Tempo Exterior nº 12 - Primavera/2000
A paz en Colombia busca o apoio europeo
A imaxe intercionalmente extendida de Colombia é a dun país que padece unha violencia case estructural, agravada pola fraxilidade do Estado e por un narcotráfico con prolongacións guerrilleiras; a unha e máis a outra constitúen un tándem que provoca miles de mortos cada ano na sociedade colombiana.
Toda esta violencia ten boa parte das súas raíces no asasinato de Eliécer Gaitán (1948), político liberal que dirixiu un amplo movemento popular, e agrávase a partires de 1953 co golpe militar de Rojas Pinilla. É nesta época cando nacen as FARC (Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia), a guerrilla máis importante actualmente.
Durante os anos 60 aparecen novos grupos guerrilleiros con influencias da revolución cubana. Sería na seguinte década cando os grupos guerrilleiros se dotaron dunha maior infraestructura e acadaron as cuotas máis altas de combatividade. Nos anos oitenta, no mandato de Betancur, promóvese un plan de rehabilitación e paz que se ben frustrouse finalmente, conseguiu, pese a todo, a desmilitarización e reinserción do M-19.
Nos anos noventa César Gaviria Trujillo impulsa a renovación do Estado: nova Constitución e conversacións coa coordinadora guerrilleira. Este intento fracasa tamén pero logra desmilitarizar a oito grupos guerrilleiros. É nesta década cando xurden novos grupos, chamados paramilitares ou grupos de autodefensa, guerrillas de extrema dereita que combaten á guerrilla de esquerda; segundo múltiples denuncias, moitos deles están integrados por membros das forzas armadas colombianas.
Na actualidade estase a producir un crecemento destes movementos e os efectos na sociedade civil fanse sentir: poboación desprazada, milleiros de asasinados e de orfos dos que o Estado debe facerse cargo ou ben son recrutados pola guerrilla.
Todo este proceso debe contextualizarse nunha economía da especulación incapaz de lograr unha verdadeira industrialización; é unha economía dominada polos monopolios, que xeran unha mentalidade reaccionaria na clase empresarial do país. Intentáronse reformas agrarias que non deron apenas resultados. Cincuenta anos de violencia guerrilleira provocou e sigue provocando o desprazamento de milleiros de campesiños ou, como alternativa, o recurso a cultivos ilegais vinculados ó narcotráfico, segundo algúns, principal fonte de financiamento da guerrilla.
Case no século XXI, o presidente Andrés Pastrana formula outro intento dun novo plan de rehabilitación nacional. O primeiro paso produciuse en xaneiro de 1999, coa programación dun encontro coa guerrilla. A conversa entre Pastrana e as FARC tería lugar en territorio “inimigo”, nun lugar afastado da selva colombiana. O interlocutor de Pastrana era Manuel Marulanda, alias Tirofijo, o máis vello e emblemático guerrilleiro das FARC. Pero as conversacións non chegaron a producirse xa que Tirofijo non se presentou. Circulan distintas versións ó respecto. Para uns non se presentou por medo a unha represalia dos paramilitares. Para outros, esta ausencia debeuse á incapacidade da guerrilla para instalarse no discurso da paz. Outros analistas (da revista Cambio, por exemplo) reducen o feito a unha mera estrataxema publicitaria, para atraer a atención duns medios que doutro xeito cederían todo o protagonismo a Pastrana. Marulanda enviou un discurso que foi lido por un dos seus comandantes, todo un alegato contra Estados Unidos e contra os gobernos colombianos dos últimos anos.
Mentres, o outro grupo guerilleiro máis importante de Colombia, o ELN (Exército de Liberación Nacional) prosegue a súa propia estratexia de paz, despois de sentar as bases no preacordo de Viana, durante o goberno de Samper. Dende aquela, o ELN seguiu negociando con diferentes interlocutores da sociedade civil e marxinando ó Estado.
O seguinte paso de Andrés Pastrana produciuse o pasado dous de maio, cando voltou á selva para entrevistarse cos dirixentes das FARC de igual a igual. Logra entón un entendemento para que as FARC apoien o seu proceso de paz en base á aceptación dun plan de doce puntos nos que se reivindica a solución política para o conflicto armado, a protección dos dereitos humanos, a reforma do Estado e das súas institucións, etc.
O 26 de maio producíase a máis grave crise no proceso. A dimisión do ministro de defensa de Samper, por mor do seu desacordo co proceso de paz e a acción de despexar indefinidamente 42.139 km2 de selva. Pero o proceso de paz avanza, se ben con un apoio popular que flaquea. Mentres as FARC e o ELN continúan emprendendo accións armadas e secuestros, Pastrana non desiste da súa idea e segue adiante co seu proxecto.
Neste contexto xurde unha iniciativa de gran alcance, a viaxe a Europa dunha Comisión de Paz integrada por guerrilleiros e goberno. O seu principal obxectivo consiste en recabar apoio económico para as negociacións de paz e tamén apoio político, evitando así a intromisión monopolista de EEUU neste proceso. O eurotour supón un achegamento entre as FARC e o goberno, e todo un cambio de perspectiva e de imaxe para os guerilleiros. Hai motivos para o optimismo, sempre en cuarentena, habida conta de que aínda está por discutir o primeiro punto da axenda: o modelo económico.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 29/04/2000