Tempo Exterior nº 12 - Primavera/2000Volver ó sumario


Unha revista galega de estudios internacionais


Editorial

O Igadi anuncia a posta en marcha dun novo proxecto editorial. Este número de Tempo Exterior será o derradeiro neste formato e periodicidade. Despois de tres anos de continuado e perseverante compromiso cos nosos lectores, coidamos chegado o momento de procurar un salto cualitativo nesta materia. É unha etapa que agora se pecha e que presenta un balance claramente positivo e esperanzador. “Tempo Exterior” chegou á práctica totalidade dos seminarios de ciencias sociais de toda Galicia, a empresarios, sindicalistas, escritores, xornalistas, organizacións non gobernamentais, responsables políticos ou cidadáns. Esa “chuvia fina” cumpriu a súa misión, fundamentalmente informativa e sensibilizadora.

Queremos abordar os estudios internacionais transcendendo a propia actualidade, afondando na análise, propiciando o debate e abrindo fiestras para a elaboración de estratexias de acción exterior que respondan ós intereses de Galicia. O exitoso ensaio que levamos adiante durante máis dun ano con Texturas, que tamén se refundirá no novo proxecto, afirmounos na convicción de que, ademáis da necesidade, existen as condicións para contar en Galicia cunha revista destas características. Para que todo este esforzo previo non resulte baldío, nos primeiros números do novo “Tempo Exterior” incorporaranse progresivamente á sección de “Documentos”, todos e cada un dos exemplares publicados ata hoxe.

En máis dun aspecto, a sociedade galega experimentou un profundo cambio nos últimos anos. En razón de necesidades económicas, políticas, institucionais, culturais ou sociais, numerosos actores precisan contemplar o factor exterior como un elemento indispensable da súa acción pública, como un factor novidoso pero substancial para acadar a debida proxección das súas actividades. Os empresarios non poden vivir de costas á internacionalización das actividades económicas e financeiras; os partidos políticos precisan incorporar respostas a fenómenos aparentemente exteriores pero con grandes implicacións nas políticas internas; ningunha administración, por pequena que sexa, pode limitarse á mera xestión do inmediato e do próximo sen contemplar unha perspectiva global; a nosa cultura precisa universalizarse para ser ela mesma e subsistir. A propia consolidación e avance do Igadi reflicte esa crecente sensibilidade e receptividade de tantos axentes sociais a respecto da interiorización da clave exterior.

Unha revista especializada, en principio con periodicidade semestral, pode representar un excelente lugar de encontro para reflexionar de xeito plural sobre os grandes problemas e conflictos internacionais da nosa contemporaneidade e para visualizar as estratexias de Galicia nese contexto. Ambos os dous elementos constituirán as preocupacións básicas da revista, que prestará unha especial atención ó fomento da reflexión desde aquí, dende as nosas propias instancias e coa participación preponderante dos nosos autores, se ben abertos sempre tamén ás colaboracións do exterior, moi especialmente de Portugal e de América Latina.

Se por suposto non falta a ilusión para este novo proxecto, tampouco sobrarán os apoios de todas aquelas persoas e entidades que ata agora veñen colaborando con nós de diferentes formas. Buscaremos a complicidade de todos e de todas sabendo que cada un determinará a intensidade dun compromiso que non quixeramos ver limitado á simple subscripción. Aínda que, en derradeira instancia, unha boa carteira de lectores será vital para afianzar a súa propia viabilidade social.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/04/2000