Tempo Exterior nº 12 - Primavera/2000Volver ó sumario


Constituído o Consello Asesor do IGADI


Te

  Membros do Consello Asesor do IGADI
    De esquerda a dereita, Manuel Mera Sánchez, Luís Álvarez Pousa, Xulián Maure Rivas, Xosé Fortes Bouzán, Xosé Luís Rodríguez Pardo, Xulio Ríos Paredes e Fernando Pérez-Barreiro Nolla.

Baixo a atenta mirada de Diego Sarmiento de Acuña, constituiuse o Consello Asesor do IGADI nunha xuntanza celebrada o pasado 8 de abril no salón “Gondomar” do Parador de Baiona. Entre os seus obxectivos cómpre destacar: reflexionar e compartir preocupacións directamente relacionadas coas liñas xerais de actuación do Instituto, a fin de facilitar a consolidación do proxecto; favorecer unha adecuada orientación das actividades e contrastar a validez e interese das liñas de traballo que impulsa; dinamizar iniciativas que procuren unha maior proxección global e sectorial do IGADI no tecido social de Galicia; achegar propostas que favorezan o desenvolvemento de estratexias de acción exterior que posicionen adecuadamente a Galicia no mundo.

Forman parte do Consello Asesor: Luís Álvarez Pousa, profesor de Comunicación Especializada na Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela; Víctor Fernández Freixanes, escritor e xornalista; Xosé Fortes Bouzán, historiador e ex-militar; Jesús García Rojo, socio-director do Grupo CIP-Consultores; Xulián Maure Rivas, profesor e presidente da Asociación de Traductores Galegos; Ramón Máiz Suárez, decano da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela; Manuel Mera Sánchez, sindicalista; Fernando Pérez-Barreiro Nolla, escritor e funcionario internacional; Xosé Luís Rodríguez Pardo, presidente da Asociación Galega de Avogados; e Lois Tobío Fernández, co-fundador do Seminario de Estudios Galegos e funcionario xubilado do Ministerio de Asuntos Exteriores. Próximamente, agárdase a incorporación de novos membros a este Consello Asesor.


Publicada a Iª Conferencia Anual “PlácidoCastro”

Continuando co labor de reivindicación da figura de Plácido Castro, publicouse recentemente a conferencia dictada por Fernando Pérez-Barreiro Nolla o pasado 25 de xaneiro na Casa da Cultura de Vilagarcía de Arousa. “Irlanda e as novas formas da vida internacional” pode obterse solicitandoa ó IGADI. A coidada edición correu por conta da Concellería de Cultura de Vilagarcía.

Seguindo coas actividades, o 26 de abril reuniranse representantes dos Concellos de Cambados, Corcubión, Muxía, Vilagarcía e Vigo, para avaliar as posibilidades de constituír unha Fundación que leve o seu nome e preparar así mesmo diversas actividades co horizonte do ano 2002, cando se cumpren cen anos do seu nacemento.

Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/04/2000