Tempo Exterior nº 12 - Primavera/2000
Guatemala: xustiza universal
A demanda contra expresidentes e militares guatemaltecos interposta en España por Rigoberta Menchú (1) responde ao principio de “xustiza universal” ou “mundialización da xustiza”, pero ten asemade importantes lecturas internas.
No primeiro dos casos (a mundialización da xustiza), a aceptación inicial da demanda por parte da Audiencia Nacional española é un principio lóxicamente desprendido do caso Pinochet, o cal implica que os crimes cometidos contra poboacións indefensas constitúen crimes contra a conciencia e a dignidade de toda a humanidade, e poden ser xulgados extraterritorialmente. Ao tempo, a demanda representa un avance con respecto á detención daquel xeneral, pois a Audiencia Nacional española estimou no caso de Guatemala catro acusacións (xenocidio, desaparición, tortura e terrorismo de estado) mentres que Pinochet apenas foi acusado de torturas cometidas despois de 1988 (data de entrada en vigor da Convención contra a Tortura).
As lecturas internas son fundamentalmente tres. A primeira indica que non existen en Guatemala condicións axeitadas para levar adiante estes procesos xudiciais. A impunidade na que aínda permanecen crimes antigos (as máis de 640 masacres cometidas entre 1975 e 1985, documentadas en “Memoria del Silencio”) e tamén novos (o asasinato da antropóloga Myrna Mack en 1990 ou do Bispo Monseñor Gerardi en 1998) é a proba maior do anterior.
A segunda lectura importante ten que ver coas deficiencias do proceso de paz guatemalteco (e en xeral, da transición de dictaduras militares a sociedades democráticas tanto en Guatemala, como en Centroamérica e na maioría dos países do cono sur latinoamericano), en canto a que estamos a falar dun proceso construído sobre a negación de pasado, sobre a falta de responsabilización (administrativa, xudicial, social ou política) e, xa que logo, sobre a inexistencia de rectificación dos erros cometidos. Un proceso, pois, que agacha os problemas en vez de procurar resolvelos.
Por fin, a terceira lectura da demanda e a que máis incidencia ten na actual coxuntura guatemalteca, indica que se está a enfrontar ao presidente do Congreso e un dos homes fortes do actual goberno, Efraín Ríos Montt (un personaxe que faría palidecer ao mesmísimo Pinochet, ao ser o responsable de conducir durante máis de 18 meses, entre 1982 e 1983, a política de “terra queimada” que se plasmou na execución dun número incalculable de mulleres, homes e nenos).
Neste caso, a demanda de Rigoberta Menchú incorpora o intento de limitar os poderosos factores de involución presentes no actual goberno e que gravitan arredor do imperfecto proceso de paz, ameazando con liquidalo.
Mália que informacións de prensa e opinións de líderes políticos afirman que a demanda iniciada por Rigoberta Menchú divide á sociedade guatemalteca (ó igual que o encarceramento de Pinochet dividiu e polarizou Chile), outras evidencias indican que a demanda é consecuencia e non causa da devandita polarización. A división xurde, en primeiro lugar, da comisión de crimes; en segundo lugar, da carencia de instrumentos políticos e legais para a reparación deses crimes e do intento de comezar un tempo novo a partir dun imposible punto cero, negando o papel fundamental da memoria na reconstrucción dunha sociedade fracturada e doente como a guatemalteca.
Para rematar, e fronte ás opinións que calilfican de inxerencia a xurisdicción española sobre delitos guatemaltecos, habería que considerar que os actores fundamentais da demanda interposta por Rigoberta Menchú e de calquera outra que se prantexe no futuro, son guatemaltecos (aínda que o cenario coxuntural sexa un xulgado de Madrid). En Guatemala ocorreron os feitos xulgados. En Guatemala naceron ou viviron as víctimas. Guatemaltecos son os denunciados e os denunciantes. E sobre todo, en Guatemala residen hoxendía os deudos e os sobrevivintes das víctimas, que depositan a súa derradeira esperanza na universalidade da xustiza.
Andrés Cabanas é autor de “Los sueños perseguidos”, obra presentada en Vigo o pasado 25 de abril na librería “A caixa de pandora”, nun acto organizado polo IGADI.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 29/04/2000