non eran perdas completas, pero si evidencias de que a defensa antiaérea iugoslava non estaba nin moito menos tan anulada como a propaganda de guerra occidental afirmaba. A penas se podía manter en pé o argumento de que a OTAN atacara para evitar unhas campañas de limpeza étnica que precisamente desencadeara a acción militar. Só faltaba que o ataque se afogase na pulsanimidade ou deixase abertas dúbidas sobre a súa eficacia.

O 3 de maio a orientación estratéxica do ataque deu unha reviravolta cando os avións da OTAN utilizaron por primeira vez na historia bombas de grafito contra as centrais eléctricas serbias. A lan metálica que contiñan os envases provocaba enormes cortacircuítos que interrompían durante horas ou días o abastecemento eléctrico ás cidades. Agora ben, en último termo o obxectivo era a poboación civil, á que se esperaba minar decisivamente a moral. O discurso sobre os ataques quirúrxicos, a natureza meramente política da acción militar –o réxime de Miloševic– e o castigo selectivo contra os causantes da represión en Kosovo, quedou invalidado. No fondo, a filosofía do ataque con bombas de grafito era a mesma que subxacía nos bombardeos estratéxicos das cidades británicas ou alemanas durante a Segunda Guerra Mundial –e as coreanas e vietnamitas máis tarde– só que evitando a carnicería da destrucción indiscriminada de grandes áreas urbanas. Por desgracia, a interrupción do abastecemento eléctrico afectaba a servicios básicos para a supervivencia dos habitantes nas grandes cidades; por exemplo, o abastecemento de auga, que se extraía mediante bombas accionadas pola electricidade.

O sinistro espectáculo das cidades a escuras foi un salto adiante considerable na escalada militar da OTAN, ao que se uniu a cada vez máis desdeñosa actitude dos portavoces e responsables diante dos “danos colaterais” que non cesaban de producirse ao ritmo habitual. Algúns cálculos comezaron a pór de manifesto que a “ratio” de explosivos por víctima civil estábase aproximando moito á experimentada durante a guerra do Vietnam(15). Pero a verdadeira mazada da guerra caeu o día 7, cando un bombardeiro “invisible” B-2, arma futurista por antonomasia no arsenal norteamericano destruíu a Embaixada da República Popular Chinesa en Belgrado coas bombas máis avanzadas das que dispuña a superpotencia(16). Este acontecemento constituíu unha nova bisagra en torno á que xirou a guerra.

O Alto Mando atlantista e os responsables políticos e norteamericanos ofreceron a explicación oficial de que o bombardeo fora un erro, froito a súa vez da errónea información transmitida por un axente da CIA e dun mapa de Belgrado demasiado antigo. En realidade, era unha versión difícil de crer que nin siquera o gran público aceptou plenamente. Mesmo naqueles días algunhas informacións deslizadas pola boca pequena aboaron a teoría de que a operación fora cuidadosamente planeada e as súas consecuencias políticas calibradas con precisión.

O obxectivo máis inmediato do bombardeo parece ter sido a destrucción dunha estación de comunicacións “rebro” sitúada no edificio da sede da delegación que axudaba a situar a traxectoria dos ataques aéreos por mísiles e avións da OTAN e pasaba os datos ao Exército iugoslavo. Esta información, froito dunha investigación de prestixiosos periodistas occidentais baseouse na testemuña de varios expertos da OTAN en intelixencia electrónica e transmisións(17). Posteriormente, información adicional sinalou que en realidade na Embaixada chinesa estábase probando un novo e revolucionario sistema de detección e alerta inmediata de “avións invisibles”, coñecido polas siglas PCLS (Passive Coherent Location System) que ademais resulta inmune ás contramedidas electrónicas(18).

Ao parecer, o 23 de abril os avións atlantistas silenciaron o último destes sistemas operativos, sitúado na residencia oficial de Miloševic, que foi bombardeada e destruída. Pero só un día máis tarde, a intelixencia electrónica da OTAN descubriu que a nova estación fóra situada na mesma Embaixada chinesa. Durante a noite, a sede diplomática quedaba oficialmente baleira, o que non explica de forma convincente a presencia de persoal no edificio. Tres dos misteriosos ocupantes –posiblemente oficiais de intelixencia chineses que operaban o sistema– resultaron mortos e o mesmo agregado militar resultou ferido. Por outra parte, as bombas, as máis avanzadas tecnoloxicamente do arsenal americano, impactaron exclusivamente no despacho do agregado militar, que era onde se captaban os impulsos do PCLS.

Mais posiblemente unha das razóns para a continuación dos bombardeos foi a de rematar a tarefa de destruír as defensas iugoslavas, considerablemente menos danadas do previsto a comezos de maio. Un dato interesante a ter en conta é que as perdas en avións recoñecidas pola OTAN (tres avións de combate e dous helicópteros) se produciron antes do bombardeo da delegación chinesa. E aínda que aceptemos que parte delas se deberon a “accidentes”, debemos de ter en conta tamén a todos aqueles avións que lograron regresar ás súas bases anque duramente castigados polo fogo antiaéreo iugoslavo. Fontes occidentais chegaron a confirmar, deica o 2 de maio, unha decena de aterraxes forzosas de avións aliados seriamente danados pola defensa antiaérea iugoslava. E o certo é que a partir do 7 de maio as cifras de baixas declaradas pola OTAN decaeron claramente(19).

A razón pola cal os norteamericanos deciden dar este paso tamén ten visos de credibilidade, dado o delicado estado das relacións chino-americanas e as relacións que Beijing concedía ao réxime de Belgrado. Daquela estaba moi recente a publicación do denominado Informe Cox, que sacaba á luz o enorme furado que producira a espionaxe chinesa nos máis sofisticados ficheiros da tecnoloxía punta norteamericana. Desde sistemas de armas a materiais innovadores ou electrónica avanzada obraban en mans de Beijing, que utilizaba esta información para pór a punto un arsenal tan moderno coma o norteamericano. Algunhas operacións militares relacionadas cos Balcáns serviran para incrementar a colección de segredos en poder dos chineses, e non só se trataba de pezas do F-116 derribado sobre Serbia. Tras do bombardeo sobre supostos campos de adestramento de guerrilleiros fundamentalistas islámicos en Afganistán durante agosto de 1998, en represalia polos atentados contra das embaixadas de Dar-es-Salaam e Nairobi –tendo todo isto a súa orixe nas detencións de fundamentalistas en Albania– dous mísiles de cruceiro Tomahawk que non estouparan tamén emprenderon viaxe cara a China. Por si fose pouco, os comunistas chineses parecían dedicar as súas simpatías aos peores inimigos dos Estados Unidos, existían rumores de que estaban cedendo tecnoloxía militar punta a Cuba(20) e o réxime de Miloševic non era unha excepción. Cando o 31 de marzo, aos poucos días de comezada a ofensiva aérea da OTAN sobre Iugoslavia, as autoridades norteamericanas ocuparon a Embaixada de Iugoslavia en Washington, a delegación chinesa ofreceu a súa sé para acoller á representación iugoslava(21).

Con todo, o ataque á Embaixada chinesa efectuouse tendo en conta que a súa reacción non levase a un punto de non retorno demasiado perigoso. Aínda que as relacións con Washington eran tensas, a Beijing lle interesaba demasiado o apoio norteamericano para que a República Popular Chinesa accedese á Organización Mundial do Comercio. O 8 de abril, en plena campaña da OTAN e a un mes do polémico bombardeo, o primeiro ministro Zhu Rongji viaxou a Washington e asinou con Clinton unha declaración conxunta na que se recoñecían progresos substanciais nas negociacións chino-americanas para o acceso de Beijing á Organización Mundial do Comercio. Mesmo nos momentos de máxima indignación que sucederon ao ataque, Beijing continuou lembrando que os norteamericanos tiñan de axudarlles na integración á OMC. Posteriormente, xa en maio do ano 2000 Washington limou asperezas insistindo no carácter accidental do bombardeo, despedindo mesmo a varios mandos da CIA nas vésperas de que a Unión Europea asinase un acordo que permitía a China acceder á OMC.

O bombardeo da delegación diplomática semellaba perseguir un terceiro obxectivo: endurecer a postura chino-rusa a fin de pór paos nas rodas aos esforzos diplomáticos. Quizais algún planificador acariñaba incluso a posibilidade de que os rusos se implicasen máis directamente no esforzo militar iugoslavo, o que podería facer que fose reconsiderada a anulación do ataque por terra da OTAN. Aparentemente estes presaxios pareceron cumprirse nun primeiro momento. Nos días seguintes Moscova e Beijing achegáronse unha á outra e pediron o fin inmediato dos bombardeos antes de aplicar calquera solución diplomática para Kosovo. A China negouse a debater o plano do G-8 na ONU e cancelou un cumio coa UE. O panorama completábase cun significativo relevo en Moscova, onde Ieltsin nomeou como primeiro ministro a un “duro”, o xeneral Sergei Stepashin, antigo ministro de Defensa e protagonista destacado da guerra de Chechenia entre 1994 e 1996.

Como resposta a todo isto, a OTAN intensificou máis os seus ataques aéreos sobre as cidades iugoslavas. Pero ata certo punto era unha fuxida cara adiante, porque os descontentos nas súas propias filas eran cada vez máis difíciles de tapar. No cuartel xeral de Bruxelas se redactou un informe no que se admitía que a Alianza Atlántica estaba perdendo a batalla informativa onde se daban instruccións concretas para “manexar” ás ONG´s e aos xornalistas(22). Dende mediados de maio a campaña se estaba a facer crecentemente impopular en Alemaña, onde a duras penas Joschka Fischer logrou que no Parlamento os Verdes se limitasen a pedir un cese temporal dos bombardeos. O goberno italiano presidido por Massimo D’Alema non agachaba xa o seu descontento e o Parlamento rematou votando a favor da suspensión dos bombardeos. O presidente francés Jacques Chirac tamén pedía menos agresividade atlantista, e por suposto, os gregos que se aliñaban cos rusos. O día 21 Holanda sumouse á proposta italiana de deter os bombardeos, que por outra parte causaban “danos colaterais” cada vez máis devastadores. Ata nos EEUU as enquisas revelaban un crecemento da impaciencia pola falta de resultados duns ataques que duraban xa dous meses e que danaban a imaxe política de Clinton. En España as enquisas arroxaban unha das porcentaxes máis elevadas de Europa no rexeitamento á campaña da OTAN, mentres o ministerio de Defensa contemplaba con alarma a caída de aspirantes ao novo exército profesional dende o comezo da guerra(23). Polo contrario, o presidente do goberno, José María Aznar, aliñábase coa facción máis dura da OTAN. En parte polo tradicional seguidismo da política española cara ao aliado norteamericano, pero tamén polo desplante sufrido polo mandatario español durante unha visita oficial realizada a Moscova, onde Ieltsin se negou a recibilo cunha escusa banal.

En medio deste aparente estancamento, a solución diplomática auspiciada polo G-8 volveu a porse en marcha de novo a partir da incorporación dun novo negociador máis neutral, o primeiro ministro finlandés Martti Ahtisaari. En certo xeito, este diplomático semella ter cumprido as funcións de home de palla para disimular o protagonismo ruso e compracer así aos occidentais. O 19 de maio Chernomirdin desprazouse de novo a Belgrado para demandar a opinión do presidente iugoslavo sobre o plano do G-8. Tras deste paso a diplomacia entrou de novo nunha aparente vía morta mentres, de novo, se endurecían os ataques da OTAN contra das cidades serbias e Belgrado volvía responder coa expulsión de albaneses de Kosovo a partir do día 22.

A situación deu unha viraxe decisiva o 28 de maio, cando Miloševic decidiu aceptar os principios do plano de paz pactado polo G-8 e Rusia. Posteriormente, a propaganda do réxime filtrou o rumor de que o enviado ruso, Víctor Chernomirdin, lle anunciara que, caso de non aceptar o plano, Belgrado sería destruída. Por fin, e en medio dos últimos erros militares, as potencias occidentais parecían estar gañando o pulso. Tivo lugar unha nova viaxe a Belgrado de Chernomirdin e o finlandés Ahtisaari. Miloševic someteu o plano de paz ao Parlamento, e o 3 de xuño produciuse a claudicación final de Belgrado.

Nos días seguintes, a OTAN se esforzou en subliñar que ela tiña sido a vencedora absoluta na crise e de paso se difuminou rapidamente o importante papel xogado por Víctor Chernomirdin, o que levantou a conseguinte indignación en Rusia. Ao día seguinte comezaron as reunións entre os altos mandos do Exército iugoslavo e a OTAN nun pequeno restaurante próximo á fronteira macedonia. Sen embargo, a ansiedade da OTAN por aparecer diante do mundo como a vencedora absoluta e única protagonista atrasou a a sinatura do acordo cando as autoridades de Belgrado esixiron unha resolución da ONU que regulase a retirada militar iugoslava de Kosovo. E a mesma noite a OTAN reemprendeu os bombardeos; os rusos condicionaron o seu acordo na ONU a que a Alianza detivese os seus ataques. Por fin e tras dous días de intensas negociacións, os ministros de Asuntos Exteriores do G-8 reuníronse en Bonn e decidiron levar a cabo o seu traballo en paralelo ás reunións dos militares, en Macedonia, e consensuaron un texto a discutir polo Consello de Seguridade da ONU. Só o 9 de xuño as delegacións militares iugoslava e atlantista acadaron un acordo. Sen embargo, os aliados occidentais resistíanse á petición rusa para dispoñer do seu propio sector de ocupación na provincia, pasando así a formar parte do continxente internacional e difuminando o protagonismo da OTAN. Diante da sorpresa xeral, unha unidade motorizada de paracaidistas rusos, procedente de Bosnia, foi o primeiro continxente de tropas estranxeiras en penetrar en Kosovo, tras de atravesar territorio serbio, pasando a ocupar o aeroporto de Prishtina. Por fin, o día 12 de xuño as tropas da OTAN entraron masivamente en Kosovo. Non se produciron incidentes coas tropas rusas, e poucos días máis tarde, a OTAN “cedeulles” o control do aeroporto.

En días sucesivos a prensa occidental deu unha gran publicidade ao descubrimento de fosas comúns con cadáveres de civís albaneses e pronto se falou de 10.000 víctimas, unha cifra amplamente esaxerada(24). Pero tamén alarmaba o feito de que as forzas guerrilleiras do UÇK se negasen a desarmarse, organizaban os seus propios acantonamentos sobre o territorio e nalgúns casos se autoproclamaban como autoridades administrativas. Os continxentes de guerrilleiros se incrementaban día a día cos milleiros de voluntarios que agardaban a fin das hostilidades en Albania, procedentes de calquera lugar do mundo onde houbese comunidades de emigrantes albanokosovares. Pola súa banda, os centos de milleiros de refuxiados acampados en Albania e Macedonia, facendo caso omiso das recomendacións da ACNUR, puxéronse en marcha pola súa conta para regresar canto antes aos lugares de residencia que abandonaran poucas semanas atrás, contribuíndo ao caos xeneralizado que se vivía en Kosovo.

Clinton fixo unha xira triunfal por Europa, visitou os campos de refuxiados e agradeceu a Macedonia e Albania a súa contribución na campaña militar. Ao tempo fixo un chamamento público aos serbios para que se desfixesen de Miloševic. Javier Solana e o xeneral Wesley Clark déronse un baño de multitudes en Prishtina. Poucos días máis tarde se levaba a cabo a magna reunión de estadistas occidentais que deron luz verde ao denominado Plan de estabilización para os Balcáns. Un ano máis tarde abondaban as queixas nos países balcánicos: pouco ou ningún diñeiro chegara ao seu teórico destino desde os países ricos de Occidente. E por suposto, unha vez máis países como Romanía ou Bulgaria sufriran importantes perdas comerciais que ninguén ía repoñer.

Sen embargo, mentres tiñan lugar as últimas escenas do animado show mediático, comezaban as sórdidas vinganzas. Unha vez máis, nos Balcáns as víctimas se transformaban en verdugos con inusitada rapidez. Nun escenario que lembraba as purgas e desquites da poboación durante a guerra civil española ou a “depuración” francesa durante a Segunda Guerra Mundial, as casas dos serbios foron queimadas unha tras outra. Logo tocoulle a quenda aos ciganos, acusados de “colaboracionistas”. Producíronse linchamentos que as tropas da OTAN non podían nin querían deter: non era cuestión de incomodarse cos liberados. Milleiros e milleiros de serbios abandonaron Kosovo en patéticas caravanas de refuxiados que eran a copia exacta das organizadas anteriormente por albanokosovares, bosníacos, serbios da Krajina. A prensa occidental mencionou algúns casos. Pero pasara o tempo do pranto e o renxer de dentes, da indignación da “comunidade internacional”, das crúas fotos de matanzas que mobilizaban aos estadistas e á opinión pública, dos indignados artigos dos intelectuais comprometidos, do dúas veces centenario “fagamos algo” da opinión pública occidental.


Victoria baleira

A guerra de 1999 deixou tras de si unha enorme resaca, aínda que esta vez case todo o mundo puido ver que o alcohol inxerido durante a festa intervencionista era de dubidosa calidade. Os meses pasaron e as incógnitas seguiron sen despexarse. En moitos casos foron intencionadamente esquecidas. De feito nin siquera está claro que a dinámica da campaña aérea fose a inicialmente prevista. Todo semella indicar que non ía a prolongarse máis alá de 30 ou 40 días e que o bombardeo da Embaixada chinesa en Belgrado trastornou todas as previsións, mesmo as aliadas e, por suposto, as iugoslavas. O plano básico do G-8 xa estaba redactado para esta data e Miloševic estaba deixando moi claro que aceptaba a nova vía negociadora. A continuación dos ataques ao longo do mes de maio supuxo un esforzo adicional para os pilotos, os avións e toda a loxística da campaña de bombardeos, xa considerablemente desgastada. Ademais, como resultado dos traslados de avións e unidades navais dende o resto do globo ao escenario do conflicto e a outros puntos críticos que ameazaban con quedar desprotexidos, boa parte do Pacífico quedou deserto de presencia naval durante parte da campaña sobre Iugoslavia. Continuar esta ofensiva era unha estratexia de corda frouxa para unha superpotencia global como os Estados Unidos.

De todas formas, a intervención da OTAN foi un parto dos montes militar, un desastre humanitario, un fracaso político e unha ameaza para a estabilidade de toda a rexión balcánica. Só a un mes da súa culminación comezou a denunciarse en Occidente que os danos encaixados polo Exército iugoslavo foran moito máis escasos do anunciado polos voceiros oficiais da OTAN. En xuño, o xeneral Henry Shelton, xefe do Estado Maior Conxunto afirmou que os bombardeos destruíran 122 tanques, 222 vehículos blindados e 454 pezas de artillería. Sen embargo, os analistas de intelixencia da KFOR tras buscar e rebuscar por todo Kosovo só atoparon evidencias moito menos impresionantes. Por fin, un ano máis tarde, a revista “Newsweek” revelou os resultados dun informe da USAF rexeitado polo Alto Mando da OTAN: só se destruíran 14 tanques, 18 transportes de persoal e 20 pezas de artillería e morteiros. Dos 744 brancos “confirmados” unicamente se encontraron evidencias de 58(25). Por suposto, aquí se incluían aqueles vehículos destruídos polos guerrilleiros albaneses do UÇK. En realidade, os pilotos aliados destruíron un bo número de maquetas e falsos vehículos militares, algúns construídos a partir de restos de vehículos militares fora de uso ou mesmo de simples turismos civís.

Se militarmente a OTAN non esmagou dende o aire ás forzas armadas iugoslavas, cabe preguntarse que motivou a capitulación de Belgrado. Por suposto, os estragos causados polos bombardeos na infraestructura económica do país foron considerables(26), pero a rapidez coa que foron reconstruídas a maior parte dos danos subvencionando os prezos de productos de primeira necesidade(27), foi unha das razóns que explica a pervivencia de Miloševic no poder durante un moi longo período tras da campaña de bombardeos.

En realidade, os feitos explícanse perfectamente en base a un entramado de causas. A primeira e máis importante é que a guerra de Kosovo, a diferencia das acaecidas en Bosnia ou Croacia, tivo pouco que ver coas accións militares dos bandos inicialmente combatentes (serbios e albanokosovares). A un ano vista do sucedido queda bastante claro que a intervención da OTAN non se planeou para solucionar un problema de refuxiados. Un repaso ao tratado que as partes debían asinar en Rambouillet revélanos que sobre un total de máis de 70 páxinas, a penas un parágrafo falaba dos dereitos dos refuxiados. Era natural: antes da campaña de bombardeos se contaban un total de 90.000 refuxiados albanokosovares nos países limítrofes, o que por si só non houbese xustificado a intervención occidental, do mesmo xeito que non o fixo noutros recunchos do mundo “productores” de refuxiados, como o Kurdistán.

No primeiro aniversario da intervención, as cadeas de televisión insistiron nos abusos e asasinatos cometidos polas forzas de seguridade e os paramilitares serbios durante a campaña de bombardeos da OTAN, o que pretendía establecer unha fácil e dixerible xustificación da intervención. Pero debe recordarse que estes feitos aconteceron despois de que caesen as primeiras bombas da OTAN. Por outra parte, ata agora non se ten dado publicidade en Occidente ás estimacións sobre mortos e feridos albaneses ou serbios producto dos bombardeos sobre obxectivos de Kosovo, incluíndo no cómputo aos afectados polos desastres ecolóxicos e medioambientais derivados do conflicto(28). Tampouco se fixo ningunha distinción entre os albaneses que fuxiron pola presión das forzas de seguridade serbias ou os que abandonaron o territorio por temor á campaña de bombardeo, que tamén os houbo.

É certo que antes do 25 de marzo había unha guerra civil en marcha no territorio de Kosovo, pero os niveis de represión quedaban moi lonxe do vivido con posterioridade a esta data. Mesmo cabe dicir que a represión padecida directamente pola gran maioría de albanokosovares antes do ataque da OTAN foi proporcionalmente moi inferior á sufrida pola minoría serbia a partir do final da contenda. A pesar do desemprego selectivo, dos abusos policiais e xudiciais ou dos “danos colaterais” efectuados polas partes enfrontadas nalgunhas zonas (UÇK fronte a forzas de seguridade serbias) debe lembrarse que en Kosovo os albanokosovares dispoñían dos seus medios de comunicación propios, os seus partidos políticos –aínda que formalmente clandestinos, amplamente tolerados– e un presidente practicamente recoñecido como tal por Belgrado a partir de maio de 1998. Aínda que sexa un tópico moi repetido si é certo que a situación dos kurdos en Turquía –membro da OTAN e parte interveniente na crise de Kosovo– era moitísimo peor que a dos albaneses en Serbia. Á marxe das campañas militares organizadas contra eles polas forzas turcas, oficialmente os kurdos nin siquera eran recoñecidos como pobo ou etnia distintiva polas autoridades de Ankara, que os denominan “turcos das montañas”; de feito estaba virtualmente prohibido publicar libros ou xornais en kurdo e ata fai pouco mesmo o era falar esta lingua en público.

Temos de considerar que a intervención militar foi, en boa medida, unha iniciativa da OTAN e da política exterior norteamericana, que desbotou antes de tempo a posibilidade dunha solución diplomática. En boa medida esta intervención pendeu da efectuada anteriormente en Bosnia: se aquela producírase, a OTAN non podía manterse agora á marxe da nova crise, baixo pena de dilapidar o capital político obtido en 1995. De novo había que deter unha guerra balcánica en marcha, pero esta vez os esforzos diplomáticos foron de moi curto alcance e mesmo os bos resultados iniciais obtidos por Holbrooke na primavera de 1998 foron pronta e conscientemente boicoteados polo á dura da diplomacia norteamericana, personalizada en Madeleine Albright e tamén pola directiva da Alianza Atlántica, ao fronte da cal Javier Solana xogou un papel nada desprezable. Esta vez cumpría que a iniciativa fose da OTAN e que resplandecese con luz propia. Non só porque resultaba imposible acadar a legalidade que houbese emanado da ONU, dado que importantes potencias da “comunidade internacional” como Rusia e a China se houbesen manifestado en contra. A estas alturas, o medio se convertera nun fin e a OTAN era unha opción política en si mesma.

Isto quería dicir varias cousas á vez. En primeiro lugar, a demostración de forza de Kosovo era necesaria para deixar clara a capacidade militar da OTAN en pleno 50º aniversario da súa fundación, cousa que se cumpriu precisamente –e segundo algúns analistas non por casualidade– en plena campaña de bombardeos. Ademais, a acción militar exercía o papel de referendo “sobre a marcha” para a aplicación do denominado Novo Concepto Estratéxico ou nova forma de resposta ás crises baseada no “Artigo 5”. Como se sabe, este artigo é o que define á OTAN como unha organización militar meramente defensiva. Sen as restriccións que supón o Artigo 5, a OTAN autoanula todos os límites para o exercicio do seu poder militar, converténdose plenamente nun instrumento para a proxección do poder norteamericano en Europa oriental e máis alá, incluíndo como mínimo o Cáucaso, rico en recursos petrolíferos.

Por outra banda, e dado que a OTAN é unha creación norteamericana que funciona en boa medida gracias ao impulso militar e institucional norteamericano, a demostración de forza en Kosovo buscaba reafirmar a hexemonía desta superpotencia en Europa a traverso do seu brazo militar, algo que non debe verse como un mero acto de forza. Tradicionalmente a OTAN foi vista como necesaria polas principais potencias e pequenos países europeos. Estes ven na organización un seguro contra o renacemento dunha hexemonía continental europea, alemana ou francesa. Para Alemaña e Francia a OTAN libéraos dunha custosa e desestabilizadora carreira de armamentos. Para Gran Bretaña, a Organización Atlántica liderada por unha potencia tradicionalmente protectora dos intereses anglófilos é tamén un contrapoder á influencia continental (basicamente franco-xermana). Así, a OTAN defende aos europeos de si mesmos á vez que conxura a obsesión norteamericana de que unha nova potencia consolide a súa hexemonía no continente ou este se lle afaste das mans a Washington.

Sen embargo, a intervención no Kosovo forzou os motores da OTAN. A operación foi planeada como unha acción meramente militar contra o único estado europeo que desafiaba directamente á OTAN. A diferencia do ocorrido en Bosnia, non houbo planos políticos para o día despois en Kosovo, e sobre todo actuou coa mentalidade do linchador que busca saltarse a acción das leis, xuíces e avogados. A marxinación da ONU non era suficiente: tamén había que evitar unha acción diplomática que puidese empañar a brillantez da esmagadora victoria militar.

Ata o último momento os altos mandos da OTAN loitaron por desdebuxar o papel da ONU no final das hostilidades e evitar a participación de forzas non atlánticas na ocupación de Kosovo. Polo tanto, isto en si mesmo era xa un pequeno triunfo para Belgrado. Pero sobre todo, e en contra do que a propaganda atlantista remachou triunfalmente unha e outra vez, Miloševic non asinou o mesmo documento que rexeitara en Rambouillet e París. Polo contrario, logrou impoñer a desaparición de dous puntos importantes: o referendo sobre a autodeterminación de Kosovo en tres anos, e o xa célebre Apéndice B que impuña a extraterritorialidade a Iugoslavia. En consecuencia, puido presentar estas concesións diante do seu pobo como unha victoria canto menos parcial. É máis: sen estas dúas condicións, a delegación iugoslava houbese asinado o acordo en marzo e non tivese sido necesario o ataque da OTAN. En certa forma volvía repetirse o caso do Plano Cutilheiro para a cantonalización de Bosnia, desbotado en 1992 e rescatado en parte como solución máxica tres anos e unha guerra máis tarde.

Kosovo non foi Bosnia. Esta nova guerra, coas súas enormes implicacións internacionais, excedeu con moito a capacidade de manobra política de Miloševic. A única posibilidade real de facer dano á OTAN que tiveron os serbios foi enfrontando militarmente unha invasión por terra de Kosovo. As tropas iugoslavas houbesen sido finalmente derrotadas, mais terían infrinxido ás tropas atlantistas un duro castigo, politicamente inaceptable para os países europeos e mesmo para os norteamericanos. Dende o momento en que se cancelou publicamente a posibilidade dunha ofensiva por terra, a finais de abril, Miloševic soupo que pouco lle quedaba xa por facer, agás pedir a paz cando tivo oportunidade ou cando recibise luz verde dende Moscova.

Neste xogo os rusos apostaron, con bastante probabilidade, a unha sorte de intercambio: as mínimas interferencias na triunfal campaña atlantista en Kosovo, contra carta branca para unha nova invasión en Chechenia. Serbia perdeu Kosovo, pero a “comunidade internacional” lle garantiu inicialmente que seguía formando parte de Iugoslavia a partir da famosa resolución 1.244 das Nacións Unidas. A soberanía do resto do estado quedou asegurada. O Exército retirouse dunha campaña aérea contra a coalición militar máis poderosa do mundo cunhas baixas mínimas (e seguramente infrinxindo baixas máis elevadas das que Bruxelas recoñeceu). E por último, o réxime puxo en circulación rumores sobre ameazas terroríficas da OTAN, que se apoiaban en fantasías inventadas polos propios xornalistas occidentais. Díxose, por exemplo, que os rusos advertiran a Miloševic que a OTAN borraría a Belgrado do mapa se non se producía a capitulación. O que se lle tiña feito chegar aos militares serbios era un vídeo no que se mostraban os efectos da denominada bomba de aire-combustible, un arma que moitos exércitos posúen dende hai anos e que xa foi prohibida pola ONU en 1983(29). Posiblemente, como argúen algúns analistas, Miloševic tería desexado unha confrontación máis igualada sobre o terreo, entre tropas serbias e as da OTAN, o que tería xerado baixas visibles entre as forzas occidentais invasoras e friccións no seo da Alianza. Tirou a toalla cando constatou que tal cousa non se produciría, que pouco máis se podía facer coas defensas antiaéreas de longo alcance cada vez máis fora de xogo e que podía retirarse con un par de bazas políticas a cambio da inevitable perda de Kosovo.


O día despois

Aínda que se teñen feito esforzos reiterados por comparar as intervencións occidentais en Bosnia e Kosovo, tanto as súas motivacións, como a súa dinámica, significado e resultados foron marcadamente diferentes. Coa excepción dun punto: a imposibilidade de reconstruír a convivencia interétnica. É máis, as intervencións exteriores tiveron o efecto de lexitimar os resultados das limpezas étnicas en Krajina, a Federación Croato-Musulmana, a Republika Srpska e Kosovo. Outro resultado común é a complicación de toda a arquitectura política balcánica. A pesares de rimbombantes e difusos proxectos “á Marshall” para a reconstrucción dos Balcáns e ata de planos fantásticos para facer e desfacer imposibles federacións(30), a cuestión é que xa agora mesmo estamos diante do mapa político máis complicado de toda a historia dos Balcáns. A voluntariamente difusa definición do que se ten conseguido en Bosnia e en Kosovo é un engadido importante a este galimatías.

En Bosnia, os acordos de Dayton reconstruíron unha Federación Iugoslava en miniatura, sen aforrar as intricadas complexidades do enxendro titista. De aí saíron tres gobernos cos seus respectivos presidentes (o de Bosnia no seu conxunto, o da Federación Croato-Musulmana e o da Republika Srpska), numerosas entidades autónomas cos seus sistemas de goberno (dez na Federación Croato-Musulmana) e ata sistemas de rotación baseados na procedencia étnica (a vella “chave” da Iugoslavia titista). Daytonland, como se lle denomina ironicamente á nova Bosnia, intentou ser a proba involuntaria de que a desaparecida Federación Iugoslava era posible. Pero nada disto se admitiu abertamente. Evitaron as definicións xurídicas, obviáronse as análises teóricas sobre o que podería significar Daytonland para o resto dos estados balcánicos. Dende as chancelerías occidentais que apoiaron o acordo só se aceptou a praxe cotiá, a obrigatoriedade de vivir xuntos de costas como forma hipotética de deter un novo conflicto bélico.

En Kosovo aplicouse a mesma voluntaria indefinición. Oficialmente, a provincia seguiu formando parte de Serbia, aínda que dunha forma semellante a como o era a Bosnia de 1879: ocupada polas tropas austro-húngaras, só en teoría seguía a ser do Imperio otomano. Pero a diferencia do acontecido en Daytonland, no Kosovo tolerouse o xurdimento do estado-nación máis puro, á xeito do que ocorreu en Croacia. Non se fixo nada serio para evitar a fuxida masiva da poboación serbia e das minorías cigana, croata e bosníaca de Kosovo, víctima da vinganza albanesa. Tampouco se permitiu que os resistentes na diáspora se agrupasen en cantóns, só pretexto de que isto serviría de base para unha partición da provincia. Tal cousa podería terse evitado formando cantóns separados entre si –como en Bosnia– e choca máis a negativa se temos en conta, unha vez máis, que en Bosnia rematouse por bendicir unha cantonalización que se rexeitou no Plano de paz de Cutilheiro, tres anos antes. En resume, Dayton foi un intento de impoñer a federación, a multietnicidade e a integración como obxectivo; a solución imposta en Kosovo levou ao contrario: ao estado-nación, á secesión, á exclusión e ao país monoétnico. En definitiva, as potencias occidentais intervenientes non puideron evitar, unha vez máis, as contradicións en política balcánica tan certeiramente diagnosticadas por Ralf Dahrendorf.

Pero sobre todo, Rambouillet foi un paso atrás na procura dun modelo de prevención de conflictos en relación aos Balcáns. Dayton deu a luz uns acordos confusos, pero ben intencionados e ademais logrou deter a guerra; por riba foi un imaxinativo exercicio de actuación diplomática. Rambouillet foi todo o contrario: un escenario de falsa ecuanimidade, en realidade un dictado mal organizado. Para rematar tanta torpeza, os acordos de paz asinados polos serbios e que puxeron fin aos ataques da OTAN foron unha desvirtuación dos acordos de Rambouillet. A cambio, a KFOR non respectou os acordos sobre o regreso dos continxentes de policía serbios a Kosovo aprobados na resolución 1244 da ONU.

Pero o problema maior é que a intervención da OTAN non veu acompañada dun plano de actuación política, como foron os acordos de Dayton. E isto tivo moito que ver co arredamento da ONU do escenario kosovar e coa abusiva insistencia de que a intervención era militar antes que nada, e a maior gloria dunha Alianza Atlántica. Por isto perdeuse un tempo precioso en organizar un goberno civil, un entramado dunha administración local e un sistema xurídico. En Kosovo os liberadores non chegaron con policías, xuíces nin leis, e o resultado, desde o punto de vista humanitario e político foi desastroso: case 200.000 desprazados víctimas dunha vinganza semitolerada e, en definitiva, un golpe ao espírito de Dayton. Meses e meses perdidos porque non existían disposicións nin para os trámites máis básicos, como a matriculación dos automóbiles ou a emisión de carnés de identidade; ou os milleiros de cuestións que resolve un rexistro civil. As grandes empresas quedaron, literalmente, en mans do comisario da ONU, Kouchner, o outrora intelectual idealista convertido en xestor ineficaz e desalentado. Os grandes inversores fuxiron de Kosovo, os bancos quedaron paralizados ou arruinados. A mediados do ano 2000, Serbia se reconstruía máis rápida e eficazmente que Kosovo, convertida nunha caótica Babel.


Francisco Veiga é profesor de Historia da Europa Oriental na Universidade Autónoma de Barcelona e autor de “La trampa balcánica”.

 
 

(1) Noam Chomsky, The New Military Humanism. Lessons from Kosovo, Pluto Press, London, 1999.
(
2) A finais do mes de maio, cando máis de 755.000 refuxiados inundaban xa Macedonia e Albania, amén de Montenegro e Bosnia en menor medida, os países occidentais, incluindo os Estados Unidos, Turquía e Australia, acollían tan só a 59.000 albanokosovares. Vid.: “El País”, 24/05/1999.
(
3) Un profesor da Universidade de Skopje faloulle desta posibilidade a este autor o 24 de xaneiro de 1999 e pediulle que non revelase a súa identidade nin para ésta nin para outras informacións.
(
4) “Modelo Cipro per il Kosovo”, por Lilija Popova, publicado en italiano en edición electrónica por “Notizie é t”, nº 188, recibido o 16/03/1999.
(
5) Os documentos orixinais que utilizou o ministro Joschka Fischer para xustificar a intervención alemana en Kosovo podíanse atopar durante o verán de 1999 en: http://zmag.org/germandocs.htm: “Important internal documents from Germany’s Foreign Office regarding pre-bombardment genocide in Kosovo”. Orixinalmente, o documento foi publicado o 24 de abril de 1999 polo diario “Junge Welt” e se podía ler en: http://www.jungewelt.de/1999/04-24/011.shtml.
(
6) Este autor visitou o campamento de Kukës o 3 de xuño de 1999.
(
7) Para un estudio sobre os erros fatais da OTAN: Christopher Layne, “Collateral Damage in Iugoslavia”, en: Ted Galen Carpenter (Ed.), Nato´s Empty Victory, op.cit., páx 51-58.
(
8) O primeiro misil caeu o 26 de marzo, preto da fronteira con Serbia, na aldea de Tran. O segundo acertou nunha vivenda do barrio de Gorna Bania, en Sofia, o 28 de abril. En ambos os dous casos tratouse de mísiles aire-aire ou antirradar perdidos por cazas aliados durante os combates.
(
9) “Bombe e NATO-s bie në mes të Durrësit”, en: “Gazeta Shqiptare”, 1 de xuño, 1999, primeira plana.
(
10) Entre os cráteres provocados polas bombas nos arrabaldos de Morina, o autor destas líneas encontrou restos de uniformes e equipos do Exército albanés.
(
11) Tim Judah, Kosovo. War and Revenge, Yale University Press, New Haven and London, 2000, páx 261.
(
12) “La discutible labor de los periodistas en Kosovo”, por Robert Fisk, en: “El País”, 30 de xuño, 1999, páx 5.
(
13) Ao final da campaña, as forzas armadas iugoslavas atribuíronse 61 avións de combate, 7 helicópteros, 30 avións de recoñecemento sen piloto (UAV) e 238 mísiles cruceiro. Segundo fontes da intelixencia rusa (GRU) nun artigo publicado pola Agencia ITAR-TASS (25/03/2000), os iugoslavos destruíron 3 “avións invisibles” F-117, 40 aparatos de combate e un milleiro de misís de cruceiro.
(
14) O 26 de abril pareceu albiscarse un resquicio de luz cando o oportunista pero imprevisible Vuk Draškovic, convertido en viceprimeiroministro do goberno iugoslavo pronunciouse publicamente a favor da rendición e a presencia de tropas OTAN no Kosovo. Pero dous días máis tarde foi destituído por Miloševic e todo volveu aos seus cauces.
(
15) Christopher Layne, “Collateral Damage in Iugoslavia”, paxs. 51-58, en: Ted Gallen Carpenter (ed.) NATO´s Empty Victory. A Postmorten on the Balkan War, Cato Institute, Washington, 2000. Vid. pax. 54 para a comparación coa guerra do Vietnam.
(
16) De feito, a información sobre o obxectivo chegou directamente da CIA á 509ª Á de Bombardeo norteamericana, baseada en Whiteman, sen pasar polo cuartel xeral da OTAN, dado que os B-2 non foron postos baixo a disposición da Alianza.
(
17) “NATO bombed Chinese deliberately”, por John Sweeney e Jens Holsoe en Copenhague e Ed Vulliamy en Washington, “The Observer”, 17/10/1999. A investigación foi levada a cabo conxuntamente co xornal danés “Politiken”. Foi crucial a testemuña confidencial de tres oficiais da OTAN: un controlador de vó en Nápoles, un oficial de intelixencia experto en radiotráfico que actuaba dende Macedonia, e un alto mando en Bruxelas.
(
18) AFM, maio de 2000, cit. en: http://members.xoom.com/_XMCM/082499/aviation/nws002/afm151.html.
(
19) En total, antes do 7 de maio regresaron con problemas as súas bases, seriamente tocados pola defensa antiáerea serbia un total de 9 avións de combate aliados. A partir desta data e ata o final da campaña, só 2 aparatos sufrirán este castigo. Vid.: Venik´s Aviation Page en: http://members.xoom.com/XMCM/082499/aviation/official/lostplanes.htm. A lista ofrecida é a das baixas confirmadas por fontes occidentais.
(
20) “China and Cuba making the most of our time in Iugoslavia”, en: “The Orlando Sentinel” o 6/05/1999; pódese ler na website Free Republic do Partido Republicano norteamericano. Vid.: http://www.freerepublic.com/forum/a3733fbbd7fd0.htm.
(
21) The Iugoslavian Embassy was taken over last night by the USSS; CNN Wires; vid. en: Free Republic: http://www.freerepublic.com/forum/a3702e7d716e9.htm.
(
22) “El Mundo”, 31/05/1999, portada e páx. 4: “La OTAN admite en un documento que está perdiendo la guerra informativa”.
(
23) A mediados de maio, o 72% dos cataláns pedía a fin dos bombardeos. O 63,7% consideraba que a situación do pobo albanokosovar tiña empeorado moito a causa dos bombardeos. Vid.: “El Periódico”, 16/05/1999, pax. 17. “El Mundo” 14/05/1999, 23/05/1999 e 30/05/1999.
(
24) Un ano máis tarde, a prensa británica aireou o escándalo: só se tiñan podido contar 2.788 cadáveres. Ata o momento non se ten explicado cantos deles mostran signos de haber sido víctimas de execucións. Vid.: “Serb killings ‘exaggerated’ by West”, por Jonathan Steele en: “The Guardian”, 18/08/2000.
(
25) A primera noticia ao respecto foi: “A Kosovo numbers game. So where are all the tanks NATO killed?”, por Richard J. Newman, en: “US News & World Report magazine”, 12 de xullo de 1999, edición electrónica. O autor destas liñas mantivo en París (o 27 de xaneiro de 2000) unha entrevista co xeneral francés Grégoire Diamantidis, coordenador da OSCE para a verificación dos artigos II e IV dos acordos de Dayton. Segundo este experto, ex piloto de combate, a OTAN non destruiu máis que 18 carros de combate. Os verificadores militares occidentais dispoñen de listas moi detalladas coa composición dos arsenais e ata os números de serie, guías e números de motor dos arsenais en presencia. Dado o derroche de bombas e mísiles empregados, o xeneral Diamantidis concluíu que “a tecnoloxía militar actual é precisa pero moi cara”. O completo informe publicado por “Newsweek” na súa edición do 15 de maio de 2000 titulábase: “The Kosovo Cover-Up”, por John Barry e Evan Thomas, páxinas 19-24.
(
26) Inmediatamente despois de finalizar os bombardeos, o balance das destruccións na infraestructura económica serbia eran impresionantes: preto de 50 pontes, todos os aeroportos civís, as principais estacións para as telecomunicacións espaciais, a maior parte dos repetidores de TV e diversas centrais telefónicas, centrais eléctricas, depósitos de petróleo e gas, preto de 80 empresas, a maior parte dos sectores de industria pesada e un número incalculable de novos desempregados. A grosso modo calculábase que despois da campaña de bombardeos, a actividade económica de Serbia era soamente o 60% da de 1998, ano que xa foi crítico: daquela calculábase que a industria serbia perdera o 70% da súa capacidade e riqueza a respecto de 1989. Vid.: “Libération”, 5-6 de xuño de 1999. En realidade, as estimacións foron subministradas polo economista serbio Pavle Petrovic, director do Centro de estudios Económicos de Belgrado (Cesmecom).
(
27) “A glimmer of opposition”, en: “The Economist”, april 15th, 2000; vid. páxs. 32-33.
(
28) Para un dos últimos balances sobre a controvertida cuestión dos danos ecolóxicos, vid.: “Collateral Damage of the Environmental Kind”, por Claude V.Z. Morgan, 02/09/2000, en: MotherJones.com, Mojournal, http://www.motherjones.com/news_wire/serbodamage.html.
(
29) En España a BEAC (Bomba Explosiva de Aire Combustión) fabrícase dende hai anos e segue incorporada aos seus arsenais, a pesares da prohibición da ONU. A utilizaron os EEUU durante a guerra do Vietnam, aínda que xa na Segunda Guerra Mundial os alemáns teorizaron sobre este tipo de bomba. Vid.: “Defensa equipa a los cazas con la superbomba prohibida por la ONU”, en: “El Mundo”, 29/12/1996. O Exército iugoslavo fixo xestións para adquirila ao menos dende 1995. Para o absurdo rumor sobre o vídeo enviado a Miloševic, vid.: “Bomb video took fight out of Miloševic”, en: “Sunday Times”, 30/01/2000.
(
30) Vid. por exemplo: “Remodelar los Balcanes. Entre la conferencia internacional y la ingeniería geoestratégica”, por Francisco Veiga, en: “Política Exterior”, vol. XIII, maio/xuño de 1999, núm. 69, páxs. 33-39. Vid. En especial a proposta de Janusz Bugaiski. En Albania rumoreábase que existía unha proposta rusa para agrupar Kosovo co Norte de Albania e o Sandjak, a cambio de que o Norte do Kosovo pasase a integrarse en Serbia así como Bosnia oriental e o Norte do Sandjak. De todos os xeitos semella algo demasiado fantasioso. Vid.: “Kosova rrezikon ndarjen, ja plani”, por Bledar Zaganjori, páx. 4 de: “Gazeta Shqiptare”, 28/05/1999.
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/11/2000