Tempo Exterior nº 12 - Primavera/2000
Taiwán non quere ser chinesa
As eleccións presidenciais celebradas en Taiwán o pasado 18 de marzo pecharon cinco décadas de dominio absoluto do Kuomintang, o Partido Nacionalista que se refuxiou na illa fuxindo da victoria de Mao Zedong; pero tamén colocou contra as cordas a estratexia de unificación continental.
A forza política gañadora destes comicios, o Partido Democrático Progresista (PDP) creouse en 1986. No comezo, a reivindicación de independencia era a súa principal seña de identidade e a referencia incuestionable para toda a súa base electoral. Na actualidade, sen embargo, a moderación é a nota dominante nas súas filas e os principais dirixentes do PDP esforzanse por definir outros referentes da súa acción política. O máis probable é que a medida que os sectores máis moderados do PDP se instalen no poder, esa mutación experimentará novos e intensos cambios na mesma dirección.
Semellante afirmación pode sorprender, especialmente tendo en conta que Chen Shuibian, o novo Presidente, procede dunha das familias internas do PDP máis radicalmente posicionadas a favor da plena soberanía de Taiwán. Fronte ós agrupados arredor da fracción “Formosa”, que sempre priorizou a democratización do Estado, os partidarios da “Nova Corrente” destacaban a urxencia de refundar o Estado sobre bases claramente autodeterministas. Foi o propio Chen Shuibian quen propuso no V Congreso do PDP, celebrado o 13 de outubro de 1991, a inclusión da independencia no programa do Partido.
Os malos resultados obtidos en 1990 (lexislativas) e 1991 (municipais) provocaron certo debate interno e marcan o inicio dun cambio de tendencia que o propio Chen Shuibian acerta a liderar en 1994 na súa campaña para acadar a alcaldía de Taipei. O posterior trunfo de Lee Teng-hui nas presidenciais da primavera de 1996 acelera o xiro ó centro que se salda cunha importante escisión en decembro do mesmo ano cando nace o Partido para a Independencia de Taiwán. Nas eleccións locais de 1997 e nas lexislativas de 1998, cos sectores máis radicais fóra do Partido, prosegue a marxinación da independencia, pasando a primeiro plano o debate sobre cuestións moito máis pragmáticas (emprego, políticas públicas, protección social, medio ambiente, etc).
A discusión sen embargo non está pechada de todo. Aínda que procuran disimulalo, as relacións coa China constitúen o problema número un de Taiwán. Entre as diferentes corrientes do PDP existen partidarios de impulsar e desenvolver iniciativas de aproximación, e tamén quen non considera que esta sexa unha cuestión nin moito menos urxente. En calquer caso, os defensores de ambas as dúas posicións, semellan compartir a necesidade de extremar a prudencia nas relacións bilaterais.
Para a China, a nova situación suscita serias dúbidas a propósito da vixencia do principio “un país, dous sistemas” como fórmula aceptable para levar adiante a unificación. A Beijing cómprelle recoñecer “a verdade nos feitos”, como acostumaba enfatizar Deng Xiaoping, e adaptarse á nova realidade con propostas audaces que non encasillen o contencioso bilateral en postulados inamovibles. A sociedade taiwanesa deixou ben clara a súa aposta por afortalar unha identidade política propia. A China comprometida coa unificación debe traducir esa aspiración con flexibilidade e concretala en previsións máis xenerosas do seu sistema xurídico e institucional. Nin Hong Kong nin Macao contaban con diplomacia ou con un exército propio. Imaxinar a Taiwán co mesmo status de “rexión administrativa especial” resulta claramente inapropiado e está fóra de lugar.
¿É posible que a China se aventure militarmente no estreito de Taiwán? A situación actual é particularmente perigosa. Moitos analistas consideran que as ameazas de Beijing non son cribles, que son moitas as dependencias a respecto dun entorno internacional que podería aillala en caso de invasión, que non está preparada para unha guerra desas características e na que non tería todas as de gañar, e que a súa prioridade pasa pola culminación do proceso de modernización económica iniciado na década dos oitenta e que agora enfróntase ó desafío da integración na Organización Mundial do Comercio.
Pero hai outros elementos de reflexión. En primeiro lugar, que os gobernantes chineses exercen o seu poder con unha man na Historia, e nesa perspectiva o horizonte non é de catro anos. En segundo lugar, a afirmación nacionalista forma parte do discurso político do actual liderato, e, nesa liña, Taiwán constitúe un recurso de incalculable valor para opacar outras tensións. En terceiro lugar, Jiang Zemin precisa reaccionar. A tardanza na resposta indica que no Comité Permanente andase á busca do consenso.
A pesar da difícil tesitura en que se atopa a política chinesa nesta materia e á marxe de episodios simbólicos que nunca poden descartarse plenamente, nada indica que a China aposte hoxe polo inicio de hostilidades con Taiwán. O recurso á forza armada situaría a Beijing ó mesmo nivel que aquela OTAN que hai un ano bombardeou a súa embaixada en Belgrado.
Xulio Ríos é director do IGADI.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 29/04/2000