Tempo Exterior nº 11 - Inverno/1999-2000Volver ó sumario


Iberoamérica rebenta os moldes do século XX


Laudelino Pellitero

O quebradizo camiñar de Iberoamérica polo século XX está caracterizado por constantes que marcan o seu devalar. O populismo, os procesos revolucionarios, a dependencia económica, os desequilibrios económico-sociais, os golpes militares que se suceden sen solución de continuidade... forman parte da paisaxe histórica deste século.

A crispada memoria de América Latina recolle picos que inciden no afondamento dos permanentes desequilibrios. Acontecementos coma a crise do 29 ou a Segunda Guerra Mundial prolongan durante décadas a súa severa pegada nun continente no que a inmensa maioría da poboación está instalada na pobreza.

Durante o curto período posterior á Segunda Guerra Mundial viviuse un espellismo fugaz. A alza dos prezos agrícolas e dos minerais permitiu a acumulación de capitais nacionais para investir internamente e mellorar as condicións de vida. Pronto se acentuaron certas dificultades que van ser crónicas: A agricultura prosegue a súa marxinalización, os excedentes de renda agrícola invístense na industria, un ritmo do crecemento vexetativo da poboación moi superior ao europeo, desertización do rural e aglomeracións periurbanas en condicións de relegación social, enormes contrastes na estructura da propiedade do campo entre grandes latifundistas e labregos.

Será no sector periurbano (ao redor do 20% da poboación das cidades vive na máis absoluta precariedade, en auténticas chabolas) onde van prender con forza os intentos de reformar a sociedade iberoamericana, ás veces, dende posicións abertamente diverxentes, revolucionarias ou esquerdistas contra postulados populistas ou fascistas.

Estréitanse as relacións entre as oligarquías nacionais e os intereses económicos financeiros estadounidenses. Mais, en aparente contradicción, comezan a ser visibeis as disfuncións entre os intereses dalgúns sectores económicos internos e os externos, nomeadamente os norteamericanos. Este será un dos xermes do nacionalismo antiamericano, no que se apoiarán diversas tendencias do pensamento político.

De todas esas realidades, que a partir de 1950 adquiren o cariz de conflicto aberto, van xurdir novos intentos de reformulación política para romper coa sombría realidade.

Uns optan por encumiar a un líder carismático, que se dirixe e apoia no pobo para erixirse no seu caudillo dende posicións populistas. Impulsados polo triunfo revolucionario cubano, outros pretenden a transformación total da sociedade dende posicións de ruptura e alternativas aos modelos vixentes. Nunha terceira vía sitúanse aqueles que van pretender reformas substanciais, pero sempre dentro das regras legais existentes, chegando ao poder por métodos democráticos e axustándose á legalidade.

A crise dos 70, que golpeou aos países industrializados por mor do encarecemento dos combustibeis, abre unha etapa de recuperación e estabilidade. A suba dos prezos beneficiou aos países productores coma Venezuela, Ecuador, México... Nesta época, sen embargo, o continente comeza a enfermar por mor da débeda externa. É de tal magnitude, que por esta ferida emorráxica desángrase calquera posibilidade de recuperación, ata provocar un auténtico colapso cando se incrementan os tipos de interese.

En situación de emerxencia xeral e acendidas as alarmas revolucionarias de Cuba e do “foquismo”, prendeu con forza a última das constantes no molde secular iberoamericano. Trátase do militarismo no que, por diversas causas e motivacións, vai chegar ao poder o exército (Uruguai, Arxentina, Bolivia, Brasil, Paraguai, Guatemala, Chile, Perú, Ecuador...). Existirán experiencias nas que os militares colaborarán coa Sociedade Civil para restaurar a democracia, pero o habitual vai ser un militarismo dictatorial que, co pretexto de manter a “Seguridade Nacional”, declara a guerra total e permanente ao comunismo. A bipolaridade do mundo en Capitalismo-Comunismo require, baixo este prisma doutrinal, un estado de excepción no que todo está permitido. Na década dos 80, cando os republicanos acceden ao poder nos EUA, as dictaduras atoparán a compresión, apoio, asistencia e financiamento. Maniféstanse partidarios confesos do intervencionismo ante o aumento e/ou éxitos das guerrillas.

As atrocidades cometidas polos militares e o fracaso nas solucións económicas adoptadas, seguindo os parámetros neoliberais de Milton Friedman, propiciaron unha crecente hostilidade social e permitiron a transferencia do poder en transicións imperfectas, controladas e pactadas con forzas do centro ou dereita, que non puxesen en cuestión o modelo económico.

A caída do muro de Berlín no 89 acabou coas grandes contribucións ideolóxicas do século XX que condicionaron a orde existente e o equilibrio xeopolítico. Á década dos noventa correspondéralle dixerir a desaparición do modelo económico soviético. Emerxe, entón, outra estructura que reformula as relacións políticas en América Latina.

A sociedade Iberoamericana que se abre cara ao novo milenio caracterízase por:

• Desaparición progresiva e reinserción das guerrillas ou contraguerrillas. Agás no caso de Colombia, son marxinais. Mediante roldas de negociación cos grupos armados, páctanse importantísimas reformas constitucionais que recollen en boa parte as demandas políticas dos guerrilleiros (Guatemala, O Salvador...). O eclipse dos movementos de liberación nacional deixa espidos de argumentacións aos militaristas que se amparaban na doutrina da Seguridade Nacional para manter as dictaduras.

• Fraxilidade cristalina das democracias que, sen embargo, conseguen ser máis duradeiras. Os dereitos humanos continúan a ser vulnerados. Altéranse arbitrariamente as regras de xogo para favorecer ao oficialismo no poder. Prolongacións anómalas do mandato presidencial (Perú), postergamento das eleccións (Paraguai), suspensión do Estado de Dereito (Ecuador), períodos de emerxencia nacional (Venezuela), senadores vitalicios (Chile).

• Constantes modificacións constitucionais. As grandes mutacións sociais acontecidas durante a década dos 90 ocasionan unha permanente alteración dos textos constitucionais. Guatemala, O Salvador... por acordos de paz e para incorporar as achegas das mesas negociadoras. Venezuela, co seu flamante período constituínte que en Nicaragua aínda está en fase xerminal. Chile pretende rematar co lastre constitucional da dictadura. Outros países están en procesos de descentralización ou de recoñecemento dos dereitos indíxenas que tamén requiren modificacións constitucionais.

• A estética militar expándense, ante os fracasos económico-sociais e a corrupción dos gobernos. Mediante procedementos electorais, chegan ao poder militares, persoas implicadas en golpes de estado, nas dictaduras ou partidarias do autoritarismo: Perú, Venezuela, Bolivia, Guatemala...

• Perfeccionamento da organización, coordinación e reivindicación dos grandes movementos indíxenas, que ata agora se mantiñan distantes e ausentes das estructuras dos Estados. Conséguense progresivos recoñecementos constitucionais dos seus dereitos colectivos e asúmense os estados pluriculturais: Chile, Venezuela, Guatemala, Ecuador, Brasil...

• Ruptura progresiva do tradicional bipartidismo liberal-conservador. Irrupción de novas alianzas de movementos progresistas, que acadan importantes parcelas de poder nos gobernos municipais, provinciais ou estatais e convértense no polo alternativo do xogo democrático: PRD (México), EP-FA (Uruguai), Alianza (Arxentina), MVR (Venezuela), Concertación (Chile). Alianza PT-PDT (Brasil).

• Integracións económicas rexionais (Mercosur, Pacto Andino, Centroamérica, TLC, ALADI…) que camiñan cara a un espacio económico único continental. Non existen, nestas áreas de libre comercio, cartas de dereitos sociais, laborais, ambientais... Tampouco se contemplan os planos de cohesión territorial e de redistribución da riqueza. Paralelamente existe un progresivo investimento exterior nos sectores estratéxicos.

• Mantemento e agrandamento dos desequilibrios sociais. Empobrecemento das clases medias que perden a confianza na capacidade e eficacia na xestión das democracias. Nesta realidade, a violencia común retoma a negra tea da violencia política. A seguridade convértese nun dos centros de polarización nas campañas electorais, acentuando e prestixiando o papel das forzas de seguridade. Fan fortuna doutrinas coma a “Tolerancia cero” ou a “Segunda oportunidade”, nas que se opta pola dureza fronte á delincuencia.

• Desencanto e afastamento da mocidade dos movementos sociais e políticos.

• A corrupción é un axente xerador de pobreza e desigualdade. Adquírese conciencia social e política da súa determinante importancia na quebra do sistema de valores.

• Globalización progresista. Asumen un liderado emerxente no continente. Recóllense persoas que outrora participaron en movementos guerrilleiros, introdúcense nos movementos sociais ou populistas, ábrense cara ao centro. O novo progreso aparece desligado de algúns dos dogmas vixentes durante a guerra fría. É menos intervencionista na economía, non pretende o control dos medios de producción, busca sociedades estables e seguras xuridicamente, non discute a propiedade privada, móstrase máis descentralizadora, non cuestiona a democracia a pesar de competir en condicións desvantaxosas, con poucos medios de comunicación afíns e sen o apoio financeiro do empresariado. Subliñan o papel do estado como factor de cohesión social e propugnan a mellora da sanidade, ensino, asistencia social, pensións, etc.

• Coordinación e sincronía de obxectivos nos movementos alternativos que se estructuran en redes iberoamericanas: ONGs, indíxenas, equidade de xénero, socio-políticos (Foro de Sao Paulo)...

Nada está o suficientemente consolidado como para asegurar a estabilidade. Máis ben todo indica que os intensos sobresaltos continuarán. A efémera revolución do Ecuador, a primeira do 2000, demostra que subsisten os suficientes elementos desestructurantes como para aventurar que quedan aínda pendentes novas páxinas para escribir as previsibles convulsións.


Laudelino Pellitero é membro do IGADI.Volver ó sumario


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/02/2000