Tempo Exterior nº 12 - Primavera/2000Volver ó sumario


Ultradereita con acento alemán


Águeda Guimarey

Un tanto sobresaltada, Europa descubriu, por fin, que existe unha ultradereita dentro das súas fronteiras que non se pode tomar a broma. Tra-las negociacións entre ÖFP e ÖVP para formar goberno en Austria, a UE, Israel e os EEUU anunciaron a adopción de represalias diplomáticas para evidenciar a súa preocupación ante un feito inquedante para a boa saúde do sistema democrático.

O desasosego provén da naturaleza política da ÖFP, un partido de ultradereita con simpatías cara o nazismo e con ideas xenófobas, populistas e ultraliberais. Con estes elementos e un forte liderato representado por Jörg Haider, gobernador de Carintia, os “liberais” conseguiron materializar un programa atractivo e desenvolver unha campaña, se ben controvertida, moi efectista. Finalmente obtiveron un gran trunfo. Son a segunda forza política de Austria, por diante dos social demócratas, co 28% dos votos.

Non é a primeira formación deste tipo que forma goberno en Europa, pero nunca foi tanta a repercusión e impacto nos medios continentais. O ascenso da ultradereita en Austria foi seguido sempre con atención pero considerabase un problema localizado e, en certa medida, controlado. Desta vez, sen embargo, a extralimitación do seu ámbito territorial tradicional, acadando influencia no propio goberno vienés da man dos conservadores, introduce sen dúbida unha variación cualitativa de gran alcance, unicamente posible en virtude da quebra da gran alianza tradicional entre populares e socialdemócratas. Pese a non formar parte do goberno e mesmo pasar a un segundo plano no ámbito partidario, todos sitúan a Haider no posto de saída cara a chancelería do seu país. A intelixente táctica do líder austriaco e a debilidade dos partidos tradicionais poden favorecer o seu ascenso ata a xefatura do goberno.

A memoria, a conciencia histórica e un coñecemento fundado do programa político do Partido Liberal, permitiron unha mínima conciliación de vontades para aillar esa “nova” Austria no contexto europeo. Os pupilos de Haider esforzáronse nos últimos meses por maquillar toda alusión susceptible de argumentar as acusacións de connivencia coa xenofobia. Os conservadores, pola súa banda, insisten no seu papel domesticador da extrema dereita e na súa capacidade para atraguela e integrala no sistema. Un nobre propósito pero moi arriscado que podería conducilos á marxinación se os liberais consiguen fagocitalos.

Austria é un país gobernado dende hai 50 anos por conservadores e socialdemócratas, en alternancia ou coalición. Nun caso así, a crise de confianza nos partidos e de falta de alternativas claras dende o propio sistema, vese reforzada por unha necesidade de cambio, de dinamismo dun sistema que no país centroeuropeo quizáis padeza certo anquilosamento.

A crise económica, o desemprego, a falta de seguridade e a incertidume ante a construcción europea e a globalización, unidos ó desmantelamento das garantías do Estado de Benestar, lanzan a grandes capas do electorado crítico, desencantado ou abstencionista cara opcións do tipo da ÖFP. Sen embargo, este non é o único caso en Europa. En realidade ninguén protestou cando opcións similares entraron no goberno italiano ou suizo, nin se disparan as alertas cando acadan alcaldías, gobernos provinciais ou forman grupo parlamentario. A extrema dereita forma parte da realidade política en grande parte desa Europa que rivaliza por ser sinónimo de civilización fronte a barbarie.

Se seguimos a J.L. Rodríguez Jiménez, sería Jean-Marie Le Pen o pioneiro deste fenómeno trunfante, alentado polo rexeitamento ós emigrantes, unha serie de respostas simplistas ós problemas sociais, o aproveitamento dos escándalos de corrupción e a utilización dun discurso nacionalista que ás veces oculta a defensa dun ultraliberalismo exacerbado. Le Pen foi quen de transformar a unha serie de grupúsculos ultradereitistas e neofascistas nunha forza política con peso electoral e forte implantación en Francia (a chamada Fronte Nacional).

A influencia das ideas de Le Pen deixáronse sentir en case todos os países da Europa Occidental. Mesmo chegou a países tan afastados destas “calores” como Noruega ou Suecia, considerados habitualmente entre os máis avanzados no ámbito da protección das liberdades cidadás.

Tamén en EEUU existe unha considerable implantación de organizacións racistas e ultradereitistas, entre as que destacan as “milicias patrióticas”, rebordantes de ideas mesiánicas sobre o seu país. Unha influencia distinta tería, por outra banda, a “nova dereita”, que postula unha volta ó tradicionalismo e o reforzamento do liderato do país no mundo.

Nin sequera Australia, país cunha xenerosa política de inmigración dende hai moitos anos, consigue librarse desta “praga”. Foi a crecente influencia dun partido ultraconservador, quen obrigou ó goberno a axustar e endurecer os requisitos para a inmigración.

Nesta mesma liña, as forzas políticas tradicionais adoptan moitas veces medidas desta naturaleza por medo a perder electorado. Se ben é certo que cabe interpretalas como unha resposta automática á presión creada polas manifestacións destes grupos, usurpar parte do seu discurso, pese a ofrecer algún resultado inmediato, non semella solución de futuro. No tocante ás alianzas, a ruptura do seu illamento proporcionalles unha respectabilidade maior.

O que debemos temer, non é o novo “anschluss”, nin desfiles hitlerianos. O que si debemos temer é a escalada real de opcións autoritarias e exclusivistas a través dunha ampla escala social, incluida xente moi nova.

Águeda Guimarey é estudiante de Ciencias Políticas e realiza prácticas no IGADI.

Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/04/2000