Tempo Exterior nº 12 - Primavera/2000Volver ó sumario


A Rusia de Putin


Carlos Méixome

Ás presidenciais de marzo faltáronlle as incertezas dos tempos de Ieltsin. A victoria de Putin dábase por segura. Poucos días antes da cita electoral, nunha actitude ben pouco respectuosa coa mínima neutralidade esixida a un xefe de goberno, o “premier” Anthony Blair cursaba visita oficial a Moscova e comprometíase, co aínda candidato, a enviarlle, coa chegada da primavera, algúns dos seus asesores.

Cunha prepotencia insultante, o interino do Kremlin, negouse a realizar unha campaña tradicional. Eso si, asegurouse apoios como o de Blair e ocupou amplos espacios nos informativos das canles de TV, controladas polos seus aliados, nos que ademais de gabar a súa seriedade, enerxía e decisión aparecía pilotando un caza ou practicando judo. Só restaba a dúbida de se lograría a victoria por maioría absoluta e evitaba a segunda volta ou necesitaría máis axuda dos “oligarcas” para facerlle fronte a unha segunda convocatoria nas urnas. Moitos analistas coidan que os “magnates” estarían desexosos de que se celebrase unha segunda volta para poder atalo máis en curto.

Os outros candidatos puxéronllo aínda máis doado. Dos doce contendentes, sete estaban fora de xogo. Os outros, agás Ziugánov, non pasaban da categoría de “sparing”. Amán Tuléiev, limitado a Kemerovo e restándolle votos a Ziugánov; Xirinovski, desposuído do “chauvinismo gran ruso” (asumido por Putin) no que sostiña o seu discurso quedouse só coas estridencias; Iavlinski, occidentalista en exceso, pagou as estrañas alianzas nas lexislativas co ex-primeiro ministro Stepashin (apoiou a Putin nas presidenciais) e as críticas á intervención militar en Chechenia.

Ziugánov, quen realizou unha forte campaña electoral, foi o único capaz de manter as expectativas e acercarse ao 31% dos votos. Mais a campaña do líder do PCFR estaba encerellada con Ieltsin. O Partido Comunista apoiou abertamente ao Kremlin na guerra de Chechenia, e Putin apropióuselle de parte do discurso patriótico das lexislativas. Quedouse coas críticas a Ieltsin e á corrupción, mais nin o primeiro nin os “oligarcas” eran candidatos nestas eleccións. Aínda máis, nunha das escasas mudanzas apreciables, a respecto de Ieltsin, das mensaxes de Putin foi o abandono do anticomunismo como razón de ser. Mesmo o xa presidente, considera ao PCFR como un piar institucional sobre o que recuperar o estado ruso; neste senso deben ser interpretados os acordos Vredme-PCFR no reparto das comisións parlamentarias que permitiron a Guennadi Selezniov continuar presidindo a Duma.

A maioría absoluta confirmouse e escaso interese ten saber si os “oligarcas” querían ou non unha segunda volta.


O ascenso do home de San Petersburgo

Hai pouco máis de dez anos, Vladímir Putin era un tenente coronel do KGB destacado na Alemaña oriental. Contemplou o esborrallamento do valado que materializaba a división bipolar do mundo e obedeceu as contundentes ordes chegadas de Moscova de absterse de intervir nunha cuestión exclusiva dos alemáns.

Desaparecida a RDA, a URSS e o mesmo KGB, Putin regresa ao seu San Petersburgo natal onde comeza a súa carreira política baixo a protección de Sobchack, o alcalde da capital imperial. Dende alí dá o salto a Moscova, reclamado por Ieltsin. Primeiro, vicexefe da administración dos bens da presidencia; logo, director do FSB, herdeiro do KGB; despois, secretario do Consello de Seguridade Nacional; máis tarde xefe do Goberno e finalmente, dende o día de Noitevella, presidente en funcións. Agora, presidente electo da Federación Rusa.

Cando aínda estaban quentes os cadáveres e os rescaldos dos incendios provocados polas bombas da OTAN sobre os irmáns eslavos de Serbia, unha nova, e estraña, crise desatase en Rusia tras o levantamento en Daguestán dos wahabíes de Shámil Basáiev. O xefe do goberno ruso, Serguei Stepashin descarta unha intervención como a de 1994 en Chechenia. Eran os primeiros días de Agosto. O día nove, Ieltsin da un golpe de temón, aos que era tan afeccionado, destitúe a Stepashin e substitúeo por Putin, convoca as lexislativas e designa ao novo xefe de goberno como candidato á presidencia.

As accións militares rusas en Daguestán van en aumento mentres Ieltsin asiste ao cumio do Grupo de Xangai (Rusia, China, Kazakhstán, Kirguistán e Taikistán) onde se denuncia o intervencionismo americano e o perigo islámista. Estamos en plena “guerra económica” polo control do petróleo do Caspio entre as petroleiras occidentais e as rusas. Ao pouco, nos medios financeiros occidentais comeza a circular abundante información sobre a corrupción do entorno de Ieltsin que pronto saltará aos medios de comunicación que farán célebre a denominación “A Familia”.

Mentres en Moscova vai collendo forza unha alianza de intereses entre o ex primeiro ministro Primakov e o alcalde da capital, Iuri Luxkov, na que tamén participa o gobernador de San Petersburgo, compañeiro de Putin nos anos deste na cidade do Nievá, Alexander Iákolev.

Nos primeiros días de setembro varias bombas, seica colocadas por terroristas chechenos (a autoría dos atentados segue sen estar clara), destrúen varios edificios en Moscova e outras cidades rusas causando decenas de mortes. A prensa occidental fala de “estado comatoso”, de caos, de corrupción, da dimisión de Ieltsin e presenta como alternativa ao dúo Primakov-Luxkov. Ieltsin, “A Familia” e o Rasputín-Berezovski semellan acurralados. Todos confían no novo xefe de goberno que ten fama de atopar as solucións máis doadas para as situacións máis difíciles.


A solución chechena

Dende primeiros de setembro as tropas rusas concentrábanse, de forma masiva, no Daguestán para combater a medio milleiro de wahabíes. O 18, a aviación bombardeaba Chechenia. Pouco importaban os coñecidos enfrontamentos entre o presidente Maskhádov e o dirixente guerrilleiro Shámil Basáiev, que fose público e notorio que a acción guerrilleira no Daguestán non contaba co apoio do goberno de Grozni, empeñado en normalizar a situación antes do 2001 para poder celebrar a conferencia ruso-chechena que decidiría o futuro da República caucásica tal e como se tiña asinado no acordo de paz de agosto de 1996.

As razóns para os bombardeos eran ben outras. Nomeadamente, aglutinar á opinión pública rusa en torno a un goberno forte; agrupar á nación rusa fronte aos terroristas norcaucásicos; asimilar parte do discurso patriótico da oposición comunista; crear a sensación de ameaza e fomentar a xenofobia contra un inimigo interior. Por outra banda a guerra masiva era agora posible ¿Qué podería dicir Occidente despois do que remataba de facer en Iugoslavia? Se uns bombardeaban para deter a limpeza étnica no Kosovo, outros facíano para rematar co terrorismo. Se todos os serbios foran castigados, tamén podían selo todos os chechenos. Occidente tería que manter a boca pechada.

Os rusos, despois dunha década de humillacións, verían con bos ollos a quen lle devolvía o orgullo e os poñía a altura dos Estados Unidos. Putin estaba tamén seguro de gañarse o apoio dos militares aos que a nova guerra daríalle a oportunidade de lavar o honor perdido en 1996. Só era cuestión de aplicar o modelo da OTAN: reducir ao máximo as baixas propias e entregarlle a dirección das operacións aos militares sen inmiscuirse en exceso.

Ao tempo, o novo primeiro ministro tiña outro labor: impedir a consolidación da alternativa política proxectada en torno ao dúo Luxkov-Primakov que ameazaba o futuro do presidente, da “Familia” e da “cleptocracia” comandada por Berezovski. A disputa era entre “oligarcas”. Si a corrupción era evidente nos lindeiros do Kremlin, Luxkov tamén tiña a súa. Só restaba espallala, dese traballo encargaríanse os medios de comunicación de Berezovski e compañía. Con Luxkov tocado, Primakov desinchouse e Iákolev abandonou antes de enfrontarse co seu colega de San Petersburgo.

O golpe definitivo foi o lanzamento da operación Vredme. Un partido político protexido dende o Kremlin, dirixido por Putin e comandado polo Ministro de Emerxencia, Serguei Shoigu, mozo, serio e disciplinado coma Putin.

A estratexia demostrouse eficaz nas lexislativas: os comunistas sacaron máis deputados, pero Vredme foi o autentico vencedor das eleccións. A alianza Patria-Toda Rusia disolveuse coma o sucre e os seus deputados puxéronse en fila para pedir perdón ao Kremlin. Non foron os únicos, os da Unión de Forzas da Dereita tiveron que facer o mesmo.

Mesmo outras circunstancias púñanse do lado do goberno. O prezo do petróleo disparase nos mercados internacionais e as desabastecidas arcas estatais reciben substanciosas inxeccións que permiten comezar a pagar algúns atrasos aos funcionarios, comezando polos militares.

O traballo estaba feito. Putin podíase presentar no Kremlin e dicirlle ao presidente que se podía retirar con tranquilidade. A inmunidade del e os seus estaba asegurada. Só restaba a traca final, que a imaxe de Ieltsin abrise todos os informativos do mundo o primeiro día do 2000.


O futuro

Putin non é un dirixente de grandes proxectos, senón de situacións. Mesmo o seu programa político é unha incógnita, tampouco lle preocupa, el quere solucións para o día a día. Sabe que con catro ou cinco ideas e o control dos mecanismos do poder é doado gobernar. Estas poucas pero sólidas ideas serían:

1. Deixar de mirar tanto para Occidente. Non incomodarse, mais evitar as actitudes papaleisonas. Unha doutrina de seguridade propia, de acordos con Occidente (insistencia en aprobar o tratado START conxelado dende hai anos pola Duma) pero tamén marcar clara a “liña vermella” da OTAN nas repúblicas ex soviéticas. En consecuencia, procurar recompoñer o “espacio imperial”, primeiro con Bielorrusia, logo coas repúblicas centro asiáticas e premer sobre as surcaucásicas sen perder de vista os acontecementos da Ucraína. Para este labor conta co apoio incondicional dos mandos militares.

2. Darlle estabilidade á vida política rusa, evitando o desarranxo do período Ieltsin. Evitar a terminoloxía anticomunista, afondar na bipolarización da Duma e facilitar a institucionalización do PCFR de tal xeito que a próxima confrontación interna entre nostálxicos e socialdemócratas se decante a favor destes. O outro piar debe ser Vredme, para consolidalo como partido da dereita puxo ao fronte do mesmo a algúns dos seus colaboradores de San Petersburgo.

3. Poñer orde no “capitalismo de gavela”. Quizais o labor menos doado, convencer á “oligarquía cleptocrática” que se apoderou do estado a prezo de saldo de que xa está ben. Que a fase de “acumulación brutal do capitalismo” rematou e que convén comezar a dotar de certas regras á economía rusa. Putin é consciente de que debe o poder ao Bankburó e que non é sensato enfrontarse con el.

Putin empoleirouse no poder sobre os cadáveres chechenos, apoiouse nos “oligarcas” e no chauvinismo gran ruso. As tendencias autoritarias non abandonan a vida política rusa.

Carlos Méixome é membro do IGADI.

Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/04/2000