Tempo Exterior nº 11 - Inverno/1999-2000
Fa Lun Gong
Un Tribunal Popular de Beijing condenou a catro dirixentes da secta Fa Lun Gong a varias penas de prisión. A sentencia ten unha dobre particularidade. Dunha banda, os catro procesados son membros do Partido Comunista e mesmo un deles, Ji Liewu, foi axudante de Deng Xiaoping. Doutra, o procesamento baseouse na acusación de revelación de segredos de Estado co evidente propósito de endurecer as penas. A sentencia, pois, revela a determinación das autoridades chinesas para reprimir severamente este movemento e sobre todo o seu empeño en recuperar o control ideolóxico no seo do Partido enviando unha clara mensaxe a todos os seus militantes. Na base social desta secta, cualificada de “herética” polas autoridades, destaca a forte presencia de cadros medios do Partido, do Exército e mesmo dos servicios de seguridade.
A preocupación dos dirixentes chineses en relación a Fa Lun Gong radica en dúas cuestións. Na China, practicamente ninguén lle discute ó Estado-Partido o seu protagonismo na construcción da civilización material, pero podían abrigarse dúbidas a respecto da posibilidade de compartir esa primacía na configuración do que Deng chamaba a “civilización espiritual”.
Fa Lun Gong incide neste último aspecto, pluralizando a cohesión ideolóxica e social. Por outra banda, en tempos de cambio, cando medra o descontento e a crise agrava o desemprego e as desigualdades, a ausencia de utopías políticas que encarreiren as enerxías emancipadoras facilita que movementos pseudorrelixiosos destas características cativen ós decepcionados. O fenómeno pillou por sorpresa ós dirixentes chineses. Todos agardaban que a “polución do espírito” viñese da man do aburguesamento occidental e sen embargo o perigo máis grave emerxeu dende dentro da propia sociedade chinesa.O movemento Fa Lun Gong lanzouse publicamente en 1992 e nuns poucos anos a súa organización chegou a todo o país agrupando, segundo algunhas fontes, a varios millóns de seguidores.
O “qi gong” é a base esencial deste movemento, unha técnica que forma parte da bagaxe cultural da China milenaria, se ben practicada ata agora por unha élite moi exclusiva. O “qi gong” estivo prohibido durante a época de Mao, pero na década dos oitenta, coincidindo coa extensión da reforma económica ó ámbito urbano, espallouse rapidamente e mesmo a propia prensa do Partido chegou a publicar numerosos manuais para facilitar a súa práctica. Sobre a base do “qi gong”, Li Hongzhi, o inspirador e líder da secta, ensina que cada un debe atopar o seu camiño practicando a verdade, a compaixón e a paciencia; e que cómpre perseverar no cultivo da propia enerxía vital ata dar con ese punto de enlace coa enerxía do cosmos que permitirá adquirir un estado máis puro. Ese é o obxectivo principal. Fa Lun Gong (lei, camiño, método) é o instrumento para chegar á salvación individual nun mundo en franco declive e que se condena cada día que pasa. As súas crenzas afondan no budismo e no taoísmo, na busca do equilibrio, da harmonía e da perfección.
Pero á par deste discurso, que podiamos considerar naturalmente discutible pero globalmente aceptable, Li Hongzhi ten un lado escuro. Está comprobado que falsificou a súa data de nacemento para facela coincidir co día e mes en que naceu Sakyamuni, o Buda Iluminado, a fin de reforzar unha inequívoca vocación mesiánica. Asegura que os extraterrestres tomaron o control do planeta e que están detrás de determinados avances tecnolóxicos recentes como a clonación. Nunha entrevista publicada na revista Time o pasado mes de maio, cando lle preguntan se é un ser humano, limítase a afirmar que “vostede pode verme como un ser humano”. Zhuo Xin-ping, director do Centro de Estudios das Relixións da Academia de Ciencias, asegura que Fa Lun Gong é unha secta baseada no control espiritual dos seus seguidores, moi similar á da Verdade Suprema de Xapón, ou ós davidianos de Estados Unidos.
A represión do movemento remóntase a 1997, ó pouco de Li Hongzhi emigrar ós Estados Unidos por medo a ser detido; decisión cando menos pintoresca se temos en conta que asegura dispor de capacidade para facerse invisible. Podía todo quedar en case nada, pero cando dez mil seguidores se concentraron en Zhongnanhai, a carón da residencia de Jiang Zemin, disparáronse as alarmas. O Diario do Exército semella levar a voz cantante e clama insistentemente contra o perigo social que representan. Varios milleiros de membros do Partido están inmersos en procesos de reeducación.
Mentres conservadores e reformistas debaten no seo do Partido sobre a mellor táctica a seguir (represión ou educación), con claro predominio dos primeiros, algunhas fontes aseguran que Fa Lun Gong estase organizando clandestinamente, preparándose para “dar o golpe” no momento oportuno e apertarlle de novo as caravillas ó poder. Un movemento destas características non prende así coma así e alén das súas excentricidades, que as ten, os efectos negativos da reforma semellan caldo de cultivo dabondo para manter por un tempo un alto nivel de adhesión tanto pola ilusión de superar animicamente as adversidades do presente, como pola ausencia de mecanismos fiables de participación no sistema, alén dos rixidamente establecidos.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 18/02/2000